A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: Ramón Otero Pedrayo
O autor no contexto literario-cultural do seu tempo

Ramón Otero Pedrayo nace en Ourense en 1888, nunha familia de ascendencia fidalga (aínda que xa ligada á pequena burguesía urbana). Desde a súa infancia, dous espacios diferentes configuran o marco vital do noso autor: Ourense, unha vila que —nesta altura— a penas se pode chamar cidade e, sobre todo, Trasalba, coa presencia para el máxica da natureza.

Imaxe fidalga do pai de Ramón Otero Pedrayo.

Na súa formación, tanto ou máis que as aulas de mestres na casa ou do Instituto, van ter unha enorme relevancia as historias que el recolle das persoas que forman parte do seu contorno. Pódese afirmar que as lembranzas van desempeñar un importante papel na creación do seu mundo novelesco: o mundo dos vellos pazos evocado pola súa avoa, a perda do poder do clero e a visión liberal e provincialista do XIX a través do seu pai, e as historias da aldea contadas polos labregos amigos, aos que lembrará máis tarde —xunto con outros compañeiros de viaxe que influíron na súa vida—, en O libro dos amigos . Otero vai falar sempre da súa vocación de cronista, e esta é unha das primeiras carácterísticas que se poden sinalar na súa obra; esa vontade de manter a memoria das cousas (por medio da crónica que lle foi transmitida ou da crónica do vivido por el propio) vai ser unha constante ao longo da súa vida.

A súa mocidade xira arredor do proceso de formación universitaria en Madrid, onde o futuro escritor estudia sen vocación definida e, sobre todo, le acumulando un pouso enorme de coñecementos sobre xeografía, historia, literatura ou filosofía. Cando volve a Ourense en 1911, é un "señorito" culto, inconformista e escéptico, sumido nunha busca sen acougo. O propio Otero describe así aquel tempo:

"De cando en vez voltaba cheo de preocupacións dilectantes á miña terra de Trasalba e ¿que atopaba alí? Unha Galicia campesiña e asoballada, xentes ignorantes, esquecidas de todos no seu curruncho, namentras eu andaba detrás da verdade dos libros, e aquilo queimábame no peito cada vez máis" (V. Freixanes, Unha ducia de galegos, 1976).

Son os anos da inadaptación, das colaboracións esporádicas en La Centuria (1917), da procura de propia identidade; é o proceso que, anos máis tarde, vai novelar en Arredor de si .

Pouco despois, coa súa entrada en 1917 nas Irmandades da Fala comeza a que vai representar una etapa fundamental tanto para el como para a conformación da conciencia colectiva do país. Moitos anos máis tarde, nunha entrevista feita cando Otero ten xa 88, este confesa:

"Eu debín ser narrador, nada máis que un narrador, un bo narrador..., pero naquel intre, cando tan poucas cousas tiñamos, había que facelo todo: viaxar, botar discursos, escribir nos xornais, estudar xeografía, etnoloxía, historia da nosa terra, que estaba sin escribir. O que de ningunha maneira se podía era estar calados e quedos porque o tempo, xa daquela, loitaba contra de nós" (Freixanes, 1976)

Aquí Otero (integrando o seu labor no traballo colectivo do seu grupo xeracional) define con claridade a característica que aínda hoxe segue a resultar fundamental daquel tempo: o compromiso tan activo que aqueles intelectuais asumiron a respecto do seu país. Un compromiso que foi desde a dedicación ao traballo intelectual máis rigoroso á actividade política pública, desde a divulgación á investigación, e que transformou aquel grupo de intelectuais diletantes nunha xeración de "teóricos con mans".

Aquela lúcida loita contra o tempo vai traer consigo a floración de moitas iniciativas culturais colectivas, concibidas baixo unha óptica política galeguista, en que o noso autor se integrará ou dirixirá con entusiasmo, abríndose, a partir dese momento, unha etapa de fecundidade verdadeiramente espectacular.

Fotografría de mocidade de Otero Pedrayo.

