A Etapa Contemporánea (S. XX)
O silencio interior (1940-1950)
O murmurio do silencio (1940-1946)

O galego, de menosprezado, pasa a ser unha lingua perigosa e o seu uso motivo de sancións ou cárcere. Ademais, desaparecen as editoriais, periódicos e empresas culturais que publicaban textos en galego, e con elas os galeguistas que as sostiñan. Non por iso, tal como xa indicamos, a escrita en galego deixou de practicarse; iso si, agardou tempos mellores para saír da escuridade:

"Durante a guerra e nos anos imediatamente subseguintes, som mui escassos os textos poéticos que se publicam em Galiza escritos na língua do país, ainda que nom faltem totalmente"

(Carvalho, 1984:301-302).

Acto franquista nos anos cincuenta.

Os primeiros libros en galego publicados na década dos anos 40 son reedicións, moi escasas aínda daquela. En 1941 a editorial Galí , de Santiago, reedita os Cantares gallegos de Rosalía ; desta autora tamén reaparece en Madrid a súa Obra poética en 1942, 43 e 44, e en 1947 as Obras completas da poeta. En 1943 reedítanse en Madrid Aires da miña terra e O divino sainete de Curros .

Á marxe da poesía de posguerra, daremos conta da actividade cultural: coleccións de poesía, revistas, editoriais...

En canto ás publicacións editadas por primeira vez, en 1941 o Caderno de Poesía Albor (Pamplona) recolle Seis canciones de mar "in modo antico" de Filgueira Valverde ; en Lugo sae publicada a zarzuela de Xosé Trapero Pardo Non chores, Sabeliña (1943); en 1946 aparecen dous poemarios: Brétemas mariñás de C. Luís Crespo, e Soaces dun abade de M. Piñeiro Groba. Neste ano de 1946 aparece outra reedición (a 4ª), en Lugo, do libro Do ermo de Noriega , co gallo dunha homenaxe organizada por Trapero Pardo e Leal Insua.

Nestes anos aparecen revistas culturais, sendo as máis interesantes: Finisterre (1943), Sonata Gallega (1944), Gelmírez (1945).

IMAXES