A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía de posguerra
Introdución

Rematada e perdida a Guerra Civil, a tradición literaria galega atravesa un período de moitas dificultades que atinxen non só ao proceso creador dos escritores, en tanto que individuos ou como colectivo, senón e sobre todo á difusión das súas obras, cando menos no interior do país, aínda que tamén con moitas dificultades na emigración e no exilio, ficando reducida a expresión oficial da nosa lingua e da nosa cultura a un mero folclorismo dentro das peculiaridades 'rexionais' da nova España 'una, grande y libre' que se pretendía crear.

A figura do dictador homenaxeada no primeiro número dos  Cuadernos de Estudios Gallegos,  editado en 1944.

Como queira que o concepto emerxente da 'nación' española viña presidido por unha forte presión de homoxeneidade cultural e linguística en que prevalecía pola forza das armas o espallamento 'unificador' da lingua de Castela e dos seus produtos culturais máis reaccionarios e demagóxicos, non é dificil imaxinar que o forte pouso deixado polo proceso galego de emancipación cultural e política anterior ao golpe fascista do 36 tivese un despertar e un renacer lentísimo que se vai delongar por máis de dúas décadas, establecéndose, por tanto, un período que denominamos de posguerra e que presenta uns síntomas semeIlantes aos das outras literaturas (en lingua euskara e catalana) borradas, como a nosa, da superficie do mapa por mor da barbarie franquista.

Carente, pois, dos vehículos para espallarse naturalmente; reducida aos círculos de intelectuais e de resistencia política; agachada na intimidade dos escritorios; atemorizada, perseguida, a continuidade da nosa tradición literaria afronta momentos de grande pesadume, acaso aínda perplexa da derrota do proceso que levara ao Estatuto de Autonomía do 36, mais, en moitos casos, consciente da grande tarefa que se aveciñaba no camino da súa restauración e do seu renacemento.

Sen dúbida ningunha é este un período en que as peculiaridades da situación social e, sobre todo, política van cimentar os procesos de creación, interrelacionándose con eles, creando novos parámetros de perspectiva que irán desde o máis atroz intimismo até a poesía convertida en ferramenta de combate, substituto directo, e moitas veces encuberto, do panfleto e da arenga política.

Con todo, e como queira que a Literatura Galega contaba xa neste momento cun excelente elenco de escritores e de obras para seren imitados ou rexeitados, non podemos esquecer que, cando menos no que atinxe á poesía, aínda que isto sexa tamén extensíbel á narrativa e, en menor medida, ao teatro, os nosos autores van partir de modelos formulados anteriormente, máis aínda cando moitos deles sexan persoas que iniciaron o seu labor, e mesmo o seu espallamento público, antes de 1936.

A posguerra será, así, o campo de probas dunha literatura que se debatirá entre o seu fenecemento paulatino e a súa recuperación total, procesos que, moi logo, os escritores comprenderán como vencellados ao respecto pola nación e pola cultura galegas, abstraccións que rexerán a recuperación da normalidade do seu labor na medida en que sexan potenciadas e recoñecidas desde as institucións políticas.

Son moitas as liñas da poesía de posguerra que cómpre rastrexar ao longo do período inmediatamente anterior. Así encontramos as liñas do hilozoísmo, do creacionismo, do neotrobadorismo , do simbolismo, do surrealismo, do paisaxismo, do imaxinismo, do neopopularismo de preguerra continuados a través da obra dos mesmos autores que os cultivaron anos atrás ou, noutros casos, que ficaron mergullados na mesma atmosfera creadora que vira nacer todos eses movementos.

Mais, á beira desta tendencia continuadora, a posguerra manifiesta unha actitude sumamente orixinal, sobre todo se temos en conta o ambiente sociocultural e político en que se forxan as novas tendencias, ben sexa como eco doutras literaturas, ben como consecuencia do propio devalo da nosa tradición literaria, o ambiente, sen dúbida, máis duro e menos proclive a deixar renacer, tal Ave Fénix, das súas cinzas unha literatura nacional que moitos consideraron definitivamente morta.

