A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía de posguerra
Luís Pimentel

O autor máis vello de cantos publican por primeira vez en Benito Soto é Luís Pimentel (Luís Vázquez Fernández, Lugo, 1885-1958). Vinculado existencialmente a Lugo, cidade en que residirá durante a práctica totalidade da súa vida, comeza en 1914 estudios de Medicina en Santiago de Compostela, para logo trasladarse a Madrid, en 1922, onde cursará a especialización e o doutoramento, frecuentando nese tempo a Residencia de Estudiantes. Autor bilingüe en galego e castelán, a súa obra aparece transida pola polémica, toda vez que, mentres algúns críticos ( Pilar Pallarés ) defenden, fóra de toda dúbida, a súa vontade de pertencer á nosa tradición literaria, xa que o seu único libro publicado ( Triscos )e o póstumo ( Sombra do aire na herba )estaban escritos en galego, ao tempo que tiña proxectado publicar nesta lingua a primeira versión de Barco sin luces ,outros ( Alonso Montero ) defenden a tese do castelán como lingua intencionada de creación, sendo os seus amigos ( Celestino Fernández de la Vega , Ánxel Fole e Manuel María ) os responsábeis da tradución para o galego dalgúns dos seus poemas.

Luís Pimentel nos anos trinta.

Como queira que nos inclinamos pola primeira das teses, convén sinalar que, para nós, ainda tendo publicado moi serodiamente, Luís Pimentel forma parte, por formación e por data de nacemento, da xeración que leva a cabo en Galicia a transición cara ás poéticas de vangarda e da que formaría parte xunto a Manuel Antonio , Amado Carballo , Eduardo Blanco-Amor , Manuel Luís Acuña.

Existe a crenza de que Luis Pimentel escribiu moi poucos versos en galego aínda que si propiciou que estes fosen traducidos desde o español por algúns dos seus amigos como Fole, Ánxel Xoán e Ramón Piñeiro. A recompilación dos seus textos inéditos feita por Araceli Herrero xa demostra que moitos dos poemas galegos teñen unha versión sen que se saiba cál foi, en definitiva, a versión orixinal. Téñase en conta que o tratamento en galego dos seus poemas, sexa call for a lingua orixinal en que estes foron escritos, foi feito co seu permiso, se non coa súa cooperación, e que tanto os poemas galegos publicados en diversas revistas antes da guerra civil como o seu primeiro poemario intitulado Triscos e publicado en 1950 na colección Benito Soto de Pontevedra, dirixida por C. E. Ferreiro , foron publicados en vida do poeta e, como é lóxico supor, por obra da súa propia vontade. O mesmo cabe pensar do seu primeiro libro póstumo Sombra do aire na herba aínda que non aconteza o mesmo con Barco sin luces , finalmente publicado en castelán pero que o autor presentou en versión galega á editorial Nós .

De todo o anterior cabe sinalar que Luís Pimentel pertence, no que atinxe aos seus dous primeiros libros, á literatura galega:

  1. Porque a súa vontade era contribuír á recuperación literaria do galego como demostra o feito de que o ico libro en español fose incluído nun listado de obras a seren publicadas en galego na editorial Nós.
  2. Porque está comprobado que, aínda que Pimentel nunca chegou a ter un dominio literario profundo sobre a lingua galega, nos seus papeis persoais existen á beira de versións españolas de textos publicados en galego outros textos unicamente en galego que non teñen versión española.
  3. Sexa cal for a lingua orixinaria dos seus textos, o certo é que historicamente estes teñen funcionado como parte do noso legado poético moderno exercendo mesmamente como modelo para poetas posteriores, polo que, aínda que dun xeito revirado e estraño, os seus poemas, ou se se quere os seus poemas traducidos, teñen vindo a formar parte da nosa tradición. O fenómeno literario, como se sabe, non consiste unicamente na produción de textos senón tamén no seu espallamento e recepción e está claro, para ben e para mal, que Pimentel é, hoxe por hoxe, un poeta difundido e lido como galego.

Nun artigo intitulado "Galicia e Rosalía na poesía de L. Pimentel", publicado na revista Aturuxo de Ferrol no ano 1960, Ramón Piñeiro escribe que Pimentel lle dixo: 'aos catorce anos escribín un libro de versos en galego. Foi o meu primeiro libro'. Pregunteille se o conservaba e díxome que non, que non tiña idea de que fora del. Pregunteille entón se lembraba o contido e o carácter daquela poesía inicial: "só lembro —díxome— que atacaba duramente aos casteláns. Estaba influído por Rosalía . Era o eco que en mim produciu a súa lectura".

A poeta e ensaísta, Pilar Pallarés

Certamente, nada do dito ata agora pretende desviar a atención da figura do poeta, do médico e do home, que foi Luís Pimentel. Antes ben, pretende sinalar unha pauta para podérmonos mover con axilidade na análise da súa obra dentro do tempo que lle tocou vivir.

Trátase, por tanto, dun autor forxado nas vangardas europeas e galegas que tece un discurso sumamente persoal, inclasificábel, no que sobrancean os poemas de carácter impresionista, os de carácter simbolista, unidos a outros de vontade claramente surreal, cando non decadentes ou simplemente esteticistas. En todos eles fica patente a vontade de conseguir unha expresión sinxela, pero non simple, na que a palabra adquire toda a importancia, toda vez que o verso fica despoxado doutros ornamentos, á procura da análise do mundo cotián.

Se tivésemos que facer un breve resumo dos temas pimentelianos poderí amos sinalar, principalmente, os seguintes:

  1. O provincialismo.
  2. A reflexión sobre a figura do poeta.
  3. Tremor metafísico perante o tempo.
  4. O protagonismo dunha escenografía decadente e requintada.
  5. A inxustiza social e a maldade do home.

