A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa actual
Narrativa Infantil-Xuvenil

É o fenómeno que sacode con máis intensidade os alicerces da narrativa. O seu desenvolvemento propíciao e condiciónao a inclusión da Lingua e Literatura Galegas como materia de ensino, así como, timidamente, de lingua vehicular noutras asignaturas, desde o curso 79/80. O escaso número de lecturas existentes exixía dotar urxentemente este espazo, para o que se seguiron fundamentalmente catro camiños:

Xavier P. Docampo.

  • Adaptación para uso escolar de textos clásicos. Os vellos non deben de namorarse , Os dous de sempre , Cousas (todos de Castelao ), Á lus do candil (Ánxel Fole) , Os biosbardos (Blanco-Amor), Memorias dun neno labrego (Neira Vilas) ou Merlín e familia (Cunqueiro) son aproveitados para o uso nas aulas, sobre todo de secundaria; na primaria, a carencia era moi alarmante e pouco máis había que a tradución de O principiño (Saint-Exupéry) publicada por Carlos Casares no 72, ademais de primeiros xérmolos como A galiña azul , As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas (1968 e 1973, ambas de Casares), Os soños na gaiola (1968, de Manuel María Fernández Teixeiro), Conto en cuarto crecente e outras prosas e Kricoi, Fanoi e don Lobonís (1973, ambos de Manuel María) ou o aproveitadísimo Neira Vilas ( Espantallo amigo , 1971; O cabaliño de buxo , 1971; A marela taravela , 1974; Cantarolas e contos para engaiolar , 1975; ademais dos clásicos Memorias dun neno labrego , 1961, Cartas a Lelo , 1971, e Aqueles anos do Moncho , 1977). Á ampla oferta castelá non había moito máis que apoñer en galego.
  • O elevado custo editorial exixe tiraxes impensábeis para a narrativa galega e facía moi difícil a edición de libros para os máis cativos. Tratando de solventar esta situación tentouse a vía da coedición, método que permite a presencia de ilustracións a cores acompañando un texto que pode ser traducido ou na lingua orixinal. Galaxia, Elkar e La Galera deron os primeiros significativos froitos xa no 60 e hoxe case todas as editoriais teñen concertos de coedición con outras editoras catalanas, vascas ou castelás.
  • Aproveitando este terreo valdío, editoriais como Juventud, Timún Más, Noguer, Alfaguara ou Júcar ocúpanse elas mesmas de editar en galego os seus produtos de máis éxito. Pero, máis do que estas presencias acaparadoras de mercado, interesa o desenvolvemento de coleccións dedicadas a autores galegos ( Merlín ,de Xerais; Textos ,de Vía Láctea; Árbore ,de Galaxia...) que consolidaron este espazo narrativo entre o lectorado á vez que creaban unha nómina de autores primordialmente dedicados ao xénero.
  • A tradución de obras da literatura infantil-xuvenil universal. Aínda que os dereitos de autor son un forte impedimento, esta práctica estendeuse xa máis alá dos clásicos do XIX e principios do XX, sendo cada vez máis fácil atoparmos autores actuais como Dahll, Rodari, Italo Calvino, A. Macferlane/A. Mcpherson, Le Clézio ou Tournier.

A presencia/existencia deste lectorado, novo e numeroso, proporcionou unha oportunidade que non se podía perder: que a literatura galega puidese acceder a eles, ademais do lectorado militante, era algo histórico; nunca se observaran tan favorábeis expectativas para mostrar a escolares os sinais de identidade que o acontecer político teimou en ocultar. Sen embargo, co tempo, a literatura infantil-xuvenil desenvolverase segundo os canons que rexen este espazo imaxinario, canons que atenden especialmente a fórmulas que dinamicen e fagan atractivas peripecias ás veces vanais para unha sociedade que precisa urxentemente reafirmarse lendo a súa imaxe reflectida. A preferencia por mensaxes irrelevantes socialmente provocou a polémica, pois entendeuse como renuncia a colaborar na creación e difusión do discurso nacional. Polémica estéril porque ambas as partes teñen razón: o autor é totalmente libre na elección de temas e procedementos; pero tamén é certo que a sociedade galega non nos perdoará se non somos capaces de mostrarmos, agora que podemos, as vicisitudes e motivos que nos levan a sermos quen somos e como somos. Aquí é onde a polémica se torna útil ao manifestar a existencia dunha conciencia nacional temendo pola perda dos seus valores se son excluídos do mundo que se presenta aos escolares. Nunha narrativa que sae da clandestinidade e ao pouco xa se lle exixen textos nun espazo imaxinario novo e vital para a súa propia confirmación, era normal que o conflito estourase con violencia dada a urxencia e escasa tradición en que afortalarse.

