A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía de posguerra
María Mariño

Incluída dentro da chamada Xeración de 1936 e, por tanto, coetánea de Iglesia Alvariño, Celso Emilio Ferreiro ou Alvaro Cunqueiro, a poesía de María Mariño resulta especialmente singular, toda vez que se afasta pola súa orixinalidade formal e temática dos trazos máis significativos dos autores deste período. As peculiaridades da súa biografía e mesmo da publicación da súa obra explican, en parte, esta extravagancia.

María Mariño.

Nada na vila de Noia en 1907, no seo dunha familia humilde, asistiu durante moi pouco tempo á escola, sendo no dicir de U xío Novoneyra "un dos poetas que menos libros leu". Filla de zapateiro e costureira, axiña ten que dedicarse a traballar cosendo polas casas. En 1939 casa con Roberto Posse Carballido, mestre de profesión, que é destinado ao pouco tempo ao País Basco. En Elanxobe, preto de Guernica, nace o seu fillo, que morre ao mes e medio.

Por volta da metade dos anos corenta, Roberto pide o traslado e vai parar a Romeor do Courel. Alí fanse amigos da familia Novoneyra e coñecen ao xove Uxío.

Non será ata o ano 1957 cando María Mariño comece a escribir, primeiro en castelán e un ano despois en galego. En 1963 sairá do prelo Palabra no tempo ,publicada pola Editorial Celta de Lugo. O seu segundo libro, Verba que comeza ,fica sen publicar en vida da autora ao morrer esta en 1967.

Para Xosé Luís Méndez Ferrín: "na peculiar vivencia de María Mariño o seu ser individual non se funde cun Ser total, cunha sorte de Deus. Non se trata pois dunha unio á maneira dos místicos españois do Século de Ouro da súa literatura. É, polo contrario, a materia o elemento total que sorbe o ser persoal de María Mariño e o come, somete e aniquila.

Nesta lírica materialista non hai vivencias da intimidade senlleira, posesión e namoro de si mesma. Polo contrario, o poeta síntese posuído pola materia vivida dinamicamente. Entrégase e déixase levar por ela. Finalmente, o poeta xa non é un eu, senón que se desdobra e fala de ela, porque o seu espírito está xa fóra, entrou no cosmos. Pódese ver alí confundida coas cousas".

Para Victoria Sanjurjo, "a poesía de María Mariño inspírase na tradición popular e nútrese na intimidade profunda de muller que acadou a madureza espiritual no momento no que se pon a escribir. A temática intimista, frecuente na literatura feita por mulleres, consegue en María unha altura e calidade sorprendentes. O seu é un intimismo radical, profundo, sen concesións, e a súa expresión ten, ás veces, fondura filosófica".

O estudio e a edición feitos por Victoria Sanjurjo ten deitado algo de luz sobre unha poeta da que durante moito tempo non seu soubo practicamente nada, chegando mesmo a dubidarse da súa existencia real, atribuíndoselle os seus poemas ao Uxío Novoneyra ou espallándose moi diversas apreciacións sobre a calidade e interese da súa obra. Entre os que a defenderon cabe sinalar a Uxío Novoneyra, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel María, Avilés de Taramancos , Carme Blanco e César Antonio Molina, que a incluiría dentro da súa Antología de la Poesía Gallega Contemporánea. Pola contra, Arcadio López Casanova , aínda facendo unha análise valorativa moi comedida da súa obra, sinala o exceso de influencia da poesía de Novoneyra e escaseza de lecturas da autora.

O poeta Antón Avilés Vinagre, máis coñecido como  Avilés de Taramancos.

