A Etapa Contemporánea (S. XX)
A nova narrativa
Lois Diéguez

Naceu en Monforte de Lemos en 1944. De rapaz estudiou no Mosteiro de San Clodio cos frades bieitos. Os estudios de bacharelato faríaos, por libre,na súa vila natal. En 1964 recibiu un premio dos xogos florais do Colexio Minerva de Santiago de Compostela. En Monforte, nos anos 1964 e 1965, tamén obtivo premios polas súas composicións poéticas. Fixo en Madrid estudios de aparellador e de topógrafo e participou activamente na dinamización e defensa da cultura galega na capital do Estado xunto con outras personalidades como Vicente Vázquez ou Pilar Allegue, a través do Clube de Amigos da UNESCO. A partir de aí non deixará nunca a militancia política, a través da UPG, chegando a ser deputado no primeiro Parlamento de Galiza en representación do BN-PG. En 1967 aparece o libro de poemas Albre de espranza ,e en 1968 as Cancións pra un agromar branco e azul ,moitas delas musicadas e cantadas polos membros de "Voces Ceibes". De 1968 tamén é a súa primeira novela A torre de Babel ,á que seguirá en 1972 o libro de relatos O tempo sin saída , de marcado carácter social. Galou Z-28 , publicada en 1976, continúa na liña de denuncia, mais dentro dun plano simbólico. Esta novela recibira o ano anterior o Premio da Casa Galicia de Bilbao. O seu retorno á poesía será no ano 1982 coa publicación de O ferro dos días ,onde se mestura o verso reivindicativo xunto con outro máis subxectivo e persoal. En 1986 gaña o Premio Blanco Amor coa que por agora é a súa novela máis completa, A canción do vagamundo . En 1989 publica Artusa , dedicado a un público máis xoven. En 1993 aparece o libro de relatos Monólogos no espello. En 1995 aparece a súa novela Tres sombras góticas e unha rosa . En 1997 publica Henriqueta na galería e en 1999 a narrativa de viaxes Viaxes ás terras encantadas de Lemos . A esta seguiron A casa de Galiaz , 2003, O canto do Muecín , 2007, e A poutada do Oso , 2011.

Lois Diéguez.

No ano 2016, ano Manuel María, publicou o libro-DVD titulado Peregrinaxes. Viaxando con Manuel María onde recolle viaxes de Manuel María desde o máis próximo ao máis afastado, de Mondoñedo a Venecia; de Bande a Grecia, onde agardaba Lord Byron; da Frouxeira a Roma; de Monforte a Portugal.

A torre de Babel , aparecida na colección "Illa Nova", constitúe a aportación deste escritor á "Nova Narrativa", e non tanto por criterios formais ou técnicos, senón pola súa temática e mesmo polo seu valor en canto obra biográfica dun colectivo de mozos e mozas que trataban de satisfaceren as súas arelas patrióticas lonxe do país. A novela desenvólvese en Madrid, onde estudia Daniel, protagonista da historia, que é un mozo en quen vai medrando a súa conciencia de ser galego, e de tomar parte activa na defensa desa identidade, feito que o levará a enfrentarse a algún dos seus amigos. O relato está narrado nunha terceira persoa moi próxima ao punto de vista do protagonista, que nos permite achegármonos a todos os seus pensamentos e reflexións: a sexualidade, a crítica ao sistema universitario, a defensa do galego, a música moderna dos "Beatles". Esta terceira persoa dá paso, nalgunha ocasión, a maiores complicacións narrativas que permiten coñecer aínda máis o interior do personaxe, e que son o estilo indirecto libre e o monólogo interior. Con todo, o afán que parece ter o escritor é claramente realista, testemuña dunha realidade concreta. Tense discutido da pertenza ou non desta obra á "Nova Narrativa", pero a verdade é que no momento de ser publicada seguramente era percibida, sen ningunha dúbida, como un libro máis deste movemento. As palabras de Manuel María no Prólogo á edición da obra así o testemuñan:

"I é que, ó meu xuicio, Lois Diéguez aproveitou a leición da nova narrativa galega (...) É dicir tratando un tema "real" coas conquistas expresivas logradas pola nova narrativa".

IMAXES