A Etapa Contemporánea (S. XX)
O ensaio histórico e económico
O ensaio económico de Galiza, parte da produción cultural

Galiza, despois do levantamento militar do 36 , queda eivada, tanto na súa capacidade produtiva real, como na súa capacidade intelectiva. É unha nación sen Estado submetida a unha administración non só non democrática formalmente —unha ditadura— senón tamén construída sobre un solar pretendidamente unitario. Nen que citar a desaparición de todas as institucións científicas e/ou culturais de recoñecida raigame galeguista/nacionalista. Nen que lembrar o arduo traballo, inxente esforzo, dos primeiros pasos no interior e no exilio, para tentaren reconstruír a parte que é a economía do patrimonio colectivo. No caso galego, ademais, era urxente diagnosticar os problemas económicos do país para resolvelos. Quen estuda economía non está urxido somentes polo amor patrio: son cuestións de relevancia vital, de necesidade colectiva, as que orientan os autores que iniciaron os primeiros labores de ensaio económico. De tal maneira, podemos dicer que a construción que significou o ensaio económico neste período que vai desde 1936 a hoxe, debemos situala como parte do proceso de descolonización cultural que se vén dando na Galiza ao longo deste século. Se no XIX foi o Rexurdimento literario o primeiro paso do recoñecimento como Patria, na segunda metade do XX o ensaio económico ten significado, e aínda hoxe significa, un instrumento máis no camiño de representación colectiva. Certamente a xénese do pensamento económico galego non se pode desvincular do despertar colectivo que significaron os primeiros esforzos de posguerra de reconstruír o país. Así mesmo, se sempre é certo que os distintos autores, os distintos economistas, son fillos, ideoloxicamente falando, dunha época e dun país, moito máis recoñecíbel é esta filiación dos autores galegos.

A Universidade de Santiago investía doutor honoris causa,  en 1969, ao ditador portugués Marcelo Caetano.

O tecido que se urdiu desde os primeiros anos de posguerra contiña os elementos básicos dun corpo de análises económicas proprias dunha nación, nas circunstancias históricas da nosa: é lóxico que ao trataren da historia do pensamento económico dun país sen normalizar non podamos exhibir a completude de logros no exame da realidade, na teoría construída, nos sectores analisados, na reflexión epistemolóxica... que atopamos nun país normal, cunha economía desenvolvida e cunha vida de investigación económica madura.

En primeiro lugar, até 1968 non hai unha Faculdade universitaria onde se estuda economía. En 1967-68 comézase a impartir en Santiago docencia para a primeira promoción de galegos licenciados no seu proprio país.

En segundo lugar, o proprio ambiente político impedía ou dificultaba moi gravemente a posibilidade de realizar reflexións sobre a realidade económica do país, en tanto que realidade propria.

En terceiro lugar, a criación-produción en economía non é froito dunha reflexión individual, senón que nace dun traballo colectivo, mellor dito, no seo dunha institución e/ou institucións axeitadas. A ciencia económica non fructifica na mesma terra que a criación literaria. Cómpre a existencia previa dun certo nivel de desenvolvimento económico e social, un certo degrau de cualificación e especialización profisional, necesita da existencia de certos instrumentos de análise que só están disponíbeis previo desenvolvimento social. Estámonos a referir á existencia das institucións cuxa presencia transcende á simple vontade de análise de economistas preparados como, por exemplo, serían os rexistros estatísticos de todo tipo de dados económicos e sociais referidos especificamente á realidade de que se trate, no noso caso, da economía galega. Precísase da existencia, tamén, dun certo desenvolvimento doutras ciencias aplicadas que tratan aspectos técnicos da produción, pois complementan e auxilian as análises económicas que permitirán, a través dunha industria editorial, reflectar ese traballo de análise científica que os economistas poden facer.

O ensaio económico galego deste período que tratamos, só en precario, contou con algún dos elementos necesarios que enumeramos. Pero aínda debemos citar un outro atranco. Os economistas formados nas universidades españolas —lembremos que as Faculdades de Economía nacen no Estado Español despois do 36— son armados de instrumentos analíticos proprios dos países cuxa economía é xa unha ciencia avanzada e que leva moitas décadas de uso e práctica. Eses países, tanto Franza como o Reino Unido, como Alemaña, teñen economías cuxo desenvolvimento non ten nada que ver co español desa época, pero moito menos co galego. De aí que un problema máis con que se atoparon os primeiros economistas galegos foi faceren frente á necesidade de elaboraren-construíren os seus proprios instrumentos de análise que permitisen observar atinadamente a realidade económica galega. É dicer, non só debían botar unha ollada nova á realidade circundante senón tamén (e ademais) construír os seus aparellos analíticos. Conceitos novos, novas teorías, diagnósticos adecuados foron buscas que tamén deben ser tidas en conta á hora de xulgarmos os resultados.

Finalmente, e non menos importante, o sobreesforzo que significou esa ruptura co ambiente cultural dominante minguou enerxías intelectuais que se podían ter dedicado en ben do crecimento económico do país, de seren empregadas doutro xeito.

Cómpre traermos ao recordo a importáncia social que ten o feito de elevaren a lingua dos labregos e dos mariñeiros —popular traballadora— a vehículo científico. Os primeiros economistas galegos non só tiñan que facer ensaio senón criar palabras para conceitos.

IMAXES