A Etapa Contemporánea (S. XX)
O vangardismo: Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro
Manuel Antonio e a vangarda

A literatura galega débelle a Manuel Antonio a aparición do seu único manifesto e aínda que tamén é asinado polo debuxante Álvaro Cebreiro e instigado por Antón Villar Ponte , pola súa correspondencia sabemos que foi el o seu único redactor.

Cebreiro nas rúas de París.

¡Máis alá! sae á luz en 1922 e confórmase como un texto altamente provocador e polémico, non debemos esquecer que este é un dos principais obxectivos deste tipo de proclamas. Sen embargo, obsérvanse algunhas diferencias fundamentais entre os manifestos dos diferentes ismos e o asinado polo rianxeiro. Recordemos que o manifesto xorde como medio de expresión para dar a coñecer as ideas nas que se fundamenta unha determinada corrente de vangarda, en ¡Máis alá! queda perfectamente claro que iso non forma parte do seu obxectivo. Non se pretende formar ningún grupo, nin crear escola, nin seguir o maxisterio de ninguén; a súa meta será única e exclusivamente o individualismo. Por outra parte, ¡Máis alá! tamén se pode entender como unha proclama de tipo político, como unha denuncia da submisión da literatura e cultura galegas e como unha chamada á súa liberación, para o que será necesario romper as cadeas que a atan co seu pasado, esquecendo todo tipo de imitación e sentimentalismo. Asemade, atopamos unha clara apelación ao uso da lingua, expresada desde a máis forte das intransixencias. Xa que logo, estamos perante unha proclama profundamente influenciada polo nacionalismo do poeta.

En consonancia con esta intencionalidade política do manifesto están os problemas xurdidos nas Irmandades nesa mesma época, concretamente na Irmandade da Coruña. ¡Máis alá! irá dirixido contra o sector que dominaba a Irmandade coruñesa e que insta a Antón Villar Ponte a abandonar a dirección de A Nosa Terra , voceiro das Irmandades . En palabras de Xosé Ramón Pena:

O ataque faise, ao tempo, desde unha perspectiva estética e desde unha perspectiva política, perfectamente encadradas ambas as dúas na liña do pensamento de Risco, que considera unha e outra vez o protagonismo da cultura, da mesma estética, nos procesos de liberación nacional.

(Pena, X.R.: 1996: 137)

Mais a proximidade ideolóxica entre un sector do nacionalismo e o noso poeta vese truncada, como xa anunciamos anteriormente, pois Manuel Antonio desexa feitos e accións que non se van levar a cabo e decide continuar o seu camiño en solitario.

As diferencias entre a actitude manuelantoniana e os homes da Época Nós están presentes en todo momento. Seguindo a orde utilizada en ¡Máis alá! , os primeiros en seren criticados serán os "vellos", isto é, os escritores do seu tempo que insisten en botar man dos modelos decimonónicos. É mester salientar a ousadía desta crítica, posto que desde as Irmandades se apoiaba calquera proxecto escrito en lingua galega, sen entrar a valorar a súa calidade. A continuación, o ataque diríxese contra o ruralismo no que está mergullada a literatura galega. Ninguén (os precursores, os grandes poetas do Rexurdimento e os escritores do momento) logrará escapar ás críticas. Chama a atención o tratamento que se lle dá a Rosalía , Curros e Pondal , pois son profundamente admirados polos homes das Irmandades e absolutamente desprezados por Manuel Antonio, especialmente Curros e Pondal. Lembremos que Álvaro Cebreiro nunha carta a Manuel Antonio pídelle que non critique a Rosalía no manifesto, pero a petición non dá resultado. Carlos L. Bernárdez destaca que a crítica literaria vira coincidencias con outros ismos no uso de ataques a xeracións anteriores:

Tense reparado na similitude deste ataque ás xeracións de escritores anteriores, coa dos cubo-futuristas rusos que no seu manifesto Unha labazada no gusto público (...) propugnan o abandono de Pushkin, Dostoievski e Tolstoi e o achegamento da linguaxe poética á da rúa. O manifesto estaba asinado por Maiakovski, Jlebnikov, Kruchiónik e Burliuk e nel hai constantes referencias á ruptura coa tradición realista rusa do XIX, igual que Manuel Antonio se desmarca do Rexurdimento galego e dos seus epígonos.

(López Bernárdez, C.: 1991: 34)

As seguintes frechas lanzadas apuntan aos que el denomina "Pollitos bien", escritores galegos que utilizan o español, e van especialmente dirixidas cara a Valle-Inclán. Cómpre recordar que Valle é un escritor de recoñecido prestixio e especialmente admirado, mesmo polos homes da Época Nós. Lembremos tamén que, paradoxicamente, o propio Manuel Antonio manifesta na súa correspondencia o seu recoñecemento pola obra do arousán, aínda que insiste en criticar o seu uso do español.

Manuel Antonio visto por Maside.

Finalmente, non debemos esquecer que para unha parte da crítica ¡Máis alá! é froito das présas e da xuventude, xa que logo a súa lectura debe basearse nos presupostos anteriores para non chegar a conclusións erradas. Esta é, por exemplo, a consideración de Xosé Luís Axeitos:

Penso, sen embargo, que habería que relativiza-la importancia que se lle vén dando ó texto como definidor da poética do rianxeiro. En primeiro lugar, porque non debemos esquece-la función de "provocación" que estes documentos teñen na tradición vangardista; dictados pola urxencia e a paixón, non teñen nada que ver coa reflexión disciplinada da creación literaria. Por este motivo, a relación entre a doutrina destes documentos e a creación literaria coa que se relaciona é, na maior parte dos casos, incoherente e contradictoria (...)

