A Etapa Contemporánea (S. XX)
Teóricos da arte
Luís Seoane: do particular ao universal

Luís Seoane é o artista en que mellor se representan ou cristalizan as ideas artísticas que teoricamente viñan propoñendo desde sempre os galeguistas. A pintura de Seoane profunda no estudio das raíces galaicas, no pasado que nos vencella e que nos deu signos en que poder recoñecernos e símbolos con que entendernos e emocionarnos. Pero ao mesmo tempo Seoane é un artista moderno que vive con interese e ansiosa curiosidade os cambios propios do seu tempo, un artista que procurará e logrará estar sempre ao día. Como resultado das súas inquedanzas intelectuais a arte de Luís Seoane afonda no particular galego para mostrar o noso país cara a fóra dun xeito plenamente moderno e ousado. Seoane será, pois, quen de lograr que as formas e as peculiaridades que constituían o corpo da simboloxía e da epopeia popular galega adquiran rango de categorías universais. E sempre matinando en procurar crear unha arte representativa de Galiza.

Unha constante na pintura e nos textos de Seoane é a busca das nosas raíces, o estudio do noso pasado, para encontrar alí símbolos propios ao tempo que dá o devandito pasado a coñecer, xa que eses símbolos e eses mitos estiveran e estaban ocultos e cumpría con urxencia o seu rescate para que o pobo os recoñecese e os asimilase como seus de novo. Seoane, ao afondar no noso pasado para buscar argumentos para a súa arte, estaba, ao mesmo tempo, demostrando que nós tamén eramos un pobo con historia, un pobo con dereito a existir. Ademais, isto vai en consonancia co pensamento de Seoane, que non concibe unha arte que non teña en conta as peculiaridades propias do país en que se desenvolve. Unha desas peculiaridades vainas buscar na propia historia, na que estaba implicado o pobo, e non só na historia das grandes personaxes.

Buscar no pasado remoto galego, na lonxana orixe ,na prehistoria, ollar para as gravuras rupestres e para a arte escultórica será, pois, unha forma máis de identificar, de definir o país, xa que a súa intención é lograr que a arte se constitúa noutra linguaxe propia e diferencial que poida dirixirse ó espectador axudándolle a definir o seu esprito. Nos alicerces da nosa orixe vai descubrir esas formas tendentes á espiral e ao círculo e que non só cre características da arte celta, senón tamén dinamizadoras da arte galega desde o románico e o barroco ata a pintura galega da posguerra. Ademais, a utilización destas formas orixinarias concíbeas coma unha actitude sentimental, case que telúrica, de unión do artista coa propia terra, terra milenaria, para así ser mensaxeiro da súa singularidade e non caer no academicismo.

Para Seoane, a historia é un dos elementos que define o país ao permaneceren nela arquivados os feitos, as lendas, os costumes que o pobo foi elaborando cada día como aparello necesario para poder erguer, e consolidar, unha construción social e espiritual que dera xeito e significado á súa vida sobre esta terra, ou naquelas ás que se viron obrigados a marchar por necesidade. A historia non é só un baúl no que se gardan os mitos, as lendas ou as personaxes míticas —todos eles necesarios na construción dun país, ademais de facelo máis atractivo—, e que abrimos de cando en vez cando nos poñemos nostálxicos, senón tamén, e por ser o pobo traballador o protagonista da mesma, o motor que vai tirar pola xustiza social, polo recoñecemento dos máis débiles. A historia serve para afirmar a identidade; de aí o interese polo seu estudo e por deterse, especialmente, en moi concretas etapas da mesma.

Debuxo de Seoane para  A Santa Compaña,  narración de Nóvoa Santos.

Neste reivindicar do noso pasado hai dous momentos cruciais para o artista que chaman fondamente a súa atención, e nos que se detén paseniñamente. Primeiro, cronoloxicamente, está o mergullarse na arte prehistórica e, principalmente, nas gravuras ou petroglifos da Idade do Bronce. Está tamén a reivindicación do celtismo ou dunha suposta orixe celta. Este celtismo vai ser algo máis que a utilización dunha determinada simboloxía nos seus cadros, como a espiral, os círculos ou as liñas entrecruzadas; vai ser tamén a reivindicación dun pasado diferente que nos distinga, dun pasado mítico (o mito da ofiolatría estudiado polos arqueólogos da xeración Nós) e dun pasado heroico (así vai pintar os guerreiros que defenden Galiza do invasor romano).

