A Etapa Contemporánea (S. XX)
A prosa didáctica (1916-1936)
Introducción: As publicacións periódicas, soporte da ideoloxía galeguista

O período que imos analizar caracterízase, politicamente, pola superación do rexionalismo dos anos precedentes, lingüísticamente pola asunción do compromiso na restauración de usos do idioma, e, culturalmente, pola renovación e modernización de todos os campos do saber. Un labor fundamental nestes anos desempeñaron as editoriais e as publicacións periódicas: xornais, revistas, boletíns, etc., que contribuiron a espallar a conciencia galeguista e a revitalizar e normalizar o panorama cultural. De entre estas publicacións, mención especial merece o boletín A Nosa Terra , que comeza a publicarse o 14 de novembro de 1916, co subtítulo de "Idearium da Irmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas de América e Portugal". Foi Antón Villar Ponte  o principal promotor da creación da primeira Irmandade dos Amigos da Fala da Coruña" ,en maio de 1916. Despois de realizar unha campaña coa publicación de diferentes artigos xornalísticos chamando á creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego, publica, en marzo de 1916 o folleto Nacionalismo gallego (apuntes para un libro). Nuestra afirmación regional. A este chamamento, idea en primeira instancia do seu irmán, Ramón , van acudir persoas de moi diferente ideoloxía, unidas polo obxectivo de defender o idioma galego, inxustamente esquecido e marxinado. Preténdese incrementar o seu uso e elevalo á categoría que merece, partindo de que Galiza, "patria natural", ten un idioma propio, que é o seu lóxico instrumento de expresión, e a esencia da identidade galega. Fica ben clara, pois, desde o principio, a caracterización política das Irmandades ,que nunca se moveron nun ámbito estrictamente cultural. Moi pronto, a iniciativa coruñesa continúa noutros puntos do país: Compostela, Monforte, Ourense, Vilalba,..., comezando a xestación do que sería o primeiro movemento " nacionalista " galego.

Luis Peña Novo.

Meses máis tarde sae á luz o xornal A Nosa Terra , voceiro das Irmandades nunha primeira etapa, portavoz do Partido Galeguista desde o 1932. Nas súas páxinas podemos ler as colaboracións dos máis destacados compoñentes das Irmandades : Antón e Ramón Villar Ponte, Luís Porteiro Garea, Antón Losada Diéguez , Xoán Vicente Viqueira , Xaime Quintanilla , Lois Peña Novo,... Os temas son moi variados: política, historia, economía, etc, destacando as colaboracións literarias e as reflexións arredor da problemática da lingua no período comprendido entre 1916 e 1920, período definido como a " Idade de Ouro "por Mª Do Carmo Henríquez Salido.

Case vinte anos despois do seu nacemento, Víctor Casas, o seu director a partir do ano 1922 (tras a escisión ideolóxica nas Irmandades que aparta deste cargo a Antón Villar Ponte) fai resume do camiño andado:

"Salvo moi pequenas e poco frecuentes intermitencias "A Nosa Terra" publicouse normalmente. Resulta certamente curioso ollar como algún dos nomes que nos seus comenzos figuraron como colaboradores, por figuraren tamén nas Irmandades, cando estas eran aínda unha cousa sen definir nin intervención política galega, foron mais adiante enimigos do galeguismo tan e como nós o sentimos e practicamos que naturalmente garda do concepto dos outros unha longa distancia".

Antón Vilar Ponte nunha caricatura de Álvaro Cebreiro aparecida en  Rexurdimento.

Foi o ton de progresivo acentuamento nacionalista, francamente nacionalista, que Villar Ponte imprimiu ao boletín o que á par que ía creando unha conciencia neste senso determinaba o afastamento dos que non pasaban máis aló do "rexionalismo". "A Nosa Terra" foi unha magnífica peneira."

A Nosa Terra vai supoñer, xa que logo, a superación do rexionalismo practicado polos seus predecesores e por moitos dos seus coetáneos. Un rexionalismo que é criticado en múltiples ocasións nas páxinas do boletín, e que, a nivel lingüístico, se traduce na utilización do galego só para certos rexistros ou mesmo na utilización do español para louvar a nosa lingua e literatura. A negativa dos membros das Irmandades a seren considerados rexionalistas , "palabra que non recolle as súas aspiracións" ten a súa expresión máis evidente na I Asemblea Nazonalista celebrada en Lugo no 1918, onde se declaran "nacionalistas". A nivel plástico, esa mudanza pode observarse nas diferencias que se producen na cabeceira deste boletín confrontándoo co da primeira etapa de A Nosa Terra (publicación bilingüe aparecida no 1907, vinculada a Solidaridad Gallega ), aspecto que xa ten sido salientado por Valentín Paz Andrade :

