A Etapa Contemporánea (S. XX)
Literatura do exilio (II). O activismo cultural na diáspora bonaerense
O contexto histórico

O activismo a prol da nosa cultura e da Terra é algo constante na diáspora galega desde que conseguiu un certo grao de organización. Se falamos da capital da diáspora, Buenos Aires, debemos destacar algúns fitos da nosa colectividade nesa cidade. O 27 de abril de 1879 constitúese o primeiro Centro Gallego; presídeo Manuel Barros e inaugúrase o catro de maio. O Centro naceu cunha orientación progresista e rexionalista; entre as súas actividades culturais salientaremos as clases nocturnas e mais crear unha biblioteca e unha banda de música. Nembargantes a súa vida foi curta debido ás bitas internas e ás intrigas pacegas; só durou tres anos.

Na Galiza, durante a primeira década deste século, diminúe a poboación activa do sector primario, aumenta a reivindicación no agro e aparece a emigración masiva para América. Esa concentración de emigrados condicionará o nacemento en Buenos Aires de sociedades de carácter local ou comarcal, sempre dispostas a loitar, enviar diñeiro ou ideas para pular pola parroquia ou comarca orixinaria. Estas pequenas sociedades serían o xerme do novo Centro Gallego; deste xeito ficou constituída a "Comisión Organizadora" o 2-5-1907. Nesta nova xeira, o Centro mantivo unha revista mensual, Galicia. Revista Oficial del Centro Gallego , e potenciou a actividade cultural e editorial ou actividades mutualistas como a construción do Sanatorio Social. Esta institución da diáspora non esqueceu o sacrificio dos que ficaron; deste xeito comprometeuse e participou na loita pola redención dos foros . Con todo o carácter elitista e clasista da dirección do Centro —só os galegos ricos e prósperos economicamente conseguiron postos de responsabilidade na institución— causará moitas iras e reproches dos homes a quen nos debemos referir nesta ocasión.

En termos xerais, as asociacións máis pequenas tiñan unha orientación máis progresista, ben agrarista ou republicana, ben socialista. Vista a desconexión e abundancia de entidades de tipo local e comarcal, en 1910 intentouse, sen éxito, crear unha federación que coordenase todas estas institucións, cos conservadores Centro Gallego e Círculo Gallego incluído. A finais desta década artéllase un xermolo da gran Federación, aparece a "Federación de Sociedades Agrarias e Instructivas" da Provincia da Coruña, xa de orientación agrarista. Tamén agrarista, republicana e galeguista será a Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales , constituída en 1921 e que contaba con 13 asociacións representadas e 1780 socios. Esta federación posuía un voceiro quincenal dirixido por Antón Alonso Ríos, denominado El Despertar Gallego. Nel foise marcando o ideario solidario e apoiouse todo movemento que pulase polo progreso político, social ou cultural da Galiza. Debido á dura campaña contra a Ditadura de Primo de Rivera, en 1929 aparece unha escisión denominada Federación de Sociedades Gallegas —como apunta o historiador ourensán Xosé M. Núñez Seixas— de orientación antigaleguista, pro-PSOE, e cun voceiro novo denominado Acción Gallega. Pero isto non restou protagonismo á FSGAyC, nin na emigración nin no interior, pois mantén un voceiro denominado Galicia e, á altura de 1932, conta con 19 sociedades federadas e máis de 3000 socios.

Xosé Manuel Núñez Seixas.

A chegada progresiva de novas sobre a organización do nacionalismo no interior á colectividade emigrada sempre foi recibida con alborozo, sexan as Irmandades da Fala , a saída de A Nosa Terra ou a Asemblea Nacionalista de Lugo (18-11-1918); nos corazóns emigrados medra a necesidade de colaborar neste novo mencer da Terra. Deste xeito, aparecen organismos semellantes aos creados no interior: a Asociación Cultural Gallega "A Terra" ten uns fins semellantes ás Irmandades e o xornal Heraldo Gallego asume os valores nacionalistas. Para o galeguismo, a Casa de Galicia pasou de ser unha esperanza "rexionalista" a unha decepción, por animar o españolismo na Guerra de Marrocos; nesta entidade foi onde empezaron a destacar Eduardo Blanco Amor e Rodolfo Prada para o gran público. Sería a dexeneración e perda de autoridade desta institución a que daría paso ao despunte da Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales (1921). Xosé M. Núñez Seixas (1992) conclúe:

Mais igualmente o fracaso da Casa de Galicia marcou a divisoria dentro daquelas elites que inicialmente promoveran o rexionalismo agrarista, entre o que en diante será nacionalismo definido e pura posición rexionalista light e fluctuante, que máis tarde, malia seguir tendo valedores entre a coleetividade galega de Bós Aires, xa non dispoñerá dunha asociación ou voceiro onde se manifestar.

