A Etapa Contemporánea (S. XX)
A nova narrativa
Introdución

Denomínase " Nova Narrativa Galega " o conxunto de obras dun grupo de escritores aparecidas nas décadas dos cincuenta e sesenta. O carácter renovador da prosa de ficción será o piar básico en que se asente a adscrición de autores ou autoras e obras a este grupo. O contexto literario en que nace e se mantén, aparecía dominado por outras tres tendencias dentro da narrativa: por unha banda, a continuación da prosa cultivada anteriormente pola Xeración Nós , representada por A xente da Barreira de Ricardo Carbalho Calero ; por outro lado, a traxectoria individual, de marcado signo fantástico, de Álvaro Cunqueiro ; tamén de xeito individual, a obra de Blanco Amor , de carácter renovador, pero dentro do realismo; e por último, a tendencia social-realista de Neira Vilas , na emigración, que será estudiada neste capítulo.

Debuxo de Vicente Vázquez Diéguez que ilustrou a súa novela  As ponlas baixas , editada na colección "Illa Nova".

Os escritores e escritoras que publicaron algún texto susceptíbel de ser incluído na "Nova Narrativa" serían: Xohán Casal, María Xosé Queizán , Gonzalo Rodríguez Mourullo, Camilo González Suárez-Llanos , Carlos Casares , Lois Diéguez e Xosé Luis Méndez-Ferrín . Este último, cunha interesante aportación, non será estudiado agora, pois a súa obra completa será analisada nun capítulo posterior.

IMAXES