"Con o subtítulo de "Idearium das Irmandades da Fala en Galicia", resucitou na Coruña "A Nosa Terra". Desde o primeiro número introduxo algúns desmarques importantes con respecto ao vello patrón. O primeiro foi a redacción enteiramente en galego. Na cabeceira, troque de símbolos. A gaita fora sustituida pola fouce, na mao ergueita de unha labrega. Amosaba darlle tronce ao adival do centralismo. De un cabo a outro da corda turraban ministros con farda e bicorno, de unha banda, e da outra, mandachuvas a pelo."

Se a nivel político as Irmandades reivindican unha "Autonomía Integral" para Galiza, no que se refire ao aspecto lingüístico, reclaman a "cooficialidade" do galego e do español. A defensa do idioma estivo sempre presente nas páxinas do seu boletín: primeiro co chamamento de Antón Villar Ponte, no artigo " A bandeira ergueita " no que se insiste en que A Nosa Terra quere que surxan 'prosistas' na nosa lingua, máis tarde, co recoñecemento do camiño andado "Daquela (no 1916) non había máis que arqueólogos da literatura, da historia e dos moimentos galegos" ou "tense escrito en prosa galega máis no pouco que vai de século que en toda a vida da nosa fala", pasando polos artigos de denuncia de actitudes antigalegas, da españolización e deturpación de topónimos e apelidos ou polo compromiso lingüístico manifestado por diversos sectores sociais, nomeadamente aqueles considerados elevados (catedráticos, avogados, xuíces, notarios, bispos).

Ao labor cultural en prol do idioma galego das Irmandades vanse unir os homes de Nós, que enriquecen notabelmente o panorama literario da Galiza de comezos de século. O grupo inicial é o formado por Ramón Otero Pedrayo , Vicente Risco e Florentino López Cuevillas , autores que, como eles mesmo explican na súa obra (concretamente nos ensaios " Nós, os inadaptados ", de Risco, "D os nosos tempos " de Cuevillas e na novela " Arredor de si " de Otero), pasan por unha fase de " inadaptación ", de cosmopolitismo e exotismo nunha fuxida do que os rodeaba por sentírense insatisfeitos, disconformes co mundo que tiñan ao seu redor, antes de se integraren no movemento galeguista, influídos especialmente por Antón Losada Diéguez . Vicente Risco, no seu famoso " Nós, os inadaptados ", explica esta primeira etapa pre-galeguista de afastamento da realidade circundante e procura do exótico:

"Nós eramos exotistas, partidarios do lonxano, do recuado, do descoñecido. O noso ensoño iba cara as terras exóticas, onde se non coñeceran as máquinas e os homes non levaran chistera: os recantos aínda case inéditos da India, da Africa central, do Thibet misterioso, ou cara os tempos antigos de Exipto e Babilonia".

Son xustamente Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo, Arturo Noguerol e Primitivo Rodríguez Sanjurjo os que promoven a publicación da revista La Centuria no 1917, moi lonxe dos ideais e preocupacións das Irmandades. Hai, sen embargo, similitudes coa revista que moi pronto se converteria no seu organismo de expresión, Nós , da que sae o primeiro número o 30 de outubro de 1920. Nas dúas está presente a idea de realizar unha revista fundamentalmente literaria dirixida ás élites intelectuais do país, con grande presencia de autores estranxeiros, presentando aportacións orixinais, que eliminen a dependencia intelectual española.

Se comparamos as palabras iniciais de La Centuria coas " Primeiras verbas " do primeiro número de Nós , observamos a mesma idea da necesidade de se abrir ao mundo, ao pensamento dos pobos cultos, sen "intermediarios" (sen pasar pola Meseta) e a afirmación da orixinalidade, da especificidade da nosa cultura, do noso verdadeiro Ser, da nosa personalidade como pobo diferenciado. Velaí un dos obxectivos fundamentais de Nós .

Luís Porteiro Garea co seu fillo.

Outro antecedente da revista Nós foron unhas páxinas que, co mesmo nome e o mesmo debuxo da portada, se publicaban no xornal El Noroeste da Coruña no 1918.

