A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía actual
Introdución

A poesía contemporánea galega, dentro da imprecisión que sempre caracteriza as denominacións "moderna", "contemporánea" ou "actual", é a cultivada a partir de 1976, prolongándose ata os nosos días. Un período marcado por importantes acontecementos políticos e sociais, en que van convivir unha serie de poetas de diferentes idades e grupos xeracionais, con numerosas coincidencias temáticas e estéticas nas súas obras e, en determinadas ocasións, actitudes próximas ante a vida e a obra literaria. Neste heteroxéneo e numeroso grupo aparecen, acompañando os máis novos, e publicando con eles, poetas de anteriores xeracións, como Luz Pozo Garza , da chamada Promoción de Enlace, Bernardino Graña e Xosé Luís Méndez Ferrín , da Xeración das Festas Minervais e do grupo Brais Pinto , con outros poetas que son citados tamén dentro desa xeración, como Antón Avilés ou Xohana Torres . Máis aló deles teríamos un poeta como Álvarez Torneiro , que por idade pertencería á mesma xeración dos anteriores, mais que vai publicar os seus primeiros libros na década dos oitenta. Todos eles terán un notábel protagonismo nas liñas estéticas desta década. Entre eles e os poetas máis novos, que forman as xeracións dos oitenta e noventa, teríamos o ciclo do que damos en chamar poesía contemporánea.

Imaxe de Luz Pozo Garza.

IMAXES