A partir dos anos 20 Otero comeza unha incesante actividade xornalística que será xa unha constante o resto dos seus días. Participa activamente na revista Nós (1920-1935) así como en todas as outras plataformas creadas nesta época, como o Seminario de Estudos Galegos, onde vai dirixir a sección de Xeografía.

O seu labor como literato propiamente iníciase en 1925 coa publicación na editorial Lar da novela curta Pantelas, home libre , á que seguirán outras dúas, O Purgatorio de Don Ramiro (Galaxia, 1926) e Escrito na néboa (Lar, 1927). Nestas tres primeiras tentativas aparecen xa moitos dos temas que posteriormente vai desenvolver. En Pantelas vemos, por exemplo, o tema rural, o elemento humano en estreita vinculación coa paisaxe (que posúe un protagonismo propio), o século XIX ou as referencias á fidalguía. Escrito na néboa (ensaio do que logo vai ser Arredor de si ) céntrase na análise do proceso de evolución ideolóxica de Adrián Solobio, un fidalgo intelectual que remata por asumir o compromiso coa súa Terra.

A partir de aquí, como unha fervenza que estivese agardando a posibilidade de se expresar, unha multitude de libros (dous por ano entre obra narrativa, teatro e ensaio) verán a luz no período que vai ata o ano 1936.

Cómpre ter en tonta tamén que este altísimo ritmo de produción literaria (ou cultural nun sentido moi amplo) discorre ao mesmo tempo que unha actividade política frenética: a proclamación da República, a progresiva entrada na política activa dos integrantes das Irmandades, a candidatura ás eleccións do Estado como Partido Nazonalista Repubricán primeiro e como Partido Galeguista despois, farán de Otero un admirado líder político e, ademais, o primeiro deputado nacionalista pola provincia de Ourense nas Eleccións Constituíntes de 1931.

En 1928 aparece a súa primeira novela, Os camiños da vida ,publicada pola editorial Nós, por razóns editoriais, en tres volumes distintos coincidentes coas tres partes en que a novela se estrutura: "Os señores da Terra", "A maorazga" e "O estudante". Esta é tamén a primeira grande novela da literatura galega, recibida no seu tempo (obviamente polo escaso público lector) con auténtico entusiasmo.

Tradicionalmente, tense presentado esta novela como o relato das transformacións que se producen na sociedade galega na primeira metade do XIX e, nomeadamente, a historia da decadencia da fidalguía (a través da historia de dúas familias: os Pugas e os Doncos), servíndolle isto ao autor para debuxar un panoma xeral da Galiza ata 1868. Sen negar o máis que evidente peso na novela do cadro histórico que alí se nos presenta (especialmente na primeira parte), a obra, entendida como unidade, ofrece unha lectura diferente, pois toda ela é un discurso en clave galeguista sobre o compromiso co país.

Por primeira vez nunha obra destas características, aparece un discurso histórico "desde dentro", non mediatizado polas versións da Historia oficial e no que, ademais, se intenta fuxir tanto dos tópicos reducionistas —tipo Pardo Bazán ou Valle-Inclán— como dos ruralistas ou enxebristas dunha certa literatura decimonónica. Ao mesmo tempo, non é casual que todo o discurso estea focado desde a fidalguía, posto que o autor pretende insistir, en principio, na responsabilidade histórica daqueles que, sendo os privilexiados por fortuna e posibilidades, debían ter sabido manter o seu estatus de clase dominante nos novos tempos que se aveciñaban.

A segunda e terceira parte da novela ilustran, a través das peripecias dos homes da familia, o proceso de toma de conciencia sobre o país que se produce nunha parte da intelectualidade galega do XIX. Con este discurso non quere Otero facer un simple retrato do pasado senón que busca unha actualización no presente en que vai ser lido (así se explica a importancia que na novela teñen a revolución de 1846, o provincialismo ou a referencia ao tema da loita irlandesa pola súa independencia). O autor pretende insistir na necesidade de que moitos (como don Adrián, como Paio Soutelo) se conciencien de que cómpre traballar por Galiza. Este salto cara ao presente do lector aparece no final da obra a través dos pensamentos de Paio:

"É estrano —cavilaba—, agora xa metido no traballo de médico de aldeia sinto rexurdir en min moitas ideas do meu pobre tío Adrián. Seu Sant-lago non era somentes a cidade das eirexas e dos estudantes. Tiña un dobre sentir: romántico e ó tempo dono nun porvir. Alí se criará a xeneración que salvará o nome de Galiza".

