A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa de Eduardo Blanco Amor: o descubrimento dun mundo conflitivo
Infancia e Adolescencia

Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense o 14 de setembro de 1897, ben que na lapela dalgúns dos seus libros apareza o ano 1900, ano que o propio escritor tiña "escollido", pola súa significación —nacer co século— como o verdadeiro do seu nacemento. Pertenceu a unha familia humilde, aínda que el gostaba de dicir que era de certo avoengo en declinio. O pai era de oficio barbeiro e a nai, que era a súa segunda muller, traballaba nun posto de flores no mercado. Eduardo era o máis novo de cinco irmáns, os tres máis vellos proviñan do primeiro matrimonio do seu pai. Este abandonou a casa familiar, a marchar a vivir con outra muller, cando o futuro escritor contaba só sete anos, feito que influíu decisivamente no seu carácter e que se reflecte de modo moi transparente na súa primeira novela, La catedral y el niño ,obra de notorias características autobiográficas, aínda que transferidas a unha clase social superior.

Eduardo Blanco Amor.

Viviu na súa cidade natal ata 1916 data en que emigrou para a Arxentina. Tiña 19 anos. Esta marcha para a Arxentina debeuse a razóns familiares e económicas —un tío seu vivía en Buenos Aires—, ameaza do servizo militar, mais tamén respondía a un certo espírito aventureiro que sempre acompañou ao escritor. Xa aos quince anos escapara da casa sendo apañado pola Garda Civil.

Durante a súa época ourensá foi neno de coro da catedral, estudiou o bacharelato no Instituto e despois a carreira de mestre na Escola de Maxisterio. Estes anos constitúen de certo o seu máis prezado alimento literario e refléctense en toda a súa obra narrativa, sempre intimamente ligada ás súas lembranzas infantís e adolescentes.

IMAXES