A Etapa Contemporánea (S. XX)
O silencio interior (1940-1950)
Introdución

O remate da guerra civil española marca o inicio dun novo período na historia da literatura galega contemporánea: a literatura máis coetánea. Este período abrangue unha traxectoria literaria que leva cincuenta anos de percorrido (1940-1990), divisíbel nos seguintes subperíodos: silencio interior e exilio (1940-1950); nova e lenta eclosión (1951-1958/1959-1980); na encrucillada (1981-1990). Esta periodización é partidaria de

Francisco Fernández del Riego

"que a segmentación interpretativa da história da literatura galega contemporánea se faga abranguendo etapas o máis longas posíbeis, estabelecidas en función de podermos detectar unidades ou coeréncias básicas no terreo formal, estrutural e, consecuentemente, de contidos, suportadas en realidades culturais, políticas e sócio-económicas"

(Rodríguez Sánchez, 1990:39-40).

A actividade organizada do nacionalismo galego non comezará a manifestarse até 1943; en xullo tivo lugar unha primeira xuntanza en Coruxo, á que asistiron 19 ex-membros do PG e galeguistas independentes. O nacionalismo do interior centrou a súa actividade en dúas liñas: unidade co resto das forzas republicanas e de esquerdas, agás o PC, e a formación dunha plataforma conxunta cos nacionalistas bascos e cataláns. Representado o PG por un "Comité executivo" provisorio (Gómez Román, Otero e Plácido Castro), a responsabilidade da acción política foi descargada, sobre todo, nos militantes máis novos e menos coñecidos publicamente antes de 1936: F. Fernández del Riego e, principalmente, Ramón Piñeiro , quen durante os anos 40 concentrará a maior parte do labor clandestino do galeguismo , e determinará en grande medida a súa ulterior evolución estratéxica e ideolóxica.

O 15 de novembro de 1944 constitúese en Montevideo o " Consello de Galiza ", formado polos catro deputados galegos elixidos democraticamente, cumprindo, pois, unha función representativa e patriótica. Con sede en Buenos Aires e presidido por Castelao , o Consello define os seus principios: defensa do Estatuto, autodeterminación e federalismo. Castelao, tanto para o interior como para o galeguismo da diáspora, é guieiro lúcido e incansábel activista. Anticipándose aos galeguistas do interior, dinamiza e restablece o pacto Galeuzca, e intenta manter a actividade cultural e cohesionar o mundo da emigración a prol do futuro da Patria.

Ramón Piñeiro.

As relacións do Consello co galeguismo do interior, no que respecta á pretendida colaboración, foron desde o principio receosas. As diferentes estratexias, a valoración distinta das institucións do desterro e as conexións de táctica política provocan permanentemente situacións problemáticas.

Clarexado historicamente o panorama literario, no período 1940-1950 converxen elementos significativos que nos permiten establecer dúas etapas.

IMAXES