A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: Ramón Otero Pedrayo
O mesón dos Ermos

O mesón dos Ermos é a última novela de Otero publicada antes da guerra; e, aínda que o labor cultural e a escrita van acompañar o seu autor ata a súa morte moitos anos máis tarde, con esta obra pensamos que se fecha a súa etapa creativa máis interesante, aquela etapa en que o autor, conectado plenamente co seu momento, coas circunstancias de que é protagonista e cos compañeiros de grupo, articula unha produción coherente e densa, un pensamento poderoso, en resumo, unha interpretación global do noso país.

Así pois, non é casual a escolla desta obra. Alén de ser unha obra bastante pouco coñecida, resulta de grande interese xa que nos permite observar o punto crucial en que se atopa Otero Pedrayo (e con el o proceso de creación da moderna prosa galega) antes dos sucesos que o levarán ao silencio forzado.

Casares ten sinalado que quizais esta obra "sexa a máis lograda de Otero" (posto que é a máis estruturada) e coincide con Carballo Calero á hora de sinalar a sobriedade na narración e, sobre todo, o enorme traballo lingüístico que a novela reflicte, posto de manifesto na riqueza de vocabulario rural e concreto e na viveza expresiva da lingua utilizada.

Carñps Casares.

Marino Dónega aporta unha información moi interesante no prólogo ao estudio de Casares; alí conta como Otero Ile confesou que fora esta novela a que máis tempo lle levara e na que idiomaticamente andara máis a modo.

Esta observación parécenos de grande utilidade para comezar o noso traballo, pois revela os dous problemas que Otero quería atender: a estruturación das súas novelas e o modelo lingüístico.

Estes problemas foran postos de relevo nalgunhas críticas aparecidas na época, especialmente na revista Nós. Alí, un novísimo Carballo Calero nunha reseña sobre os Contos do camiño e da rúa , á parte de afirmar que Otero Pedrayo é o moderno creador da prosa galega posto que esta "adequire con il rango elevado e posibilidades múltiples", sinala en certa altura que

"tampouco o seu léisico é sempre un modelo de enxebrismo. Descoidos inespricabres, desprezos caraiterizados pola regularidade verbal atópanse a mancheas na sua obra", sendo estas circunstancias "facilmente eliminables" (Nós, 106, 1932).

E tamén algo máis adiante a propósito de A romeiría de Xelmírez :

"Se o autor de Arredor de si acerta a depural-a acción novelesca, a unxila de sobriedade, a reconcentrala, a erguela, a súa nova obra será a súa obra definitiva e Galicia terá dado unha figura á literatura universal" (Nós, 108, 1932).

Estes comentarios, con algún outro semellante, deberon influír en Otero, quen, recollendo as críticas, atende especialmente eses dous aspectos na súa obra.

O modelo lingüístico

O intento de superación dos problemas lingüísticos subliñados pola crítica condúceo ao emprego dun enorme caudal de léxico rural e, ao mesmo tempo, ao uso peculiar deste, sempre dentro dos esforzos dirixidos á elaboración dunha prosa e un estilo persoal. Hai que explicar, pois, a lingua que o autor utiliza en O mesón dos Ermos como un paso no proceso de creación dunha lingua literaria autenticamente galega.

O interese de Otero por ampliar o seu vocabulario debeu ser unha constante nel. A través de certas cartas de Noriega Varela editadas por Freixeiro Mato podemos constatar isto. Nas respostas que o poeta envía a Otero explícanse expresións ou ditos, envíalle listas de palabras (suponse que non usadas en Trasalba) que el recolle nas terras da montaña de Lugo (como, por exemplo, a que vai dar título á pequena narración de que se falará máis adiante: maroutallo ,segundo Noriega feixe de toxos mal postos ).Moito deste léxico será publicado logo en Como falan os brañegos , libro "instigado" por Otero, se atendemos ás palabras do propio Noriega.

Pois ben, a procura de léxico popular, mellor canto máis enxebre, é un dos criterios sobre os que Otero constrúe a súa lingua literaria. Ademais, na caracterización do seu modelo lingüístico cómpre citar outros dous trazos: o seu grande afán de diferencialismo e a súa capacidade creadora. A partir daquel material popular o escritor crea novas palabras, adapta palabras á forma que el considera enxebre ou forza o uso habitual ou o significado primeiro para dotar a palabra ou a expresión dun novo valor. Neste aspecto Otero segue, punto por punto, o explicitado por Lousada Diéguez en "Encol da prosa galega": "A calquer parola por ben labrega e ben enxebre que ela sexa pódeselle dar un outo significado e levala da aldea á cidade, dunha corredoira á bioloxía, dunha ruada á filosofía" ( Nós, 73, 1930) e pon exemplos como inzar , cerne ou debullar , palabras daquela restrinxidas ao ámbito rural e que hoxe, pola vía da "metáfora" que el invocaba, teñen engadido a acepción figurada que eles propoñían.