Esa referencia a unha xeración futura pode, polo seu carácter aberto, ser lida de maneiras diversas (podería referirse ao Rexurdimento , aínda que alí non se vexa tan claro o concepto xeracional ou xa á propia época de Otero, a das Irmandades e Nós , onde todos os seus membros procuran insistir no carácter colectivo do seu labor). En todo caso, o que cómpre subliñar é que Otero, nun interesante anacronismo, pon no pensamento e na vida dese mozo do século XIX as ideas que el sostén á altura de 1928.

Fotografía de mocidade de Otero Pedrayo.

De entendermos así a novela, como un discurso claramente ideolóxico, subsanaremos un prexuízo maioritariamente asentado entre a crítica ( Carballo Calero primeiro, Casares despois e a seguir todos os editores e editoras recentes) á hora de avalaren a obra do noso autor. É xa un tópico falar na obra de Otero (e non só esta novela senón tamén os Contos do camiño e da rúa e O mesón dos Ermos )da dicotomía realismo/romantismo que, segundo aqueles, desequilibraría a estrutura das obras ao perderse o ton realista que as define. Este xuízo aséntase nun erro de partida, a exclusiva focaxe da obra como retrato dun período histórico, pasando a un plano secundario aquilo que, para o autor, xustifica a totalidade do discurso: a aplicación da experiencia histórica ao presente. Nesta liña, Baliñas e Quintana /Valcárcel sinalaron a funcionalidade doutrinal e, mesmo, política daqueles capítulos teoricamente alleos á estrutura da novela.

Así pois, os personaxes masculinos vistos en Os camiños da vida son antecedentes do Adrián Solovio que protagoniza a novela pola que Otero mostrou sempre a súa preferencia: Arredor de si (1930).

Nesta novela nárrasenos a viaxe interior que realiza o personaxe central na procura de si mesmo e da sua identidade. Conectando cunha tradición que desde a época clásica chega á literatura romántica, Otero utiliza o tema da viaxe como imaxe da procura do coñecemento, como noutras obras de tema semellante, un lento proceso de pescuda nas profundidades do propio Eu ata acadar a transformación ou a conciencia ou a sabedoría.

Ese motivo da viaxe (co seu conseguinte cambio de espazos físicos) é moi común en Otero e, moi frecuentemente, aparece ligado a outro elemento recorrente na súa obra: o camiño (verémolo en O mesón dos Ermos e "Doña Xohana e Don Guindo", mais tamén en A romeiría de Xelmírez , Devalar ou O señorito da Reboraina). A viaxe pode ser peregrinaxe, pescuda ou exercicio formativo, mais, en todos os casos, ese abrirse a novos espazos trae consigo a transformación do protagonista e, con ela, a aprendizaxe e, mesmo, a conversión ideolóxica.

En Arredor de si cóntasenos a viaxe exterior do protagonista —Adrián Solovio— que busca, primeiro en Madrid e na cultura española e logo en Europa e nun cosmopolitismo falaz, a resposta ás súas dúbidas. Ese desprazamento espacial non é máis que a imaxe da súa outra viaxe interna, do difícil proceso intelectual e sentimental que o vai levar á redescoberta da súa terra: primeiro á descoberta física (representada no percorrido simbólico polo mapa de Fontán) e despois á espiritual-cultural.

