A Etapa Contemporánea (S. XX)
Poetas entre a tradición e a modernidade. Luís Amado Carballo e a súa escola poética
Luís Amado Carballo

O nome completo do poeta é Luís Gustavo Amado Carballo . Naceu en Pontevedra o 2 de maio de 1901. Foi fillo de Luís Amado de la Riega, pontevedrés, funcionario de Facenda e da súa muller María del Consuelo Carballo Pesqueira, redondelá. O matrimonio non tivo máis fillos. Por parte paterna houbo na parentela antecedentes literarios: José Benito Amado, Luís de la Riega e Xoán Manuel Pintos . Pola parte materna Joaquín Pesqueira, famoso redactor de La Nación ,de Buenos Aires.

Luís Amado Carballo visto por Maside

Luís Amado Carballo realizou os seus primeiros estudos no Colexio Balmes, de Pontevedra. En 1912 ingresou no Instituto Xeral e Técnico pontevedrés sendo un alumno corrente. O seu único "sobresaliente" acadouno na asignatura de Preceptiva Literaria.

No ano 1919 estaba matriculado na Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Direito, Sección de Filosofía e Letras. O ano seguinte trasladou o seu expediente á Universidade de Madrid, onde seguiu os estudos irregularmente. Neste ano —1920— fixo vida literaria nos cafés madrileños, entre eles o famoso Pombo onde pontificaba Ramón Gómez de la Serna. Foron os seus compañeiros de aventuras os escritores galegos Evaristo Correa-Calderón —con quen Amado Carballo intimou moito— e Xavier Bóveda. Colaborou en publicacións como La Tribuna , España e Parábola ,en El Diario de Pontevedra e en Vida Gallega , de Vigo. Era un grande e apaixonado lector e, entre as súas preferencias, estaban os filósofos alemáns, os novelistas rusos e os poetas franceses de vangarda. Coñecía o francés, idioma do que fixo algunhas traducións para o galego e mesmo escribiu algún poema seu. Fíxose mestre de primeiro ensino, profesión coa que non estaba identificado, por presión familiar e mesmo, polo que semella, desempeñou algunha escola en interinidade, en vilas non lonxe de Pontevedra.

No ano 1921 retornou a Pontevedra e comezou a súa colaboración en A Nosa Terra ,onde publicou un artiguiño sobre o culto da vaca astral en Galiza, que provocou unha resposta de Vicente Risco . Polemizou, dende o xornal republicano pontevedrés La Libertad ,co P. Camarasa, estando este predicando unha novena en Santa María a Maior, con gran disgusto dos seus pais, moi conservadores, especialmente a nai. Neste ano coñeceuno Xoán Vidal Martínez, en Santa Margarida: foille pedir un prólogo para o seu libro Mágoas. Vidal Martínez conta que "cando cheguei remataba de gravarse a lume, no brazo dereito, o nome da súa amada Mary, que andando o tempo foi a súa esposa".

No ano 1922, xuntamente co seu amigo Xoán Vidal Martínez, fundou a revista Alborada ,dirixida por Modesto Bará Pérez. O propio Vidal Martínez escribiu: "En 1922, impulsados pola aparición en Ferrol, da novela mensual Céltiga ,editamos en Pontevedra, baixo o alento do mestre Losada Diéguez , a revista Alborada... " Esta publicación, de curta vida, ten unha edición facsímil do ano 1990. Nos seus catro números —todos de 1922— colaboraron os máis importantes escritores galegos do momento, dende os máis vellos aos novísimos. A tiraxe era duns 300 exemplares e vendíase a vinte céntimos número a non ser o extraordinario do Día de Galicia, que custaba cincuenta céntimos. Imprentábase na Praza do Teucro, no obradoiro de Celestino Peón —unha das históricas imprensas de Galiza— e cobraba pola impresión de cada número vintecinco pesetas. A revista reaparecerá máis tarde como editorial e publicará, en 1924, Proel o único libro que Amado Carballo viu editado en vida— e anos máis tarde, co mesmo rubro editorial, Alcor , en castelán, de Vidal Martínez.

No ano 1923 Amado Carballo iniciou unha fonda amizade co poeta Juan Bautista Andrade, tío de Valentín Paz Andrade, que residía en Lérez, na finca "Fillagosa", a onde acudían, ademais de Amado Carballo, algúns poetas pontevedreses da época. Autores como Faustino Rey Romero ou Ramón González-Alegre sobrevaloraron a influencia de Juan Bautista Andrade sobre Amado Carballo. Quizais aconteceu o contrario: que Amado Carballo, aínda que máis novo, influíra en Juan Bautista Andrade. O evento está sen estudar e moito menos sen clarificar. Amado Carballo, por eses anos, xa vivira a aventura madrileña, onde se puxera en contacto cos movementos poéticos daquela de moda. No libro O pórtico poético dos seis poemas galegos —de García Lorca—, escrito por Luís Pérez Rodríguez, publicado en 1995, infórmasenos: "Sabemos que Lorca leu, ademais, os cancioneiros galego-portugueses. Coñecía parte da obra de Gil Vicente, Sá de Miranda, Camoens. Dos escritores galegos, sentía admiración por Rosalía de Castro, afirmada, posiblemente, polas recomendacións de J.R. Jiménez, lector rosaliano, autor que deixa nel influencias nos seus primeiros poemas "Libro de poemas" (1921). Tamén leu a Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Amado Carballo, Manuel Antonio e Euxenio Montes". Ademais de Eduardo Blanco Amor. No libro de Landeira Irago F. García Lorca y Galicia ,cóntase que Lorca, entre os poetas galegos, sentía unha especial preferencia por Amado Carballo.

