A Etapa Contemporánea (S. XX)
A prosa política na época das Irmandades
O Estado Español na Restauración: Apertura e crise do sistema político

En torno á Grande Guerra, o sistema político da Restauración coñece simultaneamente un proceso de crise e outro de apertura. Entra nunha longa crise en canto son postos en cuestión e perden lexitimidade algúns dos trazos definitorios do sistema, criticados polos sectores excluidos. Rexionalistas, republicanos, socialistas e rexeneracionistas, critican o caciquismo, as quendas entre os dous partidos como forma excluínte de alternancia no poder, o confesionalismo, o centralismo e o goberno oligárquico. Pero tamén experimenta un continuado reformismo, apreciábel desde a presidencia de Canalejas en 1910 e recoñecíbel na aparición do movemento maurista, no desenvolvemento dos rexionalismos catalán, galego e vasco, na consolidación do partido reformista e no avance do movemento obreiro. En 1914 chégase ao cénit do recoñecemento das reivindicacións rexionalistas catalanas coa creación da Mancomunidade de Cataluña que será presidida por Prat de la Riba.

Lluís Companys.

Ao igual que en todo o mundo, a fin da guerra trae unha vaga de reformismo democrático e conflitividade social que por unha banda agudiza a crise da Restauración e pola outra parece encher de contido un avance democrático como saída á crise. En agosto de 1917 ten lugar unha folga xeral revolucionaria como culminación das tensións precedentes, que marca o inicio do trienio bolxevique. Ese mesmo ano coñecera unha intensa actividade da burguesía reformista (Lliga de Cambó, Partido Reformista de Melquiades Alvarez, republicanos) e do movemento obreiro organizado na procura dunha democracia máis auténtica que ampliase o vello sistema a sectores aínda excluídos e rachase de vez coa denominada "vella política".

Os anos seguintes serán sumamente conflitivos e de reforzamento da organización da clase obreira: a CNT pasou de 15.000 membros en 1915 a 700.000 en 1918. A apertura democrática do sistema e a axitación social avanzan parellas a unha progresiva reacción dos sectores sociais e políticos máis temerosos do movemento obreiro, que deseñan unha saída autoritaria á crise do sistema da Restauración. De 1917 a 1920 o conflito social esténdese en todas as zonas industriais e pasa da cidade ao campo dando lugar ao trienio de axitacións campesiñas andaluzas. Tamén son anos dun agudo reformismo social gobernamental, e nos que a descomposición do sistema da Restauración conduce a unha apertura que fai posíbel a entrada dos catalanistas no goberno da man de Cambó, nun intre de avance electoral dos nacionalistas. As eleccións de 1918 son gañadas en Cataluña pola Lliga de Cambó (23 escanos) e no País Vasco polos nacionalistas (8 escanos). Triunfos electorais que animarán a expansión do nacionalismo galego.

A puxanza do catalanismo acrecentarase cando F. Maciá e Ll. Companys aparezan en escena impulsando un catalanismo de esquerdas e diversificando a base social do nacionalismo , coa creación da Federación Democrática Nacionalista en 1919, que se converte en 1922 en Estat Catalá, e organizando a Unió de Rabassaires (1920). Unha esquerda que logra derrotar á Lliga en 1923 e se converte nun novo referente hexemónico do nacionalismo catalán. Pero este avance nacionalista ten como contrapartida o aumento dos receos estatalistas fronte ao catalanismo e calquera outra reivindicación nacional. Comeza no Estado español, igual que nos demais estados liberais europeos unha era de extremos" verbo da cuestión nacional, da democracia e das reivindicacións obreiras.

Na crise de 1918 a 1922 non calla no Estado español, como en case ningún outro de Europa, a vía reformista. No baleiro creado pola descomposición do sistema da Restauración non xorde un relevo doado e a inestabilidade aumenta: os partidos dinásticos divídese en moitas familias políticas que desestabilizan os sucesivos gobernos. A reacción antirreformista agravará a situación ata conducir á Ditadura de Primo de Rivera. Agudízanse as tensións entre o poder civil e o militar, que viñan larvándose desde 1916, coa guerra do Rif no fondo, e que se desatan co desastre de Annual (1921). O sistema político enquístase no seus vellos trucos e malformacións, agora tan visíbeis como intolerábeis para a opinión pública democrática: subversión do sistema electoral coa aplicación do sonado artigo 29, de modo que en 1923 o 35% do electorado non votou porque no seu distrito só se presentaba un candidato. O sistema resiste encunchado e freando o reformismo anterior. Esta incapacidade de integración de novos sectores políticos explica, en parte, que o PSOE sexa o partido socialista europeo con menos deputados a principios dos vinte; e tamén que por aqueles anos se pase dun rexionalismo proclive a gobernar en coalición en Madrid (a Lliga de Cambó) a un nacionalismo máis radicalizado, tanto no xa potente catalanismo como no máis feble galeguismo .

IMAXES