A Etapa Contemporánea (S. XX)
Manuel María e o seu tempo
O Corpus Teatral

Desde 1956, escrebe con regularidade teatro, respostando a moi variadas motivacións: a petición dalgún amigo que quer escenificar unha peza de títeres para os seus fillos ( Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela ,mais coñecida como A Berenguela ,escrita cara a 1974 e publicada en 1979); a demanda de colectivos culturais ou escolares ( Auto transcendental da escola tradicional ,estreada en Cangas en 1977, pero aínda inédita); para participar e colaborar na supervivencia de certames teatrais (Premio Castelao de Teatro de "O Galo", que gaña na súa edición con Barriga Verde ,publicada en 1968 e estreada en 1969 en Ribadavia, e ao que presenta obras nos anos seguintes como A luz non volve atrás, inédita; ou Premio de Teatro Galego Abrente, que gaña na súa 1 edición, 1973, con Farsa de Bululú ,estreada en 1979 en Fene e publicada en 1992, e ao que presenta obras nos anos seguintes: en 1975 volve ser premiada outra obra súa: A revolución de 1846, tamén coñecida como Abril de lume e ferro ,publicada en 1989). Pero, esencialmente, escribe teatro pola potencialidade didáctica e, ao tempo, analítica, que esta linguaxe ofrece, o que a converte nunha potente arma de concienciación nacional. A función didáctica é aproveitada ao máximo, tanto no plano da mímese —ver/oír falar en galego naturaliza/normaliza a expresión en galego—, como no da reflexión clarificadora de actuacións e disposicións legais, comportamentos sociais e acontecementos que o espectador ve desde dentro, inmerso na acción dramática.

Edición de  Barriga Verde , de Manuel María.

 

Desde a óptica dos tempos de publicación, podemos falar de dúas etapas: na primeira, de 1957 a 1982, publica 8 títulos ( Auto do taberneiro ,1957; Auto do labrego , 1961; Auto do mariñeiro , 1961; Barriga Verde ,1968; Auto da costureira ,1973; Semente de dramón dos medios de comunicación ,1978; A Berenguela ,1979; e Auto do maio esmaiolado ,1982.

Desde 1985, e ata 1993, saca 15 títulos máis: 11 son pezas breves que escribe e publica de inmediato, en revistas (en Follas Secas saen Auto do camiñante ,en 1985, e Auto do pescador de cana e Entremés da OTAN ,en 1986), xornais (en El Correo Gallego saen Brevísimo auto do outono e Paso do viño novo, en 1991, Farsa épico-lírica —ou viceversa— moi moral e de grande proveito sobor da doutrina político-metafísica da Comell/hada Frainal/eu, en 1992, e Brevísima farsa do antroido de Outeiro de Rei da Terra Cha, en 1993), coleccións ( Auto do Castromil ou a revolución dos baúles , 1992), colectáneas ( Novo entremés famoso da pesca do río Miño, 1992) e outros medios: Auto de don Gaiferos ou o tránsito iluminado e Auto do regato do Cepelo (1993).

Son estas 11 pezas breves, ora retranqueiras, ora acedas, ora esperpénticas, ora nostálxicas, outras tantas propostas analíticas dos acontecementos que conforman e configuran a realidade galega. Trátase dun teatro áxil, vivo, pulsivo ou reflexivo en casos, escenograficamente aberto e, sempre, señoreado con significativos aportes poéticos que susbtancializan unha trama teatral poetizada.

Aparecen en 1989 ( Abril de lume e ferro )e en 1992 ( Unha vez foi o trebón , Farsa do Bululú e A lúa vai encoberta )catro obras escritas nos setenta, estreadas a 1ª e a 2ª, premiadas, que constitúen o núcleo central da súa dramática e son fundamentais aportacións para a conformación do corpus textual do teatro nacional galego, sen outros precedentes que Os vellos non deben de namorarse ,de Castelao, e O Mariscal , de Cabanillas.

En conxunto, a súa obra teatral é unha destacada aportación á escena galega, aportación que se fai maxistral no caso das catro obras citadas en último lugar.

IMAXES