A Etapa Contemporánea (S. XX)
A popularización da novela curta: as coleccións Céltiga e Lar
Introdución

A importancia para a historia de Galiza dos anos que van de 1916 (aparición do nacionalismo ) a 1931 (proclamación da República), foi xa destacada por autores como Castelao nas páxinas do seu Sempre en Galiza :

"O ano 1916 xurde o movimento nacionalista, iniciado pol-as "Irmandades da Fala". Os galeguistas saen da cibdade para fajaren nos aldeáns no seu proprio idioma e ao mesmo tempo infíltranse nas camadas burguesas. Publícase a revista "Nós" –órgao da cultura galega– e o boletín "A Nosa Terra" –órgao político dos galeguistas–. Créase a editorial "Céltiga" no Ferrol, a "Lar" na Cruña e a "Nós" en Compostela. Publícanse unhas catrocentas obras literarias, que consolidan e fixan a unidade do idioma. En 1923 fúndase o "Seminario de Estudos Galegos" para centralizar os traballos de investigación e inaugurar en Galiza unha solidaridade científica que supla as deficiencias da Universidade. (...) Así n-estes derradeiros anos, prodúxose a máis completa eclosión da cultura galega, con resoancias en Portugal e no estranxeiro".

Esbozar, pois, aquí o contexto cultural centrado no ensino, a prensa e o mundo editorial é o obxectivo desta primeira parte do fascículo. Forzosamente teremos que indicar tan só as liñas básicas, sen entrarmos en consideracións demasiado complicadas, ou en matizacións —certamente posíbeis— necesarias.

IMAXES