A Etapa Contemporánea (S. XX)
O ensaio histórico e económico
Introdución

Despois do golpe militar de 1936 o réxime franquista, asentado no terror e na represión, inaugurou unha etapa sombriza tanto no panorama sociopolítico como no cultural. Daquela, a editorial Nós , o periódico " A Nosa Terra ", mostras do renacer do país, desapareceron supetamente; o Seminario de Estudos Galegos , (SEG), institución que iniciara un importante labor na análise e recuperación da nosa realidade histórica á vez que cubría o espazo historiográfico que a Universidade deixaba baleiro, foi desarticulado e expropiado; e moitos intelectuais e escritores ou foron asasinados, como Ánxel Casal e Xaime Quintanilla , ou obrigados a se exiliaren, como é o caso de Castelao , Luís Seoane , etc, ou foron afastados das súas cátedras, como acontecera con Otero Pedrayo . Por outra parte, a Universidade compostelá pasou a ser unha sorte de fortín de difusores da ideoloxía hispano-tradicionalista do novo réxime.

Reflectindo a situación, tamén o idioma perdeu ámbitos de uso, na fala e na escrita, ben por causa da represión, ben polo desprestixio e desconsideración social que logrou transmitir a ideoloxía oficial. Sirva como proba desta desconsideración social e/ou infravaloración as opinións de Dámaso Alonso, presidente da Real Academica Española, no xornal santiagués La Noche :

"El gallego es hoy una lengua, por un lado rural, y por otro poética, y nada más; que para escribir Ciencia o Filosofía los gallegos tendrán que escribir en castellano".

Asemade, na historiografía produciuse a desaparición da liña liberal e galeguista, animada polo SEG e por algunhas institucións que foran creadas pola Universidade de Santiago, como o Instituto de Estudios Regionales . Ao tempo, reactivábase a tradición conservadora e a erudición profisional (Mato, 1996), sendo esta última a habitual entre os historiadores galegos durante grande parte da etapa franquista.

A consecuencia de se impor esa tradición conservadora, na sección de Historia da Facultade compostelá de Filosofía e Letras a práctica historiográfica dominante enfocouse á historia política, diplomática e militar, en especial no plano internacional.

Daquela, Galiza só foi obxecto de investigación, en traballos feitos individualmente ou ao abeiro de institucións, entre as que destacaban os Museos de Pontevedra e de Ourense e, sobre todo, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos , creado no ano 1944 como centro dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (C.S.I.C.). Tanto nos Cuadernos de Estudios Gallegos, ou na colección de " Bibliófilos Gallegos ", pertencentes ao devandito instituto, como no Boletín del Museo Arqueológico Provincial de Ourense ou na revista El Museo de Pontevedra recóllese moita da produción historiográfica da época.

Os traballos sobre a prehistoria, arqueoloxía, historia..., na súa grande maioría publicados en español, consistiron en relacións e/ou descricións, máis ou menos prolixas e detalladas, dos materiais procedentes das excavacións. Malia á ausencia de contextualización, de interrelación e ás lagoas metodolóxicas, seguen a ter importancia documental.

Nesa liña de recuperación de traballos iniciados polo S.E.G. cómpre salientar "La civilización céltica en Galicia" (1953) de Florentino López Cuevillas , "Materiales para la Carta Arqueológica de la provincia de Pontevedra" (1955) de García Alén e Filgueira Valverde, así como os primeiros fascículos da obra colectiva dos investigadores agrupados no I.P.S. "Inscripciones Romanas en Galicia", sen esquecer as aportacións de Ferro Couselo ou Chamoso Lamas, e o "Galicia en las guerras cántabras" (1948) de Casimiro Torres.

Tamén a fundación da editorial Galaxia en 1950 fixo posíbel a través de coleccións como Grial (1951), Revista de Economía de Galicia (1958-1968) ou Presencia de Galicia que o idioma galego volvese a ser vehículo de contidos cultos. Nesa altura, en 1952, a nova editorial publica a Historia de Galiza de Vicente Risco, unha sorte de "manual escolar" para quen desexase achegarse ao coñecemento do pasado de Galiza, pero que non foi máis que unha relación sucesiva de feitos, sen interpretación nin análise de ningún tipo.

Mentres, no exilio americano publicábase o Sempre en Galiza , no que Castelao expoñía o seu pensamento político nacionalista, e no 1962, tamén en Bos Aires, saía do prelo a Historia de Galicia dirixida por R. Otero Pedrayo. Unha historia "denantes endexamais ensoada, sentida e vivida dende o impeitizo e cerne galego, non feita con retrincos e esmolas, escrita na lingoa fermosa, fidalga e labrega lingoa dos Cancioeiros, de Pondal , de Rosalía de Castro ... a lingoa nai, dos cóns e das espranzas de Europa" se ben "non ten de ser traballo de historiografía compreto sinón agasallo a quenes mantiveron aceso o fachón descontra as sombras do esquencemento" e baseado "na esculca das fontes e na severidade do método" (Otero Pedrayo).

A principios da década dos sesenta, aínda que permanecían as eivas das décadas anteriores —investigación individual e relativamente afastada da Universidade, ausencia de exposicións globalizadoras, abandono do noso idioma— percébense sinais de anovamento. Destacan, entre outros, os primeiros traballos que sobre os diversos aspectos da economía galega do século XVIII e principios do XIX asina Antonio Meijide Pardo, entre os que cómpre salientar "La emigración gallega intrapeninsular en el siglo XVIII" (1960). As aportacións de Meijide, como apuntan Saavedra e Villares (1985: 438), tamén son importantes "dende a perspectiva secuencial da historiografía porque establecen o nexo de unión entre a historiografía tradicional, de confíns literarios ou localistas, (...) e as novas tendencias da investigación inauguradas ao final dos 60".

