A Etapa Contemporánea (S. XX)
A prosa política na época das Irmandades
Galiza no tempo das Irmandades

Despois de 1916 inaugúrase o tempo das nacións e da democracia de masas. Tendencias que en Galiza se concretan con grande forza en forma dunha auténtica epopeia civil: o agrarismo . A loita pola terra e o logro da propiedade por parte do campesiñado nalgúns países enmarca a historia europea e mundial arredor da I Guerra Mundial. Xa desde 1900, pero de forma máis concreta despois de 1917, moitos dos movementos sociais que no mundo acadan en ocasións fasquía revolucionaria, teñen como base máis sólida da súa mobilización a loita pola terra, trátese do México revolucionario, da Europa central ou do Leste, cos seus partidos campesiños que acadan grande forza nas débiles democracias posteriores á primeira guerra mundial, así como a Irlanda da Liga Agraria ou a Finlandia, que loitan pola independencia mobilizando as arelas propietarizadoras dos campesiños. Mesmo a Rusia revolucionaria en que triunfan os bolxeviques, pois o mérito de Lenin fundaméntase en grande parte na capacidade para atender os desexos do campesiñado ruso famento de terras.

Tamén son os anos en que a mobilización agrarista permite aos labregos galegos o principio da derrota definitiva de fidalgos e toda caste de rendistas. O obxectivo da axitación é a eliminación do foro e o logro da propiedade plena polos labregos, tamén a oposición aos impostos inxustos (trabucos e consumos) e o anticaciquismo. Se ben as arelas de carácter mercantil e técnico non son menos importantes para explicar a organización dos labregos en sociedades. A explosión do agrarismo organizado dérase en Galiza antes xa de 1917. Entre 1907 e 1912 os campos galegos coñeceron unha axitación social sen precedentes, articulada en torno á Unión Campenina Mariñas, ao Directorio Antiforista de Teis no sul e artellada politicamente por Solidaridad Gallega ,que tivo o seu correlato ideolóxico nas Asembleas Agrarias de Monforte que plasmaron un programa común para o agro galego. Pero será entre 1917 e 1922 cando o movemento se radicalice nesa conxuntura universal que define a loita pola terra . Se antes se buscaba unha saída negociada ao conflito foral, na proposta de redención, agora a consigna é a da abolición, concretada na negativa a pagar as rendas. Os boicots e as folgas, os enfrontamentos con mortos (Sobredo) agudizan a loita antiforal e crean as condicións dunha dobre solución: a abolición, en condicións revolucionarias, e os acordos de redención privada favorábeis aos cultivadores, buscados polos rendistas que por razóns sociais pero tamén económicas non terien interese en seguir sendo perceptores de rendas.

Agraristas en Herdadiña, Ourense. Aparecen, Veloso, García, Álvarez Pena, Estévez, Álvarez Estévez, Basilio Álvarez. Todos eles de  Acción Gallega.

Os anos en que se formula a doutrina nacionalista e se estenden as Irmandades están protagonizados por este pulo do agrarismo organizado, poderoso e mesmo vitorioso, capaz de reunir na Confederación Rexional de Agricultores Galegos , que lidera Basilio Alvarez, a un conxunto de federacións agrarias e comarcais que agrupan uns 60.000 asociados. A tentativa de crear un Partido Agrario é un proxecto moi reclamado que non logra callar cando chega a Ditadura por mor da heteroxeneidade ideolóxica que agocha. Os labregos organizados e activos son a masa a que se dirixe preferentemente o galeguismo, e non só por consideralos depositarios das esencias da nación, tamén —principalmente— polo seu potencial político, ao constituíren o máis poderoso e activo movemento de masas de Galiza.

Os reforzados estados da época de entreguerras preocúpanse máis que nunca das políticas agrarias. Entre outras razóns porque a forza do número maioritario dos campesiños ten que ser utilizada para conquistar o Estado pola vía revolucionaria insurreccional ou, no contexto dos sistemas liberais, na medida en que se implanta o sufraxio universal; mesmo pola vía da contención para lograr o seu apoio sumiso nos réximes autoritarios. A Ditadura de Primo de Rivera desarticulará tamén este movemento e moderará as vías de solución do problema foral, coa promulgación da Lei de Redención foral en 1926, cando xa as redencións acordadas entre 1918 e 1922 reduciran o dramatismo do conflito. Por outra parte, as tendencias cooperativas do agrarismo (experiencias agroindustriais, venda de gando, cooperativas de comercialización) experimentan unha considerábel expansión na segunda metade dos anos vinte, na liria do ideal propugnado por moitos ideólogos da cuestión agraria, entre os que non son menos activos os nacionalistas.

Desde as Asembleas agrarias de Monforte, o galeguismo contribúe con outros sectores a configurar un programa económico-agrario para o país, que responde a unha dobre intención. Por unha parte está vinculado ás necesidades políticas de atender (conseguir o apoio) á maioría da poboación (os labregos), por outro responde a concretas necesidades económicas, en virtude do papel central da economía agraria na Galiza da época, polo que se adoita concibir como motor do desenvolvemento futuro, seguindo o modelo danés ou suizo. Esta posición enmarca a preocupación polos problemas do arancel e as infraestruturas, tratados polos autores que recollemos. A modernización da agricultura é sinónimo da modernización de Galiza e trátase de superar os atrancos que a impiden, a maioría das veces atribuídos atinadamente á responsabilidade do Estado.

Cara á formación das Irmandades da Fala

A disolución de Solidaridad Gallega en 1912 orixinará un avivecido refluxo na mobilización galeguista, que só a partir de 1915 comeza a dar tímidos sinais de recuperación da man do grupo rexionalista que nuclea en Madrid o vedrario dirixente solidario Rodrigo Sanz López. Unha xeira de conferencias sobre os problemas de Galiza, que inaugura Sanz falando da cuestión agraria, serviu de aglutinante dun cativo colectivo de intelectuais, no que se citaban antigos activistas rexionalistas —R. Sanz, Aurelio Ribalta ou Eugenio López Aydillo— e recén achegados á reivindicación galeguista, caso do xove avogado Lois Porteiro Garea. Este grupo será o que publique, entre febreiro de 1915 e decembro de 1916, a revista Estudios Gallegos . A revista, malia a súa orientación basicamente literaria e lingüística, acollerá tamén entregas dedicadas a temas políticos, nomeadamente ao andazo do caciquismo; económicos, sobre as pexas da agricultura e as reclamacións dos ferrocarrís galegos; e sociais, onde a contribución máis sonada foi a de R. Sanz sobre as asembleas agraristas de Monforte. Estudios Gallegos reflicte esencialmente un ideario rexionalista adobado de forte rexeneracionismo e, malia ser o castelán a lingua predominante da revista, preséntase como firme defensora do idioma galego “por la ineludíbel obligación moral que tenemos de cuidar nuestra personalidad de gallegos".

