A Etapa Contemporánea (S. XX)
O neotrobadorismo. Fermín Bouza-Brey
Etapas do Neotrobadorismo

Do punto de vista da historia da literatura, cremos que hai que distinguir tres fases no neotrobadorismo. A primeira, a do seu surximento como máis unha etapa, dentro da nosa dinámica histórico-literaria, no proceso de apropiación da lírica medieval galego-portuguesa, que ten os seus exponentes nos primeiros poemas neotrobadorescos, os compostos por Johán Viqueira, Fermín Bouza-Brey ou Álvaro Cunqueiro, a partir de fins da década de dez e durante o período anterior a 1936.

Capa realizada por Luís Seoane para  Cantiga nova que se chama RIVEIRA , de Álvaro Cunqueiro.

Para alén de Nao Senlleira ,a obra máis representativa da poesía de inspiración medieval neste período é Cantiga nova que se chama RIVEIRA de Álvaro Cunqueiro. Os elementos que Cunqueiro toma do lirismo galego-portugués son esencialmente de dous tipos. Un, procedementos paralelísticos e de repetición, como o refrán; outro, signos xenéricos, concretamente do cancioneiro de amigo. Estes son frecuentemente utilizados para inverter os códigos do xénero: por exemplo, o apelativo "amigo" invocará un confidente masculino dun eu poético tamén masculino. Mais, pese a esta utilización de elementos provenientes da poesía galego-portuguesa, o discurso poético de Cantiga nova que se chama RIVEIRA continúa o de Mar ao norde e preludia o de Poemas do si e non pois non renuncia á elaboración vanguardista.

Entre as obras e os autores que, neste período, se poden adscribir á tendencia neotrobadorista hai que destacar algún dos poemas incluídos nos Romances galegos (1928) de Eduardo Blanco Amor , algún poema de Ricardo Carvalho Calero —concretamente as "Cantigas do amor lonxano" incluídas en Vieiros (1931) e, sobre todo, as Primeiras cantigas do AMOR (1936) de Xosé Díaz Jácome, moi próximas da elaboración cunqueiriana de Cantiga nova que se chama RIVEIRA.

A segunda fase, na posguerra, ten unhas coordenadas históricas ben diferentes e parte dun novo concepto e dun novo coñecemento do que é a lírica medieval. As lecturas das cantigas trobadorescas que van realizar a maioría dos novos poetas na posguerra van ter como mediadora principal a antoloxía que publica Xosé Mª Álvarez Blázquez en 1952 e os modelos que van funcionar á hora de compor poesía neotrobadorista non van ser só os textos medievais senón tamén —e preferentemente, cremosos poemas dos "neotrobadores", en especial os de Álvaro Cunqueiro. Hai que ter presente que en 1950 a colección pontevedresa ' Benito Soto ' publica Dona do corpo delgado e que en 1957 se reedita, con novos poemas, Cantiga nova que se chama RIVEIRA. Nas novas cantigas, Álvaro Cunqueiro vai ampliar a súa elaboración de elementos provenientes do cancioneiro medieval, introducindo algúns dos máis característicos da cantiga de amor e achegándose ao trobadorismo medieval na mesma medida en que se afasta da linguaxe vanguardista, gardando unha maior fidelidade aos modelos xenéricos e introducindo alusións literais a cantigas trobadorescas. Por citar só algúns nomes, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Luz Pozo Garza , Avelino Gómez Ledo, Ernesto Guerra da Cal , mesmo Manuel María ou Celso Emilio Ferreiro rendirán tributo, aínda de maneira ocasional, ao neotrobadorismo. Como exemplo excepcional hai que lembrar o Cancioeiro de Monfero ,inocentada literaria de Xosé Mª Álvarez Blázquez no ano 1953, que o presentou —e así foi aceptado por algúns— como auténtico cancioneiro medieval. Será neste período cando o neotrobadorismo pasará de moda a fórmula poética de grande utilidade para lograr premios en certames e xogos florais.

Entre a primeira e a segunda fase, habería que citar, pola súa significación histórico-literaria, as 6 canciones de mar in "modo antico" de Xosé Filgueira Valverde, publicadas só dous anos despois de finalizada a Guerra Civil, en 1941. Tal e como indica o título, o modelo destes poemas é a cantiga de amigo desenvolvida nun escenario mariño.

Da última fase farían parte os textos en que poetas de xeracións posteriores —aínda que non só— voltan de maneira puntual á tradición medieval, para, desde unha lectura individual de autores, xéneros ou cantigas, reescribila da mesma maneira que o fan con textos e autores clásicos noutras tradicións literarias. Un bo exemplo deste novo ollar sobre a lírica galego-portuguesa proporciónannolo dous autores da xeración do 10. O primeiro, Álvaro Cunqueiro no seu poema "Pero Meogo no verde prado", incorporado a Herba aquí e acolá (1980), na mesma liña de reescrita e diálogo co legado literario de moitos séculos que percorre o libro enteiro; o segundo, as Cantigas de amigo e outros poemas (1986)de Ricardo Carvalho Calero onde a invocación ao xénero medieval é pretexto para a reinvención dunha nova canción de muller. Mais tamén poderíamos citar poetas das novas xeracións como Xavier Seoane , Xosé Álvarez Caccamo , Darío Xohán Cabana ou Paulino Vázquez que, de maneira puntual ou con frecuencia relativa —como no caso de Darío X. Cabana—, retomaron nos seus poemas temas, cantigas e autores da tradición trobadoresca.

Para alén desta periodización histórica, pódese tamén establecer unha clasificación considerando as diferentes maneiras en que o poema neotrobadoresco se relaciona co corpus medieval. Poderíamos deseñar, a grandes trazos e de maneira en absoluto exhaustiva, diferentes liñas da presencia dos textos medievais nos modernos:

Retrato de Xosé María Álvarez Blázquez.

  • aqueles poemas que utilizan elementos formais como o dístico con refrán, o paralelismo, o leixa-prén e que constitúen o grupo máis numeroso de textos neotrobadorescos
  • os poemas que retoman elementos de tipo temático —normalmente tamén formais—, por exemplo os "Cantares d'amigo" de Carles Riba
  • os que incorporan elementos léxicos propios da lírica trobadoresca, normalmente aqueles que teñen tamén a función de caracterizadores xenéricos, principalmente da cantiga de amigo
  • os poemas que seguen como modelo ou dialogan cunha cantiga medieval concreta
  • os que toman como modelo un xénero concreto, para seguir os seus parámetros definidores —os poemas de Riba ou de Viqueira— ou para subvertelos —como nas Cantigas de amigo de Carvalho Calero— ou simplemente para, invocándoo, xeralmente no título, fornecer unha clave interpretativa do poema

Aínda temos que sinalar a existencia dun neotrobadorismo escarniño ligado á recuperación deste xénero que supuxo a edición das Cantigas d'escarnho e mal dizer dos trovadores galego-portugueses preparada por Manuel Rodrigues Lapa (1965). Sempre se asocia esta tendencia á poesía satírica de Celso Emilio Ferreiro —a pesar de que a influencia do xénero medieval nestes poemas sexa moi feble —  aínda que o mellor do xénero circulou —e circula— en follas soltas onde anonima ou pseudonimamente os nosos poetas modernos entregáronse ao exercicio da sátira e da invectiva na mellor tradición dos seus predecesores medievais.

O neotrobadorismo preséntasenos, pois, como un movimento multiforme e proteico, con textos dispares e desiguais, da fermosura máis plena ao formulismo máis fácil.

 

IMAXES