A Etapa Contemporánea (S. XX)
A popularización da novela curta: as coleccións Céltiga e Lar
O mundo editorial

Xa en 1919 o iniciador das Irmandades da Fala, o xornalista Antón Vilar Ponte, tiña claro que o desenvolvemento dunha cultura propia estaba vinculado, necesariamente, á existencia dunha infraestrutura editorial galega, sen dependencias nen mediatizacións. Así o manifestaba no prólogo " Unhas palabriñas... "á novela de Gonzalo López Abente O Diputado por Veiramar (Biblioteca Caleguista), gañadora do primeiro premio no certame literario convocado por A N osa Terra. Consideraba que a propia Biblioteca Galeguista era un

"(...) ensaio de algo máis grande, patriótico e trascendente, que ten de facerse axiña. Si a nosa Terra desexa que xurda unha cultura propia -pois para era hai espréndido xermolamento- ten que termar de espallala e afincala, arraigándoa fortemente, e percisa entón d'unha boa Casa Editora".

 

Certamente tratábase dun esforzo patriótico-cultural, isto é, político, sen o que é imposíbel entender as iniciativas postas en pé na década dos anos 20. Logo da iniciativa da Irmandade da Fala da Coruña, co lanzamento da Biblioteca Galeguista, aparecerá en 1921, na cidade de Ferrol, a editorial Céltiga . O seu director era Xaime Quintanilla, e do seu Consello de Administración formaban parte Ramón Vilar Ponte , Fiz Álvarez do Castelo e Manuel Morgado. A partir de marzo de 1922 a editorial pon en marcha unha colección de novela curta de carácter periódico, "Céltiga", da que sairán trece números. Mais a primeira empresa editorial minimamente estábel e cun volume considerábel de obras publicadas, é Lar . Esta editorial coruñesa foi posta en marcha e consolidada por Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal Gosenxe. De aquí sairá a colección de novela curta " Lar ",con 40 títulos, desde novembro de 1924 até xaneiro de 1928. Tamén aquí se van imprentar revistas como Nós e Arquivos , e o propio voceiro nacionalista A Nosa Terra. A partir de 1927 continúa a tarefa en solitario Leandro Carré ao deixar Casal o seu traballo para fundar a editorial Nós. Non

 

é exaxerado afirmar, ao noso ver, que até o funcionamento de Nós, Lar foi a principal vía de saída da produción literaria ensaística da intelectualidade galeguista. Logo da experiencia acumulada, Casal botou a andar, sempre coa axuda inestimábel da súa compañeira María Miramontes, a editorial máis significativa e emblemática con que contou Galiza até 1936. Nun primeiro momento estivo na cidade da Coruña, pasando, á altura de 1931, a instalarse definitivamente en Compostela. En Nós pasa a editarse a revista do mesmo nome, A Nosa Terra, os Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, e outro tipo de publicacións periódicas e libros, sempre dunha clara tendencia galeguista. Dos membros da Xeración Nós , a práctica totalidade da súa obra anterior a 1936 aparecerá a través desta editorial: Cousas ou Retrincos de Castelao; Os camiños da vida ou Arredor de si de Otero Pedrayo; O porco de pé ou Mitteleuropa de Vicente Risco, por citar só algúns exemplos. Tamén para aqueles escritores máis novos, os chamados novecentistas, ou para os membros do S.E.G. , serve de plataforma para dar a coñecer os seus traballos. Sen o esforzo editorial de Ánxel Casal non se pode explicar cabalmente o pulo e o brillante desenvolvemento da cultura galega en xeral, e da súa literatura en particular, nestas décadas de preguerra.

 

IMAXES