Eugenio López Aydillo

A chamada de A. Ribalta desde Estudios Gallegos a prol da recuperación da personalidade política e cultural de Galiza será atendida por Antón Vilar Ponte que, nunha presada de artigos en La Voz de Galicia en xaneiro de 1916, postulará a creación dunha "Liga de Amigos do Idioma Galego». Vinculado ao republicanismo federalista, tras o seu retorno da emigración cubana, A. Villar Ponte ingresa como redactor en La Voz de Galicia. Na Coruña, a través da influencia de M. Lugrís Freire , achégase ao galeguismo rexionalista de orientación democrático-republicana. En marzo dese ano, Vilar Ponte edita o folleto Nacionalismo Gallego. Nuestra afirmación regional ,unha afervoada defensa do uso da lingua galega que, paradoxalmente, vira a luz en castelán "por motivos de propaganda». A súa vindicación idiomática non se esgota con todo na mera proclama cultural e o galego será, no seu discurso, unha sorte de resumo esencial de Galiza, "un escudo de la autonomía espiritual» e a expresión dunha "patria natural», postulados de onde tira en conclusión que "toda afirmación gallega debe partir inelutabelmente del renacimiento del idioma». Como ten salientado Xusto G. Beramendi, o pensamento galeguista de Vilar Ponte, cangado de eclecticismo, evidencia a dupla influencia do rexionalismo na súa matriz murguiana, e do liberalismo federo-republicano, que o levará a defender unha federación ibérica que sexa quen de vertebrar España atendendo á autonomía das súas rexións naturais e se constitúa no marco político-institucional en que resolver os problemas de Galiza.

A. Vilar Ponte dirixirá a súa proclama mobilizadora a un destinatario de acoplo espectro —"a todos los buenos gallegos»—, aínda que despois se remitirá máis exclusivamente aos "intelectuales y elementos directores». Ao tempo procurará, malia non faltar engados a tradicionalistas e federais, unha tonalidade ideoloxicamente esvaída para evitar que as retesías políticas limitasen a audiencia social do seu chamamento. A ambigüidade da interpelación evidencia uns referentes ideolóxicos aínda encorados no rexionalismo e nun rexeneracionismo de vocación elitista; con todo, a cálida acollida que lle foi dispensada pola opinión pública deu azos aos irmáns Vilar Ponte para convocar unha reunión na Real Academia Gallega o 18 de maio, en que unha corentena de asistentes decidirán crear a Hirmandade dos Amigos da Fala , aprobar os seus estatutos e elixir a súa primera directiva á fronte da cal estará A. Vilar Ponte como «Primeiro Conselleiro».

As Irmandades na transición do rexionalismo ó nacionalismo (1916-1918)

O grupo fundacional da Irmandade coruñesa acollerá, no dicir de Cores Trasmonte, a vellos rexionalistas, federalistas, solidarios sen partido e agraristas desesperanzados. É de salientar a presencia dunha xeira de intelectuais novos de tradición republicana, como os irmáns Vilar Ponte, xunto a tradicionalistas católicos (Oviedo Arce...) e representantes do vello e o novo rexionalismo (M. Lugrís, Tettamancy, E. Carré Aldao, R. Sanz,...). O núcleo promotor da Irmandade de Santiago constituída o 28 de maio apresentaba unha fasquía aínda máis plural e contrastada, xa que nela converxían, como ten subliñado Beramendi, rexionalistas tradicionalistas (Cabeza de León, J. Barcia Caballero...), galeguistas de inspiración democrática (Porteiro Garea...), socialcatólicos e mesuro dirixentes obreiristas.

Luís Porteiro Garea.

Con procedencias ideolóxicas igualmente heteroxéneas iranse constituíndo novas "irmandades» e a finais de 1918 acudirán á I Asemblea Nacionalista de Lugo algo máis de vinte agrupacións irmandiñas. Unha extrema febleza asociativa (poucos dos núcleos sobardaban as dúas ducias de afiliados), unha laxa estrutura organizativa e unha acusada elasticidade e indefinición ideolóxico-política caracterizarán as Irmandades dos primeiros tempos. Socialmente, entre os seus compoñentes van predominar os intelectuais e os profesionais liberais, por máis que se fixese do campesiñado un destinatario preferente da interpelación galeguista que, xunto coa pequena e mediana burguesía industrial e mercantil, estaba chamado a ser, na idea dos seus promotores, a cerna do bloque social sustentador da nova alternativa político-cultural.

O imaxinario das Irmandades como un movemento culturalista coa defensa, exaltación e promocion da lingua galega como obxectivo primeiro, viuse substancialmente agrandado de perspectiva no discurso pronunciado por L. Porteiro Garea cando a fundación da Irmandade compostelá. Porteiro salientará primeiramente que «a redimir este idioma do aldraxe que dél fan, non os alleos sinón os propios, encamiñase a "Hirmandade dos Amigos da Fala"», mais á parte da «defensa do idioma esquencido», insistirá na necesidade do estudio dos problemas de Galiza e despois de identificar unha chea deles (camiños de ferro, proteccionismo, falla de control sobre o capital galego...) conclúe que «o noso movemento pretende ser un comenzo da resurreución galaica en todol-os ordes». Unha proposta de normalización da cultura e a lingua galega, pero tamén unha proposta integrada para a defensa dos intereses sociais e económicos e a afirmación da identidade política de Galiza, pasarán a ser trazos definidores das Irmandades.

Cómpre reparar unha miga no suxeito colectivo que este proxecto galeguista privilexiou no período 1916-18 e destacar a vacilante caracterización política feita de Galiza como referente, considerada por veces unha «nación» e noutras ocasións unha «rexión» singularizada de España. Desde a súa creación, en novembro de 1916, as páxinas de A Nosa Terra inzaranse de artigos en que tentará asimilar e/ou compatibilizar a compoñente rexionalista cunha emerxente formulación nacionalista que tencionaba empatar cos postulados de Manuel Murguía . O rexeneracionismo descentralizador do rexionalismo da Solidaridad Gallega e a forte pegada do federalismo no ámbito do progresismo, contribuirán a empardecer a dimensión protonacionalista do pensamento murguiano en que, como ten salientado Ramón Máiz, «procedeuse por primeira vez, e con toda radicalidade, á construción histórico-teórica de Galiza como nación ou nacionalidades'.

As Irmandades vanse decantar progresivamente por unha formulación de Galiza como suxeito nacional, superando a súa ideación consonte á tradición rexionalista que subordinaba a identidade de Galiza, como «patria chica», a España en tanto que «Patria Grande, única», como a tildara, por exemplo, Porteiro no seu discurso fundacional. A transición desde un momo rexionalismo culturalista ata o rexionalismo integral e, por cabo, a aceptación do referente de Galiza como nación caracterizará a evolución do galeguismo desde 1916 a 1918. Un catalizador decisivo nesa transformación ideolóxica será a incorporación ás Irmandades da Fala, a finais de 1917, dos intelectuais ouresáns —Risco, Otero Pedrayo, López-Cuevillas...— que consituían a cerna do que co tempo se vira a chamar o « grupo» ou «xeración Nós ». Desde comenzos de 1918, a comporiente ideolóxica tendencialmente dominante nas Irmandades subliñaba a «persoalidade nazonal» de Galiza e como adiantaba V. Risco, no seu artigo « Teoría do Nazonalismo galego » publicado en A Nosa Terra nese mesmo ano, «somos aínda poucos os que dicimos nazonalismo ,pro cada día émos de ser máis». A tensión entre rexionalistas liderados entre outros por R. Sanz, J. Barcia Caballero e A. Valcárcel e protonacionaistas (os Vilar Ponte, L. Porteiro, Peña Novo, M. Lugrís...) avivecerase notabelmen:e ao longo de 1918 e saldarase ao cabo co abandono das irmandades por parte dos rexionalistas de inspiración solidaria.