O personaxe central lao igual que na maior parte das súas obras) é a penas un esquema de pensamento, un recurso que serve ao autor para expoñer o seu discurso, neste caso, máis que nunca, ideolóxico. Os outros personaxes son só figurantes ao servizo da evolución daquel. En Don Bernaldo e Dona María vemos o peso da tradición e a vinculación coa Terra (de novo representado a través da fidalguía); no seu irmán Xacobe, a modernidade e o apego aos bens materiais; na marquesa de Portocelos, o revulsivo (un tanto antifeminista) que o fará decatarse do autoodio que subxacía na súa ansia de europeísmo baleiro e que desencadeará a volta á Galiza. Á hora de ler esta novela non se debe caer na trapela da crítica excesivamente biografista. Aínda que moitos motivos literarios poidan ter aí a súa orixe, ligarnos a ela en exceso pode non nos deixar aprehender a complexidade da obra na súa integridade. A interpretación biográfica de Arredor de si pode representar un bon exemplo desta simplificación cando xa os seus contemporáneos (lembremos "Nós, os inadaptados" de Risco ) se viron reflectidos nela, xa que o interese da obra (e o que a fai ter plena vixencia) radica no desvelamento daquela realidade cultural que, estando diante deles, lles era absolutamente descoñecida e coa que se van comprometer activamente. É esa afirmación da responsabilidade histórica con relación ao propio país a que aínda hoxe resulta profundamente suxerente para as lectoras e os lectores da novela.

No mesmo ano aparece publicada en varios números da revista Nós (76, 77 e 78) unha noveliña curta que o autor cualifica de "novelo", Vidas non paralelas. Neste texto, a través das historias dos irmáns Vilasantar, exemplifica outra vez o proceso de toma de conciencia sobre a identidade colectiva. Así, o percurso vital de Rosende (que non acerta a concretizar as súas ideas sobre unha relixiosidade galega nunha vía de compromiso útil) e o de Pauliños (guiado só polo interese material máis vil) serven de claro contrapunto á figura de Xacobe, un trasunto de Adrián Solovio, que tamén despois de viaxar e procurar na Europa, descobre que aquilo que procuraba se atopa na Galiza. Estes tres fidalgos teñen tamén unha irmá, Frolinda, filla ilexítima do seu pai e dunha labrega, que será quen fique na casa da aldea mantendo o vínculo esencial coa terra que, segundo o autor, a fidalguía non debería perder se pretende seguir existindo.

Nestas novelas evidénciase outra característica global da obra oteriana: a difícil distinción entre xéneros, nomeadamente entre novela e ensaio. Segundo Carballo Calero a súa narrativa é "umha especie de discurso histórico-literário sobre a Galiza inteiramente paralelo ás sistematizaçons que se contenhem nos libros e artigos de carácter científico e ensaístico do nosso autor". Pódese afirmar que a súa obra é un todo homoxéneo, unha única estratexia textual, repetida unha e outra vez ao longo das súas producións literarias, sen que teña demasiada relevancia a división en xéneros.

Ricardo Carvalho Calero

Durante estes anos publica, á parte de moitos textos, quer divulgativos, quer didácticos, sobre Xeografía (como a Guía de Galicia ,publicada en Madrid en 1926), numerosos artigos que, en moitos casos, amplían temas ou teorizan a partir dos asuntos que xa viramos nas súas obras. Así textos como "Encol da aldeia" ( Nós , 1922), "Notas encol da paisaxe romántica" ( Nós , 1927), Morte e Resurreición (1932), "Encol do elemento animal na paisaxe" (Nós ,1932), Lembranza de Goethe (Nós, 1932) ou, sobre todo, o Ensaio histórico sobre a cultura galega (1933) resultan esenciais á hora de analizar o seu pensamento.

"A sua Guía de Galicia e o seu Ensayo histórico sobre la cultura gallega descrevem-nos, respectivamente, a fisionomia da nossa terra e a evoluçom da sua cultura de jeito tam fascinante que marcou para os moços a visom do país galego, geográfica e historicamente, non só para os moços seminaristas, mas para todo home culto de época posterior à publicaçom desses livros" (Carballo, 1989).

O Ensaio céntrase na interpretación da nación, sendo ademais un libro fundamental para a comprensión da obra oteriana, xa que nel aparecen os seus ideoloxemas principais.