Hai, sen dúbida, unha notoria diferencia entre a literatura producida no interior e a literatura producida no exilio. Mentres na Arxentina, sobre todo, mais tamén noutros lugares de América, a tendencia é a crear un tipo de literatura en que predomina o discurso comprometido ( Luís Seoane , Lorenzo Varela ) sobre o discurso esteticista ( Emilio Pita ) ou popularista (Rubia Barcia) ao tempo que se traballa sobre a mitificación do pasado tratando de incluílo na historia, nun ton de carácter moitas veces épico-realista, sempre cunha escasa influencia sobre a literatura galega do interior, no noso país, afundido baixo o peso das botas militares e fascistas, procédese á creación dun discurso máis fiel á tradición esteticista, de moda nos momentos preliminares á Guerra Civil, ou, en todo caso, dun discurso evasivo da realidade ou conducente a transformala a través do poder do símbolo nun proceso de radicalización crecente segundo van sendo maiores as posibilidades de expresión que permita a censura franquista.

Cómpre sinalar que, aínda sendo un lugar común salientar a carencia de produción literaria en galego desde o inicio do conflito bélico ata o ano 1947, data de publicación de Cómaros verdes de Aquilino Iglesia Alvariño , téndese cada vez máis a matizar e clarificar tal afirmación, podendo comentarse na actualidade que se temos en conta a actividade interior conxuntamente coa do exilio é preciso afirmar que a publicación de creación literaria non chegou a interromperse.

Así, se rastrexamos os libros publicados desde o mesmo remate da Guerra Civil ata finais dos anos cincuenta, encontrámonos coas seguintes liñas, todas elas conducentes ao establecemento dunha lingua lírica sumamente renovada e que pretende estar á altura das literaturas europeas modernas.

 

GALICIA INTERIOR

Debuxo de Rafael Alonso que ilustraron os libros de poesía da Colección Benito Soto.

DANIEL PERNAS NIETO: Fala d'as musas , 1936.

ESTHER GALLO MURUAIS: *Galicia por la España nueva , 1937.

HERMINIA FARIÑA: * ¡Por España y para España! El libro del combatiente , 1937.

ÁNXEL SEVILLANO: O Amor, o mar, o vento e outros gozos , 1938.

MERCEDES VISO TRONCOSO (Mechitas de Vigo): *Rayos de Sol , 1938.

XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE: Seis canciones de mar (in modo antico) , Albor, 1941.

ROSALÍA DE CASTRO : Cantares Gallegos (reedición), 1941.

ROSALÍA DE CASTRO: Obra poética (reedición), 1942, 1943, 1944.

MANUEL CURROS ENRÍQUEZ : Aires da miña terra . O Divino Sainete , reedición, 1943.

XOSE TRAPERO PARDO: Non chores, Sabeliña, libreto de zarzuela , 1943.

XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO : Nascida dun soño , 1946.

CELESTINO LUÍS CRESPO: Brétemas Mariñás , 1946.

MARIANO PIÑEIRO GROBA: Soaces dun abade , 1946.

ANTÓN NORIEGA VARELA : Do ermo , reedición , 1946.

* conteñen composicións soltas en galego.

GALICIA EXTERIOR

ROSALÍA DE CASTRO: Poemas galegos (escolma) , 1937, Arxentina.

RAMÓN REY BALTAR: A gaita a falare , 1939, Arxentina.

XOSÉ RUBINOS: A epopeia da sega , 1940, Cuba.

XOSÉ TOBÍO: Espiñas , 1941, Arxentina.

EMILIO PITA : Jacobusland , 1942, Arxentina.

PRIETO MARCOS: Versos en gama de gaita , 1942, Arxentina.

EMILIO PITA : Cantigas de nenos , 1942, Arxentina.

X. LORENZO VARELA : Catro poemas para catro grabados , reedición, 1942, Arxentina.

PÉREZ BALLESTEROS: Cancioneiro popular galego , reedición, 1942, Arxentina.

AUREA LORENZO: Queixos , 1943, Arxentina.

Fonte: Ramón Nicolás Rodríguez.

 

  • Liñas continuadoras de preguerra: continúa o cultivo daqueles discursos poeticamente máis conservadores do período anterior:
  • Poesía da angustia e preocupación existencial: produto directo do contexto político-social abafante en que vive a sociedade galega destes anos. Está caracterizada pola fondura existencial, o confito do individuo consigo mesmo e coa vida, e a tensión entre o individual e o colectivo. Poesía de desarraigo e estrañamento á que non é allea a preocupación relixiosa. Nostalxia do paraíso perdido. Relaciónase cos movementos do pensamento contemporáneo, como o existencialismo e a literatura do absurdo.
  • O intimismo e a preocupación intelectual: contacta coa poesía anterior. Recupera unha tradición propia e serve de enlace coa liña culturalista. Ánxel Sevillano, Guerra da Cal , Aquilino Iglesia, Tomás Barros , González Garcés, Pura Vázquez , Luz Pozo Garza .
  • Clasicismo e culturalismo: recupera o diálogo con outras culturas, reinterpreta mitos diversos, poetiza o cotián e o íntimo-persoal. Aquilino Iglesia Alvariño, González Garcés, Álvaro Cunqueiro , Carballo Calero .

