A Etapa Contemporánea (S. XX)
A prosa política na época das Irmandades
Europa e o mundo tras a Grande Guerra

A primeira parte do período de entreguerras constitúe o marco en que se enxergan os autores e as obras que de seguido iremos presentando. Coa I Guerra Mundial (1914-1918) o mundo asiste ao derrubamento da civilización occidental herdada do século XIX. En torno a 1917 principia un ciclo histórico que ocupa case todo o XX, formado baixo o impacto da Revolución rusa e as consecuencias da chamada Grande Guerra, ciclo que remata en parte coa II Guerra Mundial e en parte en 1989.

Unha nova orde mundial, inaugurada ao remate daquela primeira conflagración mundial, pon fin ás vellas monarquías europeas co derrubamento dos extensos imperios alemán, austro-húngaro, ruso e turco; e mesmo o aínda poderoso e vitorioso Imperio Británico apunta xa a súa decadencia. Este novo mundo preséntase preñado de mudanzas; coñece o inicio da influencia dos Estados Unidos, coa crise da supremacía de Europa; asiste á preocupación por garantir a paz, solucionar democraticamente os conflitos internacionais e evitar novas conflagracións xeneralizadas, que conducirán á creación da Sociedade de Nacións, e á emerxencia dunha segunda primavera dos pobos, auspiciada pola doutrina do presidente Wilson en favor do dereito de autodeterminación e alentada tanto polo recoñecemento da complexa realidade plurinacional que fica ao descuberto tras a guerra, como pola forza das reivindicacións nacionalistas que propugnan a creación de novos estados nacionais con fundamento étnicolingüístico.

A Europa pragada de novos estados que sae da Paz de Versalles (1919), estéase na necesidade de encher o baleiro deixado polo afundimento dos imperios centrais, pero tamén no temor á revolución en Rusia (1917). Isto último anima a creación dos novos estados bálticos, de Polonia, Finlandia, e a ampliación de Romanía como colchón fronte á Rusia soviética. No centro de Europa, Austria e Hungría constitúense como novos estados, flanqueados por dous estados maioritariamente eslavos, Checoslovaquia (Bohemia, Moravia, Eslovaquia e Rutenia) e Iugoslavia (Serbia, Croacia, Montenegro, Eslovenia, Bosnia e Herzegovina), resultados dunha concepción nacionalitaria que cría na forza da etnia común e mais na conveniencia de evitar a constitución de estados demasiado reducidos. Na práctica algúns destes novos entes estatais non eran menos multinacionais que os seus predecesores e todos contiñan minorias étnicas e lingüísticas. Esta foi a conxuntura idónea para que movementos nacionalistas como o irlandés formularan as súas reivindicacións, que, a través de conflitos armados e vitorias electorais, levaron á creación do Estado Libre de Irlanda en 1921. A sublevación irlandesa da Pascua de 1916 coincide no tempo co chamamento de A. Vilar Ponte e a fundación das Irmandades da Fala .

A revolución segue á guerra. Despois do triunfo bolxevique en Rusia, en Turquía ábrese paso unha revolución laica e republicana. O cataclismo político e social foi de tal magnitude que en pouco tempo caeron case todos os gobernos de Europa e Asia continentais. A partir de 1918 sucédense folgas políticas e descompóñense os exércitos en toda Centroeuropa, salientando as insurreccións revolucionarias de Alemania, Bulgaria, Serbia e Hungría. No derradeiro ano da guerra a axitación social esténdese por todo o mundo; en España aqueles anos coñeceranse como o trienio bolxevique.

Lenin e Trotsky, revolucionarios bolcheviques.

O estado, a súa conquista ou a súa construción-creación, preséntase como principal obxectivo político nun intre en que as políticas estatais, agás no Reino Unido, rachan definitivamente coas pervivencias do Antigo Réxime. O estado aparece, máis que nunca, como instrumento preferente de transformación política polo papel que adquire para a concreción do autogoberno nacional, para intervir na economía, crear infraestruturas modernas e promover a educación masiva. Trátase dun estado que coas súas decisións afecta poderosamente tamén á poboación rural maioritaria en moitas sociedades, nun momento en que as masas campesiñas empezan a participar, ou a seren partícipes, da política por vía revolucionaria ou pola extensión do sufraxio universal.

Principia agora realmente o século XX e ráchase definitivamente co XIX. Non só se disolveron os vellos imperios, tamén se derrubou a sociedade búrguesa decimonónica e axitáronse os piares das máis sólidas economías capitalistas, ata conducir co crac do 29 á grande depresión dos anos trinta. As mudanzas non son menores no terreo ideolóxico. Principia unha nova era ao intentar levarse á práctica algún dos proxectos emancipadores do XIX: socialismo e democracia de masas. O vello liberalismo estaba acabado de vez na conxuntura dos anos vinte, cando tres grandes opcións empezan a competir pola hexemonía político-intelectual: a) o socialismo revolucionario en Rusia, b) un liberalismo que abandona a fe nos principios clásicos do mercado libre, en convivencia forzada coa socialdemocracia que representa os movementos obreiros, c) o fascismo, triunfante en Italia desde 1922, que, por mor da depresión dos trinta, tamén se converterá nun movemento mundial.

Na posguerra, ata 1922, as institucións da democracia liberal parecen saír reforzadas no medio do cataclismo, nas novas nacións e nos vellos imperios consitúense réximes parlamentarios e o movemento obreiro organizado entra nos gobernos por primeira vez en moitos países europeos. A posibilidade da democracia de masas ábrese camiño nestes anos, nos que co logro do voto da muller se sobarda o limitado sufraxio universal masculino. Pero axiña se inicia o refluxo e nos anos vinte a democracia entra nunha crise que conducirá á derrota do seu modelo na década dos trinta. Entre 1922 e 1930 dez países europeos estableceron réximes autoritarios e só cinco países europeos mantiveron as institucións democráticas entre 1918 e 1945. Os gobernos constitucionais retrocederon en todo o mundo (de 35 en 1920 a 12 en 1944). A ameaza para as institucións parlamentarias procedeu da dereita: do fascismo, das correntes reaccionarias tradicionais e dunha Igrexa católica que seguía sen aceptar o liberalismo. A unión das tres correntes fundaméntase no rexeitamento da modernidade da Revolución francesa e as súas consecuencias, fosen a democracia ou o comunismo.

IMAXES