A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: o teatro
O Bufón d'el Rei, de Vicente Risco

A única obra teatral de Vicente Risco foi premiada na «Festa da Lingua Galega» en Compostela (1924), e publicada na Editorial Nós en 1928. A súa estrea non debeu ter lugar ata o 1933 en Bos Aires, onde o « Orfeón Español » levou a escena xunto con O Pazo ,de Manuel Lugrís Freire .

Este "drama en cuatro pasos", dividido en numerosas escenas e ambientes, cun desenvolvemento argumental pouco dosificado, sitúa a súa acción nunha Idade Media fabulosa e paródica, con alusións cabaleirescas e corteses na parte literaria, e modernistas na plástica. O trío Rei-Raíña-Guindamor é comparado con Ártur-Xenebra-Lancelot, e o cabaleiro Guindamor é aludido ademais como Amadís e Tristán. Canto á plástica modernista, está presente nas didascalias inaugurais de cada escena, indicando a situación e acción dos personaxes no momento desta comezar: son verdadeiros cadros plásticos cunha función estética ben definida, que tenden a situarnos nese ambiente fabuloso e intemporal. En todo caso resulta evidente o maxisterio de Maeterlinck, o autor máis admirado polos homes do Grupo Nós, e do que Risco tira mesmo os nomes de dous personaxes: Tintagil (o cabaleiro Guindamor) e Golod (o carcereiro). Carvalho Calero sinala ademais a coincidencia dunha alusión que aparece na segunda escena do Paso Segundo —a dos cabelos da amante facendo escada para o namorado— con outra de Pélleas et Mélisande, do autor belga, tema que aparece tamén na obra lírica de Hofmannsthal Die Frau im Fenster (A muller na xanela). Lembremos ademais que o tema do cabelo como recurso aparece xa na Saga de Nial (século X), e cun sentido moito máis explícito, no conto dos Irmáns Grimm "Raponcio" ("Rapunzel").

Paso primeiro de "O Bufón d`El Rei"

Menos evidente pode parecer aos ollos do lector-espectador o influxo de Oscar Wilde, que Carvalho detecta na precipitada escena final, tan semellante á Salomé do autor escocés. A súa pegada, sen embargo, é moi visíbel na abundancia de "frases brillantes" na escena inicial da obra, e mesmo na tendencia discursiva do Bufón, expresada a miúdo en monólogos, ou nos diálogos amorosos de Iolanda e Guindamor, que certamente remiten á Salomé ,tanto na forma coma na propia substancia do discurso.

O tema da obra, en realidade a súa desculpa, é a deformidade do Bufón. A deformidade física, coma no shakesperiano Ricardo III e outros moitos personaxes da literatura universal, provoca ou leva aparellada unha deformidade moral que acaba desencadeando o drama. O Bufón de Risco é en realidade Galehaut de Kernagor, vinculeiro do Duque Lisuarte, quen prefire facer cabaleiro a Tintagil, o segundón. Galehaut víngase da ofensa dando ao seu irmán un bebedizo que lle rouba a memoria e vendéndoo a uns títeres, dos que ha ser rescatado por un estranxeiro que o profilla e o arma cabaleiro. Calehaut é desherdado polo pai e acaba de bufón do Rei, a quen servía como cabaleiro Guindamor —o seu irmán —, secretamente namorado da raíña Iolanda. O Bufón, que tamén ama Iolanda, imaxina unha trampa para os amantes, que son descubertos polo Rei, quen condena a morte a Guindamor. Mais o Bufón é desmascarado por Ortruda, a azafata da Raíña, e tras algunhas peripecias e ser perdoado polo irmán, leva un anel a Iolanda, quen ordena ao carcereiro que o bote da torre abaixo.

Nada menos que dezaseis escenas para unha obra que peca de breve se atendemos ao argumento e á abundante parte monologar. Hai, si, unidade temática, por máis que o material argumental se nos presenta un tanto desequilibrado; discursivo e retórico ás veces, outras simplemente esbozado.

Por outra parte, só en dúas ocasións aparecen escenas de máis de tres personaxes, abundando as de un (3), as de dous (7), e as de tres (4). Canto á linguaxe utilizada, de evidente raíz simbolista, non desdeña a alusión erudita, mais tampouco o vulgarismo, constituíndo unha estraña amalgama e un curioso experimento para traer formas inusuais a unha lingua e a un teatro ancorados no costumismo decimonónico.

IMAXES