Otero rodeado do seu alumnado do Instituto de Ourense.

É nesta liña —afastar o galego o máis posíbel do modelo do español— na que cómpre analizar as outras particularidades da lingua deste autor: o uso selectivo que o autor fai de certos elementos sintácticos e a utilización de dialectalismos (ourensáns ou non; pénsese no seseo que aparece en moitos casos) ou vulgarismos. Isto ten que ver co intento de reproducir da maneira máis fiel a fala popular e así

"seguindo pautas fonéticas existentes na lingua popular para certo tipo de palabras, incorpora continuamente variantes deturpadas de palabras cultas (...) que el altera dándolles un aire de "enxebreza" que lle permite marca-las diferencias co español" (Álvarez Blanco, 1988).

Aparecen abundantes hiperenxebrismos e neoloxismos así como léxico, elementos morfolóxicos e, mesmo, grafías tomadas do portugués; algo lóxico para quen, polo menos na teoría, defendeu no período anterior á guerra que eran dúas formas da mesma lingua (chegando inclusive a aparecer reflectido no seu discurso sobre a situación da lingua e do ensino no noso país do 24-5-1933 nas Cortes do Estado).

Tema e estrutura

A atención polo outro apartado das críticas levaron a Otero a un maior coidado na composición da novela: os personaxes, a súa evolución, a integración da paisaxe na narración, o fluir da propia historia.., presentan en O mesón dos Ermos un tratamento menos discursivo, hai un maior protagonismo da acción que, a pesar de derivar por momentos cara ao xénero de aventuras, resulta sempre coherente.

A acción novelesca transcorre, aproximadamente, entre 1831 e 1842. Isto averiguámolo a partir das referencias que se nos fan ao final da guerra civil (a primeira guerra carlista) en 1839 e á ulterior formación das partidas nos montes galegos. Eses sucesos coinciden coa volta do protagonista á terra oito anos despois da súa partida en procura de fortuna. Por outra parte, o autor ofrece outros datos cronolóxicos paralelos a estes: o nacemento de Xulia (1823), a fuxida da casa aos dezaseis anos, os dous anos que pasa en Francia e a súa chegada ao mesón pouco despois de ter sido construído, o que nos situaría de novo por volta de 1842-43.

Hai algunha outra referencia vaga, como, por exemplo, os comentarios do fidalgo do Pombeiro a propósito do seu trato con Antonio Neira ou Faraldo, o enterro de Fígaro (1837),a comparación de Xulia con George Sand. Estes apontamentos imprecisos, habituais na obra de Otero, esbozan o ambiente da época, sen entrar demasiado no dato preciso (asunto que non parece preocupar moito ao autor).

O galeguismo nucleado en torno a  Galaxia homenaxea a Otero en Trasalba.

Canto ao argumento, a novela ábrese coa voz dun narrador en terceira persoa que nos introduce directamente nun soño do mozo protagonista para facernos pasar, do mesmo xeito abrupto que este, á "realidade" ficcional en que se vai desenvolver a maior parte da novela, o lugar das Lamas do Ermo e á descrición da serra, das terras esgrevias, dos lugares e da vida difícil e pobre das súas xentes.

A historia xira arredor dun personaxe central, o Xepe, tamén alcumado o Martuxo; este rapaz, marxinado nunha casa sen bens, pon de relevo desde o inicio a súa falta de escrúpulos, a súa vontade e a atracción irrefreábel que sobre el exercen o camiño e o ouro. É este un personaxe magnificamente debuxado, un dos poucos personaxes deste autor dotado dunha identidade persoal e que, como a Dona Ramona de Os camiños da vida ,enche coa súa presencia poderosa as páxinas da novela.

