A Etapa Contemporánea (S. XX)
A prosa didáctica (1916-1936)
O ensaio, expresión dunha literatura didáctica

Se tivermos que escoller algún aspecto, de entre as importantísimas aportacións e conquistas que para a literatura e cultura galegas se produciron nas dúas décadas obxecto de análise neste fascículo, sen ningunha dúbida destacariamos a súa contribución ao desenvolvemento da prosa, que tivo como principal medio de difusión os xornais e as revistas. Se aínda hoxe, rematando o século, non podemos facer a historia da nosa literatura, da nosa lingua, da nosa cultura, sen contar co valioso aporte das publicacións periódicas, canto máis nestes momentos, nos que non existía unha forte infraestructura editoriais, redes de distribución,...) que facilitase o labor de achegamento da produción literaria feita en galego á poboación. Neste sentido, o traballo realizado polas persoas vinculadas ás Irmandades da Fala , á Nós, ao Seminario de Estudos Galegos ,é impresionante. Publicacións como A Nosa Terra , El Pueblo Gallego , Céltiga ,os Arquivos do seminario, Nós , por citarmos só algunhas, dan cabida a centos de páxinas nas que se expoñen os puntos de vista, as opinións, as análises, os estudios, as críticas,..., dos membros de diferentes xeracións. A prensa (xornais, revistas, folletos) convértese no mellor método de difusión das ideas nacionalistas e a prosa xornalística nun compromiso diario co país. Algúns dos escritores da época son coñecidos xustamente pola súa vocación pedagóxica, didáctica, pois de tal xeito caracteriza Carballo a Risco, Castelao, Otero e Losada. Mesmo, nalgún caso, esa é a chata que se lle pon á súa obra, observando que existe unha constante mestura entre diferentes xéneros; tal sucede con Otero Pedrayo, ao redor do que se ten afirmado que nel se confunden ensaio e novela, mundo literario e científico. Realmente, todos os autores vinculados a Nós e ás Irmandades estaban movidos pola mesma idea: transmitir a súa mensaxe á sociedade galega. Gustavo Luca de Tena, despois de recopilar as referencias de diferentes críticos sobre os escritos xornalísticos dos homes do Grupo Nós, conclúe:

Salvador Cabeza de León, xurista. Membro fundador do  Seminario de Estudos Galegos , do que tamén foi presidente en 1925.

"Salvadas estas referéncias, poderiamos concluir sumariamente do compacto crítico algo que non é certo: que este grupo de escritores fundou unha revista literária en Ourense no ano 1920 e publicou algunhas novelas e tratados de antropoloxía e história. De feito foi o contrário: un grupo político nacionalista resolveu na altura de 1916 levar as suas ideas deica o último recanto da terra e para iso fixo do xornalismo unha pedagoxía de adultos. Aínda máis: a Xeración Nós escrebeu sobre todo nas revistas e nos diarios".

Xa no primeiro número do xornal A Nosa Terra, Antón Villar Ponte, un dos principais impulsores das "Irmandades", afirma que naqueles momentos urxía posuír un boletín escrito en galego, en Galiza e para Galiza.

Con esa intención sae á luz o xornal A Nosa Terra , que realiza un chamamento á mocidade para que escriba en galego, mais para que escriba fundamentalmente prosa, pois o desenvolvemento poético do Primeiro Renacemento deixara a nosa lingua coa grande frustración de non ter sido capaz de conseguir superar a diglosia xenérica, xa que os ensaístas galegos anteriores tiñan a súa obra publicada en español (os ilustrados, Murguía,...). É evidente que esta reflexión influiu nos intelectuais que confluíron ao redor das grandes empresas culturais e políticas destes anos, que decidiron ampliar o abano de usos tanto escritos como orais do noso idioma, dedicándose a aqueles aspectos menos traballados: discurso científico, o xornalístico, o mitin político, as conferencias,... Non pode ser casual, como teñen afirmado diferentes críticos, a clara especialización dos homes de Nós na prosa, deixando de lado ou cultivando minimamente o xénero poético. Ou, utilizando outro argumento, como o que nos dá Ricardo Carballal: as cousas que se din en verso non teñen a importancia das ditas en prosa.

