A Etapa Contemporánea (S. XX)
Teóricos da arte
Introdución

Para podermos entender o desenvolvemento da arte na Galiza neste século XX temos que ter moi en conta a evolución política e social do noso país, é dicir, o desenvolvemento do movemento nacionalista. Non podemos estudiar a arte do século XX na Galiza sen relacionala co nacionalismo e, máis en concreto, coa súa etapa galeguista. Este novo ciclo da nosa historia, como ben se sabe, agroma no 1916 co nacemento das Irmandades da Fala, e segue medrando e tomando corpo coa xente de Nós ata madurar e consolidarse de cheo durante a II República Española, dando como froito o período máis vizoso do galeguismo. Mais no mundo da arte hai certos precedentes que nos falan de que antes desta data xa había un certo movemento, un pequeno rebulir que se concretaba nas chamadas exposicións rexionais ,como a de 1912 ou 1909, nas que se anunciaba un tímido renacer das artes plásticas e un interese, de parte dalgúns artistas, en chamar a atención sobre o que aquí se facía. Pero, e como case sempre acontece á hora de sinalar unha data para marcar o inicio dunha nova etapa, hai aquí pequenas discrepancias. O debuxante e pintor Alvaro Cebreiro di que foi a mostra de 1917, realizada na cidade da Coruña, a que marca o inicio deste espertar artístico galego; mentres que para Luís Seoane non hai cambios significativos ata despois do ano 1920 e sinala o verdadeiro renacemento a partir do ano 1930.

Autocaricatura de Castelao.

Malia estas pequenas discrepancias de datas podemos claramente afirmar que en torno ao movemento das Irmandades da Fala se xerou unha preocupación xeral, que se estendeu, tamén, ao mundo das chamadas artes plásticas; preocupación que vai coincidir coa exposición dos debuxos do álbum Nós de Castelao en varias cidades, no ano 1920, e cunha serie de conferencias e escritos que sobre este tema fan o propio Castelao, Risco e mesmo Viqueira , aínda que moi lonxe este último dos postulados risquianos. Este feito significou, en palabras de Luís Seoane, a primeira afirmación da posibilidade dunha arte galega diferencial e unha apertura ás novas inquedanzas. É, entón, cando podemos empezar a falar dunha arte concebida plenamente desde Galiza, atenta aos problemas reais que padecía o país e que vai ter en conta as nosas peculiaridades culturais.

Comeza así unha nova etapa de rexurdimento da nosa cultura que se viu violentamente truncada polo levantamento fascista de 1936. Foron vinte anos en que toda a produción cultural adquiriu un grande pulo, coincidindo co amplo desenvolvemento que logrou a ideoloxía nacionalista na que, no medio da diversidade, predominaba unha idea que atraía e aglutinaba as diferentes tendencias e persoas, algo que era común a todos: esta era a idea central ou concepto de Galiza-nación. Galiza é unha nación e como tal ten unha cultura propia que se manif esta en todas as súas producións. Desenvólvese un concepto chave, o de cultura galega para erguer o país, e entendendo cultura como o espírito do pobo, superando así a idea que de cultura tiñan os románticos. Para que Galiza contase no mundo, para que tivese personalidade propia, tiña que ter un desenvolvemento histórico, e este non era posíbel sen unha cultura propia. Con este principio como cerne agroma un esplendor cultural que provoca que moitos historiadores falemos dun segundo rexurdimento, desta vez máis amplo que o propio Rexurdimento ao ir máis alá da poesía e abarcar e ter positivos resultados noutros campos como a narrativa, as ciencias e as propias artes plásticas.

Pois hen, para falar da arte hai que ter en conta este novo "descubrimento" de Galiza polos propios galegos, descubrimento que nas artes non vai ser novo, mais vai pasar do superficial, da pura anécdota (as ricas cores dos traxes e dos panos da cabeza ou mesmo, e en palabras de Luís Seoane, nos ollos lánguidamente craros das nosas mulleres )a un compromiso máis serio e de denuncia (os debuxos de Castelao). Neste sentido a arte vai ser un ben cultural máis que coa súa propia dialéctica ten que axudar a definir a nosa propia identidade, un ben que vai axudar nese esforzo común por ser, por estar aí como país e como cultura diferenciada. Vai ser como un campo sementado de símbolos con que poder resistir, vai ser unha toma de conciencia a prol do país.