Luís Pimentel vai ser un membro estraño da súa xeración. Certamente a súa obra, aínda que se corresponda, e moito, con algunhas das tendencias que se estaban a pór de manifesto noutras literaturas, pertence a unha tradición máis heterodoxa, distante en principio do tronco principal que vai levar a poesía europea, da man da literatura francesa, desde Baudelaire ao surrealismo. A súa é unha actitude fronteiriza, ancorada aínda no simbolismo e nas estéticas decadentistas, no sentimento de ruína propio do 'dandy'-finisecular e de admiración crítica polo modernismo e o art-deco, tan presente nalgúns dos emblemas da súa obra. Non en van, os seus propios modelos (Jules Laforgue e Francis James, Jules Supervielle) son tidos por heterodoxos dentro da tradición poética francesa.

Para Pilar Pallarés, "os críticos teñen emprestado especial atención ao influxo que na obra de Pimentel exerceron certos poetas. Tense sinalado o de Rosalía, Jules Laforgue, Francis Jammes, Jules Supervielle, Antonio Machado... e até o de Rilke e Dámaso Alonso. Insistir neste punto quizais equivalla a cair na práctica da 'crítica hidráulica', cando menos cuestionable. Aínda que Pimentel declarou en ocasións as súas preferencias poéticas, indicando os nomes de Rosalía, Rilke, Antonio Machado e, moi especialmente, de Francis Jammes, é arriscado establecer unha filiación directa entre a poesía destes e a pimenteliana. O gusto por unha obra determinada non implica necesariamente que deixe pegadas importantes na do poeta-lector. Si temos garantía, porén, á hora de concretar a relación de Pimentel con Rosalía, Laforgue e Jammes. Nos dous primeiros casos porque, para alén dos ecos rosalianos e laforguianos perceptibles aquí e alá na poesía do noso autor, aparecen integrados nela a través do xogo intertextual e de conversión en figuras simbólicas, en modelos de comportamento poético. O caso de Jammes é diferente.

Pimentel, fotografado en Compostela.

Pimentel apenas o cita, apenas utiliza os seus poemas para o exercicio da intertextualidade. Mais a súa presencia é constante, máis profunda que a de Laforgue".

Cando falamos de 'provincianismo' na poesía de Pimentel facémolo acudindo a un dos significados menos evidentes da palabra. Non se trata, claro está, dun termo pexorativo que pretendese establecer unha oposición entre provinciano e cosmopolita, dando por seguro que esta contivese o sentido de 'provinciano igual a mediocre, vulgar', e 'cosmopolita igual a obra de calidade'. Dicir que Pimentel foi un poeta provinciano equivale a dicir que foi a vida da provincia, con todas as consideracións éticas e estéticas a que esta poida dar lugar, un dos obxectos principais da súa atención. É, pois, a astenia matinal, o fastío das tardes de domingo, a descrición de escenas cheas do sopor e a lentitude das vilas provincianas, o que se-converte en albo da súa ollada.

Pimentel reflexionará a través da súa obra sobre o porqué da poesía e a misión que Ile cabe desempeñar ao poeta no mundo. A poesía, para Pimentel, sería un elemento transformador e dinamizador da vida e das persoas que afastaría estas da brutalidade e da barbarie. A forza da palabra poética sería superior á da simple pedagoxía pois, frente a esta, a poesía exercería un papel pacífico e non iracundo. Dentro desta preocupación pola figura do poeta aparece o fantasma de Rosalía de Castro, unha das presencias máis constantes nos seus textos, sempre rodeada dunha emblemática veneración. A poeta adquire, por veces, a función sangrante dun Cristo que morrese para redimir a historia do seu pobo e os seus coetáneos. Esta estética intimista adquire connotacións morais e o estado de inspiración previo á realización do acto da escrita resulta ser un premio a unha actitude de fidelidade á propia conciencia, a unha actitude de autenticidade.

Como un emblema máis a espallar os seus significados e os seus símbolos arredor do tema da significación do poeta, Luís Pimentel sitúa a Jules Laforgue, cuxo nome aparece sempre relacionado co tema da provincia, como unha homenaxe esteticista e culturalista.

O tempo, sentido como unha entidade sagrada, formadora das cousas, será obxecto dalgúns dos seus mellores poemas.

Pimentel procura unha atmósfera decadente e requintada para servir de ámbito aos seus textos. É un mundo cheo de obxectos domésticos nos que proxecta, por unha banda, obsesións infantís e, por outra, o seu deslumbramento perante o modernismo. Pierrot, os pianos, as bicicletas, os cristais, os estanques, danlle á súa poesía unha fraxilidade manifesta.

O poeta médico, hipocondríaco nos seus anos finais e sempre moi sensíbel á dor humana, olla con terror a maldade capaz de causar danos gratuítos. Este tema mestúrase coa desolación que lle producen os acontementos que van dar lugar á implantación do fascismo no Estado Español.

Este enfrentamento coa miseria sentimental circundante e o réxime de terror imposto que atentaba abertamente contra a súa visión do home e do mundo farase cada vez máis evidente, chegando a tornarse en ira e raiba non contida.

Luís Pimentel foi un home truncado, como poeta e como persoa, por un tempo que resultaba dificilmente poetizábel. A súa tenacidade conseguiu arrincar pedazos de beleza a un país arrasado e vencido e desa beleza, contida moitas veces dun xeito doloroso na súa poesía, naceu a esperanza. Nese tempo marcado por algunhas das maiores catástrofes da historia do mundo e no que algúns chegaron a negar para sempre a poesía dicindo que 'despois de Auschwitz non pode haber poesía' Pimentel conseguiu facer xermolar o seu Verso.

IMAXES