A mediados dos anos vinte (1923) funciona en Galicia a Irmandade Nazonalista Galega —inspirada por Vicente Risco —, que ten conexións en Buenos Aires. Vinculada a esta aparece a primeira revista redactada integramente en galego na Arxentina (a segunda de toda a emigración), Terra . Idearium da ING n'América do Sul ,cunha vocación semellante á revista Nós de Ourense. A revista ten unha vida efémera, tan só cinco números, posto que coa chegada de Primo de Rivera a ING esborrállase ata desaparecer tanto na Galiza coma no Plata; agora ben, no seu haber ficou a popularización do nacionalimo galego e de novos nomes para o activismo galeguista, como Blanco Amor ou Ramiro Illa Couto.

Ao final da experiencia de Terra Blanco Amor arrédase do grupo dos nacionalistas, ficando a ING como un grupo de intelectuais amigos con algunha incorporación como Suárez Picallo e Lino Pérez, próximo líder do grupo. En 1925 constitúese formalmente a Irmandade Nazonalista Galega de Buenos Aires, que progresivamente asume unha ideoloxía independentista, e ao ano seguinte sae A Fouce ;esta publicación aposta por un xornalismo nacionalista radical e defende o arredismo. Os homes da ING son os que fundarán a coñecida Sociedade Nazonalista Pondal, que continúa coa bandeira do independentismo político e as reivindicacións maximalistas. Fronte a esta uña radical estaba o galeguismo posibilista dos intelectuais que se sitúan ao redor de Céltiga ,revista de gran calidade estética, con dirección literaria de Blanco Amor, Eliseo Pulpeiro e Suárez Picallo e, na fase inicial, con Ramón Peña como responsábel da arte cromática, quen pintou numerosas portadas cheas de modernidade e colorido.

Rematado o período de Primo de Rivera, volveu a florecer o apoio ás causas do interior, sempre coas reticencias do Centro Gallego, situado fóra das bitas pro-republicanas nun tépedo autonomismo. Sen embargo a Federación mantén contacto e colaboración constante co nacionalismo interior, loita por unha República federal e envía unha delegación co encargo de apoiar o Anteproxecto de Estatuto de Autonomía, elaborado polo SEG , e colaborar na campaña galeguista perante as Constituíntes de 1931. Lembremos que aquela comisión foi integrada por Alonso Ríos, Suárez Picallo e Pedro Campos Couceiro, o Francesc Macià galego. Neste novo roteiro, a FSGAyC e o seu semanario Galicia serán o punto de referencia intelectual nos anos trinta; nembargantes, desde certos ámbitos galeguistas critícase o aberto colaboracionismo coa ORGA . Suárez Picallo sae elixido deputado nas Cortes Constituíntes, sendo o enlace entre a política do Estado, a sociedade galega e a colectividade emigrada, conseguindo o apoio á loita polo Estatuto mesmo do reticente e conservador Correo de Galicia . Cando se funda o Partido Galeguista , o contorno de Galicia e Céltiga reacciona de xeito positivo e a FSGAyC brinda o seu apoio ao PG; non en van tanto Alonso Ríos como Suárez Picallo estiveran na súa fundación.

Ramón Suárez Picallo plasmado por Maside no seu labor como parlamentario.

En 1933, da man de Rodolfo Prada, nace a Orgaizazón Republicana Nazonalista Galega, que asume o ideario do PG e se enfronta coa Federación, especialmente con Eduardo Blanco Amor, que dera en polemizar coas propostas do PG. Aínda así, colaboran conxuntamente na campaña a favor do Estatuto —que vira aprazada a súa presentación nas Cortes á espera de tempos mellores— e na reorientación da loita despois da vitoria da CEDA nas Xerais do 33. Vólvese ao activismo a prol do PG, da Frente Popular en 1936 e no plebiscito do Estatuto. Perante o golpe militar franquista, tanto a FSGAyC como a escindida FSG, os seus colaboradores e outras entidades progresistas solidarízanse e colaboran na defensa de Galiza e da República; demandan a aprobación sen máis demora do Estatuto de Autonomía . Nembargantes, o Correo de Galicia apoiou os franquistas desde o comezo.

