A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa actual
Introdución

Mediada a década dos setenta, a narrativa galega venta aires de renovación. Á par que o acontecer vital da sociedade presume tempos mellores, o sistema narrativo loita por confirmarse e iso só se producirá cando se ache dotado dunha estrutura equiparábel á de calquera outra literatura. Para iso precisa diversificar o seu imaxinario por mundos ata o momento inexplorados ou tentados asistematicamente; todo sistema narrativo precisa evolucionar para vivir. A modernización e definitivo asentamento non radican só en mutacións estilísticas, teñen peaxe obrigada no abano de escritas que poida ofrecer, na variedade de xéneros polos que o lector poida optar. Estamos abrindo os ollos despois dun letargo obrigado e a nosa riqueza é a nosa capacidade de visión; nos xéneros están os mundos que vemos.

Así, veremos, ano a ano, cómo van xurdindo diferentes conatos modernizadores ata que no 1980 se demostre a capacidade para producir e asumir mesmo os discursos máis estraños. Posteriormente focalizaremos as manifestacións narrativas como integrantes dun determinado espazo. E remataremos examinando o desfiar de ansias inconformistas e iconoclastas que non cesa. Ben entendido que nunca procuramos exhaustividade no corpus narrativo de cada espazo editorial, operando sempre desde unha concepción tradicional do xénero malia a sinuosidade dos perfís que ofrece. Esta é xa unha narrativa de espazos e non só de nomes.