Imaxe da historiadora Carmen Pallares Méndez.

A finais dos sesenta, conducido dende a Universidade, iníciase un profundo cambio de rumbo na historiografía galega, que vai cristalizar en décadas posteriores. Vaise abandonar a historia política e diplomática para centrarse na económica e social, e tamén nos métodos tradicionais e positivistas.

Aplícanse anovadoras metodoloxías, en especial da "escola de Annales" e da "historia económica"; ábrense novas liñas de investigación; actualízanse as fontes documentais existentes e utilízanse outras novas; confórmanse grupos de investigadores. O marco de referencias concretas "para estructurar las orientaciones metodológicas, es la región (...), mínima unidad inteligible" para a reflexión e a análise dos investigadores da economía rural (García de Cortázar, 1973).

Daquela, Galiza convértese no centro desas investigacións colectivas, ademais de polo interese de coñecer o noso pasado histórico, por razóns fundamentalmente metodolóxicas.

Os profesores dinamizadores deste cambio na Facultade de Historia son García de Cortázar e Eiras Roel. García de Cortázar, dende o colectivo de investigadores do departamento de Historia Medieval, despois da importante e á vez necesaria actualización das fontes para o estudio da historia medieval, realizada por Santiago Jiménez na súa "Guía para el estudio de la Edad Media Gallega: 1100-1400", alenta a realización de estudios de economía rural a partir dos dominios medievais, con grande peso dos modelos de análise franceses, de G. Duby ou R. Fossier, nos traballos de E. Portela ou C. Pallares, ou dos modelos propostos polo materialismo histórico no de Mª Xosé Rodríguez Galdo. Outras liñas de investigación foron a historia do fenómeno urbano, ou, dentro dos movementos sociais, o movemento irmandiño.

Pola súa parte, Eiras Roel, dende o Departamento de Historia Moderna, vai introducir a metodoloxía e a temática da historiografía francesa, sobre todo de P. Goubert, Labrousse ou Le Roy Ladurie. "Rexionalización, comparatismo, reflexión metodolóxica, cuantificación" foron características das monografías comarcais, por el dirixidas, e coas que pretendería "abarcar un número suficiente de unidades representativas do noso territorio rexional nas que montar a definitiva síntese sobre a Galiza demográfica e rural do antigo réxime" (Saavedra/Villares, 1984).

Neses anos, no Departamento de Historia Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, créase outro grupo ao redor de García Lombardero. Este, crítico co "cúmulo de análises individuais exentos de todo tipo de coordinación científica", e coa rexionalización, o comparatismo e a cuantificación excesiva, en clara referencia aos traballos dirixidos por Eiras Roel, postulaba unha exposición metodolóxica que permitise unha interpretación global da sociedade galega. Segundo Saavedra, os traballos deste equipo, referidos ao Antigo Réxime, son valiosos porque abordan problemas xerais de Galiza: o atraso económico, a sociedade, o fracaso da industrialización, o papel dos ilustrados, etc.

Precisamente, Fausto Dopico, seguindo esa metodoloxía, no estudo A Ilustración e a Sociedade Galega ofrece unha interpretación da sociedade galega do Antigo Réxime a través da análise directa das aportacións dos contemporáneos verbo dos problemas que atinguen á sociedade en que se atopan mergullados. O trabalbo propón un modelo explicativo que poida permitirnos caracterizar e mais definir a formación económico-social vixente na Galiza daquela (G. Lombardero, 1978).

Tamén López Taboada deseña un modelo de evolución da demografía galega no século XIX e, asemade, realiza unha contrastación histórica situando os resultados acadados no marco da economía no seu traballo "Economía e población en Galiza". Ambos os dous traballos foron publicados en galego.

O proceso de transformación sociopolítica que comeza no ano 1975 e que ten como expresión máis relevante a desaparición física do xeneral Franco, atopa unha correlación nidia no devir do ensaio histórico en Galiza. Por unha banda, porque permite abordar sen ambaxes determinadas parcelas da Historia —fundamentalmente a historia social, a dos partidos políticos ou a das ideas políticas— que ata entón permanecían proscritas pero, sobre todo, porque estimulan a aparición dun novidoso marco de referencia territorial: o galego.

Así é que toda unha xeración de novos historiadores e historiadoras, forxados na escola do cuantitivismo e do localismo, acaba por tronzar cos vínculos escolásticos e opta por pensar a Historia de Galiza dende e para a propia nación, sen ancoramentos na españolización imperante, e que tamén se expresa na escolla lingüística. Moitos dos traballos de investigación, e as correspondentes adaptacións editoriais, fanse en galego malia que o peso específico do español siga a ser irrefutábel. Dende o novo outeiro da liberdade e do compromiso co país, xente como Ramón Villares, Pegerto Saavedra, X. Ramón Barreiro ou, máis recentemente, Xusto Beramendi teñen sentado as bases dun ensaio histórico orixinal e diferenciado, aínda que, ao tempo, inserido nas correntes máis innovadoras da historiografía contemporánea.

IMAXES