Con todo, a principal influencia que se advirte é a de Rosalía de Castro , coa que comparte unha temática común, constituída por algúns dos máis célebres asuntos rosalianos: a saudade, a inspiración popular, a vivencia da natureza desde unha perspectiva mística. A poeta, á que Novoneyra denominou "dinamiteira da fala", salienta tamén pola súa capacidade estética para a construción de secuencias insólitas no noso idioma, destacando a especial sintaxe á que chega en moitos dos seus textos, nun exercicio de ruptura motivado pola necesidade de dotar da maior expresividade o seu discurso. Tamén hai que sinalar a influencia da poesía popular, que a poeta recrea ao seu antollo, sempre como motivo sobre o que espallar a súa peculiar vivencia e o seu singular modo de expresala. A paisaxe e o cosmos, concibidos como unha especie de vontade da natureza para se manifestar, entroncan coa vivencia da paisaxe dos poetas máis austeros vivencialmente, nunha liña que viría desde Eduardo Ponda l ata o propio Novoneyra, pasando por Noriega Varela . Esta soidade no seo dunha natureza esplendorosa, que se conecta directamente co cosmos superior e na que é posíbel encontrar os sinais máis harmoniosos do devalo do tempo, o ritmo das estacións, o ir e vir das neves e dos paxaros, adquire por veces unha grande dimensión, tanto desde o punto de vista da reflexión como da maneira de manifestala esteticamente, nunha actitude poética que, ás veces, imitaría e, outras, superaría á propia poesía de Novoneyra, transcendéndoa nunha dimensión, se cadra, máis sofisticada e de maior complexidade construtiva.

En palabras de Xosé María Álvarez Cáccamo , "a súa palabra mantén diálogo constante cunha natureza de atributos animados, unha conversa que acende ecos de imprecisa procedencia. A poeta desdobra as voces, sitúa o seu propio eu no cosmos para falar con ela mesma desde fóra. Os seus poemas organizan un tecido de paradoxos de caste mística, dun misticismo materialista que trata de expresar a inefábel interacción do eu coa Totalidade. Tal tensión existencial provoca rupturas gramaticais de sorprendente efecto. Extrae María Mariño o seu poder de suxestión do cerne do idioma como se traballase coas estructuras profundas para mostrar un orixinal código quebrado, próximo ao das estéticas irracionalistas. A súa máxica capacidade de abstracción facilita a mudanza de calquera clase de palabra en sustantivo. Esa habilidade para sustantivar a fala, moi lonxe, pola súa orixinalidade e polo grave resultado, dos procedementos esencializadores dos poetas do silencio, afasta tamén o idiolecto de María Mariño do de Uxío Novoneyra".

Para Uxío Novoneyra, "parte sempre da cultura e da fala popular e pola súa incontaminación libresca e de culturas alleas é a máis fiable, a máis válida mostra da alma galega. Nos seus poemas, concretamente nos de Verba que comenza ,non se comporta nunca como os popularistas. Ela está metida toda no pobo e fala por el desde el. Non fala del nin procura porse popular. Nin curiosamente a súa poesía é o que se di de temática popular. Nin, supómonos, de acetación popular. Afincada tan só na tradición e o idioma popular, é un documento contundente da fondura e madurez humana deste pobo levada a un grado asombroso de elegancia e universalidade".

Uxío Novoneyra

Para Carmen Blanco, "o intimismo da autora non é unha vivencia esencialista, pechada ou narcisista, senón existencialista, dinámica e aberta á terra, ao mar e ao conxunto da materia. A poeta consegue que a súa intimidade se confunda coa vivencia da natureza, especialmente do Courel, para perderse no cosmos. Isto é o que ocorre en Palabra no tempo ,tal como sinalamos con anterioridade. En Verba que comenza a natureza da serra lucense e do mar, sen perder a súa contextura concreta, adquire o carácter filosófico e meta-físico da natureza xenérica. Para mellor expresar ese inefábel esnaquizamento da persoa no cosmos, que é coma unha intransferíbel experiencia mística, a escritora procura a palabra máis próxima á súa vivencia, transgredindo a norma lingüística ata a mesma destrucción. Son numerosísimos os versos que podemos aducir como exemplo: "Eu sentía un lonxe triste", "achégate, ven a min, deixa xa de lonxear", "Era camiño de soios en peito o que eu calaba". Podemos dicir, pois, que María Mariño fai poesía no límite, xa que se centra nunha temática abismal que se move nos lindes do tempo e a morte e habita unha lingura límite".

Carmne Blanco.

IMAXES