Un dos primeiros síntomas de recuperación da nosa literatura na posguerra será a Colección Benito Soto que, desde 1949 ata 1951, tira do prelo unha serie de libros de interese desigual pero todos eles indicadores do estado da nosa lírica nese tempo. Da man de Sabino Torres, propietario de Gráficas Torres, saen a luz pública a revista Ciudad e unha colección de poesía que tomaba o seu nome dun mítico pirata galego: Benito Soto, navegante en La Burla Negra , barco que daría igualmente nome a unha novela de Xosé María Castroviejo. A lista da totalidade dos libros publicados nesta colección é a seguinte:

Debuxos de Rafael Alonso que ilustraron os libros de poesía da Colección Benito Soto.

Poemas de ti e de min de Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez , 1949.

Como el río de Sabino Torres Ferrer, 1949.

Madrigal de Emilio Negreira, 1949 .

Dona do corpo delgado de Álvaro Cunqueiro , 1950.

Gárgolas de Tomás Barros , 1950.

Anxo de Terra de Ricardo Carballo Calero , 1950.

Cantos de cotovía de Eliseo Alonso Rodríguez, 1950.

Triscos de Luís Pimentel , 1950.

Muiñeiro de Brétema de Manuel María , 1950.

El dios de los precipicios de José Ruibal, 1950.

Cantigas da noite moza de Augusto Casas, 1950.

Follas de un arbre senlleiro de Manuel Fabeiro Gómez, 1951.

As Canciós d'ise amor que se diz olvido de Juan Pérez Creus, 1951.

Como se pode ver, dun total de trece libros, dez eran en galego, feito certamente insólito nese tempo. Correspondían a autores de diversas idades, desde os máis vellos como Luís Pimentel, que publica o seu único libro editado en vida, aos entón máis novos como Manuel María e, igualmente, manifestaban vontades estéticas ben contrastadas, desde a continuación do neotrobadorismo ao inicio da Escola da Tebra , desde os poemas personalísimos de Pimentel ata as primeiras tentativas culturalistas de Cunqueiro.

A esta primeira iniciativa haberían de seguir a colección Xistral de Monforte (1952), antes revista poética, creada por Ánxel Johan e Manuel María, as editoriais Bibliófilos Galegos de Santiago (que publica Camiños no tempo de Ramón Cabanillas e organiza un certame literario que ha gañar Carballo Calero con Xente da barreira )e Monterrey de Vigo (dirixida por Xosé Viñas e Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez e que algúns anos despois pasaría a chamarse Editorial Castrelos), así como o suplemento cultural de La Noche ,xornal santiagués onde se darían a coñecer os autores das novas xeracións á beira doutros máis vellos e xa recoñecidos (Cunqueiro, Aquilino, Otero Pedrayo cos seus Parladoiros ).

Debuxo de Rafael Alonso para  Musa Alemá , libro de Celso Emilio Ferreiro e Blanco Freixeiro.

Tampouco debemos esquecer as pequenas editoriais como Porto e Gali de Compostela, Celta de Lugo e Moret na Coruña que, ocasionalmente, tamén publican algún libro ou opúsculo en galego.

Por estas mesmas datas aparecen unha serie de revistas bilingües ( Posío ,Ourense, 1945; Alba ,A Coruña, 1948; Mensajes de Poesía ,Lugo, 1948; e Aturuxo ,Ferrol, 1952) que haberían de ser, no primeiro dos casos, o antecedente inmediato da ruptura do silencio en que ficara sumida a literatura galega. Isto acontece en 1947, cando Aquilino Iglesia Alvariño publica Cómaros verdes ,o mesmo ano en que Ángel Sevillano publica Terra Liñar ,un libro de moito menor interese. Encontramos aquí a un poeta que continúa as liñas do neotrobadorismo iniciado antes da guerra por Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro, e o hilozoísmo, mesturadas agora con novas tendencias temáticas, entre as que prevalece o paisaxismo, moitas veces inzado de bucolismo de inspiración latina e carácter marcadamente neoclásico.

IMAXES