Grupo de asistentes á Asambleia Nazonalista de Lugo .

Cando a Grande Guerra vén de rematar e se inician os preparativos da I Asemblea Nacionalista, as Irmandades da Fala apresentan un desigual balance: dunha banda, téñense dado pasos decisivos para a súa definición como formación nacionalista; consolidouse A Nosa Terra como voceiro do seu ideario e, aínda que timidamente, asentáronse, entre «irmandades» e grupos de simpatizantes, algo máis dunha vintena de núcleos que encadraban ao redor de setecentos afiliados. Doutra, os avances institucionais son ben cativos: unha pobre presencia nas municipais de 1917 formando parte de candidaturas non-galeguistas (elección de L. Porteiro e F. Vázquez Enríquez en Santiago e de X. Iglesias Roura na Coruña). Á ruptura da alianza con Cambó e a Lliga Regionalista e o fracaso de Porteiro, Losada e Vázquez Enríquez nos comicios xerais de febreiro de 1918, haille que sumar ademais o cisma dos rexionalistas solidarios e a perda pouco despois, en outubro de 1918, dun dos líderes máis cualificados das Irmandades, L. Porteiro Garea, que morre a causa do andazo de gripe.

A Asemblea de Lugo

A I Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo os días 17 e 18 de novembro de 1918 convocou a unhas sesenta persoas e nela serán aprobados dous documentos capitais: o novo regulamento interno das Irmandades e mais un Manifesto que será a cerna do programa do nacionalismo nos anos vinte. A Asemblea foi, antes de nada, un acto de afirmación nacionalista ao proclamar os asistentes que «tendo Galiza todal-as características esenciaes de nazonalidade, nós nomeámonos, de oxe pra sempre, nazonalistas galegos», ao tempo que se desmarcaban de vez dos postulados rexionalistas «xa que a verba "rexionalismo" non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas». A maiores, o Manifesto suliñará como aspecto central lograr «a autonomía integral da Nazón Galega e fixar nun programa concreto as que coidan testas soluciós ós problemas que intresan d'un xeito fondísimo á vida nazonal de Galiza», concluíndo cun chamamento a «erguere a y-alma e o pensamento de Galiza, e sobor de todo a súa soberanía, compreta e sen cativeces. N-isto non caben discusiós: Galiza ten direito, un direito fundamental, a ser dona de si mesma».

Placa conmemorativa no Hotel Méndez Núñez de Lugo, da I Asemblea Nacionalista,da que emanou o  Manifesto Nazonalista.

O Manifesto-programa de Lugo sinala un novo horizonte de soberanía, o da autonomía integral, conforme a cal define o Poder Galego, representado pola «Xuntoiro» ou Parlamento, que contaría entre as súas facultades:

  1. nomear a Xunta Gobernadora con poderes executivos sobre a administración, xustiza, educación, obras públicas, agricultura, industria, comercio e facenda;
  2. un réxime tributario, sen intervención do goberno central, ao que se lle pagará consonte a un concerto económico específico;
  3. a lexislación social e a potestade plena en materia educativa;
  4. a nacionalización e o control sobre a construción e administración dos ferrocarrís e mais os servicios postais e telegráficos, e
  5. a fixación, caso de se abolir os exércitos permanentes, das «forzas que se xusgue percisas pr-o orden interno de Galiza». A autonomía integral e o Poder Galego arróupanse nun conxunto de iniciativas para: a) afianzar a autonomía municipal e o recoñecemento xurídico das parroquias; b) asegurar a cooficialidade dos idiomas galego e castelán, c) constituír unha Federación Ibérica e no seu seo lograr a igualdade de relacións con Portugal; e d) acadar o recoñecemento internacional das «nazonalidades da Iberia» na Sociedade das Nacións.

O Manifesto ,malia enfrontar problemas políticos como o recoñecemento da igualdade de dereitos das mulleres e mesmo pronunciarse a prol da representación proporcional como sistema electoral, non abordará na definición da estratexia de participación electoral e non clarificará abertamente as súas preferencias de réxime político ou forma de goberno, limitándose a sinalar as súas simpatías por «aguda que se amostre mais doada pra chegare a federación con Portugal», no que se albisca unha agochada inclinación republicana. Tampouco foi o Manifesto especialmente explícito na proposta de alternativas ás problemáticas socioeconómicas (cuestión foral, aranceis ou emigración), o que constrasta coa importancia outorgada en A Nosa Terra ás revindicacións agraristas, a denuncia dos males da emigración ou a loita contra o proteccionismo.

A Asemblea decidirá asemade adoptar un novo regulamento de réxime interno que evidencia unha expresa vontade de aprofundar na constitución das Irmandades como partido político. O regulamento aprobado, que ratificou o modelo organizativo-político adoptado pola Irmandade coruñesa en xuño de 1918, introducirá cambios susbtanciais tanto na finalidade como na estrutura da organización nacionalista. A misión das Irmandades pasará a ser «o engrandecemento da nosa terra «conquerir unha ampla autonomía de Galiza en todol-os ordes». Ademais de promover «por todol-os medios o emprego do noso idioma», por ser decisivo para «a formación d'un común esprítu galeguista», sinalará preferente a procura de solucións para aqueles problemas que, sendo «coleitivos e permanentes, contribuian direitamente ó progreso de Galiza», atenderá fundamentalmente á «organización dos labregos» e fai expresa a súa vontade de intervención na política. Na orde organizativa, as reformas querían fixar un funcionamento unitario de todas as irmandades dotándoas dunha estrutura democrática e federalizada, que aseguraba a representación igualitaria de cada unha delas nun Directorio que se apunta como o seu órgano de coodinación e alta dirección.

A Asemblea de Lugo representou unha mudanza de grande calado nas Irmandades, primeiramente no plano ideolóxico ao definirse o proxecto galeguista en clave nacionalista, en segundo termo, na súa dimensión programática, sentando as bases dun modelo de autogoberno para a autonomía integral de Galiza; en terceiro lugar, ao fraguar a súa coalición dominante coa integración das dúas tradicións máis sólidas do nacionalismo do momento: a demócrata-liberal referenciada ás Irmandades de Coruña-Ferrol e a tradicionalista e máis conservadora de Ourense; e, por cabo, ao procurar unha organización unitaria tensionada cara ao logro de obxectivos político-culturais.

Expansión e primeiros conflitos nas Irmandades

Con todo, ao longo de 1919 moitos dos logros acadados en Lugo vanse ver comprometidos; primeiro, polas dificultades para operativizar o novo modelo organizativo, e despois, polas retesías provocadas polo debate sobre a participación electoral. As pexas maiores atopábanse organizativamente no comportamento centrífugo das Irmandades que gozaban dun extremado grao de autonomía e eran remisas á definición dunha liña política común. O segundo grande obstáculo para a madureza partidaria das Irmandades era a inoperancia do Directorio que, na práctica, era substituído nas súas funcións directivas pola Irmandade da Coruña, que monopolizaba a liña editorial de A Nosa Terra .

Antón Losada Diéguez.

