A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa actual
Novela Detectivesca, Policíaca, Negra

No 1984, o Premio Xerais de Novela recae en Crime en Compostela de Carlos G. Reigosa. Que unha NOVELA POLICIAL fora acredora del provocou múltiples comentarios que se deben interpretar en dúas direccións. Dun lado, o peso da tradición e a necesidade de producir discursos complexos e altamente literaturizados impediron a correcta e fría aprezación da obra. Doutro, a arriscada aposta de Xerais contribúe á consolidación dun novo imaxinario, algo que se recoñeceu pero non se valorizou na medida xusta. Mal resiste comparanza con outros conxéneres doutras literaturas; pero a facilidade da súa lectura fará dela un dos textos máis populares dos 80, co que iso significa para unha literatura minorizada, obrigada á captación de lectores sob pena de devir pura ritualización. Hai que agradecer tamén a Reigosa, a reaparición dos protagonistas (Nivardo Castro, detective; Carlos Conde, xornalista) catro anos máis tarde en O misterio do barco perdido ,onde parte das deficiencias estructurais son evitadas recorrendo a un discurso híbrido (do detectivesco ao texto de viaxes ou a crónica sociolóxica) localizando a acción fóra de Galicia —a panorámica turística, antes criticada, xustifícase agora— no mellor título desta saga. Eis outro fito importante, a existencia de personaxes que reaparezan en múltiples ocasións era algo do que adoecía a literatura galega, e moi necesario para o afianzamento dun lectorado que é moi fiel cando os acepta. A terceira entrega, A guerra do tabaco (1996), presenta unha estructura da historia máis coherente aínda que abusa de personaxes e momentos en exceso ornamentais.

Carlos G. Reigosa.

En xeral, sóense ver múltiples defectos nesta narrativa; asistimos ao seu agromar e ninguén nace sabido. A impericia no manexo e dosificación da trama e a pouca habilidade e adecuación narrativas son as máis serias ameazas, xa que o liberal uso das regras implícitas ao xénero non sempre é sinónimo de innovación. Cunhas invariábeis prototípicas codificadas e mal deslindadas, compréndese que os autores abaneen entre o policial e o negro; eis, por exemplo, O fracaso de Lázaro Evia (1996) de Darío Álvarez Gándara ou As regras do xogo (1990) de Ramiro Fonte. Por outro lado a intención social das historias aproxímase ao discurso sociolóxico (máis amplo que a novela negra) dando como resultado unha nómina de títulos en constante abalo; O solpor da cupletista (1995) de Mª Xosé Queizán evidénciao e moito máis a poliédrica Panificadora (1995) de Xosé Cid Cabido. Por iso os resultados máis identificábeis aparecen dentro do espazo da narrativa infantil-xuvenil, as exixencias formais fóra do código do xénero non teñen tanto interese e os discursos dosifican mellor a tensión narrativa, gañando dinamismo; a inverosemellanza fica superada desde o momento en que a acción pode situarse mesmo nun centro de ensino. Ofrecer un listado de novelas policiais-detectivescas, e outro do xénero negro, sería prolixo e de oportunidade cuestionábel; non podemos profetizar os intereses focalizadores do lector. Pero determinadas obras e autores semellan querer cinguirse aos mandados do relato policial-detectivesco. Entre os textos de mellor acollida está Un home que xaceu aquí (1993) de Aníbal C. Malvar; aínda que a crítica prefira o máis innovador tema de A man dereita (1994) —o lector preferiu a intriga convencional e ben dosificada á actualidade do terrorismo. Román Raña en O crime da rúa da moeda vella (1989) é outro autor que procura non distraerse dos códigos xenéricos, e Darío Álvarez Gándara —Sireno (1993)— outro tanto. Manuel Forcadela en Barato-Barato (1990), S angue sobre a neve (1991), ou Fóra de xogo (1993) deixa tres discursos de boa acollida especialmente entre os lectores máis novos. Roque Morteiro, alias de Xelís de Toro, fai a súa primeira aparición na narrativa galega con Seis cordas e un corazón (1989) cinguíndose ben aos tópicos xenéricos e demostrando bon dominio da xiria xuvenil urbana, ademais de habilidade narrativa. O prototipo xenérico quixo elaboralo Antón Risco en O caso (1989),mais este discurso acabou por ser demasiado extenso e complexo para un lector que quere algo de fácil lectura; a máscara experimentalista non evita nela o sentimento dunha trama diluída.

Autores como Suso de Toro ( Ambulancia ,1990; Land Rover ,1988; Tic-Tac ,1993), Manuel Rivas ( Os comedores de patacas ,1990) ou Xelís de Toro ( Non hai misericordia ,   1990) teñen moi interesantes obras xenericamente fronteirizas entre realismo e XÉNERO NEGRO. A menor rixidez permite máis liberdades á hora de construír o discurso, aínda que sexa incapaz de discriminar con exactitude un corpus que se acha moi preto da análise sociolóxica se restrinximos o seu campo temático. Existe, pois a posibilidade de procurar estructuras orixinais, innovadoras, e foi precisamente isto que levou a falar de "realismo suxo" aplicado a estas obras sitas na marxinalidade interxenérica.

Manuel Rivas.

J(osé) A(ntonio) M(artínez) —J.A.M— sérvenos en O ollo pecho e outras historias desagradables (1989) a novela breve O ollo pecho, un dos mellores exemplos que se pode atopar de novela negra. Iconoclasta de escrita aceda e moi persoal, constrúe un discurso de estrutura case impecábel cun enxeñoso e acertado dominio da lingua, tanto de rexistros cultos como da xiria dos delincuentes urbanos; desafortunadamente o uso de normativa non oficial condiciona o seu éxito e difusión. Xavier Manteiga porá ao día o patetismo, cinismo, aleivosía e inocencia típicos deste espazo en Morte na herba (1995), outra obra de relevancia. Un ano antes, Criminal ,de Xurxo Borrazás, xa fora ben acollido tanto pola crítica como polos lectores, sorprendendo pola alta calidade nun xénero onde para fracasar abonda incidir nos tópicos típicos sen que a análise social (reflectida na configuración e comportamento das personaxes e tratamento do tema) transcenda minimamente. Tal aconteceu en Turbo (1988) de Miguel Suárez Abel, aínda que acadase o Premio Blanco-Amor. E, outra vez, é referente obrigado Fernández Ferreiro —Corrupción e morte de Brigitte Bardot (1981)—como moderno precursor. A empatía lévanos agora a Miss Ourense (1994), onde Bieito Iglesias atopa o recurso que maiores satisfaccións dá: o fino (ou acedo, segundo se queira) humor en temas ben imbricados na realidade galega. E tamén do 94 é Culpable de asasinato ,de Úrsula Heinze, onde todo este mundo fica angustiosamente interiorizado.

IMAXES