Neste sentido a arte tivo, se se quere dicir así, unha clara funcionalidade social e política. Pero tamén o podemos dicir doutra maneira: a cultura era un complemento máis da política nacionalista. Xunto coa lingua e as demais esferas do mundo cultural, a arte tamén tiña que estar comprometida en acadar un proxecto nacional, en crear símbolos para fortalecer a nosa identidade e poder así sermos diferentes para sermos existentes, como diría Vicente Risco. Polo tanto, a intención de certos teóricos da arte e do nacionalismo era incorporar de cheo a arte ao conxunto das demais actividades sociais, tendo moi presente que a capacidade de apreciar e valorar unha obra de arte non é algo illado e individual, senón que é produto dunha experiencia colectiva, polo que unha cousa non ten por qué valorarse do mesmo xeito aquí que en Madrid ou París. A arte é algo máis que un conxunto de elementos de valoración estética, pois ten tras de si a expresión dunhas xentes e dunha cultura.

Vén sendo norma, norma difícil de rachar pero que nos últimos anos estámoslle vendo algunhas fendas xa profundas, estudar a arte galega en comparación cunha tradición hexemónica española ou europea. Desde esta perspectiva a arte galega é unha arte serodia que non vai cos tempos nen coas tendencias que campan polas capitais europeas, agás honrosas excepcións como o coñecemento do novo obxectivismo ou os contactos de Souto en Roma co surrealismo. Véndoo desde esta perspectiva non se está valorando xustamente un mundo cultural propio, non se está a recoñecer as súas características específicas, en definitiva, estase a convertela nun apéndice da española e da europea e, entón, si que é certo que imos con retraso. Pero ao facer esta análise elúdense as carencias que tiña/ten o noso país para poder producir unha arte parella e semellante ás xa normalizadas ou máis desenvolvidas. Esquécese, ou non se dá a importancia suficiente, un factor inhibidor como é o feito de que Galiza a penas contaba con institucións axeitadas onde poder aprender o "oficio", que o mecenado era unha cousa case inexistente, e que os centros de ensino se reducían a Escolas de Artes e Oficios e a cursos impartidos polas Sociedades Económicas de Amigos del País. Así as cousas, Galiza configúrase como periferia de Madrid e os artistas aspiran a realizar, ou a perfeccionar, a súa aprendizaxe na capital do Estado e a facerense ver alí participando nas exposicións nacionales. Só uns poucos tratarán e poderán completar esta aprendizaxe noutros lugares, como Roma. Por isto último non son de sospeitar certas influencias dos prerafaelistas. A capital italiana parecía ser a meca forzosa da arte para estes artistas que pasaban antes por Madrid, desviándose do camiño que levaba a París ou a outras capitais culturais do norte europeo, máis proclives á innovación.

Retrato de Francisco Lloréns, por M. Benedito.

Tendo en conta esta situación de carencia de centros e institucións axeitadas para ao normal desenvolvemento das artes plásticas, e o considerar Madrid como principal referente, temos que falar dun certo desenraizamento artístico e dunha relativa falta de tradición plástica no noso país. Mentres que, por citarmos só dous referentes próximos, en varios sentidos, como son Cataluña e o País Vasco, si posuían unha tradición pictórica e unhas institucións vinculadas ás artes plásticas, ou alomenos tíñano desde o romantismo, conectadas co desenvolvemento da identidade nacional e que mesmo chegaron a xerar xa os seus propios ismos ,coma pode ser o mediterranismo en Cataluña. Esta tradición procurou dotarse de institucións artístico-docentes proprias, mirando sempre cara ao que se facía nas máis importantes capitais europeas como podían ser París, Viena ou mesmo Roma.

