A Etapa Contemporánea (S. XX)
A nova narrativa
María Xosé Queizán

Nace en Vigo en 1939. Desde moza participa na actividade política no campo do nacionalismo, a través do Consello da Mocidade e da fundación da UPG , e do movemento feminista, do cal vai ser unha figura destacada en Galiza. A súa primeira aportación á literatura galega é A orella no buraco , no marco da "Nova Narrativa". Na xestación desta novela vai ter unha influencia decisiva a súa estancia en París en 1962, onde escribe o inicio da mesma. Na década dos setenta comezará coa súa actividade no campo do feminismo, tanto no ámbito do activismo social corno no da reflexión teórica. No 74 publica colaboracións sobre o tema en La Voz de Galicia e na revista Teima . En 1976 participa na fundación da Asociación Galega da Muller (AGM) cun grupo de mulleres procedentes de sectores ideolóxicos de esquerdas e nacionalistas. Nese mesmo ano recibe o premio Nós de Cinematografía polo guión Con hoxe e con mañá . Máis tarde, en 1978, promoverá o colectivo de Feministas Independentes Galegas (FIGA). Entre as súas aportacións no ámbito do ensaio e investigación sobre a situación da muller destacan: en 1977, A Muller en Galicia , onde analisa a situación da muller galega; en 1980 publica Recuperemos as mans , onde a problemática feminista aparece tratada desde un punto de vista máis global.

María Xosé Queizán.

En 1983 promove a publicación da Festa da palabra silenciada ,revista de creación e reflexión sobre a situación da muller, na que se estudia o papel de mulleres como Rosalía de Castro , Xohana Torres , Francisca Herrera Garrido , etc. A súa actividade literaria, que abrangue todos os xéneros, tamén se aproxima a esta perspectiva de contido feminista. Despois dalgúns relatos escritos nos anos 70, publica en 1984 Amantia ,libre recreación do priscilianismo , en que as mulleres tiveron unha participación destacada. En 1985 fai a súa incursión na literatura infantil co relato O segredo da pedra figueira , onde recrea as orixes da nación galega, a partir duns presupostos ideolóxicos igualitarios. En 1988 aparece A semellanza ,novela en que aborda o tema da sexualidade nas súas diversas manifestacións. A súa preocupación e participación no mundo do teatro desemboca na publicación da obra Antígona, a forza do sangue ,en 1989, revisión do mito clásico de novo desde unha perspectiva galega e frente a un mundo patriarcal. En 1992 publica Amor de Tango . Ultimamente tamén aborda o xénero poético coa publicación en 1991 de Metáfora da metáfora . En 1993 aparece Despertar das amantes ,libro de temática amorosa e de exaltación do gozo sensual do corpo. A súa última obra, ata agora, Fóra de min (1994), constitúe unha fermosa afirmación contra o racismo e a violencia, novamente desde unha perspectiva feminina. En 1995 fai unha nova incursión na narrativa co relato breve O solpor da cupletista . Na actualidade é profesora de Lingua e Literatura Galegas, ademais de colaborar asiduamente na prensa galega, sen deixar o seu labor activista no campo do feminismo.

A orella no buraco publicouse na colección "Illa Nova" en 1965. Esta obra constitúe un dos exemplos paradigmáticos de relación da "Nova Narrativa" co "Nouveau Roman". Tense situado o texto no campo do obxectalismo, isto é, a representación detallada, case obsesiva, dos obxectos como motivo literario, onde o obxectivismo se impón a calquera visión persoal ou subxectiva. Camino Noia Campos (1992) estuda detidamente as semellanzas e diferencias entre a obra de Queizán, e tamén Arrabaldo do norte de Ferrín, coas obras La modification (1957) de Michel Buttor, e Dans le labyrinthe (1959)de Robbe-Grillet. Está claro o coñecemento e o gusto da nosa escritora pola literatura francesa deses momentos, que le no propio París. Sen embargo, hai unha serie de características que a individualizan. Como nos seus modelos, o importante non é a historia, o personaxe; interesa o traballo de experimentación narrativa por riba de todo. Agora ben, en A orella no buraco a historia existe, o personaxe principal non é un obxecto máis na realidade descrita, ten a súa propia biografía coñecida a través de varias retrospeccións temporais. Sabemos dados da súa infancia, da súa época de marxinado en París, do seu regreso á terra para herdar a tenda do seu tío e con ela a Filo, a criada, da súa morte... En cada un dos tres capítulos da novela combínase a terceira persoa que sitúa o escenario e a primeira persoa, un monólogo que deixa libre o "fluír do pensamento", que refire a situación do personaxe, os detalles que o rodean, nos que o fío condutor é un banco e as súas fendas e buracos, e mesmo o seu pasado. Un epílogo en que os veciños falan da morte do protagonista pon remate á novela. Os espacios son urbanos, desde a grande cidade do primeiro capítulo, ata as vilas galegas do segundo e o terceiro. Nese contexto, ás veces agresivo, outras alleo ou xordo, a autora mostra unha preocupación polas persoas, pola súa historia, polo pasado que as condiciona, polas ansias de liberdade absoluta que, como ao protagonista, lle fan renunciar ao progreso económico que o azar lle trae. As palabras da propia autora (1979) sobre o tema son reveladoras:

"Encontramos un home que non sabe onde está, nun mundo que non entende, nun proceso que lle sobrepasa. É o proceso kafkiano. Os demais parecen enteirados da súa propia vida, mentras el, o protagonista, non entende nada do que sucede".

É neste sentido no que a novela se afasta en maior grao do obxectalismo do "Nouveau Roman", aínda que hai párrafos nos que se describe o banco, lugar onde se sitúan a maior parte das escenas da obra, onde a minuciosidade acada límites extraordinarios. O texto que segue repítese insistentemente, ata catro veces, ao longo da obra:

"A superficie estaba lañada xustamente por onde falta a pintura. Anteriormente tiña sido verde, agora era moura, denegrida, marrón, arrubiscada. As estelas eran máis craras. O respaldo continuaba sendo verde e contrastaba co negro enfurruxado das patas de ferro. Nalgunhas partes, sobre todo nas extremidás, había pequenos buracos".

Por último, hai que citar a aparición do tema da sexualidade, constante tamén noutros textos da "Nova Narrativa". Na novela o protagonista recorda e describe unha relación pasada, frustrante e desagradábel en que, despois de acariciar unha moza, os seus dedos "saíron envisgados, marelentos de sangue e pus". Así mesmo, el mantén unha relación sexual escasamente estimulante con Filo. Camino Noia (1992) sitúa estas escenas nunha liña de feísmo "que achega o texto da Queizán ó dos primeiros novos narradores".

IMAXES