As eleccións xerais da primavera de 1919 puxeron a participación política no primeiro plano da axenda nacionalista. A consciencia da súa febleza organizativa e o fracaso nos comicios de 1918 pesaron decisivamente na toma de posición verbo da concorrencia electoral. O Directorio, agora activado por A. Losada Diéguez , acordará que as Irmandades non interveñan nas eleccións e publicará, en A Nosa Terra ,un Manifesto que se asinara como o "Partido Nazonalista Galego», onde se sostén unha firme posición apoliticista frontalmente agresiva coa clase política e abstencionista ("é perciso despreciar a loita, absterse asolutamente de intervir n'estas eleucións»).

O debate avivécese en xullo xa que, disconforme coa resolución abstencionista, a Irmandade coruñesa anunciará publicamente, antes de pronunciarse o Directorio, a súa decisión de intervir nas vindeiras cleccións municipais. A II Asemblea Nacionalista, a celebrar en Santiago entre o 7 e o 9 de novembro, semellaba o foro máis acaído para solventar as diferencias no tocante á actuación política das Irmandades; mais, paradoxalmente, as conclusións aprobadas non farán referencia ningunha a esta cuestión e dedicaranse a ratificar e desenvolver programaticamente os acordos asemblearios de Lugo nunha chea de cuestións institucionais (disolución das Deputacións e creación da Mancomunidade de Concellos, defensa de circunscricións electorais de representación proporcional...), económicas (redención foral, construción do ferrocarril da Costa...), sociais (creación dun Instituto galego de reformas sociais, impedir a emigración feminina...) e culturais (solicitude dunha Universidade industrial e de escolas agrícolas, dotación de cátedras universitarias de contido galego...). As resolucións da II Asemblea remataban cunha "profesión de fe», de clara inspiración risquiá, que enfatizaba a arela última dos nacionalistas: seren "donos d'unha persoalidade propia baseada no trunfo d'unha propia cultura», pero que nada adiantaba respecto do dilema participación-exclusión no xogo electoral.

Na Asemblea santiaguesa, a maioría contraria á participación electoral, liderada por Risco e Losada, non chegou a impor unha nova declaración abstencionista e inclinouse por un acordo de compromiso que, co obxecto de preservar a unidade nacionalista, deixaba unha marxe de interpretación e acción de ahondo ampla para que, na práctica, cada irmandade definira a súa estratexia politica. Beneficiándose desta indefinición, a Irmandade da Coruña postulará, nos comicios locais de 1920, a candidatura de Peña Novo, que será elixido concelleiro da Coruña, o que constitúe o primeiro éxito dunha lista electoral identificada expresamente co nacionalismo.

Caricatura de Vicente Risco por Álvaro Cebreiro.

Co cambio de década, os conflitos internos das Irmandades experimentan unha significativa distensión, pero tamén é apreciábel o seu debilitamento organizativo; non é pois de estrañar que as resolucións da III Asemblea Nacionalista de Vigo (16-18 de abril de 1921) insistan en aspectos organizativos e reforcen as atribucións, principalmente no tocante ás decisións electorais, do Directorio e do seu Consello Permanente (que integrarán unha representación da Irmandade da Coruña, A. Vilar Ponte, M. Banet Fontela e V. Risco) e que, en aparencia, as disputas sobre a oportunidade da participación electoral fiquen resoltas, xa que a duodécima resolución instaba a intervir decididamente nas eleccións locais, provinciais e estatais.

As Irmandades e o segundo renacemento cultural

As Irmandades da Fala foron o catalizador non só da recuperación funcional do idioma senón tamén dun relanzamento da cultura propia que atinxiu cotas sen precedentes. O activismo das Irmandades fixo xermolar un grande e variado conxunto de iniciativas: coros, conservatorios e centros de artes dramáticas e plásticas, numerosas revistas e xornais, relevantes editoras e institucións investigadoras como o Seminario de Estudos Galegos (1923). Non imos aquí dar conta da totalidade de proxectos culturais que impulsaron e materializaron desde o nacionalismo, mais cómpre considerar sumarialmente dúas: a) a publicación de A Nosa Terrae da revista Nós ; e b) a creación de empresas editoras, que xunto co Seminario de Estudos Galegos, que será tratado noutra parte, sentan as bases do que poderiamos considerar como a nosa primeira «industria da consciencia nacional».

Xoán Vicente Viqueira.

O 14 de novembro de 1916, cando aínda non se cumpriran seis meses da fundación da Irmandade coruñesa, saía do prelo o primeiro número de A Nosa Terra , baixo o lema « Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d'Ámerica e Portugal », que recuperaba a cabeceira do xornal rexionalista e agrarista que editaran R. Sanz, M. Lugrís e M. Murguía na Coruña en 1907. A diferencia da primeira A Nosa Terra , a nova publicación aparecerá exclusivamente en galego e fará da defensa do idioma un dos seus sinais de identidade editorial, sendo o primeiro xornal que corporativamente se recoñeza ideoloxicamente nacionalista. 

Xurdido como bolentín decenal, terá logo periodicidade quincenal e despois mensual, cando a Ditadura de Primo de Rivera, ata a súa conversión, en 1933, nun semanario. Á súa fronte estára incicialmente X. Iglesias Roura e, decisivamente, A. Vilar Ponte, que o dirixirá ata 1922, cando a raíz do cisma das Irmandades abandone a súa redacción. Desde aquela Vítor Casas será o novo director, cargo que desempeñará deica a desaparición do xornal, agás en breves parénteses, sendo xa voceiro do Partido Galeguista en que foi conducido por Iglesia Alvariño (1933), Suárez Picallo (1934) e A. Bóveda.

Os contidos máis significativos de ANT son os referidos ás cuestións ideolóxico-políticas e a información e creación cultural; menor é a presencia das cuestións económicas (dedicadas basicamente á reinvidicación de obras públicas e comunicacións, a reforma tributaria e a loita contra o proteccionismo...) e moito áis cativa a reflexión e información sobre problemáticas sociais (malia o seu seguimento das manifestacións agraristas e vindicación campesiñas a favor da propietarización e a modernización produtiva). 

Como ten subliñado M. Ledo Andión , non se pode caracterizar ANT como un   « xornal de empresa » dado que adoecía dun potente financiamento que lle permitira unha redacción estábel e profesionalizada. A Nosa Terra  como proxecto empresarial sostívose cos ingresos das suscricións, as aportacións económicas das Irmandades e as provenientes dos círculos da emigración, e moito máis pobremente da publicidade. Mais con todas as limitacións, ANT converteuse, cunha tiraxe de 2.000 exemplares (que logo se reduciría ata estabilizarse entorno a un milleiro), no soporte máis firme para a difusión das ideas do nacionalismo e a creación dunha opinión pública de signo galeguista. Os destinatarios do xornal, como os do proxecto político das Irmandades, serán os profesionais liberais, a pequena burguesía comercial industrial, e, máis simbolicamente do que realmente, o campesiñado. A Nosa Terra  tornouse, pois, nunha sorte de «intelectual e organizador colectivo» e, en opinión de Ledo Andión, debe ser entendida como a expresión máis xenuína do nacionalismo para articular un bloque social capaz de discutir a hexemonía das oligarquías e para facerse cargo da dirección política, social e cultural de Galiza como nación. 

