A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa actual
Narrativa de Evasión

O desexo dun espazo editorial popular onde a exixencia formal non entorpeza a lectura, de formato facilmente identificábel, e asequíbel a calquera economía, será teima constante e aínda mal resolta hoxe. Coleccións como O Moucho ou a Serie Limbo/Narrativa nacen con este afán, ao que se engade a necesidade de dar saída a discursos de avangada, rupturistas, pouco acordes con este espazo editorial, máis adecuado sempre á narrativa de fasquía tradicionalista. O obxectivo divulgador foi exitoso; sen embargo, a pesar de reiteradas tentativas como as de Nigra , Pentalfa ou Positivas , a literatura de consumo non callará. Hoxe mesmo, case tódas as editoras contan con formatos deste estilo onde, como antes, inclúen aqueles discursos máis novidosos e que teñen maiores riscos editoriais.

Marilar Aleixandre.

Xa Corrupción e morte de Brigitte Bardot (1981), de Fernández Ferreiro, fora sinalada como exemplo de literatura de quiosco. Logo, Crime en Compostela (1984) de Carlos G. Reigosa será publicada tamén fóra deste espazo que, onde existía, viña acollendo discursos policíaco-detectivescos, western, novela rosa ou ciencia ficción. Co tempo, estas temáticas desclasificaranse, fuxindo da etiqueta de subliteratura e integrando o mundo narrativo cos mesmos dereitos que calquera outra temática. Pero, o que de evasión ten será unha lousa difícil de evitar nun momento en que todo o mundo agarda a gran novela (e voluminosa) nacional.

Arriba vimos xa a Fernández Ferreiro, A morte de Frank González (1975), como iniciador do WESTERN. Os outros disparos de Billy (1991),de González Reigosa, tampouco se amolda ben ás exixencias do xénero nin desde a súa estrutura fragmentaria nin desde a tentativa filosófica que encerra; nese nivel, a novela de Fdez. Ferreiro pode considerarse referente da de Reigosa. A máis recente contribución déixaa Issy New, seudónimo de Isidro Novo , no momento en que escribimos estas liñas, mais a total descontextualización (mestura o pasado e o hoxe, o f ar west e Galiza) non permite falarmos dun western prototípico: segue os códigos e tópicos do xénero desde a parodia, e o efecto cómico fai de Por unha presa de machacantes un discurso de fácil e agradábel lectura.

A CIENCIA FICCIÓN comeza con Lois Diéguez e Galou Z, 28, (1976) nun discurso de política ficción que ten o precedente máis inmediato en Retorno a Tagen Ata (1971) e continuará o mesmo Méndez Ferrín en Arnoia, Arnoia (1985), ata culminar en O cervo na torre (1994) de D. X. Cabana. Lois Fdez. Marcos achega, tamén no 76, un discurso acorde ás características xenéricas, Homes do espacio , que porfía en agrandar o mundo narrativo galego á vez que o actualiza para o público xuvenil. No 1982, Tucho Calvo publica Pae s. XXI. No comezo dunha nova historia da humanidade ,co collage como instrumento dunha heterogloxia que lle fai perder moita forza narrativa. Sendo criticado por estar sometido a un excesivo control ideolóxico, o certo é que se amosaba demasiado preocupado polo vangardismo. Pero, polo menos, é significativo que no ano seguinte vexa a luz outro texto adscrito a este xénero: Reportaxe cósmico ,do sempre anovador Fdez. Ferreiro, moi atento aos tópicos do xénero. A consolidación do xénero, virá da man da literatura infantil-xuvenil. Algunhas obras básicas no seu desenvolvemento son A viaxe alucinante de Peter o cosmonauta (1986)de Agulla Pizcueta e, sobre todo, Moncho e Driar (1988) de Mª García Yáñez, que conta con salientábel acollida. Pero será a partir de As flores radiactivas (1990) de Agustín Fernández Paz cando se lle observen as verdadeiras posibilidades; xa no 91, Fina Casalderrey dá a luz as exitosas Mutacións xenéticas ,mellor acollidas ca A noite dos coroides que publica dous anos despois retomando a temática futurista. O éxito desta temática entre os máis novos ratifícao Suso de Toro no 94 con A sombra cazadora . Pouco dado a relecturas das súas propias obras, terá un especial comportamento con esta introducindo modificacións nas sucesivas edicións que axiña chegarán, o que fala da estima que lle ten. Do 95 é Perigo vexetal ,de Ramón Caride , bon exemplo de narrativa de ficción que coida especialmente o ritmo narrativo, adecuando a trama a inquedanzas actuais. Fóra do espazo infantoxuvenil, xa no 92 publicara S oños eléctricos ,acollendo moitos referentes clásicos do xénero e preconizando un futuro catastrófico cunha pequena luz de esperanza; na mesma liña están os relatos de Lumefrío (1994), que o converten nun dos mellores cultivadores do xénero. Tamén do 94 é Os dados de Deus (Arturo Lezcano), meritorio exercicio de fabulación futurista onde se viaxa desde o mundo do imposíbel ao absurdo ou o posíbel transformando o tempo en dimensión manexábel preto da ucronía. Lezcano participara xa na Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega (1991) preparada por Antón Risco, animador incondicional do xénero, que no 94 publica Hipógrifo :tentativa de novela futurista preto do acronismo. Tránsito dos gramáticos (1993)de Marilar Aleixandre xoga tamén, exitosamente, con elementos futuristas na súa trama. Resta sinalar tamén a curiosa Ucronía (1988), onde Xesús González Gómez , co seudónimo de Carlos Posada, ficciona con habelencia a posibilidade de que Manuel Antonio non morrera. Entre as derradeiras aportacións atopamos no 1996 Viñeron do espacio interior ,de Manuel Seixas, e Galaxia lonxana ,de Lois Fdez. Marcos.