Otero herda da historiografía e dunha parte da literatura galega do século XIX unha conciencia da Galiza como país céltico , atlántico, nórdico..., face a outa terra formada por xentes do Sul, e, como outros homes da súa xeración, decátase de que é unha visión en exceso simplificada e, por iso, vai tratar de definir esa identidade nacional a partir de dúas vías: a análise da paisaxe e a análise da historia.

O noso autor estudia a morfoloxía da paisaxe, mais, a seguir, afirma que aquela non é algo estático nen externo senón que é unha obra colectiva, construída ao longo de milenios polo noso pobo e que, entón, cómpre entendela como a súa primeira manifestación cultural. A partir deste pobo (non insiste tanto como Risco na importancia do elemento racial) asentado sobre un territorio, o autor reflexiona sobre o desenvolvemento dialéctico da cultura galega ao longo da historia para, a través dela, afirmar a nosa singularidade. A orixinalidade do "espírito" galego é tan forte que foi quen de modificar ou adaptar os aportes das culturas que sucesivamente se impuxeron, sen perder xamais o elemento orixinal que estaba na base, desde a súa configuración na época céltica. Despois o cristianismo foi o que lle deu un pulo final á nosa identidade, ficando un substrato panteísta que será desenvolvido despois por Prisciliano , en quen Otero personifica unha espiritualidade non ortodoxa que considera elemento esencial da nosa cultura. Máis tarde Xelmírez e o románico, o Camiño que une Santiago con Europa e , no medio de todo isto, os labregos que irán facendo Galiza ata chegar ao segundo momento de grande esplendor cultural: o barroco.

A enorme capacidade suxestiva das imaxes que Otero emprega para sintetizar cada época, así como a fermosa prosa poética da obra, non deben facer esquecer o discurso didáctico que circula por debaixo desta personalísima exposición: a definición da nosa identidade sempre enmarcada no proceso de construción dunha conciencia nacional.

Retrato de Fita, dona de Ramón Otero Pedrayo.

Voltando á produción narrativa, publica en 1932 Contos do camiño e da rúa ,seguida por Fra Vernero en 1934. Nesta obra fai un percorrido cultural pola Europa de finais do século XVIII e principios do XIX, tomando como pretexto contar a vida do escritor alemán Zacharias Werner (de quen acabamos sabendo bastante pouco). Con esta aportación erudita e complexa Otero quere achegar datos complementarios á súa explicación do presente. Deste xeito evoca moitos dos referentes culturais e ideolóxicos que

"son indisociables da súa peculiar concepción do ser de Galicia: o catolicismo, a exaltación europea desde o propio cerne, a conversión e reencontro coa identidade, etc." (Quintana/Valcárcel, 1988).

Do mesmo ano é A romeiría de Xelmírez ,entre as súas novelas, a que se aproxima máis ao subxénero da novela histórica. Baseándose nas informacións fornecidas pola Historia Compostelana ,narra a viaxe que o arcebispo Xelmírez fai a Roma para conseguir do Papa a ascensión de Santiago á dignidade metropolitana e arcebispal. Este feito sérvelle para recrear a época medieval, un dos tres momentos de esplendor cultural da Galiza (xunto co celta e o barroco), así como para insistir en moitos dos seus temas recorrentes. Esa especie de Camiño de Santiago que Xelmírez fai ao revés permítelle insistir de novo no discurso europeísta (pois a Galiza "só foi enxebremente galega cando foi europea"), ademais de concentrar no propio personaxe do arcebispo (presentado, case, como un galeguista "avant la lettre") toda unha serie de contidos de exaltación e reivindicación que unicamente poden ser entendidos como unha proxección do credo galeguista do seu autor (Casares, 1981). Así pois Otero desenvolve, baixo a forma de discurso histórico, os mesmos contidos ideolóxicos dirixidos á construción dunha identidade colectiva que aparecen nas súas outras obras centradas na idade contemporánea.

