A Etapa Contemporánea (S. XX)
Uxío Novoneyra: poesía, terra e compromiso
O legado: Canto de terra e xente do Courel a Compostela

Estamos, pois, ante un autor ao que non dubidamos en cualificar de clásico pola coherencia e riqueza creativa da súa poesía total. Unha poética que evolucionou de acordo cos tempos e que foi amosando ao longo deles distintas facetas da súa inspiración telúrica, existencial e política, segundo estas ían nacendo nel e quedando no seu mundo para sempre. Porque desde a madurez do escritor estas tres preocupacións permanecen definitivamente na súa palabra, como se levase dentro a voz dun nume que entoase un canto unísono de terra e xente e da súa difícil conxunción.

E así, o poeta de Os eidos foi a voz da galeguidade que podía ser manifestada nos escuros cincuenta, como o foi Fole, como o foron tantas outras e outros que falaron daquilo do que máis sabían e sentían, e polo tanto do que podían falar. Aí estivo a sabedoría do creador: en darnos todo o que levaba dentro, coa seguridade de que gardaba un tesouro oculto polo privilexio de ter nacido no Courel. E hoxe ese vello tesouro é noso e novo, e mesmo hai mozas que o levan "na costura das bragas", dinos a poeta Olga Novo , porque neses cumes está Galicia e o mundo todo. Nisto Novoneyra concorda con Fole e María Mariño: os tres nos ensinaron os cumes do Courel que levamos dentro. Otero Pedrayo recoñeceuno de inmediato.

Imaxe de Uxío Novoneyra.

Como foi logo quen de facernos entoar a comunal "Letanía de Galicia", cando a nación oficiaba, xa un pouco máis libre, a liturxia da obsesiva denuncia das aldraxes e do canto dos nunca mortos desexos de liberación. E desde que en Madrid lle empezou a nacer a consciencia. Desde que se lle revelou o que era ser home e onde nacera. Entón xa non parou de soñar coa liberdade do Courel a Compostela nin tampouco non deixou de agardar que, como a neve atenuaba as aristas da súa amada serra, un día os horrores do mundo fosen amortecidos e morresen.

Viviu, sobreviviu, medrou, coñeceu a dor e tamén a plenitude e de todo fala. Dinos primeiro das angustias da existencia nos dolorosos cousos e nos tempos de elexía. Pero asistimos tamén aos fugaces momentos gozosos do amor e aos instantes eternos da harmonía fluída de eros en Muller pra lonxe ,eses que nos dan a forza para proseguir na difícil teima de ser.

E nestes anos últimos da fin de século, continúa co canto do soño e da certeza, agora que as luces das dúbidas apagaron o brillo escintilante da inxenua utopía, e resulta moito máis difícil manter viva a beleza e que o mundo non a cambie e que o mundo non nos cambie a nós, pois nós pouco podemos cambiar o mundo, aínda que perseveramos.

IMAXES