María Victoria Moreno.

A aportación da literatura infantil-xuvenil á narrativa moderna só poderemos valorizala correctamente tendo en conta o seguinte:

  • confírelle unha dinamización inusual na historia da literatura galega porque a demanda de novos textos neste mercado é constante.
  • propicia a aprendizaxe e asimilación de técnicas pouco exploradas ata entón e moitos escritores escóllena como soporte das súas primeiras manifestacións narrativas.
  • emprega tamén espazos imaxinarios (e editoriais) propios da narrativa para adultos.
  • son produtos editoriais de boa saída no mercado (boa axuda para a necesitada industria editorial galega) e esgotan con facilidade as tiraxes cando teñen éxito, á vez que crean novos clásicos.

Para establecermos a liña evolutiva da narrativa infantil-xuvenil moderna, temos que remontarnos a A origem certa do farol de Alexandria (1980) de Guisan Seixas. Foi o primeiro fenómeno editorial (arriba comentado), e nunha liña moi semellante ao éxito editorial de Paco Martín Das cousas de Ramón Lamote (1985,visto como integrante do cunqueirismo). Este mundo fantástico, imaxinativo e ás veces absurdo, tórnase simbólico e alegórico en Arnoia, Arnoia (1985) de Méndez Ferrín ou Artusa (1989) de Lois Diéguez. Pero é espazo onde caben moitos xéneros; e Martín Coutinho en busca do sol (1984),de J.A.M.-Anxo L. Baranga, iniciaba o camiño da aventura, onde O misterio das badaladas (1986), de Xavier P. Docampo , implicará o lector, mentres Proxecto pomba dourada (1987), de M. Vázquez Freire, nos conduce á ciencia-ficción desde a tenrura e o humor. Na ciencia-ficción inscríbense a xa comentada A sombra cazadora (1994), de Suso de Toro, e o posterior (1995) Perigo vexetal de Ramón Caride, que segue un camiño de vocación ecoloxista xa ensaiado por A. Fernández Paz en As flores radiactivas (1990) e onde tampouco debemos esquecer as Mutacións xenéticas (1991) de Fina Casalderrey. Pola súa banda Manuel Rivas retrata o mundo do fútbol, entre asasinatos e suspense, en Todo ben (1985) e Jaureguízar en Todo a cen (1995) devólvenos ao mundo da frenética aventura no desenraizamento. Cristina Frasié parodia o discurso detectivesco en Mambo negro (1991) e en Isilda, a portuguesa (1995) vólvese máis convencional. En Investigación 091 (1988) Pepe Carballude introduce o mundo do contrabando. Xavier López Rodríguez en Días de desterro (1996) dá unha visión do actual mundo rural que contrasta coa de Memorias dun neno labrego (1961) de Neira Vilas, por exemplo. Entre tanto Mª Victoria Moreno achéganos un discurso aberto e participativo que ofrece varias lecturas en Leonardo e os fontaneiros (1986) ou a historia de amor en Anagnórise (1988). Manuel Rivas volve en Bala perdida (1996) ao mundo que O pirata da illa de prata (1987, Ana Mª Fernández) iniciara, e contribúe eficazmente na selección de léxico inherente a este universo literario do que Antón Cortizas está cerca en Os gritos das illas Lobeiras (1995). Outros nomes a ter en conta son Teresa Moure, con A Casa dos lucarios (2007), Eu tamén son fonte (2008) e Mamá, ti si que me entendes (2009), estas dúas con ilustracións de Leandro Lamas.

Marica Campo.

A narrativa infantil-xuvenil constitúe un espazo imaxinario imprescindíbel para a sociedade galega como cadro onde pintar os seus valores, e moi útil por ir destinada a un lectorado en formación. Pero é tan importante que non se vexa aferrollada por iso como que non sacrifique todo para lograr discursos atractivos. É innegábel a dinamización que esta literatura está conferindo á narrativa. Por outro lado convén lembrarmos que os adultos acceden con bastante facilidade a ela e nela achan títulos que hoxe podemos considerar clásicos. Da mesma maneira, o lector infantil-xuvenil pasa a ser consumidor importante de narrativa para adultos; desde o cunqueirismo á narrativa policial ou a de ciencia ficción, son moitos os discursos, espazos e autores que este lectorado axudou a canonizar e estabilizar.

IMAXES