Devalar (1935) é, formalmente, a novela máis anovadora do autor, caracterizada pola composición fragmentaria, a acción simultánea e o protagonismo múltiple. O propio narrador confesa ao final da obra: "A lembranza dun cadriño de Castelao, Devalando no Museu de Pontevedra, foi ordeando as esceas de iste libro"; e así, a novela presenta unha visión dinámica da vida da Galiza inmediatamente anterior á Guerra Civil, a través dos distintos personaxes que circulan, actúan, reflexionan ou escriben (as narracións intercaladas que se insiren na novela). Por outra banda, a visión dinámica ten que ver coa pluralidade espacial que caracteriza o noso país, pois por medio do tema do camiño (que abre e fecha o libro nunha estrutura circular) a narración articula harmonicamente o mundo rural e o urbano. Hai unha continuidade entre vilas e aldeas, entre fidalgos e labregos, así como entre o pasado e o presente, protagonizado pola nova xeración de mozos galeguistas convencidos da súa reponsabilidade histórica a respecto do país: "Sentía Dumbría que unha xenerazón, soio unha xenerazón que tiver a heroica concenza da trascendentalidade do intre seu, soio unha, a súa, a dos mociños, faría do lirismo, historia". Como xa foi sinalado pola crítica, é esta unha novela optimista, que debuxa un clima de plenitude e esperanza e na que resulta aínda máis ostensíbel que en ningunha das outras o absoluto protagonismo de Galiza.

Coa publicación en 1936 de O mesón dos Ermos, féchase unha etapa da vida de Otero. A guerra e o réxime que se instaura despois desfán aquel proxecto galeguista que se construíra con tanto entusiasmo. Otero evoca así aqueles anos:

"A xente convirtíuse da noite pra a mañá dunha cousa na contraria sin escúpulo ningún, outros exiliáronse, outros medraron ca situación. Así son estas cousas. Eu fiquei en Ourense, antre este piso e a miria casa de Trasalba, vivindo, lendo, matinando moito nas cousas que pasaban namentras ao meu arredor todo se derrubaba" ( Freixanes , 1976).

A partir dos anos 40, volverá á publicación de artigos. É a época do exilio interior, dos pseudónimos. Otero verase obrigado a publicar en castelán e, tamén, a adaptarse á nova situación. Os temas seguen sendo os relacionados coa cultura galega pero, agora, a miúdo cun enfoque relixioso ou salientando aspectos románticos, paisaxísticos ou, simplemente, imaxinativos. Nunha palabra, a súa escrita ten de facerse máis neutra.

A esta época pertencen as novelas en español: Adolescencia (1941) e Las Palmas del Convento (1944), publicadas en Buenos Aires, e, xa na Galiza, La vocación de Adrián Silva (1950). Nesta última, a pesar dos condicionantes da censura cómpre subliñar cómo a través da anécdota da viaxe dun mozo seminarista a un pazo rural, e da crise vocacional que lle provoca o mundo que descobre, se presenta unha mensaxe soterrada (daquela profundamente subversiva): a importancia do mundo rural, a personalidade singular da paisaxe e a poderosa atracción sobre as xentes, a volta á terra..., claves doadas de decodificar para un lector ou lectora atentos.

En 1947 inicia o seu Parladoiro ,xa en galego, no xornal de Compostela La Noche . Pouco a pouco Otero vai retomar a escrita coa abundancia característica da súa produción, mais xa nada será o mesmo. Demasiadas cousas tiñan mudado e a súa voz xa non será a dese tempo. De vagariño vaise convertendo no referente, no vínculo co pasado, na "memoria de todas as cousas" (título da entrevista con V. Freixanes) ou nun "fantasma do século XIX" (definición de si propio que el repite unha e outra vez), moitos papeis importantes para aquel que xa é un símbolo mais que xa non é sentido como un novelista ou un autor contemporáneo.

"Sempre conservando a máxima lealdade às doutrinas que na forza da idade tan poderosamente contribuíra a criar, reduze-se agora, mui brilhantemente, a actividades representativas e protocolárias" (Carballo Calero, 1989).