Mentres tanto para o mundo galego as referencias inmediatas non ían máis alá de Madrid, cidade que nos comezos deste século XX significaba moi pouco, ou non era ningún referente, no mundo artístico. A capital do Estado Español non era periferia de ningunha vangarda, era o centro dun mundo artístico caduco e que xa tiña pechado o seu ciclo en Europa. Para entendérmonos: cando en París ou en Roma ou na mesma Barcelona, xa pelexaban con varios ismos , na capital do Estado Español un pintor para ser recoñecido e aceptado como tal tiña que facer un cadro dos chamados de composición , é dicir, que respectase unhas medidas certamente considerábeis e que tivese como compoñente varias figuras que representasen unha escena con referencia a un certo argumento. Por dicilo claramente: os cadros tiñan que narrar unha historia coñecida polo público ou facilmente recoñecíbel polo mesmo.

Este desenraizamento dos pintores nacidos na Galiza móstrase, tamén, na maneira de pintar, en cómo o artista escolle un tema e no resultado final do mesmo. Tomemos un exemplo dun pintor que case desenvolveu todo o seu labor no século XIX; é o caso de Serafín Avendaño, a quen xa se referira Murguía como un dos precursores. Este artista, morto precisamente en 1916, foi un grande paisaxista. As súas paisaxes son tecnicamente perfectas e están cheas de vibracións luminosas; pero esa luz que aparece nos seus cadros é unha luz mediterránea, unha luz allea á nosa realidade xeográfica, é a luz que o pintor vía en Roma durante os seus anos de aprendizaxe na capital italiana, ou a luz que viu noutras partes do Estado Español. Mais, nada ten que ver coa luminosidade atlántica. As paisaxes de Avendaño, aínda inspirándose en exemplos galegos, teñen pouco que ver coa realidade paisaxística que o pintor tiña diante dos seus ollos. E isto ocorre así porque o pintor traslada á realidade galega os postulados plásticos que adquiriu noutro contexto cultural diferente, pero sen mergullarse agora plenamente na vida e na sociedade que tiña diante dos seus ollos e que el pensaba que estaba a plasmar, cando, en realidade o que facía era trasladar estéticas alleas sen pasalas antes pola peneira da realidade sociocultural galega. Podiamos falar tamén doutro máis próximo como pode ser Francisco Lloréns e, quizais, doutros varios. Isto lévanos a afirmar que cada cultura pode ter o seu propio campo cromático, que non ten porque coincidir co doutra cultura próxima.

As xentes das Irmandades eran conscientes das carencias que había no noso país, e unha das súas teimas, dentro do seu proxecto de contarmos con instrumentos propios, foi dotarse de medios precisos para que os artistas puidesen desenvolver o seu traballo e o pobo galego puidese aprecialo. Unha actividade na que estaba interesada ás Irmandades foi a de organizar exposicións e facer un chamamento para crear un Museo Galego "onde teñan un lugar axeitado e honroso tantas e tantas producciós debidas aos nosos artistas, que agora andan espalladas por moitos lugares, por moitos currunchos, onde non hai facilidade para as estudar, nin é posibre que poidan ser ademiradas pol-as xentes" e para poder contar cunha arte de calidade.

Paisaxe de Serafín Avendaño.

A esta misión entregouse o Seminario de Estudos Galegos que, antes da Guerra Civil, contaba xa cunha importante colección de arte galega, coa clara intención de que algún día pasaran a ser os fondos dun Museo Galego da Arte. Xa uns anos antes, en 1917, e sempre no mesmo medio, no xornal nacionalista A Nosa Terra ,incidíase sobre este tema pedíndolles aos artistas que debían facer as súas exposicións non só para demostrar o "grande valor dos nosos, senón como estímulo e como escola onde adeprender aquiles que tendo a súa alma de artista teñen que traballar máis, que loitar con maiores dificultás pra conseguiren chegar a conoce-lo arte e facerse un nome". E seguía o columnista pedindo un maior esforzo, pedindo "que sempre e en todo tempo os amadores do arte teñan onde estudiar, e os estranxeiros que visiten a nosa terra un lugar onde vexan pol-os seus propios ollos que os galegos son tamén grandes artistas". É dicir: había que crear institucións propias para podermos ter unha arte que axudase a levantar o país e podermos equiparar a nosa arte á dos paises normais.

IMAXES