(Axeitos, X. L.: 1992: 24)

Ademais do manifesto, existen outros textos manuelantonianos que nos proporcionan unha valiosa información sobre a súa poética. Referímonos a "Un poeta da nosa terra", "Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribeu" e "Fatiguémonos".

En "Un poeta da nosa terra" o rianxeiro disertará sobre a paisaxe e o papel que debería desempeñar na nosa literatura. Neste sentido, a súa actitude vólvese enmarcar dentro da vangarda, pois é necesario recoller a súa esencia para transformala nunha realidade nova, afastada das imitacións e do sentimentalismo. Atopamos, como en ¡Máis, alá! , unha crítica á actitude doutros escritores, tamén dos pintores, volvendo aparecer unha mención negativa á figura de Valle-Inclán:

¡Nin os pintores! Eles foron quizabes os máisimos apóstatas da nosa relixión natural. O que non persigueu un eisotismo suicida e o que non abdicou da propia persoalidade na receta académica, pintou unha Galicia tan ineisistente como, dendes do punto de vista galego, son os persoaxes do Valle-Inclán.

(Manuel Antonio: 1923)

O "Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribeu", publicado en 1924, é un texto no que aparece claramente exposta a poética manuelantoniana e que fará fincapé en ideas xa expresadas en ¡Máis alá! . O texto ábrese cunha referencia á "Santa", ao "Bardo" e ao "Rebelde", en clara alusión aos tres grandes poetas do Rexurdimento, que volven, así, ser criticados; fronte a eles Manuel Antonio ergue a súa total independencia. A seguir declárase, sen ningún tipo de dúbida, vangardista, destacando el mesmo o futurismo, o creacionismo e o dadaísmo; mais isto en ningún momento impide que renuncie ao seu individualismo. Insistirá, tamén, na racialidade da súa arte, na galeguidade e no uso exclusivo do galego. Para rematar, explica a súa non utilización de certas características poéticas tradicionais, como son o ritmo, a rima e a lóxica gramatical; desbotando por completo as actitudes románticas e sentimentais.

Cronoloxicamente "Fatiguémonos" é o último dos textos que conformarían a poética manuelantoniana, pois foi publicado en 1926. Estamos outra vez ante un texto controvertido polas ideas que presenta, en parte tamén manifestadas en ¡Máis alá! . Nesta ocasión o único obxectivo da súa feroz crítica serán os que el denomina "poetas bucólicos", porque ofrecen unha visión de Galicia e do campo galego estancada en estereotipos obsoletos e ruralistas. Como podemos observar, o seu vangardismo non diminúe co paso do tempo, senón que se vai consolidando e aparecerá, ao final deste texto, como a única saída viábel para a liberación da patria, desempeñando, xa que logo, un papel decisivo a asunción dunha estética nova.

Entre a obra poética do rianxeiro e os seus escritos en prosa existe unha clara disociación. Os seus postulados vangardistas lévanse a extremos completamente radicais na teoría pero, na práctica, o noso poeta vaise desprendendo pouco a pouco das maneiras tradicionais. A culminación da unión entre teoría e práctica chegará coa publicación de De catro a catro en 1928.

É sumamente interesante estudiar e analizar a evolución que aparece ao longo da producción literaria manuelantoniana. O rianxeiro vai comezar a experimentar, desde moi cedo, as novidades vangardistas pero combinadas cunha concepción poética tradicional. Paseniñamente irase abrindo cada vez máis á ruptura e á novidade ata conseguir rachar plenamente coa tradición coa publicación de De catro a catro . Chama a atención a súa volta posterior a un ton e forma máis tradicional, porque supón un paso atrás no camiño que el mesmo iniciara e chegara a alcanzar.

Manuel Antonio empeza a escribir e a publicar poemas en español sendo todavía un adolescente. Estas primeiras composicións, de factura romántica e modernista, viron a luz nas revistas Suevia e La Raza . A súa andadura como poeta monolingüe en galego comezará axiña, en 1919, coa publicación do soneto "O sol da libertade". Tanto neste soneto como noutros textos aparecidos ese mesmo ano e ao ano seguinte comprobamos, claramente, a súa filiación a unha poesía de corte tradicional, suxeita á métrica e á rima. Con anacos do meu interior , redactado entre os anos 1920 e 1922, será o primeiro dos seus poemarios. Encontrámonos ante dezaoito poemas de feitío tradicional e características modernistas, mais xa se pode apreciar a influencia da vangarda na disposición tipográfica do texto. O seguinte conxunto de poemas, Foulas , composto entre 1922 e 1925, continúa a liña marcada anteriormente, sen embargo cómpre salientar a acentuación das pegadas vangardistas. Nesta ocasión o noso poeta experimentará a utilización do caligrama nas composicións tituladas "Excelsior" e "Poemas do faro. II", tampouco debemos esquecer o novo rumbo que se aprecia na linguaxe coa introducción de estranxeirismos e vocabulario científico e técnico. Un dos seus poemarios máis compactos é Sempre e mais despois , que fora datado por Domingo García-Sabell en 1928 mentres que Xosé Luís Axeitos afirma que estes textos se elaboraron nun período comprendido entre 1923 e 1924. Este poemario está constituído por un pequeno conxunto de poemas unido pola aparición dun personaxe principal, Xuan , que sente e padece as grandes diferencias entre a súa vida na aldea natal e as súas vivencias como emigrante na capital arxentina. Combínanse nestas composicións trazos tradicionais, como a rima, e características vangardistas, como a utilización de imaxes moi ousadas e atrevidas. O último dos seus poemarios, Viladomar (1928), supón un retorno, tanto pola forma como polo ton, aos poemarios iniciais e un afastamento do poemario inmediatamente anterior, De catro a catro .

Imaxe de Manuel Antonio.

IMAXES