O Xepe marcha para, ao cabo de oito anos, retornar "feito un bicho aos ermos nativos que o miraran esfameado". A súa riqueza ten unha procedencia escura (fálase da morte do seu patrón, o falso fidalgo, e do comercio de escravos), o que non impide que el se faga o amo da aldea. Pouco a pouco, afinca o seu ascenso económico no roubo, na chantaxe ou, de novo, no asasinato, apoiando o seu poder no medo. O seu progresivo envilecemento aparece reflectido no "in crescendo" das súas accións: á parte do asasinato de D. Pedro e do mariñeiro (personaxes tan negativos coma el mesmo), é o responsábel do secuestro e morte do verdadeiro fidalgo do Pombeiro para facerse cos seus bens, da delación dos seus compañeiros de bandidaxe e, para rematar, da sedución e abandono da Bibiana, aquela rapaza que —namorada del desde sempre— aceptara o casamento amañado polos pais e mantivera no fondo o seu amor de nena.

A historia remata traxicamente. O home da Bibiana, o ferreiro das Bouzas, despois da viaxe na súa procura (peregrinaxe simbólica anunciada pola Catuxa, a tola con saberes medio máxicos de meiga) asume o seu papel de vingador escollido polo destino para castigar o Xepe. E o castigo vén por medio do lume purificador, aquel lume do que no primeiro capítulo se dixo que era como un pai, un mandado de Deus, "que non quer aos pecadentos, aos lixados no curazón... "Ese lume, anunciado polas estrelas e guiado pola Catuxa será o que queime o mesón e, dentro, o Xepe e a Frolinda, ficando todo, de novo, baixo "o imperio podente, cego, misterioso da serra".

Orla da Facultade de filosofía e Letras de Santiago con Otero como catedrático.

Antes de continuar é necesario deterse un momento na análise dun elemento recorrente na narrativa de Otero Pedrayo: o camiño, pois el é o elemento estruturante da historia, esencialmente dinámica, que se conta nesta novela.

É o camiño con que Xepe soña para ir procurar riquezas, o mesmo por onde vén o señor Paio coas súas historias e polo que marcha a través da serra na que vai ser a súa derradeira viaxe. É o camiño polo que circulan os representantes da antiga orde social e que non rematan porque son asaltados polos bandidos. É o camiño en que se edifica o Mesón, a casa máis grande e máis forte, feita polos mellores canteiros (pois o que antes estaba ao servizo dos señores está agora baixo o poder do diñeiro) e é o novo espazo simbólico do poder, o vixía e señor dese mundo. É o camiño polo que veñen personaxes orixinais como Xulia de Vilarpunteiro, e será tamén o lugar en que o Xepe atope a Bibiana. O camiño, en fin, por onde o ferreiro procure o propio perdón para, por el, voltar ao Mesón e ser a man que destrúa ese símbolo do poder obtido da peor maneira.

Os cambios na sociedade

O autor constrúe a súa novela arredor da historia daquel personaxe e da súa ambición desmedida para, a carón deste episodio de ficción, falarnos dos cambios que se produciron no século XIX na estrutura social do mundo rural e que, dalgún xeito, explican as transformacións que se están a dar no momento en que el escribe.

Imaxe dos anos trinta de Ramón Otero Pedrayo paseando coa súa dona.

Un personaxe feminino representa o ascenso social do Xepe. Frolinda, a crioula que fora amante do seu primeiro amo é, en certo modo, un elemento suntuario. Nunha sociedade de horizontes limitados, fechada en si mesma, o exótico aparecía ligado ás clases poderosas (así veremos moitas mulleres estranxeiras a carón dos fidalgos oterianos). Aquí Frolinda consagra o cambio de estatus do Xepe ao "pasar ás súas mans". Por outra parte, neste personaxe da crioula pódense ver claras pegadas da imaxe finisecular da muller-fatal, aquela que leva os homes á perdición e á morte. O seu poder de sedución radica na maldade e no carácter vingativo que a asimilan ao seu home e que os conduce á morte: "Entre as moreas de tabacos queimados os corpos do Martuxo e da Frolinda cinguíanse como dúas serpes na derradeira apreixa do ódeo e do amor".

No primeiro capítulo, a través da narración feita polo señor Paio, o arrieiro, sabemos da usurpación por parte dun fillo ilexítimo da titularidade do pazo do Pombeiro sen que o verdadeiro fidalgo saiba opoñerse e enfrontar o problema. A súa falta de espírito anuncia o fin do poder da fidalguía. Para alén disto, o narrador-arrieiro deixa traslucir nas súas palabras a saudade por uns costumes e unha orde social que comeza a desaparecer.

