A Etapa Contemporánea (S. XX)
A popularización da novela curta: as coleccións Céltiga e Lar
O ensino

Para facermos unha primeira valoración a respeito do estado en que se atopaba o ensino na Galiza durante toda esta época, quizais sexa indicativo o testemuño que nos oferece Antón Vilar Ponte . O xornalista vivariense opinaba xa en 1936, isto é, após os evidentes avances promovidos durante o réxime republicano, que a realidade educativa galega respostaba a

"(...) una educación y una instrucción casi siempre ajena a las realidades regionales, que no tuvo nunca verdaderos enfoques hacia lo propio y lo peculiar, desligada casi en absoluto de nuestros intereses vitalistas, creó una falsa conciencia mimética, que incapacita a la generalidad de los gallegos para comprender lo que fué, lo que es y lo que puede ser un país de origen".
La Voz de Galicia, 12/02/1936).

O iniciador das Irmandades da Fala sinalaba neste texto unha das eivas máis graves que presentaba o sistema educativo español: a súa falta de adecuación a respeito das necesidades e dos intereses de Galiza. Vexamos un pouco máis polo miúdo a situación. Canto ao Ensino Primario podemos dicir que permaneceu vixente a chamada " Lei Moyano "sobre instrución pública, que databa practicamente de mediados do século XIX (1857). Entre outras cuestións, a lei estabelecía a escolarización obrigatoria para os nenos (as nenas ficaban excluídas) con idade comprendida entre os seis e os nove anos e a existencia de dúas escolas por cada 500 habitantes. Nos dous casos, no noso país, a letra da lei ficou en papel mollado. Resultaba evidente que a lexislación non tiña en conta as nosas peculiaridades. As características da poboación galega, asentada maioritariamente en multitude de núcleos rurais espallados xeograficamente, non cadraba co previsto nunha lei estatal pensada de xeito uniforme. Por outra parte, a deixadez e o abandono por parte do Estado e, de xeito específico, da súa administración educativa, foi unha evidencia. A falta de recursos económicos por parte dos Concellos, institucións encargadas, a maior parte das veces, do mantemento dos edificios escolares e do propio profesorado, tivo unha enorme incidencia. Non resulta nada estraño, pois, que á altura do ano 1927 se denunciara un importante déficit de aproximadamente 1000 escolas para cumprir o estipulado na " Lei Moyano ". Unha das consecuencias máis terríbeis desta deficiente situación foi o analfabetismo. As cifras que se manexan, tamén en torno ao ano antes citado, son dun 56% sobre a poboación total galega; por clases sociais, no campesinado esa porcentaxe aumentaba considerabelmente, chegando a situarse, no caso das mulleres, nun 80-100%.

Conscientes desta tremenda eiva e da limitada acción do Estado, moitos emigrantes galegos contribuíron coas súas iniciativas e, sobre todo, cos seus cartos a paliar esta dramática situación. Xa desde comezos do século, a través das chamadas " Sociedades de Instrucción ",e moi especialmente no período aquí analisado, o seu labor orientouse á criación de escolas e bibliotecas en moitas das aldeas e vilas do país. A súa preocupación centrábase fundamentalmente na escola primaria, no primeiro ensino. Na opinión de Antón Costa, non é exaxerado dicir que a acción educativa desenvolvida por estas institucións suplía, na práctica, o papel que lle correspondería facer ao propio Estado. Había, pois, un estado de opinión bastante xeneralizado nesta época que recollía de xeito positivo o recoñecemento público do seu labor, valorando a importancia de todas estas iniciativas na mellora do ensino. O xornal vigués El Pueblo Gallego ,no seu editorial do día 13 de Setembro do ano 1932, dicía:

"En la enseñanza, en toda Galicia es bien visible la proyección de la tutela de los emigrados. Cuanto grupo escolar dotado de material moderno y de espléndido edificio propio, pobló, hasta hace poco la tierra gallega, era el presente de piedra con que los gallegos voceaban la emoción de su ausencia y suplían la desidia del Estado y de su administración. En la construcción de edificios actúa ahora la República más dinámicamente".