A NOVELA SENTIMENTAL conta con moi pouco prestixio literario, estando tan cerca do melodrama lacrimóxeno. Con todo, algúns discursos ben poden aquí clasificarse. Tal é o caso de Augas soltas (1978) que Dora Vázquez publica en Dúas novelas galegas , en colaboración coa súa irmá Pura, volvendo a un xénero que xa tentara en Bergantiñá (1971). A este mundo achéganse tamén Ismael García con Brétemas (1981) e Úrsula Heinze con Os soños perdidos de Elvira M. (1982) e Aniansi (1989), aínda que sempre desde un prudente distanciamento que transgrede o xénero para dotalo de máis literariedade a través do estudio da realidade feminina, base da chamada "literatura feminista" que ten en Mamá-fé (1983), M. Ledo Andión, un dos mellores exemplos, aínda que máis divulgación acadaran as teses de Mª Xosé Queizán en Amantia (1984),parodia histórica onde o mundo feminino abxura de toda relación co masculino. Ramiro Fonte ofrece un dos máis decididos contributos en Catro novelas sentimentais (1988),pero non é este un xénero polo que demostre especial predilección o lector galego. Quizá a mellor mostra nola deixe Suárez Abel en Sabor a ti ,1991.

O TERROR é algo moi subxectivo porque a súa intensidade ou existencia dependen sempre da particular consideración do lector, e é a súa percepción a que deslinda a aventura do misterio e do terror. Na narrativa galega esta temática está adoito adicada ao estudio psicolóxico. De aí que non poidamos deixar de citar as Historias que ninguén cre (1981) de Ánxel Fole, e o Amor de Artur (1983), pretensoras de cosmovisións onde caben tamén o misterio ou terror. Aínda sendo dos xéneros preferidos polo lector, non é dos máis frecuentes. Xosé Miranda emprega algúns ingredientes en A neve e a cadeira (1994) ou en Vestio (1995). Parecida atmosfera atópase en "Redondela", relato de Anxo Angueira inserido en Unha liña no ceo (1996, colectánea dos autores de Xerais) e que dará lugar a Bágoas de facer illas (1997) ao ampliar a historia inicial. Entre as máis sobranceiras tentativas está a de Paco Martín, Tres historias para ler á noite (1992), ou o mundo do ocultismo de O capitán Lobo Negro (1995) de Xesús M. Varcárcel, ademais das Cartas de inverno de Agustín Fdez. Paz (1995). No 96 Lois Fdez. Marcos, A meiga naia e outros relatos ,propón un exercicio onde se procura o medo desde diferentes ópticas: desde os feitos reais, á tradición ou á metaliteratura. Recentemente Fernández Ferreiro achéganos outro contributo en Co medo nas mans (1997) desde esquemas tradicionais.