No ano 1923 rematou a súa noveliña Os probes de Deus ,que leva esta data: "Pontevedra, Mes de San Martiño, 1923". Publicárase na editorial Lar ,da Coruña, en xaneiro de 1925. Un ano antes, a revista Alborada dera a luz o seu conto Maliaxe.

Por estes anos, exerceu interinamente o maxisterio en vilas da bisbarra pontevedresa e tivo unha importante actividade xornalística en El Diario de Pontevedra e Progreso , ambos de Pontevedra, Galicia , La Concordia e El Pueblo Gallego ,de Vigo, e nas revistas Nós e Vida Gallega .

No ano 1924 Amado Carballo era redactor de La Concordia. Máis tarde pasou a formar parte da redacción de El Pueblo Gallego ,que contou con xornalistas como Euxenio Montes, Evaristo Correa-Calderón, Rafael Dieste , Felipe Fernández Armesto, o grande poeta arxentino Francisco Luís Bernárdez e Carlos Maside como debuxante. O día 10 de nadal de 1924 casou con María López Fernández, pese á oposición da familia de Amado Carballo. Oficiou na cerimonia o cura ecónomo de Santa María don Valentín Villanueva Pérez, profesor do Instituto pontevedrés, ao dicir de Xosé María Álvarez Blázquez : "historiador, poeta, folklorista; un home sabio e bo". Ela era filla do pintor Benigno López Sanmartín e a ela —Marucha, Maruxa ou Mari— lle adicou Amado Carballo os tres poemas de amor que se lle coñecen. Filgueira Valverde , ao referirse ao sogro de Amado Carballo, cualifícao como "home boísimo, sinxelo e cordial, cabezaleiro dunha familia de artistas". E engade: "os López Fernández Sanmartín chegaron a vivir baixo unhas normas éticas e estéticas de radical espiritualismo e mesmo intentaron en Belén e en Italia unha vida que conxugase a volta ó xeito das primeiras comunidades cristians cos ensinos e as prácticas naturistas da verla sabiduría hindú". María López Fernández morreu atropelada por un auto, nos arredores da Estila, en Santiago de Compostela, no ano 1964. O matrimonio non deixou sucesión.

Na primavera do ano 1924 declaróuselle a tuberculose. Iso obrigouno a deixar o xornalismo profesional e volveu a Pontevedra, ao seu fogar, o número 9 da rúa do Progreso. SemeIla que intentou continuar os seus interrompidos estudos universitarios. Seguiu escribindo, cheo de fortaleza e optimismo.

No verán do 1926, por prescrición médica, na compaña da súa muller, trasladouse ás terras montañosas e bravas de Soutelo de Montes, que o impresionaron fortemente como queda constancia nos seus poemas. Ese mesmo ano foi residir á casa de Santa Margarida, ás portas de Pontevedra, onde está o lexendario carballo, solar da familia do P. Sarmiento. Como dixo Filgueira Valverde: "os Amado avencéllanse tamén á familia do P. Sarmiento, polo entronque cos García de la Riega; Amado Carballo viviu algún tempo no pazo dos García Sarmiento de Santa Margarida". Neste pazo recibía frecuentes visitas dos seus amigos pontevedreses.

No ano 1927 olla publicado o seu primeiro libro de versos: Proel . Como reza o colofón: "Acabouse d'emprentar nos talleres do "Diario de Pontevedra" pol-os primeiros días do mes de San Xohán de 1927".

O día 3 de setembro de 1927, ás once da mañá, faleceu Luís Amado Carballo na súa casa de Pontevedra. Contaba vinteseis anos e algúns meses.

O seu amigo Xoán Vidal Martínez deixounos o seu retrato:

"A súa estampa era a dun xoven miúdo, de mediano altor, de rostro ovalado, fronte amplísima, baixo a cal brillaban uns ollos pequenos, negrísimos, profundos e vivaces; o nariz lixeiramente aguileño, regular; boca breve, de labios prominentes, sensuales... cabeleira moura e forte, peiteada cara atrás e que se desmandaba con frecuencia, caíndo sobor das tempas, cando o poeta falaba ou ría, sempre tan lonxano..."

Luís Amado Carballo fotografado no 1920, ao comezo da súa vida literaria.

Un ano despois da súa morte un grupo de amigos —maiormente Xoán Vidal Martínez— publicou o seu segundo poemario O Galo ,na editorial Nós ,de Ánxel Casal, cun brevísimo prólogo de Otero Espasandín e unha fermosa portada de Carlos Maside.

No ano 1970 Xosé María Álvarez Blázquez, na súa editorial Castrelos de Vigo, reuniu, por primeira vez, nun volume, as obras en prosa e verso de Amado Carballo, cun prólogo de Méndez Ferrín . Só a obra escrita en galego.

No ano 1982 a Real Academia Gallega adicoulle o Día das Letras Galegas.

E no ano 1994 o editor Sotelo Blanco publicou nun volume a poesía galega completa de Amado Carballo, nunha edición ao coidado de Luís Alonso Girgado.

IMAXES