A Etapa Contemporánea (S. XX)
A guerra civil. Literatura do exilio (I)
Introdución

O Sempre en Galiza é a obra que, mellor que ningunha outra do seu autor e do seu tempo, sintetiza o ideario político nacionalista e, asemade, recolle as liñas de actuación do Partido Galeguista , senlleiro na súa época, nun intre crucial e decisivo para Galiza, o Estado español e o mundo. A configuración desta obra está estreitamente ligada coa actividade política de Castelao desde os albores da República de 1931 á bocanoite da súa morte no exilio de Buenos Aires en 1950.

Caricatura de Castelao, por Bagaría

Ben é certo, malia que se teime en difundir unha imaxe escorada ao lado artístico, que Castelao foi sempre e por riba de todo un político e esta súa vocación é moi anterior ao inicio da década dos trinta deste século, se ben non se manifeste na súa plenitude debido a limitacións e contradicións do movemento nacionalista, xunto coas propias expectativas humanas de ser e despois triunfar .Segundo a confirmación de Carvalho Calero , como maurista do Partido Conservador, como agrarista ligado a Acción Gallega , como galeguista das Irmandades da Fala ou como nacionalista militante do Partido Galeguista e mesmo como membro da Irmandade Galega de Buenos Aires e presidente do Consello de Galiza , Castelao foi, en todo momento, contra vento e maré, político. Non en balde, testifica tamén Carvalho, que o mesmo Antón Vilar Ponte o consideraba o máis político de todos eles. Por outro lado, hai que subliñar a total sintonía existente entre a súa obra artística e a súa obra política. Para Castelao a arte foi unha camiño para chegar a ser ,unha forma de coñecemento a fondo do País e unha vía de clarificación propia e de concienciación do País. Chégase a enxergar, con total nitidez, un proceso que vai do coñecemento pola vía da práctica artística, á necesidade imperiosamente sentida de práctica política. En consonancia con esta observación nunca se deberá prescindir totalmente da súa obra artística á hora de explicar cabalmente o seu pensamento, nin parece axeitado establecermos compartimentos estancos nas diferentes facetas da súa vida intelectual, como tampouco nas etapas da súa evolución ideolóxica, na que se observa unha continua progresión cara ao nacionalismo , con punto de arranque na segunda década deste século. Toda a obra de Castelao rezuma a sociedade galega do seu tempo, sendo un dos máis grandes creadores da conciencia colectiva da Galiza de hoxe en día.

Conforme ao criterio establecido por Beramendi, salvo as matizacións que se irán vendo a seguir, o itinerario político de Castelao pode dividirse nas seguintes etapas: a) conservadorismo maurista circunstancial e adhesión ao agrarismo de tendencia populista (1909-1915); b) ideoloxía galeguista en conformación (1916-1929); e c) plenitude nacionalista (1930-1950). Nin que dicir ten que a primeira etapa semella insignificante ao carón da transcendencia das outras dúas, sen que mesmo se poida concibir unha posición política de maurista típico ou conservadorismo en sentido estrito. A presión familiar e, máis concretamente, do seu pai, mariñeiro emigrado e relativamente enriquecido nas Pampas, que aspiraba a contar cun médico na casa como nas mellores familias, vai ser determinante tamén na súa adhesión ao Partido Conservador de Antonio Maura. Polo demais tense constatado xa que as opcións e definicións políticas correntes naquel intre, léase conservador/liberal, eran bastante inocuas no contexto da política galega. Ademais do peso da tradición familiar, o Partido Conservador supoñía a única alternativa para os descontentos, para os que querían derrubar o caciquismo, que na comarca de Rianxo e a nivel provincial se encarnaba na figura de Viturro, do Partido Liberal. Este mesmo cacique será o que dirixa desde o aparello institucional a manobra caciquil destinada a tirarlle o hórreo ao pai en 1919 e que sublevará o pobo de Rianxo. O contacto coas masas populares nestas mobilizacións, a súa entrega altruísta a curar as doenzas do pobo nas epidemias de gripe no ano 1918, as convulsións e sucesivos episodios dramáticos protagonizados polo agrarismo, nomeadamente o de Acción Gallega de Basilio Álvarez, ao que se viña de adherir a comezos desta década, van ir decantando as súas simpatías polas clases traballadoras do agro, o seu sentir populista da nación galega.