En Erros e Tánatos (1996) de Gonzalo Navaza poderían verse restos do anterior, ou ser aceptado dentro da NARRATIVA HUMORÍSTICA: propón casos dramáticos que deixan un amargo sorriso, situacións normais que sorprendentemente rematan da maneira máis inesperada, enxeñosa e lóxica —un dos procedementos habituais na narrativa de terror. Un ano antes, Xavier Alcalá dera á luz Náufragos en terra ,cunha estratexia ben semellante. Xosé L. Martínez Pereiro en Amálgama de desquiciados (1992) deixa un bo exemplo do sorriso provocado por equívocos, xogos de palabras, situacións inesperadas ou xuízos sorprendentes e irónicos, dentro da codificación máis tradicional do xénero. En similar ton, Joel R. Gómez publica no 1990 Quando o sol arde na noite ; o disparatado é consecuencia do real, burla de si mesmo, a parodia constitúese en escusa xustificadora da realidade. J.A.M. (José Antonio Martínez) en Un pequeno favor e outras historias de amor perverso (1984) narra o absurdo da vida desde unha perspectiva de seriedade que obriga á reflexión (tómese como un antecedente de Erros e Tánatos ); o lector premiará este sorprendente exercicio narrativo cunha reimpresión no 87 a pesar de que a normativa (tamén en Amálgama e Quando o sol )non é a oficial. A ollada esperpéntica e irónica atopámola xa en A semancia (1981) de X. I. Taibo, aínda que o máis significado nesta tarefa é Alfonso Álvarez Cáccamo : desde As baleas de Eduardo Reinoso (1990), eco de Ramallón (1992), Xente de mala morte (1993, outro precedente para Erros ), Catapulta (1995)a O espírito de Broustenac (1996) procura sempre a faceta lúdica da lectura. En A sinfonía inacabada (1996) de Xavier Manteiga tamén se viron agradábeis recursos humorísticos.

O RELATO ERÓTICO, que adoita estar presente integrado noutros discursos, reivindícase de forma autónoma a partir das colectáneas Contos eróticos/Eles

Xosé Manuel Martínez Oca.

e Contos eróticos/Elas (1990). No 91, Bieito Iglesias preséntanos en A aventura en Nasau ,un conxunto de relatos eróticos desacougantes e de orixinal concepción. As experiencias máis sólidas e brillantes son seguramente Beatum corpus (1993) de César Cunqueiro e a recentísima Eu é (1997) de Xurxo Borrazás, onde o sexo xoga importante papel. Igualmente xoga un importantísimo papel en Entre dous (1996), de Victoria Salgado e Paulino Pereiro .

Resta aínda falar da NOVELA DE AVENTURAS. Desde inicios dos 80 tems discursos e autores que se adentran nestas temáticas, moi queridas na literatura infantil-xuvenil, pero non son exclusiva súa. Xavier Alcalá en Nos pagos de Huinca Loo (1982), Cárcere Verde (1990; que formaba parte de Tertulia , 1985) ou Latitude austral (1991)dá bon exemplo dunha fórmula narrativa aínda deficientemente asimilada. Martínez Oca é outro dos ben dotados para o xénero; a tendencia ao misterio de Os chapurros (1983) dá paso a Detrás do silencio (1986), onde tres relatos ilustran tres tipos diferentes de aventura; coa delicadeza melancólica de As florestas do Mañuema (1988) sorprende nun discurso que parte da ironía que supón o que puido ser pero non foi, ben traballado relato de aventuras na liña dos máis típicos. Ton moi semellante refléctese en A armada invencible (1996) de Manuel Forcadela , onde interesa tanto contar con gracia como a aventura por si mesma. A aventura clásica, refléctese de mellor maneira, sen a carga irónica e melancólica, en A expedición do Pacífico (1994) de Marilar Aleixandre.

IMAXES