Corresponde aos autores destas dúas décadas o mérito de ter iniciado o cultivo do ensaio con clara vocación de continuidade, mesmo procurando fórmulas para vencer as dificultades existentes.

Nun artigo de Antón Losada Diéguez titulado "Encol da prosa galega" ( Nós ,73), lido no Seminario de Estudos Galegos ,explícanse as pautas fundamentais para crear novas palabras, e, sobre todo, dar novos significados ás xa existentes pero que aparecen circunscritas ao mundo rural e/ou coloquial. Segundo Rosario Alvárez, "as ideas alí expresadas están na base do galego escrito polos seus compañeiros de xeración". Losada Diéguez, despois de explicar a escaseza de prosa en galego e de afirmar que é unha necesidade a renovación da lingua galega, profundiza na idea de acudir á lingua do pobo para buscar aquelas expresións, xiros ou palabras que non atopemos, dándolles, desde o momento en que as estamos empregando, un sentido novo, sentido que é válido, pois este proceso é absolutamente necesario. Esta ampliación do significado orixinal de moitas palabras, en principio ligadas ao mundo tradicional, aos labores agrícolas, é denominada por Losada "metáfora":

Antón Losada Diéguez.

"A calquer parola por ben labrega e ben enxebre que ela sexa podéselle dar un outo sinificado e levala da aldea á cidade, dunha corredoira á bioloxía, dunha ruada á filosofía. O termo inzar que os labregos empregan pra sinificar como as raíces de certos albres se estenden a eito e todo axiña, ou como certas herbas se espallan nun terreo, é unha parola que tamén pode sinificar o espallamento dunha idea".

Pois ben, xustamente a prosa da época vaise caracterizar por unha procura da súa identidade, ao carecer de referentes nos que se basear. Así, a liberdade creadora, a ampliación de usos de significados de palabras tradicionais, a recollida de léxico popular, o recurso ao portugués e a adaptación de cultismos van ser os elementos presentes nunha lingua que, a pesar de non ter chegado a tan desexada unificación ortográfica, percorrendo un longo camiño nestes vinte anos, deixou sentadas as bases do que hoxe é a prosa actual.

Se xustamente son estes homes (mulleres case non hai, como veremos máis adiante) os creadores da moderna prosa galega, ¿por que non se tivo en conta, dándolle a suficiente relevancia, a súa producción xornalística, que comeza a ser editada nos últimos anos?

É necesario salientar que parte desta marxinación, deste esquecemento, é debida ao menosprezo da prensa, que normalmente é considerada un "xénero menor". Outra parte corresponde ao feito de non ter sido analizada pormenorizadamente a súa obra ensaística por parte dos críticos, pois o feito de estarmos diante dun xénero literario de fronteiras pouco claras, con moi diversos contidos provoca graves problemas de situación e definición de parte destes textos. Nos últimos anos, sen embargo, téñense abordado desde perspectivas multidisciplinares o conxunto da obra de autores deste período, ofrecendo resultados moi valiosos.

Sen entrarmos no debate sobre a condición literaria destes textos, sobre o xornalismo literario e o non literario, é evidente que as fronteiras entre os diferentes xéneros nunca foron ríxidas e, no caso dos textos xornalísticos e a literatura, as relacións son moitas e a súa delimitación moi complexa. Na época, non temos máis que pensar na publicación do " Mitteleuropa " de Risco ou do Diario ou as Cousas de Castelao nas revistas ou xornais da época. ¿Como clasificar algún artigo de Otero, no ensaio, novela ou conto? En todo caso, nun xénero híbrido. A comezos de século, como hoxe, importantes escritores foron tamén xornalistas. Pensemos, na actualidade, nalgúns textos de Mario Benedetti, de Gabriel García Márquez, de Manolo Rivas , de Suso de Toro ou de Miguel Anxo Fernán-Vello , ¿son ou non son literatura? Remito en todo caso á lectora ou lector a volver sobre o artigo de Gustavo Luca de Tena: " A modernidade chegou ao xornalismo da man da xeración Nós", onde se afirma o seguinte:

