A Etapa Contemporánea (S. XX)
O neotrobadorismo. Fermín Bouza-Brey
Nao Senlleira

Como estamos a ver, a pesar destes precedentes, os poemas de Fermín Bouza-Brey son os que, de feito, supoñen a posibilidade dun neotrobadorismo na poesía galega, unha nova vía que foi aplaudida de maneira practicamente únanime.

Retrato de Fermín Bouza - Brei nos anos trinta.

Nao Senlleira , o primeiro libro poético de Fermín Bouza-Brey, publícase en 1933 na Editorial Nós nunha cuidadísima edición de tiraxe reducida, de só 250 exemplares. Mais o libro non supón a presentación do poeta, é simplemente a consolidación editorial dun quefacer poético coñecido e apreciado xa desde anos atrás. De feito, quince dos vinte poemas que compoñen Nao Senlleira viran a luz en publicacións periódicas, especialmente na revista Nós , desde 1926. Por isto, o poemario ten máis o carácter de colectánea que de obra concebida unitariamente que se presenta como tal perante o público lector.

En relación co neotrobadorismo, Nao Senlleira é un libro emblemático deste movemento, aínda que non sexa a súa aparición a que marque a apertura desta nova vía na poesía galega, dado que os poemas neotrobadoristas (os primeiros en 1926) están entre os publicados con anterioridade e contribuíron tanto a situar a Bouza-Brey nun lugar preminente entre os poetas novos como a mostrar a reelaboración da tradición medieval como unha posibilidade para a nova poesía galega que sería seguida por outros autores xa antes da aparición de Nao Senlleira. E foi precisamente o destaque que se lle outorgou aos poemas que hoxe denominamos neotrobadoristas os que acabaron por agachar outras facetas do libro e da produción poética de Bouza-Brey de maneira que neotrobadorismo e neotrobadoristas foron etiquetas que acabaron por ocultar o poeta e os seus poemas.

De feito en Nao Senlleira apenas serían neotrobadorescos —nun sentido lato— "Lelías ao teu ouvido", "Trova infinita", "Tríadas no mar e na noite", "Descordo pra en muiñar", "Tenzón co malvís amigo", "Temas da fonte agachada", "O escordeonista", "Parranda mariñeira" e "Gándara". A presencia de elementos trobadorescos neste conxunto de poemas é desigual —e en ocasións, mesmo discutíbel—: o máis destacábel é a utilización de procedementos paralelísticos e/ou de estruturas estróficas constituídas por dous versos máis refrán.

Outro tipo de elementos formais que se deben relacionar co cancioneiro medieval é a utilización de sintagmas exclamativos tipo "¡Ai Deus!" ou "¡ai, meu amor!" —que acabarían por converterse nun dos sinais máis característicos do neotrobadorismo que non sempre se corresponden con expresións idénticas no cancioneiro medieval. De feito unha exclamación como "ai, meu amor" non é característica da lírica medieval, mais o sintagma "meu amor" si o é e as expresións exclamativas introducidas por "ai" son tamén moi frecuentes, de maneira que a combinación destes dous elementos permitirá construír unha nova exclamación cargada de resonancias trobadorescas.

Nalgúns destes poemas a lírica medieval é unha presencia evocada nos títulos a través da referencia a xéneros trobadorescos, tal é o caso de "Tenzón co malvís amigo" e "Descordo pra ben muiñar" que, en sentido estricto, non serían nin tenzón nin descordo.

Noutros aparecen expresións léxicas (como "e morre de amor", en "Gándara") que remiten a un dos tópicos trobadorescos de máis longa fortuna, a morte por amor, que se ben caracteriza principalmente o universo temático da cantiga de amor, estendeuse a todos os xéneros, acabando por alimentar a musa satírica dos trotadores medievais.

Hai tamén expresións que evocan os cancioneiros e a Idade Media, por exemplo as mencións aos "panos de Cambrai" e ás "fitas de Rocamador" (en "O escordeonista"), que citan localidades francesas famosas naquel tempo pola calidade dos seus tecidos e que, en expresións moi semellantes, aparecen no cancioneiro galego-portugués, concretamente en cantigas de Pedr'Amigo de Sevilha e Johan Airas. Neste caso a cita é tamén unha referencia ao costume cortés de entregárense os namorados "doas" (prendas de amor) que, no contexto do poema, adquiren grande efectividade na evocación de costumes e tempos xa pasados.