A partir da chegada dos exiliados a comunidade emigrada tomaría novos pulos; os exiliados sumáronse ás diferentes asociacións, actividades e traballo en favor da colectividade da diáspora e da residente no interior. Cando Eduardo Blanco Amor foi nomeado cónsul da República en Mendoza as relacións entre galeguistas e a Federación reséntense, dando esta última en 1940 un paso máis lonxe do galeguismo, pasto que un grupo de exiliados socialistas toma a dirección de Galicia ,movendo o timón a posicións máis esquerdistas e antinacionalistas. Tamén no ano corenta, o 18 de xullo, chega Castelao a Buenos Aires e pénsase en relanzar desde o exilio o Partido Galeguista. Desta maneira aparece Irmandade Galega (1941), unha entidade que ocuparía o espacio das anteriores asociacións desaparecidas despois da guerra; na realidade é un PG camuflado. A nova entidade foi alentada polo propio Castelao e tivo A Nosa Terra como voceiro. Como apunta Carlos Sixirei, para neutralizar a nova tendencia antinacionalista da Federación os galeguistas crearon "centros provinciais onde axuntar ás pequenas entidades asociativas" que xa existían; o primeiro deles foi o Centro Orensano (1941).

A cultura galega no desterro viviu un novo florecemento co contributo dos escritores exiliados. Dentro deste labor creativo e divulgativo destaca por riba de todos o nome de Luís Seoane, quen inicia o salvamento da nosa cultura escrita despois da represión fascista. Seoane, Blanco Amor e Núñez Búa defendían a permanencia dos galeguistas na Federación fronte á opinión de Castelao . A falta de confianza, nun período do desterro, entre Seoane e Castelao está aínda por estudiar en detalle. Algo xa se comezou a entrever. Castelao, resentido coas manobras do PC, que buscaba protagonismo, mesmo boicoteando os demais grupos do exilio, apóiase cada vez máis en grupos galeguistas de credo ben progresista, ben republicano ou masón. Por outro lado están os homes máis influídos polas ideas comunistas. Son dous bandos que teñen tertulias distintas: os do Centro Orensano (Castelao, Rodolfo Prada, Manuel Puente, Xosé B. Abraira, Luís Seco) e os do café Tortoni, onde se xuntaban Seoane, Lorenzo Varela, Dieste , Antonio Baltar, Otero Espasandín, Núnez Búa, Colmeiro, Arturo Cuadrado, Guillermo de la Torre ou Rafael Alberti. Un dos vencellos Castelao-Seoane, segundo conta Díaz Pardo , foi un dos menos comunista do Tortoni, Xosé Núñez Búa. De todos os xeitos, cando Seoane, á volta do Congreso Mundial dos Partidarios da Paz celebrado en París (1949), se atopa con Castelao tocado polo corvo da morte, abandona toda discrepancia. Seoane traballa arreo para que o de Rianxo teña nas súas mans antes de morrer as primeiras probas de As cruces de pedra na Galiza e un mes despois de morto, xa tiña artellado un número especial da revista Galicia do Centro Gallego adicado ao guieiro máximo do galeguismo.

Viñeta de Seoane publicada no xornal  Galicia , órgano oficial da Federación de Sociedades Galegas, entre 1940 e 1942.