Do mesmo xeito que, en canto posíbel, se reintegra á escrita en galego, tamén volve a estar presente nas escasas iniciativas culturais colectivas que se abren nese tempo. Así participa na fundación da Editorial Galaxia , onde vai ser nomeado Presidente do seu Consello de Administración. Tamén colaborará activamente coa revista Grial .

Tras os anos de afastamento do labor docente, xa que fora separado da súa cátedra de Instituto, volve á docencia en 1948. En 1950 convértese no primeiro catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago, onde imparte aulas ata 1957. Otero vai falar sempre deses anos con entusiasmo, sobre todo polo contacto coas xeracións máis novas. Declarará moitos veces que a misión que el lle atribuía á súa ancianidade era a de transmitirlle aos novos a mensaxe de Castelao ; na entrevista con Freixanes confesa: "vexo cómo viven e medran con novos pulos as vellas ideas que nós defendemos noutro tempo. Eso siñifica moito pra nós". Mostra destas boas relacións cos mozos é a publicación, en 1958, do seu libro de poemas Bocarribeira ,na colección Brais Pinto , fundada por un grupo de mozos galegos residentes en Madrid.

Ramón Otero Pedrayo nun retrato na nenez.

Otero é neste tempo un guieiro público, máis que nunca un símbolo dentro do galeguismo. Son anos tamén de homenaxes e premios; era xa o Patriarca das Letras.

En 1957 aparece Entre a vendima e a castañeira , vinte relatos breves escollidos pola editorial Galaxia entre un conxunto de inéditos, que non manteñen unha unidade temática. Neste libro, como noutros desta época, repítense certos temas xa tratados antes da Guerra ou, mesmo, revísanse (resulta interesante comparar "Medicina legal" con "A revolta de Casdenón"), mais a innegábel forza e calidade deses tontos ficará un tanto perdida nun momento en que o público lector tiña xa outras expectativas que non permitían a aproximación desprexuizada á obra de Otero.

É unha literatura doutro tempo para a cal se fai difícil o diálogo co presente, pois os referentes, tanto reais como literarios, mudaran substancialmente.

O señorito da Reboraina (1960) é unha novela crepuscular onde Otero se comprace en revisar moitos dos elementos, tipos ou situacións xa aparecidos na súa obra anterior para, con ollada entre saudosa e irónica, darlles un novo xiro. O autor constrúe unha verdadeira novela de viaxes e de aventuras, a partir da biografía fantástica dun personaxe histórico real e retoma o seu vello tema da fidalguía, debuxando outra vez aquel mundo do XIX, neste caso dun xeito non problemático, porque o que prima é a visión amábel dun espazo e dun tempo que, na altura, o público percibía xa como algo absolutamente pasado. Nesta obra, Otero Pedrayo, aquel que se comprace en se autodefinir como "fantasma do século XIX", xoga co seu propio universo literario xa que sente que aquel mundo que el recibiu na súa infancia só existe xa nos libros de historia.

O espello na serán (1966) amosa unha visión entre lírica e erudita da cidade de Santiago. Carballo Calero (1975) define o libro como "un poema inorgánico, formado pola xustaposición de pequenos cantos sobre distintos aspectos da cidade". Este libro podería servir de novo para exemplificar aquela confusión entre xéneros (nomeadamente entre narrativa e ensaio) tan característica de Otero.

De 1974 é O Maroutallo ,a derradeira obra narrativa publicada en vida do autor.

Deixando de lado outros xéneros, moitos traballos de Otero poderían ser incluídos dalgún xeito nesta revisión da súa obra narrativa, á parte da enorme cantidade de relatos, pequenos ensaios, artigos, esbozos de memorias, etc., espallados por todas aquelas publicacións en que colaborou. Os libros de viaxes, os de semblanzas ou as monografías eruditas participan de moitas das características aquí indicadas, mais a extensión e variedade da súa obra non permiten un achegamento crítico máis pormenorizado.

Otero Pedrayo morreu o 10 de abril de 1976.

IMAXES