Ao grupo inicial de Nós uniranse outros homes de diferente traxectoria ideolóxica, como Castelao, Cabanillas ou Ánxel Casal, este último na importantísima tarefa de editor que levou a Castelao a afirmar que "fixo máis Casal por Galicia que todos nós". Sen o seu labor, ficaríamos sen aquelas editoriais que supuxeron a creación dunha industria afín á causa galeguista. Podemos, polo tanto, estar de acordo con Xosé Luís Méndez Ferrín cando afirma, referíndose ao que nós preferimos denominar como " Grupo Nós ", que:

"Por primeira vez na historia da literatura galega contemporánea aparece un grupo xeracional que se propón, en colectivo, o artellamento de órgaos e institucións culturais integrados dentro dunha doutrina política que tende globalmente ó rexurdimento da cultura e máis da sociedade galega: esta é a que chamaremos Xeración Nós (XN).

Con anterioridade, os escritores eran senlleiros, adicados fundamentalmente á súa obra, case sempre bilingüe. Coa aparición da X.N. forman grupo coherente, apóianse, crean editoriais, revistas de cultura, xornais, organizacións políticas e de defensa do idioma. Este estreito entramado dota a Galicia das canles precisas para que se desenvolva unha vida cultural máis normalizada. E abre paso ao nacionalismo político".

O Grupo Nós dedicou todo o seu esforzo á construcción de grandes empresas culturais, sen esquecer a necesidade de realizar unha difusión máis ampla do seu labor, polo que creou e sostivo pequenas publicacións populares, a prezos moi baratos, e, en ocasións mesmo sen custo ningún. É así como xorden as coleccións Lar , Céltiga , xa tratadas noutro fascículo, e os " Suplementos " de Nós , que comezan a súa andaina en novembro de 1927. Estes Suplementos servían para difundir de xeito gratuíto pequenas obras literarias, conferencias, homenaxes, discursos, ensaios,... Conseguen para iso o apoio económico de comerciantes, bancos e diversas institucións, a cambio do seu anuncio na portada. É a publicidade de Nós e dos Suplementos xustamente un dos seus maiores atractivos, pois, a través deles podemos deducir os sectores sociais que apoiaban a causa galeguista: avogados, médicos, empresarios, banqueiros,...

Vicente Risco vai ser o director da revista Nós , realizando ademais numerosas e importantes colaboracións sobre diferentes temas, salientando entre as súas contribucións os seus estudios sobre etnografía. Coa publicación de máis de cen traballos, convértese no autor que máis páxinas escribe para a revista. Castelao será o director artístico, e, ademais da súa contribución como debuxante, publicará aquí diferentes estudios sobre arte, aínda que a súa aportación será moito menor. Cuevillas vaise dedicar á prehistoria, e Otero é outro autor que, xunto con Risco, realiza moitas e moi diversas colaboracións, desde crítica de libros aos seus famosos estudios sobre xeografía ou historia. Igualmente participarán no proxecto algúns dos membros das Irmandades, e, a partir de 1923 os mozos universitarios que crean o Seminario de Estudos Galegos .

Carlos Casares distingue dúas etapas ben definidas na traxectoria da revista:

  1. A primeira, que incluiría os 18 primeiros números, tería un carácter fundamentalmente literario.
  2. A segunda, desde o número 19 ao final, sería unha etapa onde se dan cabida a moitos traballos de carácter científico, ben sobre prehistoria, etnografía, arqueoloxía, etc.

Para Mª do Carmo Henríquez Salido, as etapas que podemos sinalar na revista son tres:

  1. Do ano 1920 a 1923 (os primeiros 18 números), que constitúen a súa "Idade de Ouro". Neste período observamos o achegamento ás correntes europeas na procura da renovación e modernización da nosa cultura. Procúrase agora dar resposta a que é a identidade galega, o seu ser nacional.
  2. Do ano 1925 aos últimos meses de 1929 (números 19 a 72). Predominan aquí os traballos sobre Prehistoria, Arqueoloxía, Xeografía,..., pois a dictadura impide outras colaboración diferentes das estrictamente culturais.
  3. Desde 1930 a 1935 (números 73 a 144). Coménzase novamente o debate político cunha procura de renovación de ideas e obxectivos.

Guiándonos polo criterio da maior coherencia, da maior trabazón e do proxecto claro de que tipo de revista e de contidos se queren ofrecer, chegamos facilmente a diferenciar os primeiros dezaoito números do resto. Nestes exemplares hai un claro predominio das colaboracións artístico-literarias e da introducción de autores estranxeiros: o portugués Teixeira de Pascoaes, o francés Philéas Lebesgue, o armenio Hrand Nazariantz, o irlandés Terencio Mac Swiney, António de Cértima Cunha Barros, Alexandre de Códova, son algúns dos autores dos que se introduce algún texto, ademais de incluír tamén estudios sobre a súa obra e persoa. Completan esta viaxe por Europa un número dedicado a Irlanda, un artigo sobre a situación actual da literatura portuguesa e dous sobre o teósofo alemán Rudolf Steiner. Nesta etapa publícanse, ademais, textos importantísimos como a " Estética da muiñeira " de Euxenio Montes, " O cubismo " de Castelao, " Encol da aldeia " de Otero, entre outros. Esteticamente tamén se aprecia unha maior preocupación e coidado nas ilustracións que acompañan os textos e na súa disposición.