Certo é tamén que arredor desta acción educativa xurdiu a polémica. Esta xirou en torno a dúas cuestións: a lingua e a orientación da formación. A respeito da primeira, seguindo de novo a Antón Costa, pódese dicir que o idioma utilizado nestas escolas promovidas e financiadas desde a emigración foi, de xeito moi maioritario, o español. Ao tempo, a formación que se lles daba aos rapaces galegos estaba orientada en función do seu futuro como emigrantes. Neste contexto, a situación das nenas era de total marxinación e inferioridade, sobre todo as pertencentes ao ámbito rural, recibindo unha educación fortemente sexista encamiñada a formar as mulleres nos papeis de boas esposas e nais. Desde aqueles sectores do nacionalismo galego máis conscientes considerábase que as escolas dos "indianos" fomentaban o antigaleguismo e axudaban a castelanizar, aínda máis, a sociedade galega. En función dos países de destino, mesmo se adoptaban como textos oficiais de estudio Historias e Xeografías de países como Arxentina, Cuba ou Uruguai. O propio Antón Vilar Ponte consideraba perigosa esa orientación da formación porque se inculcaba nos nenos o desexo de emigrar no canto do aprecio e o amor ao seu país. No ano 1926 aparecían na revista bonaerense " Céltiga "opinións contrarias a unha preparación para a emigración:

"Porque si nos parece algo antojadiza la pretensión de que salgan de las escuelas de aldea peritos mercantiles, en vez de expertos agricultores, no deja de parecernos una equivocación lamentable la de auspiciar y pagar una educación que prepara a los niños de los labradores con la idea de que sean buen elemento para la emigración".

Se grave atranco foi, como vimos de ver, a falta dunha infraestrutura escolar mínima, quizais a característica máis salientábel do sistema educativo español vixente nesta época sexa o seu total e radical afastamento da realidade social, económica, cultural e, por suposto, lingüística de Galiza. Nos planos escolares de estudio non se recollían nen tan sequera aqueles aspectos máis achegados á poboación escolar, ou sexa, a realidade do seu contorno. De al que a elaboración de propostas alternativas a semellante situación terá en conta, basicamente, a necesidade de adecuar os currículos ás características socio-económicas galegas e a defensa do uso do galego no ensino. Desde a fundación das Irmandades da Fala a preocupación polo ensino e o propósito de acadar unha nova escola galega, foi en aumento. Vai ser precisamente por encargo da III Asemblea Nacionalista (Vigo,1921), que Vicente Risco elabore o seu " Plan Pedagóxico pr'a galeguización d'as escolas ",publicado na revista " Nós " (nº 6 e 7, 1921). O que fora director da Escola Normal de Ourense deseñou o que, segundo se indica, é un programa educativo mínimo dirixido á escola primaria. O texto estrutúrase en sete apartados: os edificios escolares, a ordenación interior dos centros, a vida escolar, o profesorado, os métodos de ensino, o galego e o ensino da cultura galega. No seu conxunto, o documento insírese no marco das teorías máis avanzadas da época, defendendo unha pedagoxía eminentemente activa e racionalizadora, orientada cara ao coñecemento do país. No apartado sexto, adicado ao galego na escola, Risco sinala moi claramente a tendencia a seguir: "O ideal sería qu'o enseño se dera en lingua galega ".Coñecedor da imposibilidade legal vixente para poder levar ese ideal á practica, fai fincapé nunha serie de vantaxes de carácter didáctico, convencido de que o uso do noso idioma nas escolas produciría efeitos pedagóxicos positivos. As aparentes contradicións existentes en relación co mantemento do español, hai que entendelas dentro do contexto da época. As mulleres e os homes das Irmandades da Fala non sentían como un perigo próximo, como pode acontecer na actualidade, a desaparición do galego pola presión do español. Os seus esforzos ían máis ben encamiñados a conseguir o recoñecemento oficial da lingua galega, defendendo o seu uso e ensino na escola. Tratábase, en definitiva, de que o representativo e substancial do país, do ponto de vista lingüístico, non ficase marxinado dentro dunha institución vital para a prestixiación do idioma.

