A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa de Eduardo Blanco Amor: o descubrimento dun mundo conflitivo
O Regreso

En 1966 voltou da América e decidiu quedar a vivir en Galicia, a pesar das dificultades económicas que iso supuña, visto que a pensión de que desfrutaba era en extremo exigua. Laiábase Blanco Amor, anos máis tarde, de que a pensión de dezaseis mil pesetas que trouxera de Buenos Aires minguara —en 1976— a tres mil. Enfermo do corazón, tivo de recorrer a unha bolsa, mais esta era tan escasa que non lle chegaba para cubrir as despesas dos remedios. En 1976 a Fundación Barrié de la Maza concedeulle unha pensión vitalicia de 250.000 pesetas anuais.

Blanco Amor entre Cunqueiro e Celso Emilio Ferreiro.

Non obstante a súa excelente aparencia física, que lle facía representar moita menos idade da que realmente tiña, Eduardo Blanco Amor estaba seriamente enfermo do corazón. Nos seus últimos anos seguiu colaborando na prensa La Voz de Galicia , El Correo Gallego La Vanguardia , El País— e morreu subitamente, dun fulminate ataque cardíaco, o primeiro de decembro de 1979 na cidade de Vigo. Deixaba sen terminar unha nova novela, na que viña traballando desde había algúns anos, Luns de queridas ,que se desenvolvía nunha casa de prostitución.

Eduardo Blanco Amor era un home cultivado, intelixente e progresista. Tiña un gran sentido do humor e da ironía —ás veces algo malintencionada—, unha extraordinaria vitalidade e tamén un algo de melancolía. Personalidade hipersensíbel, doíanlle non ocupar o moi alto lugar que, con toda a xustiza, lle correspondía no panorama da cultura galega, a súa falta de recoñecemento como escritor dentro do ámbito español e as súas constantes dificultades económicas. Levaba razón.

IMAXES