Ánxel Casal visto por Maside.

A partir de aquí, outros temas encherán a revista, que será un pouco unha miscelánea de diversas actividades e temas, abundando as colaboracións dos socios do Seminario de Estudos Galegos . Xustamente o número 19 comeza coa publicación do " A edade do ferro na Galiza " de Cuevillas, traballo lido nesta institución o 18 de abril de 1924. Mais é evidente que coa caída da dictadura se introducen xa outros temas de reflexión, entre os que hai que salientar as colaboracións propiamente políticas. Así, é de especial relevancia o número 80 (15 de agosto de 1930) dedicado á celebración do Día de Galiza no que se inclúen os discursos pronunciados en Vigo por Otero, Castelao e Paz Andrade, titulados respectivamente " A siñificación espiritoal do Dia de Galiza ", " O Galeguismo no Arte " e " A nosa defiñición autonomista ". Outros artigos deste tipo son os recollidos nos números 95 (15 de novembro de 1931) " Refreisións encol do momento aitual da Galicia " de Luis Tobío e 139-144 " Esprito político e forma cultural da nova Galicia " de Francisco Fernández del Riego . Na mesma liña, de profundización e reflexión están as diversas críticas literarias de Carballo Calero desta época, o artigo sobre a unificación da lingua de Ramón Villar Ponte (números 139-144) ou o famoso " Nós, os inadaptados " de Risco (nº 115).

Mais non rematan aquí, como é lóxico, as publicacións que difunden a prosa ensaística ou xornalística desta época. No capítulo dedicado á popularización da novela curta, faise un estudio pormenorizado da prensa da época, deténdose en dous xornais claves para a defensa tanto da identidade lingüística e cultural do noso país, como da ideoloxía nacionalista a través dos artigos que subscriben importantes escritores e intelectuais da época. Estamos a falar de Galicia e de El Pueblo Gallego , xornais vigueses que comezan a editarse en 1922 e 1924 respectivamente.

Outras publicacións menores, non pola súa importancia para a cultura galega, senón polo seu carácter local e a súa tirada máis reducida, apareceron en cantidade de vilas do noso país, alentadas por homes vinculados ás Irmandades . Cabe subliñar, de entre elas, a revista Rexurdimento , na que colaboraron non só importantes betanceiros (Lois Cortiñas, Salvador Mosteiro, Xosé Veiga Roel), senón os máis importantes representantes da lingua e literatura das dúas décadas das que estamos a falar: Leandro Carré, Cabanillas, Alvaro Cebreiro, Víctor Casas, Antón Villar Ponte,... Inclúese tamén, igual que en Nós , abundante publicidade, e mesmo noticias doutras nacionalidades (como Irlanda e Catalunya), colaboracións de autores estranxeiros (como Teixeira de Pascoaes) á beira de noticias locais e nacionais. Tras unha primeira etapa de vinculación á Irmandade da Fala de Betanzos , reaparece no 1923, converténdose no órgano oficial da Irmandade Nazonalista Galega liderada por Risco, incorporando novas asinaturas nas colaboracións (Valentín Paz Andrade, Manuel Antonio, Castelao, o propio Risco...).

Contribución importantísima ao desenvolvemento da prosa nun ámbito submetido a unha forte españolización é a realizada pola revista Logos , que, co subtítitulo de Boletín católico mensual , apareceu o 31 de xaneiro de 1931 na cidade de Pontevedra. A galeguización da Igrexa era o seu obxectivo fundamental e a esta tarefa vanse sumar un número importante de cregos axudados por laicos como Risco, Otero, Ferro Couselo , Cabanillas ou Castelao . O seu promotor foi Filgueira Valverde, quen posibilitou que Xosé Cabada Vázquez , poeta e seminarista levase a cabo este proxecto no que conseguiu integrar a outros membros do clero, entre os que estaban Paulino Pedret Casado, Avelino Gómez Ledo e Aller Ulloa. Realízanse aquí estudios de santos, traduccións para a Liturxia, encamiñando o traballo realizado a conseguir algo que aínda hoxe é excepcional no mundo eclesiástico: a predicación en galego aos fieis.

IMAXES