Tamén desde a Irmandade da Fala da Coruña tentouse paliar a situación dos nenos e nenas galegos no terreo educativo. A iniciativa de Ánxel Casal puxéronse en marcha as " Escolas do Insiño Galego " (1924-1930). O 15 de agosto de 1923 aparecen publicadas as súas "Bases" no voceiro nacionalista A Nosa Terra , indicando nun dos seus apartados que a financiación correrá por conta dos " Socios Protectores " cunha cuota mínima de dúas pesetas mensuais. Nun recadro titulado " Para os fillos de Galicia " dise:

"Galicia percisa qu-os seus fillos lean i-escriban n-a sua Fala para qu-a sintan; qu-estuden n-a sua Xeografía para qu-a coñezan, e coñecéndoa quéiran-a; que lles digan das grorias d-os seus homes para honral-os; que beban nas fontes da sua Tradición, da sua Cultura e da sua Arte para qu-as continúen sin influenzas alleas e que seipan pol-a sua Historia dos aldraxes e das persecución de que foi vítima".

O propio Casal para a escola de nenos, e Elvira Bao para a escola de nenas, foron os responsábeis. Canto ao alumnado podemos dicir que o formaban fillos, na súa maior parte, de socios da Irmandade. Nestas escolas, alén de ensinar a ler e escribir, inculcábase unha conciencia galeguista, introducindo estudios de Historia de Galiza, Literatura, ou mesmo cantando cancións populares galegas.

 

Unha das persoas máis importantes no proceso de galeguización do ensino foi Xoán Vicente Viqueira . Nos seus escritos, ademais de defender a galeguización lingüística e cultural, vai propor a adecuación dos programas educativos ás necesidades produtivas do país. Situábase, así, o debate e a discusión en torno á problemática educativa galega desde unha posición interna, na procura de alternativas e solucións pensadas en función da nosa realidade. Deséñase un proxecto de reforma do sistema educativo, comezando polo Ensino Primario e rematando pola Universidade. No seu artigo "Pensamentos pra unha Universidade Galega" ( Nós , nº 4, xaneiro 1921), critica á Universidade do momento " d'estreito hourizonte limitada a producir titulados ",defendendo un ensino práctico fóra das "aulas mortas " e de " un claustro de sabios cheos de ciencia máis alleos á vida e pol-o tanto no fondo ineficaces ".Na súa petición dunha Universidade Galega moderna, incluía como obxectivo fundamental o que fose " un foco intenso, un fogar aceso sempre, da cultura galega, en canto esta cultura é esprito, un nó espiritual que informe e sosteña ao noso povo".

O primeiro concelleiro eleito do nacionalismo galego, Luís Peña Novo, foi un dos máximos estudiosos da realidade socio-económica galega do momento e da súa problemática educativa. Nun artigo titulado " La Universidad Gallega " ( El Pueblo Gallego, 1/10/1924), mostrábase moi crítico coa institución académica posto que " en sus aulas no se ha hecho ninguna investigación ni se ha resuelto ningún problema que afecte a la vida y a la cultura de Galicia ".Segundo a súa opinión, a Universidade achábase completamente de costas á realidade galega até o extremo de que " allí gastan los alumnos la más fecunda edad de su vida, sin que el nombre de Galicia suene una sola vez en sus oídos ".Pedíase unha maior independencia da tutela uniformista do Estado e a asunción da trascendencia da súa misión no seo da sociedade galega: ser motor de progreso e transformación.

A todo isto súmase a petición de Cátedras de Lingua e Cultura Galegas para os centros de ensino, se ben, fóra dalgunhas iniciativas minoritarias e de certos feitos simbólicos (a impartición de cursos de lingua e cultura) levadas a cabo polas mocidades galeguistas no eido universitario, o noso idioma permaneceu alleo ao mundo da educación.

Neste breve percorrido pola situación do ensino na Galiza non podemos deixar de sinalar que as conquistas acadadas no terreo da galeguización lingüística e cultural foron, loxicamente, limitadas. Diferentes factores (imposibilidades legais, Ditadura de Primo de Rivera, situación do nacionalismo galego...) imposibilitaron, complicaron ou adiaron a plasmación práctica de proxectos de xeito coherente e global. Todos eles, en calquer caso, axudan a explicar, e polo mesmo a valorar, o tremendo esf orzo destas mulleres e homes por facer da escola, no noso país, un lugar de coñecemento de nós mesmos.

IMAXES