A Etapa Contemporánea (S. XX)
A recuperación da narrativa en galego: Álvaro Cunqueiro
Merlín e familia: Os fíos da nostalxia

Como xa indicamos máis arriba, a irrupción de Cunqueiro na narrativa galega supuxo unha importante renovación no panorama da literatura da posguerra. Por unha banda supoñía a revelación dun narrador, que xa conseguira o seu recoñecemento polo labor como poeta e como xornalista. Por outra, a inauguración dunha nova poética que contribuiría a asentar as bases dun florecemento da prosa, andada a primeira metade do século.

Ilustración para  Merlín e familia , de Álvaro Cunqueiro, realizada por Prego de Oliver.

O propio título da obra, Merlín e familia i outras historias , resulta xa indicativo do seu carácter fragmentario. É esta unha das características de toda a prosa cunqueiriana, concibida como unha sucesión de historias ensarilladas por un fío común.

A obra preséntanos o personaxe do mago Merlín afincado nas terras luguesas de Miranda, onde convive con Dona Ginebra, o seu paxe, e outros personaxes ao seu servicio. Onda el acoden xentes de diversa procedencia na procura da súa axuda. As historias están narradas polo paxe Felipe de Amancia, que lembra desde a vellez as memorias daqueles anos transcorridos ao servicio do seu amo.

A obra entronca coa materia da Bretaña, fonte literaria dos personaxes de Merlín e dona Ginebra. Sen embargo, o intento de reapropiación dun pasado cultural lendario ten, neste caso, unha finalidade exclusivamente lúdica. Os mencionados personaxes son trasladados á realidade galega e privados de toda a súa aureola mítica, aplicándoselles un proceso de desmitificación, co que se consegue unha sensación de familiaridade.

Merlín e familia presenta, como dixemos, unha estrutura baseada na adición de historias. Cómpre termos en conta o feito de que, a partir da segunda edición, aparecida no 1968, o autor incorpora o relato dunha serie de feitos acontecidos cando Felipe de Amancia non era xa paxe de Don Merlín.

Abren e pechan o libro senllas notas dun narrador onde podemos ler claves importantes para a interpretación da obra. A nota introdutoria presenta o paxe Felipe de Amancia, vello i anugallado ,disposto a lembrar todos aqueles prodixios de que fora testemuña, cando neno, ao abeiro do mago. Mais estes espacios marxinais ao texto —paratextuais ,segundo a denominación proposta pola teoría da literatura—, son lugares privilexiados para que o autor introduza reflexións acerca da súa concepción da literatura. Así ocorre nesta nota introdutoria, na que o narrador chega a dubidar da entidade das súas memorias, neutralizando a oposición entre o vivido e o inventado nunha fermosa imaxe:

Verdade ou mentira, aqués anos da vida ou da maxinación, foron enchendo cos seus fíos o fuso do meu esprito, i agora podo tecer o pano distas historias, novelo a novelo.

A nota final volve insistir nesta poética. Andado o tempo, percíbese un maior peso da nostalxia. Aquel mundo creado en torno á figura do mago Merlín é evocado coas imaxes dun tendollo de pascua e unha bóla de neve con resorte. O mundo prodixioso do mago, gravado na memoria dun neno, cobra unha dimensión máis universal ao servir como pretexto para unha reflexión sobre o paso do tempo:

Pro, por veces, brinca o solciño raiolán, dunha lembranza de xuventú, e nalgún logar derrete a neve, i é coma si na soedade do mundo un pasaxeiro descoñecido alcendese unha pequena fogueira, e ti vas e por unha hora arrequéntaste a ela... ¡Memorias, memorias, memorias!

Como podemos observar no cadro, logo da nota introdutoria seguen dous capítulos en que o narrador ofrece un achegamento gradual ao espacio habitado polo personaxe central. Trátase de "A selva de Esmelle" e "A casa de Merlín". Neste último lévase a cabo unha presentación dos personaxes.

  • NOTA INTRODUCTORIA
  • PRIMEIRA PARTE
    ​Capítulos introductorios
    Historias vividas por Felipe de Amancia como criado de don Merlín
  • SEGUNDA PARTE
    Historias acontecidas cando Felipe de Amancia xa non é criado de don Merlín
  • NOTA FINAL
  • ÍNDICE ONOMÁSTICO

Na primeira parte relátase o transcorrer cotiá en Miranda, na casa de Merlín. A estrutura dos capituliños é semellante, ao estaren inflexionados pola constante da visita dun personaxe. Onda o mago acoden xentes diversas na procura da súa sabencia: unha dona convertida en cervatiña, unha princesa esnaquizada en mil anacos, contadores de historias, etc. Os relatos seguen un esquema xeral marcado pola chegada dos personaxes, a actuación prodixiosa do mago e a súa partida. Un esquema tan simple serve como fío para introducir unha serie de anécdotas secundarias na diéxese principal, chegando algunhas delas a constituíren un relato independente, tal é o caso das historias do Algaribo.

