A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: Vicente Risco
O remol do Modernismo: "do caso que lla'conteceu ô Dr. Alveiros"

" Do caso ..." é o primeiro relato en galego de Risco. Aparece en abril de 1919 no xornal coruñés El Noroeste no suplemento semanal "¡Terra a Nosa!". Sen embargo, hai indicios de que tivo unha primeira versión intitulada La aventura extraordinaria del doctor Muñoz ,redactado en español uns anos atrás. Isto explicaría en parte o seu carácter extravagante no conxunto da narrativa risquiana. Múltiplos trazos remiten á etapa pregaleguista: exotismo, esoterismo, insubstancialidade, nula presencia de referentes galegos, agás no nome do protagonista, etc.

Esta estraña mestizaxe dá lugar a unha obra certamente novidosa para a narrativa galega da época e rompe coa tendencia ao enxebrismo temático cinxido aos modelos da tradición folclórica. Risco elabora unha narración en pleno sentido moderna, que podemos tomar como precedente para un bon número de obras curtas dos anos 20.

A historia en si é dunha rebuscada sinxeleza. Bieito Alveiros, médico de profisión, un tanto misántropo e afeccionado aos saberes ocultos, entra en contacto epistolar cun raro personaxe, R. Dehmel, quen anda á procura dun remedio que permita devolver o movemento á momia do faraón Tuthankhamon. O enigma, aparentemente doado, enléase na especulación esotérica e os problemas lingüísticos, dado que o rescrito casualmente achado por Alveiros fala nunha lingua aínda non descrifrada. Pero o ocultimo resolve o problema que crea e abondará o método de oración dos monxes tibetanos, dando voltas a un muíño que contén o escrito, para que o meigallo surta efecto. Guiado por Dehmel, que ao cabo resulta ser un alemán defunto desde hai cinco anos, Alveiros emprende unha viaxe en ferrocarril ata o trasmundo. Alí asiste a unha delirante danza macabra nun ambiente de palacio oriental e devolve á momia o movemento para que poida participar na alegría do baile, principal ocupación ao que parece no Máis Alá. O atrevemento está a punto de lle costar a vida: o canto do galo disolve a reunión e no balbordo da fuxida os esqueletes, tomándoo por defunto, instálano nun nicho do camposanto vello.

Risco caricaturizado nun  gouache  de Álvaro Cebreiro.

Resulta ocioso especular sobre a dimensión significativa do relato, posta que esta tal vez era tamén para o autor irrelevante. A pesar dos continuos parlamentos sobre espírito e materia, morte e vida, o mundo e o trasmundo, a intención final remítenos para o propio carácter lúdico da creación. O saber de Alveiros e Dehmel só adquire utilidade cando permite á momia integrarse á danza. Asistimos entón ao triunfo do orxiástico vital, desprazado no mundo moderno para a esfera dos martas dado que o cotián se rexe por valores cerebrais e prácticos. As espectativas de que os esqueletes dominarán o mundo dos vivos delatan a esperanza de que un día, falando con palabras de Nietzsche, o dionisíaco triunfe sobre o apolíneo, a danza sobre a medicina o diñeiro.

A novidade temática non é sinónimo de calidade. O relato adoece de notábeis defectos construtivos na parte presentativa, debidos ao abuso da técnica epistolar e ás digresións pseudoeruditas. A autonomía do espacio ficcional esváese coas intrusións autorais nas notas a pé de páxina que pretenden formar o lector en aspectos máis ou menos prescindíbeis da cultura oriental. As reflexións sobre o estado "devakánico", o "ka", a escrita "zenzar", etc., seguramente preocupaban a Dehmel e a Risco; ao lector desconcertarano. Estas intromisións provocan un efecto disonante e anulan a ironía do relato. Se a isto unimos o lirismo sensual que o narrador provoca noutros momentos —por exemplo na descrición da danza macabra—, o lector dubida sobre a resposta interpretativa acaída, incluso cando o máis evidente é a lectura lúdica.

Con "Do caso..." Risco deseña un personaxe, Bieito Alveiros, que acabará por ser unha especie de alter ego , díscolo e criticábel, do propio autor. Imaxinou para el outras historias —unha en concreto habíase titular As aventuras do dr. Alveiros no Brasil ,onde sabemos que dilapidou os trinta mil pesos que recibiu de Dehmel en pago do seu traballo— e alcanzou dimensión de antiheroe en O porco de pé . Digamos desde xa que non se pode identificar autor e personaxe como algunha vez se ten feito: a distancia irónica do narrador con respecto á criatura é indicativa das relacións complexas que establecen. Alveiros personifica o saber diletante, a ociosidade, o señoritismo, a inconstancia, etc., valores cos que sen dúbida o escritor non se identificaba por moito que nós, nunha visión nesgada, poidamos apoñerllos.

IMAXES