"Admitir a potencia poética do texto pedagóxico, breve e perecedeiro publicado nun xornal non é difícil se recoñecemos que ben da narrativa contemporánea apareceu en prensa antes de ser elevada á condición de prosa poética ou escrita literaria. De feito a mesma expresión prosa poética non é senón unha retorsión que nos ha permitir porlle nome a unha criatura de clasificación fuxidía. Cando Pablo Neruda conta a sua primeira fuga política de Santiago, fuxindo dun golpe fascista a traveso dos Andes, axudado polos seus compañeiros comunistas, o relato ilumina con precisión e luminosidade o camiño da fuga e mal poderiamos argumentar que non estamos diante dunha peza literaria: pero igualmente poderiamos clasificala como crónica xornalística, certamente de moi boa calidade, e asi nacera".

Foi precisamente o afán pedagóxico, didáctico de moitos dos intelectuais deste período, o que os levou a manexar diferentes códigos, mesturando xa non só ensaio e literatura, senón tamén plástica e literatura. A relevancia do debuxo, do humor, da mestura de texto escrito e imaxe visual é cada vez máis frecuente e dá lugar a unha das partes máis xeniais da obra de Castelao, cunha capacidade de comunicación moitísimo maior que moitos textos escritos (pénsese na viñeta que aparece no número 12 de Nós ).Tamén ese afán didáctico explica os artigos pequenos, a maneira de reseña ou noticia breve de fácil lectura que se atopan no xornal A Nosa Terra.

Un estudio á parte, minucioso e moito máis exhaustivo do que aquí podemos presentar, merecería a publicidade que aparece nestes momentos, enchendo páxinas e páxinas das máis diferentes empresas privadas, sobre todo pequenos comercios con publicidade en galego. É evidente que o prestixio acadado por Nós e polos traballos do Seminario, a vinculación dos seus colaboradores coas élites do país, facían que os empresarios se decidisen a se dirixir en galego a un público que era, sen ningunha dúbida, tamén o seu público.

Deixando á parte o ensaísmo político, xa abordado, nestes vinte anos créase o ensaio galego en todos os ámbitos, para todos os temas: historia, xeografía, arqueoloxía, ciencias naturais, deportes, filosofía,... Nós e o Seminario de Estudos Galegos son xustamente os seus responsábeis, os seus promotores, e non dun xeito casual, como viñemos afirmando, nin desorganizado, senón cunha clara distribución de campos e tarefas.

Vicente Risco, ademais dos traballos publicados polos Arquivos do Seminario xa citados (" O Castro de Caldelas "e a súa colaboración ao volume colectivo "A Terra de Melide", realizado tras unha xeira na que participan Luis Tobío, Cuevillas, Fraguas, Otero, Antón Taboada Roca, e o propio Risco) escribe ensaios como " Nós, os inadaptados ",onde deixa constancia das características da súa xeración, que mesmo Carballo había definir como "a xeración de Risco". Outros ensaios como " O sentimento da terra na raza galega ", " Dédalus en Compostela ", os capítulos dos que logo se había recopilar en libro co nome de " Mitteleuropa ", son outros dos títulos de grande interese.

Florentino López Cuevillas dedicouse ao estudio da Prehistoria intentando achegar este mundo ao lector non especializado. No terreo da Arqueoloxía destaca " A mansión de Aquis Querquenis ", que supón a primeira colaboración nun tema que o ía acompañar na súa faceta de investigador durante toda a súa vida. A súa contribución ao " Catálogo dos castros galegos ", o seu famoso " A edade do ferro na Galiza ", "primeira ollada de conxunto con visión moderna de tal período na Galicia", en palabras de Fermín Bouza Brei, co que traballou en diferentes proxectos tales como " Prehistoria e Folklore do Barbanza ", a descrición de " Como nasceu a cidade de Ourense ", convérteno nun dos autores de maior relevancia. Da súa obra, segundo Otero Pedrayo, tense dito "ser digna irmá no perfeito do método de dúas consumadas obras científicas da Galicia do XIX, a Carta Xeométrica de Fontán , a Historia de la Iglesia Compostelana de López Ferreiro". Non hai que esquecer que Cuevillas forma parte do cenáculo inicial de Nós e describe no artigo titulado " Dos nosos tempos " as caraterísticas da súa xeración.