A segunda parte ten unha extensión sensibelmente menor. Trátase máis ben de dous apéndices, engadidos, como xa dixemos máis arriba, a partir da segunda edición, onde se contan historias acontecidas con posterioridade á estadía de Felipe en Miranda. O primeiro deles, "Aquel camiño era un vello mendiño", integra catro relatos no seu interior, escoitados aos abades na pousada de Tremar. No segundo, "A novela de Mosiú Tabaire", Felipe de Amancia conta a "Novela do Peido do Demo", que lle regalara o mouro Alsira na súa visita a Miranda. A segunda parte do libro é, polo tanto, moito máis heteroxénea. Con todo, obsérvase un importante esforzo de integración no conxunto da obra, con continuas referencias a ese mundo ficcional que ten como núcleo o personaxe de Merlín. Así, lemos comentarios como o que segue: ¡Moito lle houbera gostado ao meu don Merlín atoparse por mestre niste caso!, ou conto ista novela, porque foi a primeira que lin e moito lle gostaba a mi amo que a contase... Ademais dunha amplificación de elementos que xa estaban presentes na primeira parte, nesta segunda ten aínda unha maior presencia o sentimento da nostalxia, reforzado polo afastamento temporal. Neste sentido resulta significativo que a obra remate coa seguinte reflexión: ¡Ogalla volveran tempos idos!

Merlín e familia

Anxo Tarrío.

presenta un curioso tratamento dos personaxes, en estreita relación coa estrutura xeral da obra. Entre eles establécense oposicións de distinto signo, que contribúen notabelmente á unidade do libro. A primeira oposición que se establece é de carácter espacial, ao enfrontar os personaxes que habitan a casa de Merlín, en Miranda, e aqueles que se achegan a ela para consultaren co mago. Estes últimos, de diversa procedencia, son, en boa medida, os responsábeis do fío argumental, pois introducen as novidades que se narran nos distintos capituliños. A súa onomástica reflicte perfectamente o carácter exótico: a Dama Caliela, o mestre Flute, mestre Hairy, mosiú Simplom, etc. A súa chegada transcorre xeralmente no medio dunha grande expectación e cerimoniosidade.

Por outro lado están os personaxes que viven en Miranda, dos que don Merlín ocupa sen dúbida un lugar central. Tanto el como dona Ginebra opóñense xerarquicamente ao resto dos habitantes da casa. A raíña dona Ginebra non ten, sen embargo, ningunha incidencia na acción. Outro grupo con características de seu é o formado polos que chamamos personaxes populares, isto é, os restantes habitantes da casa que prestaban o seu servicio ao amo. A súa onomástica contrasta por un lado coa dos dous personaxes de orixe lendaria, e, por outro, coa daqueles procedentes de mundos exóticos que visitan Miranda. Son Xosé do Cairo, Manoeliña de Calros, a señora Marcelina e Casilda. Felipe de Amancia, paxe de don Merlín, actúa como personaxe de enlace, non só entre os criados da casa e os dous protagonistas míticos, senón tamén, en moitas ocasións, entre os visitantes de fóra e o propio Merlín.

Miranda

MERLÍN

DONA GINEBRA

FELIPE DE AMANCIA

PERSONAXES POPULARES

Lugares máis ou menos afastados de Miranda

PERSONAXES QUE VISITAN A DON MERLÍN

A estruturación dos personaxes está en relación cunha oposición no que se refire aos comportamentos e que foi xa comentada pola crítica. Referímonos ao contraste entre un comportamento mítico fronte a un comportamento pragmático , se seguimos a terminoloxía empregada por Anxo Tarrío. Tal dialéctica estaría en consonancia coa existencia de dous planos, o mítico e o pragmático, que afecta todos os niveis da obra (coordenadas espaciais, temporais, etc.), e que artella a feliz convivencia que nela se dá da realidade cotiá nas terras de Miranda e os fabulosos prodixios de don Merlín, ventá de sabedoría aberta a xentes de todos os países.

IMAXES