Máis adiante, a conversa que, durante a viaxe, sosteñen o fidalgo e o monxe exclaustrado (outra vez estes personaxes-tipo oterianos) serve para retratar con máis detalle a paralela visión nostálxica deses dous personaxes:

  • o mundo da infancia do fidalgo, coas súas harmónicas relacións entre fidalgos e labregos, e a evocación da ociosa mocidade coa súa formación vagamente romántica e liberal.
  • a influencia e o poder dos mosteiros, e xa que logo da Igrexa, agora perdidos tras a Desamortización.

Son dúas visións complementarias que evocan o mesmo mundo perdido, o do Antigo Réxime, e que, funcionalmente, subliñan a caducidade da vella orde social ao contrapoñela co mundo "real" representado polo Xepe, os bandoleiros, prestamistas... Os tempos teñen mudado e as súas reflexións pertencen a outra época. Cando despois do secuestro o sacerdote teña que buscar os cartos, a súa forzosa aterraxe no mundo vaise manifestar con claridade, ao ter que recorrer ao escriban corrupto, que será quen lle compre as terras do Pombeiro para o antigo criado da casa. Tendo en conta, pois, o exposto, pensamos que este capítulo non resulta tan alleo á estrutura narrativa como ten sinalado a crítica, senón que máis ben posúe un claro valor contrastivo.

Nesta liña débese interpretar tamén a figura de Xulia, a señorita de Vilarpunteiro, e non como un elemento romántico que desequilibra os principios realistas en que se asenta a novela (Carballo, Casares). Se ben é certo que o personaxe de Xulia resulta, de entrada, un tanto incríbel (nomeadamente polo seu comportamento no mesón), cómpre ter en conta que nos capítulos anteriores a acción fora derivando progresivamente para a novela de aventuras, de aí que a súa figura e a do inglés —aínda que un tanto "rosas"— non supoñan unha verdadeira ruptura da verosimilitude da trama.

O verdadeiramente interesante radica en que esta figura ten un punto de trangresión, "a fermosa amazona desartellaba as estaxes impostas pola educazón e o nascimento", de ruptura cos convencionalismos (que a fixeran fuxir co seu amor e logo vivir libremente en Francia) e de afirmación de independencia e vontade individual. Isto, alén de facela resaltar na galería dos personaxes femininos oterianos (fronte ás fidalgas tradicionais de comportamento intachábel, cerne de caste, conservadora do patrimonio, vínculo coa Terra...) representa un contrapunto ideal ao personaxe do Xepe, exemplo tamén de vontade e transgresión de regras, e, sobre todo, os dous son exemplos da transformación dos ríxidos esquemas sociais inmobilistas que condicionaran ata daquela a sociedade galega.

Otero posando para un fotógrafo da época.

A figura do Xepe pertence xa aos novos tempos. Poderíase ver nela un esbozo dese sector minoritario da nova burguesía comercial do século XIX que debía ter protagonizado o desenvolvemento dos novos sectores económicos ligados ao capitalismo. O Xepe, que fai a súa fortuna co transporte de escravos, volve á Galiza coa liquidez que non teñen nin fidalgos nin labregos e que vai investir, de entrada, na construción dun mesón, unha nova actividade comercial descoñecida na aldea. Pouco a pouco vai mercando (ou facéndose con elas por calquera outro medio) as propiedades do pazo, tal e como fixo nesta etapa a incipiente burguesía galega. Mais, coa agudeza para percibir os cambios que non tiveran os fidalgos, intúe a importancia da descoberta do estaño na serra, ("eran tempos de industria...") e aproveita a situación para enriquecerse aínda máis: "Tiña ambizoado poder, e abades, siñores e tendeiros en dez légoas en rodopío, non valían unha area de sal acaroados co Xepe". Mais o narrador non deixa de recordarnos que este seu poder, por mor dos métodos empregados, é ilexítimo e, así, lume e morte encárganse de facer xustiza. Aparentemente todo volve ao seu lugar, mais isto, na realidade, era xa imposíbel.

Otero (igual que en Os c amiños da vida )fai aquí novela histórica, mais a súa pretensión non é a de recuperar un mundo anterior nin louvar os valores tradicionais xa perdidos. Hai moito máis que unha saudosa excursión ao pasado, pois, aínda que se reflicta unha certa nostalxia por elementos daquela sociedade en proceso de desaparición e haxa —ademais unha crítica implícita aos cambios, o autor fálanos dun mundo submetido a unha transformación irremediábel. Otero non fai historicismo arqueolóxico. Presenta a súa persoal visión dun momento da nosa historia recente que, pensa, pode ser de utilidade para o seu público lector á hora de conformar unha visión (elaborada a partir da análise dos nosos referentes propios) sobre o país e a súa evolución social e económica.

IMAXES