Un acontecemento importante neste período é a constitución o 15 de novembro de 1944 en Montevideo do Consello de Galiza baixo a presidencia de Castelao e con presencia, entre outros, de Suárez Picallo. Esta entidade política estaba formada polos catro deputados galegos elixidos democraticamente e residentes en Sudamérica; ademais contaba coa adhesión expresa de Portela Valladares e tácita —por medo a represalias laborais— de Emilio González López. Trátase dunha institución simbólica, representativa da derradeira vontade popular, algo semellante a un goberno galego no exilio. As tres grandes apostas políticas do Consello foron o Estatuto do 36, o federalismo e a autodeterminación. Emporiso as relacións do Consello co galeguismo do interior foron sempre suspicaces, por moito que os da diáspora procuraban integrar as contribucións chegadas da Terra, conscientes de que alí estaría o protagonismo futuro. Na Galiza consideraban o Consello algo circunstancial, unha organización da emigración; inclusive é tilado de anacrónico por defender a legalidade republicana; ao tempo, pensan que Galeuzca non representa os pobos, senón grupos de opinión. O galeguismo interior consegue que Castelao sexa nomeado ministro do Goberno Giral; o plano era darlle a Castelao majar autoridade por estar vencellado coas forzas democráticas do interior, pero Ramón Piñeiro axiña o acusa de giralista, de deixar de ser un ministro das forzas do interior para selo de Giral. Os desencontros Castelao-Ramón Piñeiro neste período son moitos, mais o de Rianxo quería que Piñeiro o representase no Consello de Ministros en París ata a súa chegada, para logo tratar de estabelecer conexións co galeguismo interior e actuar conxuntamente desde o prestixio do ministerio republicano. O certo é que Piñeiro non espera o rianxeiro e regresa a Madrid, onde é detido, dando lugar á desarticulación de boa parte do galeguismo organizado na clandestinidade. Despois destes acontecementos Castelao considera frustrada a súa viaxe a París e, como ministro da República no exilio, pasa a considerarse representante de todos os galegos. Para intentar solucionar as posturas enfrontadas co interior envía a Rodolfo Prada, a quen a dirección do PG informa detalladamente, pero as posicións seguiron enfrontadas. Os do interior acúsanos de inmobilistas, de pretender dirixir o galeguismo universal e de seren incapaces de transformarse de "forza ideolóxica en forza política"; mentres que os exiliados denuncian a ocultación da historia recente do galeguismo á xuventude, a desconexión co pasado, as actitudes claudicantes, o non recoñecemento do Consello ou renegar da faceta política de Castelao e do exilio. Tras o fracaso do Goberno Giral, Castelao regresa en xullo do 47 a Buenos Aires decepcionado pola posición dos gobernos democráticos occidentais, pola fragmentación do exilio español e pola incomprensión dos galeguistas do interior. A morte de Castelao en 1950 conmove o mundo galeguista e anquilosa o dinamismo da diáspora; hai un antes e un despois desta data. Entrase nun período de inercia, reláxase o activismo cultural e o galeguismo do desterro colle un roteiro cerimonial con pouca iniciativa e vitalidade.

Debemos aludir ao Primeiro Congreso da Emigración (24/31-7-1956), o acontecemento máis sobresaliente organizado polo Consello de Galiza, que tiña como obxectivo organizar a nosa emigración. Asistiron cento trinta e pico delegados da diáspora e chegaron colaboracións desde Galiza de homes tan significados como Otero Pedrayo , Cabanillas , Leandro Carré , Ramón Piñeiro ou Carballo Calero . O Congreso, no centenario do Banquete de Conxo , reivindica a memoria galeguista, a vocación do Banquete, e por suposto a lingua galega, única lingua do Congreso. Xosé Neira Vilas, integrante da Comisión Organizadora, ten escrito que naqueles días "Buenos Aires era todo Galicia", na radio, na prensa, no cinema, televisión, paredes do metro ou con carteis polos barrios. A vitalidade da comunidade galega nesta capital pode resumirse na proliferación de revistas e xornais, desde a Revista Galaica (1880) de Eduardo Caamaño, Galicia Literaria (1893) dirixida por Manuel Nóvoa Costoia, o xornal Correo de Galicia publicado por Xoán González Montenegro ou o semanario Heraldo gallego (1906), ata a monolingüe Terra (1923), a imprescindíbel Céltiga (1924), o xornal das FSGAyC Galicia (1930), a revista Correo Literario (1943) ou a emblemática Galicia Emigrante (1954) dirixida por Luís Seoane. Esta vitalidade tamén se reflicte na existencia de varios coros e audicións radiais. Os coros, que eran magníficos, ao cantaren en galego tanto textos populares como de autor, axudaron de xeito decisivo á recuperación e dignificación da nosa lingua. Destacaremos o Orfeón Gallego (1890) ou o Coro Lembranzas de Ultreya (1932), unha masa coral de grande calidade que contou coa dirección artística de Emilio Pita. As audicións radiais collen moita vitalidade coa chegada dos homes do exilio; cómpre salientar algunhas como Recordando Galicia (1945) de Maruxa Boga e Alfredo Aróstegui, La Voz de Galicia (1953) de Fernando Iglesias, "Tacholas", Galicia en el aire (1958) de Rodríguez Barbeito ou Galicia Emigrante (1954) de Luís Seoane. Así mesmo tampouco debemos esquecer a proliferación de empresas editoriais, teatro, conferencias ou cursos de lingua e cultura galegas. Velaí o ambiente en que emerxerá esta cultura desterrada.

Envíos da "Central Gallega de ayuda al Frente Popular", preparados para o seu embarque á Península

IMAXES