Mais quizais sexa "Tríadas no mar e na noite" o poema que mellor mostra como se realiza o aproveitamento de recursos e motivos do cancioneiro medieval e, neste sentido, o exemplo máis acabado do neotrobadorismo en Bouza-Brey. Trátase dun caso singular porque toma como referente unha cantiga concreta, a belísima "As frores do meu amigo" de Pai Gomez Charinho. A primeira relación entre os dous poemas ven dada pola utilización, cunha distribución estrófica diferente, dos mesmos metros (hexasílabo e octosílabo). Mais o seu principal elemento de relación é a temática amorosa, desenvolvida a través de elementos simbólicos semellantes: o navío e a nao, as "frores" e a rosa. A "rosa" simboliza non só o sentimento amoroso do suxeito poético mais a realización erótica nun sentido físico, de al a súa transformación de "albariña" (branca, símbolo de pureza) en "granada". A nao, un dos elementos estruturadores de todo o libro, símbolo da existencia individual, ten neste poema dúas faces, a emotiva e a intelectual. Na composición alternan dous planos temporais, presente e pasado, que se funden no presente final, nun xogo temporal semellante ao da cantiga de Charinho.

Este poema é moi ilustrativo do modo en que Bouza-Brey incorpora a tradición medieval: refrán —que estrutura o poema tematica e ritmicamente—, modelos estróficos que permiten dotar o poema dunha arquitectura sólida e ben trabada e reelaboración simbólica. Ao tempo, dános tamén a medida do que non é a súa aproximación á tradición medieval: nin seguimento dun modelo xenérico (como acontecía, en menor ou maior medida, nos poemas de Riba ou Viqueira) nin referencia ocasional. En suma, Bouza-Brey achégase á lírica galego-portuguesa desde os dominios da invención, non desde a imitación.

A cita que abre Nao Senlleira son dous versos da célebre cantiga do poeta medieval Meendinho. Cremos fóra de dúbida que isto favoreceu a lectura de todo o poemario á luz única do cancioneiro medieval e, por tanto, a (falsa) consideración de todo o poemario como neotrobadorista. Mais debemos considerar o atípico da cantiga de Meendinho no conxunto trobadoresco galego-portugués e o feito de que os dous versos escollidos para funcionaren como lema do poemario sexan ben pouco característicos da imaxe máis divulgada, nese momento, da nosa lírica medieval. Dous versos que anticipan e condensan as grandes liñas que van conformar o libro: a presencia da lírica medieval galego-portuguesa, o sentimento de soidade do suxeito poético e a paisaxe mariña.

Os versos de Meendinho funcionan en paralelo ao poema que abre o libro e son unha especie de mote logo glosado polo primeiro poema, "¡Quen dera ser nao senlleira!", que é, á súa vez, chave de lectura para o poemario e glosa do seu simbólico título. Este poema é a expresión dun desexo de soidade case cósmica, nun ton intimista, sereo, de sosego, que contrasta co ton xubiloso doutros poemas do libro, especialmente aqueles máis coñecidos e divulgados, como, por exemplo, as "Lelías ao teu ouvido".

Mais, ao igual que incorpora a tradición medieval ao discurso poético moderno, Nao Senlleira realiza unha operación semellante con outro dominio da nosa tradición literaria: o popular. Este intento de recuperación explicítao o autor en dúas autopoéticas: a que envía en 1935 a Filgueira Valverde e a que se publica á frente da Escolma de poesía galega editada por Fernández del Riego en 1955. Así o expresaba na primeira:

"Na miña obra poética procurei recobrar a tradizón perdida da lírica galega, xunguindo o lirismo dos Cancioeiros galego-portugueses co presente emanado do pobo galego, dentro das normas e do gosto da moderna poesía".

Se atendemos agora aos poemas de Nao Senlleira ,da mesma maneira que algúns títulos evocaban a tradición medieval, encontraremos outros que aluden a formas da poesía popular (regueifa, tríadas) e que, por tanto, demandan unha lectura que teña presente ese referente literario que reelabora.