Margarida Ledo Andión

O esforzo por construír un espazo informativo propio e de influencia galeguista non ficou limitado á ANT, pois con desigual fortuna tentouse desde outras cabeceiras: A. Vilar Ponte en El Noroeste (1918), R. Vilar Ponte e X. Quintanilla en El Correo Gallego (1921), V. Paz Andrade no Galicia (1922-26), Lois Peña Novo en El Pueblo Gallego (desde 1924), M. García Barros en El Emigrado (a partir de 1922) e as xentes de ING desde La Zarpa (1922-23).

A segunda publicación de grande calado foi a revista Nós , que foi a canle de expresión cultural do grupo inte lectual homónimo e que tivo os seus precedentes inmediatos en La Centuria ,fundada por V. Risco e A. Noguerol en 1917, e no suplemento cultural do mesmo nome que acompañaba o xornal El Noroeste (1918).A revista sairá en outubro de 1920 e á súa fronte, como director, estará V. Risco asistido por A. Noguerol, xerente, e R. Cabanillas , A. Losada , R. Otero Pedrayo e Florentino L. Cuevillas , aos que se unirán logo Castelao como director artístico e A. Casal como editor. Ademais dos intelectuais relacionados co «grupo Nós», na revista colaborarán A. Vilar Ponte e Xoán Vicente Viqueira , xeracionalmente fóra do grupo, e os xoves universitarios ligados ao Seminario de Estudos Galegos ( Carballo Calero , Bouza Brey , Filgueira Valverde ...). Nós foi un revulsivo determinante na renovación da cultura galega e, consonte ao seu proxecto de construís Galiza desde a esfera cultural, contribuirá cardinalmente á afirmación da identidade de Galiza e, como ten sinalado R. Máiz, a dotar o nacionalismo dun cimento político e ideolóxico nacionalitario tanto na explicitación das súas bases diferenciais (lingua, etnicidade...) como fornecéndoo dun atume historicista coas tradicións galeguistas prenacionalistas.

Redacción de  El Noroeste,  xornal da Coruña.

Outro ámbito en que se envorcou o nacionalismo para a creación dun entramado cultural solvente, quen de soster o proceso de avance da conciencia nacional, foi a industria editorial. A primeira iniciativa, de curta vida, foi en 1919 a edición de catro títulos da Biblioteca Galeguista vinculada organicamente á Irmandade da Fala da Coruña, e haberá que agardar a 1921 para que se retome o proxecto editorial coa fundación por X. Quintanilla de Céltiga . A súa continuadora será Lar , dirixida por L. Carré Alvarellos e administrada por A. Casal que contribuirá a darlle un pulo crucial á narrativa galega mediante a publicación mensual de romances curtos. A cultura editorial atesourada por Lar reverterá, tras a súa disolución polas desavinzas entre Carré e Casal, na nova editora Nós , fundada en 1927 por Casal, que se ocupará da publicación de A Nosa Terra, a revista Nós e os Arquivos do Seminario de Estudos Galegos e que imprentará un centenar de títulos.

Ideas para a nación

O desenvolvemento dunha ricaz prosa de ideas acompañou a expansión deste aparello de creación e difusión cultural. O corpus intelectual do primeiro nacionalismo dará un impulso de grande potencia á literatura de reflexión, opinión crítica e investigación. Ao labor de restauración e afirmación da personalidade nacional de Galiza contribuíu terminantemente a produción ensaística e a investigación científica que se despregou en dominios tan diversos como a historia, a xeografía, a etnográfia, a arqueoloxía, a pedagoxía, a crítica literaria ou a estética.

Ramón Otero Pedrayo.

Nos anos vinte e nos primeiros da década dos trinta, os intelectuais das Irmandades da Fala darán ao prelo obras fundamentais non só para a maduración de particulares disciplinas científicas senón tamén para a ideación nacionalitaria de Galiza e a súa normalización cultural. A Otero Pedrayo débeselle a Síntesis geográfica de Galicia e a Guía de Galicia ,ambas de 1926, e o Ensayo histórico sobre la cultura gallega (1933); Florentino López-Cuevillas emprendeu o estudio sistemático da prehistoria e protohistoria galega que deitará obras tan relevantes como A idade de ferro na Galicia , publicada en Nós en 1926, as diversas entregas da Catalogación dos castros galegos e Os oestrymnios, os saefes e a ofilatría en Galicia (1929); Elementos de metodología de la historia (1928) e Mitteleuropa (1934) de Vicente Risco, Historia sintética de Galicia (1927) de R. Vilar Ponte , As cruces de pedra na Bretaña (1930) e, nunha primeira versión en 1934, As cruces de pedra na Galiza de Castelao, xunto ás vizosas aportacións de Xoán Vicente Viqueira no ámbito da psicoloxía, a pedagoxía e a filosofía, indican ben ás claras a amplitude da produción ensaística deste período. Mais o que nos interesa salientar aquí é a reflexión e argumentación teórica do nacionalismo que se abordará en numerosos artigos xornalísticos; especialmente salientábeis son os de A. Vilar Ponte e L. Peña Novo, e en obras ensaísticas como Teoría do nacionalismo galego (1920) e El problema político de Galicia (1930) de V. Risco, Doctrina nazonalista (1921) e Breviario da Autonomía (1933) de R. Vilar Ponte e La mancomunidad gallega (1921) de Peña Novo.

Desde a saída en ANT, en 1918, do artigo «Teoría do nazonalismo galego» e, máis que nada, tras a publicación de Teoría do nacionalismo en 1920, V. Risco acadará unha posición rectora na elaboración teórica do galeguismo e, en rigor, pódese afirmar que será o único dos seus pensadores que ofreza un corpus sistemático da súa idea da nación galega. Naquel artigo inicial atópanse abondosos trazos definitorios da aportación risquiana un nacionalismo de entronque romántico, historicista e novecentista e, por tanto, confrontado co racionalismo, as ideoloxías de raigame ilustrada e a idea de progreso tirada daquelas; unha notábel influencia do espiritualismo oriental e unha vontade expresa de ligazón co galeguismo precedente, singularmente co murguiano. Sinalándoo como un reactivo contra a nivelación cultural e a uniformización do século XIX, Risco avoga por un nacionalismo integral, radical e novecentista, e declárase partidario da desaparición do Estado unitario, do «estado pantasma»; rexeita calquera organización política que non recoñeza a personalidade integral de Galiza e reformula o Estado español como «unha libre confederación de democracias, autas pra se gobernaren por si mesmas».

A autoridade intelectual de Risco multiplicarase coa Teoría do nacionalismo galego , escrita coa pretensión de ser a "doutrina integral do nacionalismo» e recibida nas Irmandades como a «biblia do galeguismo». Risco insiste no carácter reactivo e reivindicativo do nacionalismo verbo da sorbencia e ineficacia dos estados, á vez que define a misión nacionalista na reconstitución espiritual, política e económica de Galiza, esixindo a súa autonomía nesas tres ordes para acadar a conservación da civilización galega na fala, na arte e nos costumes; a liberación e o goberno do pobo galego; e levar «a nosa terra á maxima produción e a procurar unha xusta e equitativa distribución da riqueza».