Para encheren o baleiro existente no momento e mesmo para afrontaren con éxito a transformación política do País, os integrantes das Irmandades da Fala, entre os que figurou Castelao desde un primeiro momento, vanse ver abocados fundamentalmente ao activismo cultural, pospoñendo o combate político para tempos mellores. Castelao asume axiña o seu papel de artista entregado ao labor incesante de concienciación galeguizadora na orientación definida polo galeguismo . Exposicións das súas estampas (álbum Nós 1916-18) en cidades e vilas, acompañadas de conferencias de trasfondo político, colaboracións gráficas e literarias na prensa do momento que, ademais de difundiren as ideas nacionalistas, van ser decisivas na súa progresiva popularidade. Semella excesivamente aventurado soster que da análise de debuxos e textos desta época se deduce que a ideoloxía de Castelao é aínda difusa e parcialmente contraditoria. Están, coidamos nós, claramente perfilados o compromiso social de signo populista e o compromiso galeguista. Vai ser xa a comezos dos anos vinte cando Castelao albisque o particular infortunio das nosas clases traballadoras máis representativas, labregos e mariñeiros, advertindo que, como pequenos propietarios, van ficar á marxe das reivindicacións derivadas da loita de clase. A identificación do Pobo coa Nación exclúe, ao seu tempo, calquera contemplación co aristocratismo que tanto profesaron outros coetáneos seus de extracción fidalga. Non comunga tampouco coas trenzas na uniformización lingüística mundial, tan sobexamente espalladas desde os catecismos liberais da época e mesmo desde torrentes lingüísticas que se acreditaban como marxistas e que prognosticaban a inexorábel e automática implantación do idioma universal coa só mundialización do socialismo, negándolle así o porvir a calquera reivindicación das linguas ameazadas. Ao tempo que constata a especificidade da morfoloxía social e económica de Galiza, advirte a súa marxinalidade periférica e o perigo de sermos satelitizados e espoliados talmente coma os pobos do terceiro mundo baixo as gadoupas dos países da primeira liña do capitalismo imperialista en voga no mundo. O repudio cara aos modelos de sociedade eurocéntricos son palpábeis a raíz da súa viaxe de estudos por Francia, Bélxica e Alemaña en 1921 e vai ter a súa peculiar recreación en relatos de Cousas e máis tarde na novela Os dous de sempre . Asemade rexéitase a adhesión mimética a calquera corrente artística europea e propúgnanse os valores de orixinalidade e particularidade como puntos de partida para calquer baseamento ou renovación artística galegas. Castelao defenderá o Progreso, mais non o Progreso a toda costa e ás cegas: non a destrución da diversidade, non a explotación do home polo home, nen o derrube de sistemas de aproveitamento pesqueiro máis xustos e humanos, etc. O alcance inequivocamente antirracista do nacionalismo que el practica, fica patente cunha grande nitidez no relato de Cousas protagonizado polo negriño Panchito, aínda que nado en Cuba, galego de patria. En estreita consonancia co que argumentará dez años despois (1937) no Sempre en Galiza , de ningún xeito poden invocarse diferencias raciais para fundamentarmos a idea de nación; o nacionalismo racista é un delito que os galegos, afeitos a percorrermos o mundo e a convivirmos con todas as razas, debemos repudiar máis que ninguén.

Retrato de Castelao.

O mesmo Castelao ten advertido —frente ao tópico do Castelao artista conservador— que entre a confección das estampas do seu álbum Nós (1916-1918) e a publicación do Sempre en Galiza hai unha continuidade esencial no que á súa ideoloxía se refire. Da mesma maneira que puxo a súa política ao servizo das clases populares e da liberación nacional, puxo previamente tamén o seu labor artístico ao servizo desta causa, lonxe sempre de asumir calquera vocación de estupefaciente. Ben é certo que o Castelao activista político ofrece unha maior claridade nos plantexamentos ideolóxicos, máis tamén é certo que a súa etapa de plenitude política ao longo dos trinta e corenta sería incomprensíbel sen partirmos desta fase de concienciación pola vía artística.

IMAXES