A Etapa Contemporánea (S. XX)
Un momento crucial: Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro
Longa noite de pedra

A pesar de que Celso Emilio Ferreiro é autor de numerosos poemarios, ademais das súas breves incursións no campo da narrativa, será Longa noite de pedra o libro que lle dará a sona como poeta tanto dentro como fóra de Galiza. De termos en conta as informacións que nos ofrece o seu autor sobre o proceso de elaboración, observaremos que os textos que o compoñen foron escritos en etapas diferentes, que van desde os anos da guerra e da posguerra ata outras datas máis achegadas ao ano da súa publicación. Polo tanto este poemario non responderá a un proxecto de elaboración previamente concibido, senón que resulta da compilación de textos diversos e variados. Sen embargo, para Xosé María Álvarez Cáccamo resulta claramente patente que a súa organización e estruturación con respecto ao conxunto non é froito da casualidade. Aínda que non houbese ningunha organización previa, parece que si se recorreu a unha organización ou a un esquema á hora de dispoñer as composicións en relación co conxunto. De aí que Cáccamo considere que a organización dos textos responde a un movemento de temas e tons de tal xeito que nos conducen a un ritmo total de carácter ondulatorio; por exemplo, a textos de marcado carácter político séguenos textos dun profundo intimismo.

Este longo proceso de elaboración debe entenderse en relación coa multitude de atrancos e dificultades que existían naqueles anos para a expresión en lingua galega. Se xa resultaba o suficientemente sospeitoso e arriscado escribir poesía en galego, mesmo a máis inocua, con maior razón estas composicións, centradas basicamente nunha forte denuncia e crítica social, tiveron que esperar un momento máis propicio para a súa publicación. Aínda así, houbo algún texto que, por precaución, quedou fóra do volume, trátase da composición titulada "Carta a Fuco Buxán". Neste sentido a situación resulta bastante curiosa; lembremos que Longa noite de pedra se publicou na Editorial Galaxia dentro da colección Salnés, da que estaban encargados, ademais do propio Celso Emilio, Salvador Lorenzana e Emilio Álvarez Blázquez. Por outra parte, na edición de El Bardo do ano 1967 censurouse a inclusión do poema "O edificio", que foi substituido pola composición titulada "Spiritual", que non formaba parte da primeira edición do libro. Na edición que o autor considerou definitiva (Castrelos, 1975) reincorpórase "O edificio" e mantense "Spiritual".

Xosé María Álvarez Cáccamo.

Dos sesenta poemas que conforman o volume, vintecatro xa foran publicados con anterioridade en diferentes xornais e revistas, por exemplo en Papeles de son Armadáns ("Credo", "Pranto por Carles Riba", "Mentras imos andando", "Cantiga de amigo para Xohán Miró"...), en Vieiros ("A pedra", que aparecía co título de "Ti eres pedra", "Eiquí será", "Cimenterio de cidá"...), en Vida Gallega ("Unha vez" e "Quero ir a Lugo", que se presentaba co título de "Eu quero ir a Lugo"), no F aro de Vigo ("O hórreo"),... Algunhas composicións mesmo foran publicadas noutros volumes: o poema "María Soliña" aparecera na Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (1955) da Editorial Galaxia e catro composicións foran publicadas en Voz y voto; recordemos que Celso Emilio afirmaba que os textos deste volume foran orixinariamente redactados en galego: "Nunca podrei esquecelo", "Bautismo de sangue", "Os asoballados" e "Os honorábeles". De todos os xeitos, cómpre subliñar que Celso Emilio sempre retocaba e pulía os seus poemas; por iso se poden encontrar diferencias entre estas composicións publicadas anos antes e as que logo aparecerán en Longa noite de pedra.

O carácter compilatorio de Longa noite de pedra explicaría a variedade de temas e actitudes que se encontran neste poemario. Así e todo, a pesar da súa heteroxeneidade, o libro foi maioritariamente lido, estudiado e analizado a partir do seu forte compromiso social e, realmente, o volume proporciónanos motivos de abondo como para primar esa interpretación. De aí que o seu título fose tomado como unha clara e atinada alusión ao período da ditadura franquista, lectura que é perfectamente lícita aínda que sabemos que esa non era a intención do seu autor. Como vimos en páxinas anteriores, "Longa noite de pedra" nace da experiencia vivida polo poeta durante os tres días que estivo encarcerado nunha cela do mosteiro de Celanova.

En perfecta consonancia coas ideas do seu autor, neste volume ocuparán un lugar preeminente a denuncia social, a defensa dos oprimidos, a crítica da inxustiza, a busca da liberdade, a defensa da terra e do idioma galego, etc. Non esquezamos que a súa poética se caracterizaba pola defensa do cultivo dun tipo de poesía que estivese en plena concordancia co seu tempo, expresando e denunciando todas as inxustizas que existían no mundo que lle tocara vivir ao poeta. Como xa vimos, Celso Emilio leva á práctica as súas teorías sobre a función da poesía e do poeta na sociedade e ademais permanece fiel a estas ideas ao longo da súa vida. Neste sentido queremos salientar, por seren claramente significativas e estaren en perfecta comuñón co pensamento do celanovés, as dúas citas que abren o poemario: "Ser dun tempo e dunha terra. Eis o segredo da poesía máis humán e verdadeira", de Salvatore Quasimodo, e "Não quero mais saber do lirismo que não é libertação", de Manuel Bandeira. Ademais, non serán poucas as referencias que atopemos nos propios textos sobre esta cuestión; deste xeito o poema titulado "A poesía é verdade" conformaríase como unha verdadeira poética do seu autor; nel recóllense e sintetízanse en forma de verso todas as ideas que o celanovés tiña expresado noutras ocasións:

Busco a verdade en ti, rexa poesía
dos homes que labouran,
(...)
Investiga a verdade do teu tempo
i alcontrarás a túa poesía.