Galiza é inequivocamente definida como un suxeito nacional, «a nacionalidade galega —afirma Risco— é un feito xeográfico e histórico que non se pode negar». Galiza está abeirada por todos os atributos nacionalitarios precisos: lingua, territorio, compoñente étnica diferenciada, espiritualidade singular, historia propia, costumes de seu. A idea nacional risquiana, como apuntou X. G. Beramendi, sintetiza nutrientes ideolóxicos moi dispares —de Murguía a Spengler, desde as influencias herderianas ás da escola histórica alemana ou o tradicionalismo francés—, que reelabora confrontándoos coas formulacións da nación como expresión democrática dos cidadáns, ata o punto de afirmar a entidade nacional como un feito natural, mesmo independente da vontade humana, xa que está constituída, segundo el, por unha comunidade de intereses espirituais e materiais producidos pola natureza. «A natureza, dinos Risco, fixo de Galiza unha nación » .

Risco publicou no 1920 a súa  Teoría do nacionalismo galego.

Invocando as compoñentes espiritualistas e naturalizando a nación, Risco quere facer dela unha categoría histórica máis permanente e independente do estado de que forma parte. Os elementos constitutivos da nacionalidade hainos que procurar logo no valor e no sentimento da terra. A nación é unha unidade espiritual que se fai en conexión coa terra. «A nacionalidade supón a terra», e ese espiritualismo enchoupado de determinismo xeográfico lévao a postular que «unha nacionalidade é un pobo afincado n-unha terra, é un grupo de homes xunguidos antre eles, xunguidos coa terra de que son donos colectivamente». O Volksgeist ou espírito nacional substánciase por tanto no diálogo entre a terra e a raza, na que o aporte céltico, retomando o etnicismo de Murguía, é o substrato fundamental.

Doctrina nazonalista sae do prelo ferrolán de El Correo Gallego en 1921, sendo daquela o seu autor, Ramón Vilar Ponte, director do xornal. Concibida como unha obra de divulgación do ideario nacionalista, adopta a forma dun catecismo, xénero que permite emparentala formalmente, e remotamente, co Catecismo do labrego (1889) de Lamas Carvajal e dun modo máis próximo co Catecismo solidario que E. Carré Aldao escribira en 1907 para difundir os postulados rexionalistas de Solidaridad Gallega .

R. Vilar Ponte foi dos primeiros dirixentes das Irmandades en recuperar, antes da Asemblea de Lugo, a definición nacional de Galiza e reiterará na Doctrina Nazonalista a súa existencia como unha unidade nacional inconfundíbel, de permanencia transcendente que mesmo sobreviviu á «manía asimilista de Castela» e a súa desnacionalización durante máis de cinco séculos de tutela e vasalaxe. O proxecto dunha Galiza autónoma, libre e soberana só é factíbel na ideación vilariana a través da reconstitución das diferentes nacionalidades que compoñen o Estado español, xunto con Portugal, nunha «Confederación de Estados ceibes», que reúna ás nacións libres na «gran Iberia do porvir».

Doctrina nazonalista comeza o seu xogo de preguntas e respostas definindo o nacionalismo como unha vontade de reestablecemento de todos os dereitos que asisten aos pobos libres e soberanos e afirmando a nacionalidade como unha «sociedade de xentes» que, por vivir e ter nacido nun territorio homoxéneo, está igualmente unificada pola súa lingua, o que determina un espírito unificado, unha «alma colectiva». A nación, para Vilar Ponte, é algo permanente, fixo e estático, que non responde na súa estrutura e conformación á creación humana, senón que é o reflexo dunha «vontade super-humán» que está por riba dos desexos humanos. A diferenciación da terra, asento da humanidade —exporá Vilar Ponte—, impón todas as demais diferenciacións que ninguén pode anular por estaren determinadas por leis superhumanas.

A autoridade risquiana é evidente na concepción organicista e historicista da nacionalidade que acuña R. Vilar Ponte en Doctrina nazonalista ; con todo, aquela non empardece a pegada igualmente salientábel das referencias federalistas de Pi y Margall e déixase sentir a influencia do catalanismo político do momento. A idea de nación vilariana —así como as defendidas por outros representantes da tradición democrática do nacionalismo galego— incorpora, non obstante, importantes matices respecto da concepción nacionalitaria esteada por V. Risco, sobre todo e na medida en que, como ten subliñado X. G. Beramendi, para eles os elementos espirituais (Volksgeist, lingua,...) tenden a predominar na constitución da nacionalidade sobre aqueles outros de carácter físico (raza...), o que sinalará unha nidia liña de marcación democrática respecto de ulteriores derivacións risquianas cara a fundamentacións racistas do feito nacional.

Por outra parte, sen compartir o rexeitamento de Risco verbo do racionalismo e a ilustración, Vilar Ponte dialoga co liberalismo radical-democrático e mais co federalismo para armar a súa doutrina nacionalitaria. O nacionalismo é un ideal de liberdade, da liberdade nacional entendida como agregado das liberdades individuais dos cidadáns que a compoñen, unha garantía da mesma democracia que quere facer posíbel o dereito á vida libre e independente dos pobos. A reflexión de Ramón Vilar Ponte, influenciado pola doutrina wilsoniana do dereito dos pobos a se autogobernar, apunta para Galiza un horizonte político de autodeterminación nacional que o levará en 1921 a cualificarse como «arredista» e a defender a necesidade dun «arredismo reconstrutor» despois do cal a verba «federación» terá que imporse como algo definitivo. A proposta nacional emancipadora de Vilar Ponte sublíñase na procura dunha patria «libre, soberana, dona dos seus destinos, señora da súa vontade», unha arela que non só é compatíbel senón tamén complementaria do «avance democrático», «dos réximes que se afinquen nunha amplia e decisiva soberanía do pobo» e do «internacionalismo» como sosterá no seu traballo «O sentimento nacionalista e o internacionalismo» publicado en A Nosa Terra en 1929. A afirmación solidamente democrática da formulación nacional dos Vilar Ponte, Peña Novo, Viqueira, Casas, Castelao ou Bóveda veñen contrastar rechamantemente coas vacilacións e receos de Risco e os nacionalistas tradicionalistas sobre a virtualidade do nacionalismo como forza de aprofundamento e construción da democracia representativa. Ademais, o ideal nacionalista é un factor de modernización por canto aspira desde o autogoberno ao aproveitamento máis axeitado dos recursos e bens propios, sen relacións de dependencia e subordinación con outras nacións, e é tamén un factor de progreso fronte ás «vellas escolas ideolóxicas» que abeiran o imperialismo. Pacifismo e antiimperialismo son rasgos esenciais do nacionalismo proposto por R. Vilar Ponte quen o postula como un freo ante os desexos territoriais dos estados alén das súas fronteiras nacionais, expansión que na súa opinión é a causa fundamental dos conflitos bélicos entre as nacións e a principal ameaza sobre a seguridade mundial. O nacionalismo, afirma R. Vilar Ponte, non só é antiimperialista senón que tamén é a negación do imperialismo en tanto que «tendencia dos estados a facerse grandes a costa de outros, valéndose principalmente da forza bruta». O nacionalismo é, pois, na súa idea, unha expresión política incompatíbel e reactiva fronte á expansión imperialista negadora «do dereito dos pobos a seguiren libremente a súa sorte».

