A Etapa Contemporánea (S. XX)
O ensaio histórico e económico
Novos problemas

A medida que a constatación da realidade económica é moito menos veloz no seu desenvolvimento do esperado, a medida que a crise económica vai deixando as súas pegadas sobre o funcionamento da economia galega, recóllense en ensaios problemas que nas décadas anteriores non se tiñan nen albiscado. Así por exemplo, aínda que a contaminación xa fora tratada a partir do 73 como a oposición á instalación de centrais nucleares , papeleiras, etc, é a partir de 1986 cando aparecen ensaios económicos que podemos inscreber na crítica do modelo de crecimento do capitalismo actual. As aportacións de Santos Castroviejo, a través dunha análise da economía política das necesidades, invítanos ao exame da realidade económica vista esta desde unha perspectiva anterior ao deseño da produción.

Xoán Ramón Doldán.

Así mesmo, o estudo dos recursos económicos, en tanto que son susceptíbeis de seren criados e destruídos, deseña un conxunto de posibilidades na análise dos recursos pesqueiros, dos marisqueiros, dos problemas da contaminación no mar (problema dos verquidos de petróleo) ou ben, tal e como fai Doldán García ao estudar o papel da enerxía no modelo de acumulación actual, e tamén Surís nos recursos pesqueiros e Simón na agricultura ecolóxica.

Cómpre citarmos os estudos específicos sobre o papel da muller na economía. Rosa E. Fernández, Dolores Linares ou M. C. García Negro teñen sacado á luz unha parte do traballo feminino das galegas que participan na produción.