Son tamén interesantes, porque reincidirán no mesmo tema, as consideracións expostas no poema "Anaco dunha carta a un poeta que vive en Madrid":

... Todo posto
para observar as cousas e cantalas
(por non choralas) e contradecilas,
decilas cos seus nomes prohibidos
i erguelas sobre o aire putrefacto.

Noutros momentos arremeterá feramente contra os poetas, como xa fixera nas súas declaracións do ano 1955, que non son capaces de esquecer o seu individualismo para se mergullaren solidariamente no mundo que os rodea. Este é o caso, por exemplo, do poema "Credo":

qué disgracia tan grande ser poeta,
oficio de chorar sin cobrar nada,
oficio de cuspir na mar inmensa
e de chantar pancartas no deserto.
(Poetas conformistas desta terra
—testicular emporio de esqueletes—
mentras o home loita, chora e sofre,
cantade a violeta, a margarida,
e desfollade a rosa reticente
dos vosos mínimos problemas...
decide si a todo e medraredes).

A concepción-ferreiriana da poesía como un compromiso constante coa realidade do seu tempo desembocará no que el denomina antropoética , isto é, o compromiso solidario, sempre partindo dun nós , co home:

Celso Emilio con Moraima en Formentor, no 1959

(...) revela un concepto resésigo, decimonónico, do fenómeno lírico, que non é, como supuñan os románticos, un don anxélico nin un maná caído do ceo, nin moito menos un miragre como o do verbo feito carne, sinón polo contrario, unha espresión da carne feita verbo; é decir, do home revelado pola palabra: unha antropoética, que ven a ser precisamente, eso que os comentaristas alcuman de outra cousa , cicáis porque non saben que se apelida poesía (Ferreiro, Celso Emilio, 1975: 9-10)

En numerosas ocasións tense valorado a poesía socialrealista dun modo completamente negativo baseándose na escasa calidade poética dos propios textos, debido, sobre todo, á utilización dunha linguaxe carente de suficientes recursos expresivos, empobrecida e excesivamente coloquial. Estas características débense poñer en relación coa intención que tiñan os socialrealistas, especialmente Celso Emilio, de aproximar o máximo posíbel a linguaxe poética á fala; de aí que foran acusados de resultar demasiado prosaicos. Este tipo de apreciacións tamén se estenden a Longa noite de pedra, poemario do que se ten salientado o importantísimo papel que desempeñou nunha determinada época histórica e, á súa vez, cualificábase de non chegar a constituír un libro poético destacábel pola calidade das súas composicións. En contra deste tipo de opinións maniféstase Xosé María Álvarez Cáccamo ao afirmar que en Longa noite de pedra non atopamos os mesmos recursos expresivos que se esperarían nunha poesía plenamente adscrita aos presupostos do socialrealismo, porque de analizarmos detidamente esta obra observaremos que non é correcto atribuírlle ao celanovés o uso dunha linguaxe directa e sinxela. Pois é habitual nestas composicións a utilización de determinadas imaxes de carácter simbólico que nos conducirán ao asunto tratado. Ademais, moitas destas imaxes posúen unha base completamente irracional, característica que non concorda cos postulados da estética socialrealista.

Pódese afirmar que Longa noite de pedra está presidido pola continua busca da liberdade, liberdade á que se opoñen o medo, a represión, a miseria, a alienación, o capitalismo feroz, etc. En definitiva, como xa ten sinalado en numerosas ocasións a crítica literaria galega, encontrámonos perante a expresión da dicotomía opresión-liberdade, enfrontadas a través da utilización de determinados símbolos, de significación negativa ou positiva, que se asocian coa primeira ou coa segunda. É habitual neste poemario recorrer á luminosidade para expresar a liberdade e recorrer á escuridade ou á falta de luminosidade para se referir á opresión.

Así, podemos comprobar cómo o poema "Os asoballados" está cheo de referencias á falta de liberdade por medio da escuridade que se desprende da palabra "noite" e doutros termos que se asocian con ela, como "soturno", "bágoas", "pranto", "corvos" e "frío":

A noite penteaba
a nosa longa cabeleira de bágoas.

Por outra parte, na composición titulada "Aire puro" as ideas de liberdade que se nos presentan están intimamente relacionadas coa claridade da "mañá" e da "alba":

O aire puro da mañá procrama
o seu dereito a entrar en cada casa.
(...)
Deixa entrar a mañá crara
na túa casa.

Unha das grandes inxustizas cometidas contra Longa noite de pedra ,e contra o seu autor, foi o esquecemento, ante o carácter unitario do conxunto canto á denuncia e crítica social, dun pequeno número de poemas nos que asistimos á máis profunda e sentida expresión dos sentimentos do poeta. Se nos anos sesenta e setenta este poemario se ligaba estreitamente á protesta e á loita política e social, nos anos oitenta e noventa recupéranse e valóranse de maneira apropiada os textos de carácter intimista. Precisamente, serán estas composicións as que nos revelen a extraordinaria mestría ferreiriana no campo da produción lírica ao falarnos das súas emocións máis íntimas, da evocación da infancia perdida, da morte, da natureza e a paisaxe, da dor e a angustia existencial, etc.

IMAXES