O rexeitamento esténdese igualmente á chamada «política colonial» que cualifica como unha «política de opresión, de asoballamento, de tortura e de aniquilación de pobos» que, en aras dun suposto labor civilizador, agocha non obstante o desexo de «privar a outros pobos do seu autodominio e o exercicio da súa vontade». A oposición a un concerto internacional fundado nas apetencias imperiais e nas imposicións coloniais é acompañada da vindicación dunha nova orde internacional onde o ideal nacionalista converxe cos «degoiros internacionalistas, de pacificación e fraternidade universais »  e recoñece aos pobos e nacións «como sólidos e verdadeiros cimentos onde afincar o xurdio edificio da futura organización mundial que, entre os moitos beneficios a reportar, terá o de proporcionar o inestimable da pacificación universal».

A reflexión doutrinaria de R. Vilar Ponte sobre o nacionalismo alumea xa a comenzo da década dos vinte, ben que xermolarmente en casos, moitos dos trazos definidores que armarán o nacionalismo politicamente actuante na década seguinte. Alén da inequívoca afirmación de Galiza como nación e suxeito político colectivo e do nacionalismo como forza da súa representación nacional, a aportación vilariana ratificará nos anos trinta o seu compromiso coa construción da democracia republicana, a refundación federal do estado, e a construción dunha sociedade mundial de nacións, afirmadas no seu dereito a decidir soberanamente, oposta frontalmente ao imperialismo e ao colonialismo para facer valer efectivamente o exercicio do «inalienable dereito que os pobos, como os individuos, teñen a rexirse e gobernarse a si mesmos». Trazos estes que informarán a cultura política do nacionalismo na etapa republicana e que, malia a imposición polas armas da ditadura franquista, terán a súa continuidade ideolóxica nas reformulacións do nacionalismo galego da posguerra.

Doctrina Nazonalista,  obra de Ramón Viular Ponte, publicada en Ferrol no 1921

En 1921, L. Peña Novo gañou o «Primeiro Concurso sobre temas interesantes para Galiza», que fora convocado pola revista Mondariz , con La mancomunidad gallega . As resolucións da II Asemblea Nacionalista (1919) pronunciaranse pola constitución da Mancomunidade galega como unha vía para profundar na descentralización e avanzar cara á autonomía integral, e o traballo de Peña Novo vén desenvolver acaidamente ese obxectivo programático das Irmandades, ao tempo que repasaba as pexas do atraso socioeconómico da Galiza da época e se debruzaba nos requerimentos xurídicos e administrativos que esixía a institucionalización da Mancomunidade Galega. A importancia desta obra, para a nosa idea, radica, primeiramente, no seu tratamento sistemático de cuestións económicas que ata daquela ocuparan un papel secundario na reflexión ensaística do nacionalismo, e, fundamentalmente, en que formula primeirizamente un conxunto de políticas públicas que perfilan un programa de desenvolvemento económico, organización administrativa e territorial de Galiza. Peña Novo fai un estado da cuestión sobre as modalidades de descentralización administrativa e revisa os precedentes da Mancomunidade Catalana, pero, sobre todo, expón un corpo de reformas fiscais de signo librecambista e deseña os piares dun programa de políticas públicas no tocante ás infraestruturas e ás obras hidráulicas, á capacitación agraria e ao desenvolvemento do ensino superior para a formación de capital humano. Peña Novo será o primeiro en chamar a atención do nacionalismo sobre a necesidade de articular un modelo económico propio e desde La Mancomunidad Gallega insistirá en que «para que una nación sea verdaderamente soberana de si misma es indispensábel que tenga su economía independizada».

Do cisma do nacionalismo ao seu reencontro

Nos primeiros anos vinte o nacionalismo galego ten acadado como corpo de ideas unha innegábel madureza que, endemal, non foi arroupada por un parello desenvolvemento como movemento e organización política. Malia non se agochar sensibilidades políticas diferenciadas e referentes ideolóxicos ben plurais, existe un ideario compartido que: a) actualiza o concepto de Galiza-nación; b) amosa a súa preferencia historiscista e organicista na definición da identidade nacional, c) afírmase nos seus compoñentes esencialista e etnicista, d) atopa nas nacións célticas (nomeadamente en Irlanda), en Portugal e en Cataluña os seus referentes de integración simbólica e afinidade política; e) substancia a súa misión no logro dunha autonomía integral e na reconstitución trinitaria —espiritual, política e económica— do país; f) responsabiliza ás oligarquías caciquís dos males públicos de Galiza e acusa a Castela/Estado español unitario de ser o instrumento deturpador das esencias da nación galega; e g) sinala a construción confederal de Iberia como solución para asegurar a liberdade das nacións que a compoñen.

Na Asemblea de Lugo conseguirase callar unha «coalición dominante» entre a tendencia liberal-democrática de Peña Novo, A. Vilar Ponte, Viqueira... e a máis tradicionalista e conservadora liderada por Losada e Risco, que lle permitiu ás Irmandades certa estabilidade organizativa. As contrastadas referencias ideolóxicas irán co tempo agrandando o desencontro de ambas as dúas tendencias. A corrente tradicionalista e conservadora, ancorada nun catolicismo cangado ás veces de fundamentalismo, combate o laicismo e a secularización; desconfiante das institucións da democracia liberal procurará unha alternativa nunha democracia agraria de pequenos produtores, e fronte aos proxectos políticos que reclaman suxeitos colectivos, de masas, e maiorías sociais lexitimadoras, sob capa de populismo, postularase a necesidade dunha elite, dunha aristocracia intelectual a quen lle corresponde a función directiva da sociedade. Os referentes dos liberais-demócratas, pola súa parte, proceden do rexeneracionismo e o federalismo pimargaliano e cristalizan nunha proposta cívica, « nada conquerirá unha nación con reformas políticas —dirá Peña Novo— sinon responden a unha cidadanía vixiante», que quere dar unha resposta unitaria aos que, en palabras de Peña Novo, eran os tres problemas da humanidade: o nacional. o democrático e o social. Un nacionalismo que culmina o triunfo da democracia para o exercicio das liberdades individuais e colectivas, da emancipación das minorías oprimidas e o fin das oligarquías económicas e políticas. Un programa político que Xoán Vicente Viqueira resumía « denantes de todo Libertade» e na loita por unha « democracia galega» que ten que «recoller as novas orientaciós sociás», «unha democracia social que despois de abranguer a igualdade jurírica conquira a igualdade social».

Johan V. Viqueira caricaturizado por Cebreiro.

Malia todo, no tránsito á década dos vinte as diferencias non se expresan dun modo tan rechamante, aínda que nas Asembleas nacionalistas de Santiago e Vigo non se deixen de evidenciar crecentes diferencias de criterio verbo da necesidade e as posibilidades da participación política e electoral como vieiro de concientización nacionalista.

Despois de 1919-20 Risco, na súa condición de presidente do Consello Permanente e de guieiro teórico, logra facerse co control político efectivo das Irmandades neutralizando vagarosamente a influencia do grupo coruñés. O factor desequilibrante será, sen dúbida, a aproximación de A. Vilar Ponte ás posicións de Risco, partidario do abstencionismo electoral. A estratexia risquiana xustificarase na necesidade de acumular o nacionalismo forzas e apoios socias a través dun traballo proselitista e concientizador antes de irromper no xogo electoral e tamén no imperativo de facelo sobre a matriz do ideario nacionalista sen procurar alianza coas organizacións opositoras ao sistema da Restauración. O nacionalismo confórmase así non tanto nun partido antisistema como nun partido fóra do sistema. Un discurso nacionalista e populista acusadamente radicalizado, xunto cunha crítica feroz á clase política e ás súas organizacións, anima o antipoliticismo de Risco, quen desexaba preservar incólume a potencialidade rexeneradora do nacionalismo a base de poñelo á marxe da intervención política. Estas opinións dominantes no Consello Permanente batían abertamente coa estratexia da Irmandade coruñesa, convencida de que a acción política e electoral tería un efecto multiplicador da conciencia nacional.