Gravado de Pintos Fonseca que ilustrou a revista  Nós para o poema  Cata a fonte costureira ...

O popular esténdese á presencia de tipos humanos que aparecen en canto representan costumes populares, xeralmente de carácter festivo —romarías—, como acontece co "escordeonista" do poema do mesmo título, ou un oficio tradicional, como é o caso das sementadoras e das tascadoras de "Temas en corazón".

O coñecemento dos oficios tradicionais está patente tamén noutros poemas, como en "Descordo para ben muiñar", onde o eixo estrutural do poema é o proceso de moer o gran, en que se imbrican elementos do corpo feminino para ir criando imaxes dun contido erótico in crescendo ,ou en "Parranda mariñeira", en que o coñecemento do mundo mariñeiro, da variedade de embarcacións dos nosos portos e dos seus elementos, serve para criar un poema cargado de suxestións sonoras. Ambos os poemas mostran tamén como se pode integrar o léxico tradicional en poemas de grande elaboración formal sen disonancia ningunha e exemplifican, por iso mesmo, o ideal lingüístico de Bouza-Brey.

Os poemas de Nao Senlleira reflicten outros elementos da cultura popular tan importantes como as crenzas e ritos tradicionais. En "Lelías ao teu ouvido", un dos paradigmas da elaboración neotrobadorista, estas crenzas (as herbiñas de namorar, a flor da auga fría) contribúen a intensificar a dimensión máxica e expansiva, mesmo pagá, do amor, acrecentada pola presencia de ritos de fertilidade (o baño das nove ondas), que Bouza-Brey tan ben coñecía como estudioso —lembremos o seu belo traballo sobre a mitoloxía da auga no Noroeste hispánico. En "Clamor na encrucillada", o poema dedicado a Amado Carballo, serán, pola contra, as crenzas ligadas á nosa peculiar vivencia da morte, representadas polo desfile da Santa Compaña, as que contribúen a lograr esa visión integradora da morte coa que finaliza o poema. Outro elemento ligado ao ritual tradicional da morte, as pranxideiras, aparecen en "Temas en corazón", facendo parte dese desfile de figuras tradicionais que integra o poema.

Nao Senlleira é un libro de variedade na unidade. O principal elemento unificador para o que xa temos chamado a atención é a temática marítima, á que están asociados os principais elementos simbólicos. Deles, a nao é o máis constante e recorrerte. Xeralmente simboliza o percurso vital, o individuo como ser en tránsito, por veces só na súa faceta emotiva, asociada a connotacións positivas (optimismo, esperanza, vitalidade). É a nao leda das "Tríadas no mar e na noite".

Mais a nao pode ter un significado simbólico contrario, pode ser símbolo mortuorio, como acontece nas dúas fermosísimas elexías "Na morte de Julio Brumbeck Reguera" —dedicada a un amigo da infancia do autor, un dos poemas máis sentidos do libro— e "No anal de Manoel Antonio". Na primeira, a nao é evocada como símbolo da morte en canto tránsito, a modo de barca de Caronte, mentres que na segunda é máis un símbolo de destrución nese singular cosmos mixto marítimo-terrestre deseñado no poema.

A nao presenta aínda outro significado simbólico. Nos poemas de contido claramente nacionalista, a nao, como nave antiga, é, como sinalou Ramiro Fonte, portadora dun pasado mítico ideal e non é allea a certo misticismo de raigame saudosista. Este simbolismo é o que domina en "Trova das sete naos".

Nao senlleira, nave antiga, solitaria, singular, mais tamén compañeira, no percurso poemático do libro, doutras embarcacións, navíos, gamelas, balandráns, balandras, cachemares, urcas... en sintonía perfecta.

