A Etapa Contemporánea (S. XX)
A nova narrativa
Importancia e valoracións da "Nova Narrativa"

Poucos movementos literarios provocaron na historia da nosa narrativa reaccións tan encontradas, xa desde a publicación das propias obras, que deron certa sona a este grupo de escritores. Esta fama contrapoñíase á opinión certarnente crítica que tiveron entre os seus contemporáneos. Destacábeis son as severas afirmacións de Carballo Calero (1983) incidindo no carácter experimental desta literatura:

Ricardo Carvalho Calero

"Mais, a literatura experimental é, en realidade, preliteratura. Hai que saír do laboratorio".

Tamén Bernardino Graña (1965) bota en falta unha literatura que exprese algún tipo de sentimentos:

"O leitor acostuma querer sufrir, bulir, aledarse, vivir cos personaxes literarios facéndoos carne do seu ser".

Ou Arcadio López Casanova, que fala " dun mundo de prestado, inauténtico. Unha literatura mimética (...) " . De entre as moitas valoracións a respeito disto, cómpre destacarmos as palabras que Eduardo Blanco-Amor dedica, máis ou menos directamente, a este grupo literario, no "Prólogo útil" a Xente ao lonxe (1972). Despois de renunciar a ser encadrado en ningunha escola, para non ser tachado de oportunista, e poñendo por diante sempre a súa vontade de escribir " pra a xente ", expresa a súa opinión non sen unha certa dose de ironía:

"nada hai que se opoña á adoución do "novo experimental", incruso das brincadeiras lúdicas que toda novidade de por alí endiente nos propoña, con tal de que, ademais de novas, sexan necesarias".

Os propios escritores e escritoras saíron ao paso, en máis dunha ocasión, destas opinións sobre as súas obras. Quizais as máis argumentadas sexan as afirmacións de María Xosé Queizán na revista Grial (1979), que conclúe:

María Xosé Queizán.

"Infíltrase na Nova Narrativa o absurdo das situacións, da dependencia que non acaba, da espiral da loucura sen remate froito da inseguridade do pobo galego en si mesmo e dos muros físicos e psicolóxicos que topa ao pretender saír do cerco secular. Desde este punto de vista, a Nova Narrativa, lonxe de ser un produto importado, cosmopolita e formalista (como se ten afirmado), é un resultado da nosa realidade e ten os alicerces das nosas raíces históricas".

O propio Méndez Ferrín fala da enorme calidade dos escritores e escritoras da "Nova Narrativa" e defende (1966) o seu compromiso:

"No fondo dos novos narradores existe unha preocupación sincera dos problemas da realidade galega".

Tamén encontramos opinións de escritores coétaneos, non pertencentes ao grupo, que gaban o seu labor, como no prólogo de Manuel María (1968) a A Torre de Babel ,en que afirma:

"Coido que a nosa narrativa está chea de intrés. I entendo que a nova narrativa está cada vez máis madura. Os escritores(...) abriron unhos camiños que eran moi necesarios na literatura galega.(...) Trouxeron un novo e moderno censo do lenguaxe".

Manuel María

Independentemente das distintas valoracións, non cabe dúbida de que estamos diante dun grupo de escritores, moi novos e novas daquela, que acabaron dando unha obra extensa e variada para a nosa literatura, agás o caso do malogrado Casal e do retirado Mourullo, e que nalgún caso como Ferrín e Casares, abriron vieiros que logo percorrerían outros moitos. Sería necesario reeditar algunha das obras que ficaron na primeira edición e difundir, o máis posíbel, este interesante momento da narrativa galega.

IMAXES