A tensión entre ambas as concepcións foi en aumento desde mediados de 1921; a negativa do Consello Permanente a promover a participación das Irmandades nos comicios provinciais dese ano precipitará a crise. Primeiramente, farase manifesto o achegamento a Risco de A. Vilar Ponte, que atacará desde ANT a estratexia participativa dos «políticos»; a contestación do grupo coruñés non se fixo agardar e Vilar Ponte será relevado en xaneiro de 1922 da dirección do xornal. Pouco despois un artigo de Ramón Vilar, « A política e o nacionalismo», resumirá o posicionamento dos «apolíticos». O nacionalismo nada ten que ver coa política nin cos partidos políticos; os seus esforzos para a creación dunha personalidade colectiva deben ficar á marxe da acción electoral e só é concebíbel a participación nacionalista "nunhas eleccións para unhas Cortes galegas constituíntes que daránlle a Galiza a soberanía compreta».

Ramón Vilar Ponte visto por Álvaro Cebreiro.

A IV Asemblea nacionalista convocada en Monforte do 18 ao 20 de febreiro de 1922 profundará na división. Neutralizada a maioría coruñesa coa aprobación dun regulamento que lle outorgaba unha representación corporativa de 3 membros a cada unha das Irmandades, as posicións risquianas impuxéronse malia a oposición da delegación coruñesa. As irmandades sufrirán un substancial cambio organizativo e converteranse na Irmandade Nacionalista Galega (ING, máis xerarquizada e centralizada, que elixirá a Risco como lider indiscutíbel. A Irmandade coruñesa negárase a lle dar validez aos acordos e fica fóra da disciplina da ING. O debate entre as dúas concepcións rebrotará novamente a finais de 1922, cando Peña Novo contesta ferozmente un artigo xornalístico de M. Lustres Rivas en La Zarpa no que se pronunciaba por unha concepción apolítica do galeguismo. A concepción democrática do nacionalismo de Peña Novo exprésase abertamente: o sometemento de Galiza ao Estado español, ademais de "un problema de redención nacional, plantea un problema inmediato de cidadanía», o nacionalismo é na súa idea un movemento "sustancial e profundamente político» para crear a conciencia nacional do pobo e sementar nel «un espiritu de democracia e xusticia que provoque fecundas rebeldías». Nunha posterior contestación a Risco, insistirá na configuración do nacionalismo como un movemento de intervención política contra o centralismo, rexeita os postulados apoliticistas de Monforte e acusa ao dirixente ourensán de «reducir o nacionalismo a un problema de cultura».

A división interna eiva as posibilidades de expansión do nacionalismo no contexto de crise avivecida que sofre o sistema da Restauración. A ING non será quen de ampliar substancialmente os apoios sociais herdados das Irmandades por máis que o achegamento a Basilio Álvarez lle permita acrecentar a súa audiencia nos círculos agraristas. A Irmandade coruñesa, pola súa parte, reafirmada na súa tradición republicana federal e democrático-liberal, participa sen éxito nas eleccións xerais de 1923 e irá ampliando progresivamente a súa colaboración cos republicanos coruñeses que lidera S. Casares Quiroga. A Ditadura de Primo de Rivera cancelará de vez as novas estratexias do nacionalismo galego e empurrará os seus dirixentes a se envorcar no traballo intelectual e culturalista.

A saída da crise múltiple que abaneaba o Estado español foi o golpe de estado de Primo de Rivera (setembro de 1923). O novo réxime autoritario significou a substitución dun goberno civil por un «Directorio» militar, a supresión de garantías constitucionais e a disolución do Parlamento e supón, xa que logo, unha interrupción do réxime liberal.

Nos primeiros intres da Ditadura, en Galiza e en todo o Estado, moitos sectores sociais e políticos situados fóra do sistema político dominante, nun acoplo abano que cobría o agrarismo, mesmo sectores do nacionalismo e aínda do movemento obreiro, atollen con positiva expectación a retórica rexeneracionista do ditador e valoran menos a suspensión das liberdades que as promesas de rematar coa «vena política caciquil». En Galiza, para lograr atraer algún sector do nacionalismo, a Ditadura lanza, a través de J. Calvo Sotelo e vía Losada Diéguez, o proxecto de constitución da Mancomunidade Galega. Con este engado membros da ING inician a súa colaboración co novo réxime e así A. Vilar Ponte, Risco e Losada Diéguez aceptan cargos institucionais do mesmo e redactan un proxecto de Mancomunidade Galega que non chegará a prosperar. Os apoios galeguistas desaparecen ao tempo que a ditadura ja acentuando os seus trazos fascista-corporativos.

Entre 1923 e 1930, asistirase ao afortalamento do Estado como motor da vida económica, á represión da sociedade civil articulada e das organizacións obreiras, á censura e ao recorte de libertades, e á preeminencia da política militar (que conduce á pacificación do Rif). Á altura de 1931, ao desgaste da ditadura únese o da Monarquía que a apoiara, de modo que a ampla fronte de oposición asocia a recuperación da democracia coa instauración dun réxime republicano. Nesta conxuntura, o nacionalismo galego acentúa as súas compoñentes republicanas. Entre 1929 e 1931, nas condicións da fin da Ditadura e do advento da democracia republicana o nacionalismo galego coñece unha reactivación sen precedentes, en termos ideolóxicos e, sobre todo, organizativos, coa aparición dun feixe de grupos que rematarán por confluír no Partido Galeguista en decembro de 1931. O núcleo coruñés afondará na colaboración iniciada cos grupos republicanos autonomistas capitaneados por Casares Quiroga, con quen converxerán na fundación da Organización Republicana Gallega Autónoma (O.R.G.A.). No grupo fundacional da ORGA estará tamén A. Vilar Ponte, quen, tras a experiencia da ditadura e anoxado do apoliticismo risquiano, pasará a ser unha referencia fundamental desta nova organización. Pola súa parte, as outras faccións do nacionalismo, tras a VI Asemblea Nacionalista da Coruña en 1930, tentaran articular sen éxito o Partido Republicano Autonomista Agrario, mais os esforzos de organización farán xermolar unha manchea de grupos locais, o Partido Nazonalista Repubricán en Ourense, o Grupo Autonomista Galego en Vigo e así ata 32 colectivos que, ao cabo, converxerán na fundación do Partido Galeguista en decembro de 1931.

Luís Peña Novo, orador nun mítin en Lugo.

Coa II República retómase con rotundidade o aperturismo que caracterizou os anos posteriores á Grande Guerra; recupéranse con máis radicalidade as tendencias reformistas interrompidas pola Ditadura, comeza a construírse unha auténtica democracia de masas e o nacionalismo galego abre unha nova andaina na súa loita polo autogoberno soberano de Galiza.

IMAXES