Outro dos procedementos fundamentais na expresión poética de Nao Senlleira é a imaxe, frecuentemente construída animizando elementos paisaxísticos. O resultado é, en ocasións, en todo semellante ao que se ten denominado "imaxe hilozoísta", sinalada como característica da poesía de Luís Amado Carballo e como principio diferenciados do que se deu en chamar "hilozoísmo" ou "imaxinismo". Este tipo de imaxes encontrámolas mesmo nos poemas caracterizados como neotrobadoristas, o cal non deixa de ser máis unha mostra de que habería que reconsiderar, á luz de estudios xa feitos e outros que se han de facer, a clasificación dos movementos poéticos renovadores dos anos vinte ou relativizar as distancias existentes entre eles. Cando estas imaxes se constrúen xustapondo elementos terrestres e maririos —xustaposición frecuente en Nao Senlleira— lógranse imaxes orixinais e expresivas. Exemplo característico son estes versos de "Tríadas no mar e na noite":

"Os agros van de ruada,
Vinde ruar polas ondas
levares a herba mollada"

Quizais como tributo á época, hai en Nao Senlleira unha liña de poesía cívica e patriótica. "Cantiga cívica", "Regueifa", "Trova das sete naos" ou algúns elementos de "Teño unha estrela" son os poemas que a informan. Os dous primeiros son poemas de ocasión, escritos para celebrar acontecementos concretos e, por tanto, predomina neles o ton festivo e a exclamación xubilosa. En "Regueifa", reaparece a simboloxía da nave, agora balandra convertida en símbolo de colectividade e esperanza de futuro. En "Trova das sete naos" hai unha interpretación alegórica do destino do país galego, na liña do misticismo saudosista do Cabanillas de Na noite estrelecida ,con elementos simbólicos comúns, como a estrela e a nave, guieiro e vehículo na procura dese alén onde se cumprirá o noso destino de nación escollida.

Ornamentación para a capa de  Nao Senlleira , de Fermín Bouza Brey.

De especial interese son os elementos metaliterarios de Nao Senlleira que nos proporcionan, de maneira indirecta, elementos sobre a concepción poética de Bouza Brey. O primeiro, a relación entre palabra poética e súa expresión musical, a través de denominacións como canto, cantar, cantiga, que evidencian a importancia da sonoridade e da musicalidade na poética do autor, ademais de remitiren, novamente, para esa mesma asociación existente xa na lírica popular e na medieval. O segundo, a relación de equivalencia entre criación poética e criación da natureza (léase "Tenzón co malvís amigo" ou "Lelías ao teu ouvido", especialmente os versos iniciais), de maneira que o propio poema, a mesma cantiga, veñen ser a "cósmica lira" citada na "Cántiga cívica".

En conxunto, os poemas de Nao Senlleira aparecen tinxidos de optimismo vital, de idealismo, mesmo de inxenuidade calculada. O amor é un amor idealizado, gozoso, non conflitivo, o mesmo lue a morte está con:emplada desde unha óptica superadora, integralora, mesmo optimista ou destemida (véxase 'Clamor na encrucillada"). Este ton xeral chocará predominante en Seitura (1955), o seu segundo e derradeiro poemario, máis humanizado, máis confesional, máis doloroso.

Para alén destes dous libros poéticos, Fermín Bouza-Brey foi autor dunha vastísima obra ensaística e aínda ensaiou o relato (a novela Cabalgadas en Salnés ,publicada en 1925 dentro da colección Lar ) e o teatro (o Romance de Don Galeor ,hoxe perdido). Mais foi a poesía a que centrou a súa obra poética de criación e á que dedicou atención continuada, como testemuñan os poemas que publicou, ademais dos compilados nos dous poemarios xa citados.

Fermín Bouza-Brey aspira a crear unha lingua literaria elaborada e depurada. Neste ideal é de suma importancia a escolla do léxico, guiada polo valor eufónico da palabra, que selecciona e utiliza co bon facer dun ourive, combinando os cultismos e os popularismos, para lograr no plano lingüístico o mesmo difícil equilibrio que perseguira e conseguira no poético: unir o culto e o popular. Así o expresaba en 1935:

"A miña expresión non é regional, pois o galego como idioma na súa expresión culta, ten de mergullarse na búsqueda de verbas nobres, escolleitas pola sua eufonía expresionista antre as variedás dialectaes, deloirando ao mesmo tempo as vellas verbas e belidas dormentes na literatura antiga".

Algo semellante acontece coas formas métricas. Versos de arte menor e orixe popular (como o octosílabo ou o heptasílabo) poden formar falsos versos de arte maior, metros cultos utilizarse con rima asoante ou os pareados rimar en consoante. Máis unha vez a fusión do culto e do popular, nun novo molde, nunha nova forma que supera, por integración, ambas as tradicións.

IMAXES