Outra etapa da nosa historia que chama enormemente a súa atención é o medievo, pero ao contrario dos seus amigos artistas predecesores que vían nas esculturas románicas das nosas igrexas pouco máis que unha parte da nosa tradición artística, Seoane vai reivindicar, ademais, as miniaturas dos códices, xunto a historia dese tempo, as súas xentes e as personaxes máis significativas e simbólicas do momento. Así, vai pintar series nas que se representan Roi Xordo, o rei García, Pardo de Cela, San Ero de Armenteira ou María Balteira. Ao facelo, Seoane está reivindicando un posto na historia para esas xentes, está dando unha lección de historia ao público a que ía dirixida a súa obra, xa que este público, de certo, non tiña outro camino para achegarse a estes personaxes afastados da historia pola barbarie; mais tamén está propoñendo a rebelión como forma de loita social, está encirrando o pobo para que defenda o que é seu.

Pero, ao contrario doutros artistas do seu tempo, cos que compartía o mesmo interese en ollar e estudiar as fachadas das nosas igrexas románicas para buscar unha linguaxe plástica diferente, sobre todo con aqueles que logo crearon o que se deu en denominar estética do granito ou tamén estética da pedra ,Seoane vai máis alá e a súa é unha estética de seres vivos que se diferencia claramente na linguaxe desoutros que copiaban as formas e a serenidade das imaxes esculpidas nas portadas románicas ou na escultura popular. A principal fonte de inspiración para Seoane era o ser humano, entendido como ser social. Por iso, Seoane pode pintar guerrilleiros, pode pintar obreiros traballando nas vías ,pode pintar a vida do traballo ou escenas da vida cotiá, mulleres con cestas na cabeza, levando unha ola ,grupos discutindo ou en conversa. É dicir, a arte ten que ser contemporánea coa situación social do seu tempo e a pintura debe mostrar a solidariedade cun pobo e cunhas clases sociais desfavorecidas, mostrar a súa preocupación por eles. Para lograr que isto se materialice na súa arte, o artista tiña que estar moi metido no mundo do seu tempo, tiña que ter un amplo coñecemento do seu presente; e Seoane tíñao. Mais tamén había que ter un compromiso serio e crítico con ese presente; e toda a vida deste xenial artista foi de militancia e compromiso.

Neste senso, un artista non só é aquela persoa que coa súa habilidade técnica sabe facer ben as cousas. Non, ese acabará nun academicismo apático e satisfacendo certos gostos. Na opinión de Seoane o artista verdadeiro é aquel que sabe captar e transmitir con orixinalidade a expresividade singular do seu pobo, polo que o bo artista ten que ser herdeiro de aquelo que é indefinible e diferente do seu país. É dicir, ten que vivir inmerso na realidade do país, identificando a súa vida co seu país, como vive e se identifica, prá súa obra, cos obxectos que ten de representar ou a materia que quere vivificar. Por iso se preocupou constantemente en buscar imaxes representativas da nosa galeguidade, do noso feito diferencial. Era un xeito máis de se afirmar na busca dunha arte representativa de Galiza.

Outras preocupacións estéticas de Luís Seoane, que protagonizaron a súa arte, foron os emigrantes e as mulleres (a figura feminina é, seguramente, un dos temas máis representativos na pintura deste home), como seres marxinados que cargaban cun doloroso destino, elevándoos dentro do seu fracaso á categoría de mitos representativos, de figuras máxicas ou épicas; dálle un valor case sagrado. Ao pintar as mulleres e os emigrantes pinta a memoria colectiva viva dos galegos, polo que está reclamando os valores encarnados nestes personaxes como valores que cumpren a función de afirmar a identidade.

Seoane estaba preocupado moi seriamente por crear unha arte popular que puidese chegar a todos, que se identificase con todos, que reflectise as inquedanzas, o pensamento e as esperanzas de todos. Unha arte que servise para crear conciencia e buscar solucións, e sempre tendo en mente que esiste o arte dun pobo non soio porque hai quenes o fan sinón ademáis porque dan mostras da súa esistencia quenes o estiman. Por iso foi un constante experimentador (nada lle era alleo) e traballou tan arreo en certas formas artísticas consideradas menores, como a cerámica ou o deseño (e que el elevará de categoría), porque vía que nestes xéneros se podían ter moi especialmente en conta as peculiaridades de cada país, de cada cultura e, así, chegar máis directamente ás masas.

O camiño para buscar unha arte diferencial non só pasaba pola historia, polos feitos sociais diferentes, etc., senón que pasaba tamén por un uso da técnica e das cores con certas liberdades, que daban como resultado imaxes en que os condicionantes propios da nosa cultura se mesturan cos propios da estética contemporánea, resultando unha obra cargada de fresca inxenuidade. A convicción plena de ser galego foi o que fixo abrollar en Luís Seoane unha arte cargada de humanismo, novidosa e tan xenial que, como en Castelao, supera a estreitez cativa dos cadros.

IMAXES