A Etapa Contemporánea (S. XX)
Manuel María e o seu tempo
O Corpus Narrativo

O conto e o relato curto son os subxéneros narrativos en que mellor se desenvolve e tamén os únicos publicados. As dúas novelas que lle coñecemos, escritas a comezos dos setenta, O solpor é sempre roxo e O trebón brúa de lonxe ,que seguen inéditas. Pola contra, todos os contos e relatos que escribe apareceron publicados no seu tempo de escritura, aínda que algúns deles traducidos ao español (18 en Vida Gallega ,entre 1956 e 1961) ou versionados ao portugués (2 no Jornal de Notícias en 1972 e 1974).

Edición de  Contos en cuarto crecente e outras prosas,  de Manuel María.

En 1952 sacou Contos en cuarto crecente ,no que seguiu a traballar publicando en 1962 unha segunda edición ampliada e corrixida: Contos en cuarto crecente e outras prosas.

A mediados dos anos sesenta escribe varios relatos curtos, As augas van caudales , Os alugados e O Xornaleiro, que teñen distinta sorte; mentres os dous primeiros aparecen na revista Grial len 1965 e 1966), o terceiro é rexeitado; non obstante, con outros relatos recibe o Premio Narrativa Centro Galego de Bos Aires 1969, aparecendo publicado dous anos despois nesta cidade. En Vigo saca un feixe de relatos curtos, aproximacións realistas e reflexivas da problemática rural e labrega galega con arquitectura narrativa de fábulas: Krikoi, Fanoi e D. Lobonis (1973).

Despois dun longo silencio, xa a finais dos oitenta retoma esta expresión e experimenta novas técnicas narrativas: en 1989 escribe e publica Cupreso e lirio ,caderno de viaxe, e amor, coa cidade de Florencia como protagonista; e nos anos seguintes dá ao prelo a triloxía Manuel de Paderna: A tribo ten catro ríos (1991), Cando o mar foi polo río (1992) e Viaxes e vagancias de M.P . (1994). Lendas, poesía, crónicas e nostalxias son algunhas das claves desta triloxía en que, como acontece na poesía que escrebe por estes anos, Manuel María entrégase ao agridoce exercicio do retorno ao paraíso perdido da infancia e aos espazos en que se desenvolveu: cántase o que se perde.

En 1995 aparece a xenérica Novena a Santa Isabel, por un devoto de Outeiro de Rei ,nese seu retorno incesante ao mundo que o viu nacer e medrar, e que nutriu e conformou a súa esencialidade humana.

Parellamente, colabora en coleecións ("Vouche contar un conto": Unha sombra vai polo camiño e Como desapareceu a Atlántida e apareceron os lagartos , 1991) e colectáneas (Campaña do Fomento da Lectura: Historia do bigote dun gato que se chama Mimi, 1992; "Novos contos para nenos" : No campo houbo unha ermida ,1994), entre outros, destinadas esencialmente ao mundo infantil. Son estes contos complemento da súa poesía para nenos, Os soños na gaiola (1968)e As rúas do vento ceibe (1979).

IMAXES