Otero Pedrayo dedicouse a diferentes ámbitos, mais destaca como xeógrafo. Xustamente é nesta disciplina onde ten unha maior cantidade de libros e artigos, de entre os que destacan a Síntese xeográfica de Galicia ,de 1926, traballo co que pasa a participar do labor do Seminario de Estudos Galegos. Parte Otero, na descrición xeográfica da aprendizaxe directa, do que lle fica máis próximo, e, xa que logo, da súa Terra, do Trasalba que tan ben coñece. Así, describe as súas paisaxes: a ribeira, a bocarribeira, a montaña,... Como xa se ten sinalado, a súa é unha xeografía con vida propia, unha xeografía humanizada, e na que o ser humano, o pobo se fusiona coa natureza constituíndo unha unidade. Do seu gusto polas descricións paisaxísticas son boa mostra os numerosos artigos dedicados a este tema: " Encol da aldeia ", " Encol do elemento animal na paisaxe ", " Ensaio sobor da paisaxe galega ",etc, e as moitísimas páxinas das súas novelas. Podemos, en concreto, comparar anacos de Os camiños da vida e os do ensaio " Encol da aldeia "e observaremos similitudes evidentes. Esta animación da natureza, á que eleva a rango de personaxe, de protagonista con entidade propia, converte a súa prosa descritiva nunha prosa dunha grande calidade estética, cun compoñente emocional moi fondo, que pretende cativarnos en todo momento. Otero chega a ser, co paso dos anos, o grande renovador da xeografía galega.

Ademais dos traballos xeográficos, aos que Otero insuflou espírito e vida, escribiu ensaios de interpretación histórico-cultural, como o Ensalo histórico sobre a cultura galega

Luís Tobío Fernández.

,que, aínda que parece que foi redixido inicialmente en galego, foi publicado primeiro en español por razóns editoriais e, posteriormente, en portugués. Estamos aquí ante unha síntese da historia cultural de Galicia que, xunto coa Guía de Galicia configuran para Carballo Calero unha descrición tan fascinante da evolución da cultura e da fisionomía do país, que marcaron para sempre a nosa visión da Galiza.

Biografías, semblanzas e libros de viaxes, completan as obras ensaísticas do autor, de entre as que cremos merece salientar:

  • O Libro dos Amigos , de 1953, homenaxe a trinta e nove personaxes que xa tiñan falecido naquel momento. En poucas liñas debuxa unha anécdota, a personalidade, o motivo do seu coñecemento,..., destacando entre os evocados aqueles que foron asasinados no 36: Ánxel Casal, Bóveda, Roberto Blanco Torres.
  • Pelerinaxes , de 1929, primeiro libro de viaxes onde se detalla o camiño realizado entre Ourense e San Andrés de Teixido por Risco, Xosé Ramón Fernández Oxea e o propio Otero.
  • O espello na serán , de 1966, libro dedicado a Compostela, onde se mostran detalles, cadros que, sumados, constitúen unha imaxe global da cidade e do significado que tiña esta para Otero.

Antón Losada Diéguez foi un dos autores que menos escribiu, mais, sen embargo, como xa dixemos, tivo grande influencia sobre os membros de Nós, sendo moi respectadas as súas opinións. Con soamente oito artigos na revista Nós ,algún deles publicado postumamente, foi decisiva a súa amizade para a integración do cenáculo ourensán nas Irmandades. Así mesmo, no seu traballo " Encol da prosa galega " aparecen elementos claves para configurar o modelo lingüístico da época como xa temos salientado.

IMAXES