A Etapa Contemporánea (S. XX)
Manuel María e o seu tempo
Manuel María no Contexto Literario

En 1950 Manuel María publica Muiñeiro de brétemas : é o seu primeiro libro de versos e tamén o primeiro libro de versos dun poeta novo —tiña entón vinte anos— naqueles dramáticos e difíciles anos corenta/cincuenta da posguerra franquista. Hoxe, corenta e sete anos despois, na plenitude creativa do seu outono vital, Manuel María é o autor dunha obra literaria variada e representativa, que, como a súa Terra Cha natal, "para medila, so valen dúas mensuras: ¡ferrados de corazón, fanegas de alma!"

Manuel María no Courel, con María Mariño e Uxío Novoneyra.

Outras mensuras non serven cando falamos dun corpus xornalístico que supera o milleiro de artigos; ou cando falamos dun corpus ensaístico conformado por máis de 30 estudios; ou cando falamos dun corpus narrativo con 14 títulos; o cando falamos dun corpus dramático de 23 pezas publicadas e outras 19 inéditas aínda que, nalgúns casos, representadas; ou cando falamos dun corpus poético constituído por 42 libros de versos e varios cadernos poéticos e separatas.

O seu mundo poético e todos os outros seus mundos (narrativo, teatral, ensaístico e xornalístico) son proxeccións de si mesmo e do seu estar e pertencer a unha terra e a un tempo. Varía a expresión, que conforma o significado, pero o referente permanece: poemas dedicados a cidades teñen expresión complementaria en artigos xornalísticos; poesía e diálogo teatral conviven e comparten o texto teatral; poemas e relatos comparten os temas ou asuntos narrativos como se o relato quixese ser unha glosa prosificada do poema.

IMAXES