A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa de Eduardo Blanco Amor: o descubrimento dun mundo conflitivo
O Teatro

Para alén da poesía, a narrativa e o ensaio, Blanco Amor cultivou tamén o teatro. En 1953 tirou do prelo en Buenos Aires as súas Tres farsas para títeres ("Amor e crimes de Juan el Pantera", "Anxélica no ombral do ceio" e "A verdade vestida"), que ampliou a seis en 1962 na edición publicada en México (á parte das citadas, "Romance de Micomicón e Adhelala", "Falsa morte e certa morte de Estoraque o Indiano" e "Un refaixo pra Celestina"). En 1973, xa na España, tornou a publicar as seis farsas mais esta vez en edición bilingüe, autotraducidas para o galego con gran dificultade, segundo manifesta o autor na "Justificación". O volume, realizado por Ediciós do Castro , leva ilustracións de Seoane. Tres anos máis tarde tirábase unha nova edición en Madrid das seis obras, na súa versión en español, acompañadas dunha nova peza breve "El proceso de Jacobusland", inédita e autotraducida do galego (" Proceso en Jacobusland, fantasía xudicial en ningures "). As sete compilábanse sob o título común de Farsas y autos para títeres. A pesar de que xa daquela morrera o xeneral Franco, a censura impediu a circulación desta farsa, en verdade demolidora, sobre a Xustiza, e o libro, xa editado, foi barbaramente mutilado das páxinas que contiñan "El proceso de Jacobusland" que debeu esperar a 1980 para ver a luz, cando a presentou a revista madrileña Pipirijaina. Non foi ata 1990 que o lector galego puido acceder a esta obra unha vez que a publicou a editorial Sotelo Blanco .

Blanco Amor en Buenos Aires, rodeado por membros do Teatro Popular Galego.

Estas farsas e autos seguen a liña das farsas e esperpentos para títeres e marionetas de Valle-Inclán, con algúns elementos de Brecht, mais sempre pasados pola sensibilidade e a ironía, tan solertemente galaica, do seu autor. Dúas destas pezas, "Anxélica no ombral do ceio" e "A verdade vestida" presentan unha riqueza conceptual, alegórica e inclusive filosófica que as aproxima do xénero do auto, a pesar de ambas seren cualificadas polo dramaturgo de farsas —farsa realista a primeira, farsa violenta a segunda—. Outras pezas están especificamente realizadas para bonecos, como fixeran non só Valle-Inclán como tamén Lorca ( Los títeres de Cachiporra , Retablillo de don Cristóbal )e Alberti ( La pájara pinta )durante os anos vinte. Así o "Romance de Micomicón e Adhelala" cualifícase de "Farsa para títeres especiosos", "Amor e crimes de Juan el Pantera" de "Farsa para títeres de cachiporra" e "Certa morte e falsa morte de Estoraque o Indiano" de "Farsa para títeres simuladores". Os bonecos destas farsas representan personaxes esquemáticos, case sempre deshumanizados, que serven ao autor para ofrecer, indirectamente, unha crítica social e dos vicios e pecados humanos, tratados cun sentido do humor moi galego.

En "Proceso en Jacobusland" o grotesco atinxe unha extraordinaria forza expresionista. Algo que se advirte xa nos nomes dos personaxes: Presidencio, Secretostio, Acusativo Vertical, Defensorio Tolerado... e tamén no espacio escénico indicado polo autor: Sala do Tribunal de Inxustiza de Jacobusland. Blanco Amor dá grande importancia ás acotacións, ás veces extensas e meticulosas, como cando sinala exactamente o tempo que ten de durar un voo musical de moscóns, 90 segundos, tomado do coñecido fragmento de Rimsky-Korsakov que se encontra na súa ópera O Tsar Saltón. O esperpento valleinclanesco está presente, mais Blanco Amor leva os seus entes de ficción, que non personaxes, ata os maiores extremos de deformación sarcástica. O romance de cego e romaría, sobre a guerra civil, que encerra a obra deixa un sabor acedo porque desaparece o grotesco e festivo e se adiviña a terríbel realidade que se agacha após a representación.

Quizá a peza máis valiosa deste retábulo farsesco sexa "Anxélica no ombral do ceio". O pensamento da obra é a loita entre o divino e o humano cunha clara preferencia polo primeiro. Os propios nomes dos personaxes evidencian a intencionalidade: Anxélica, Gabriel, Miguel, Eldiós... A obra non deixa de ser ambiciosa dentro da súa brevidade e Blanco Amor concíbea case como unha peza de teatro total na que o decorado, a música (o autor suxire o Oratorio de Nadal de Bach), as luces, a "atmósfera de ballet", todo o escenográfico cobra grande importancia.

Finalmente deu a coñecer Teatro pra a xente (1974) que se publicou en Vigo, por Galaxia , en 1974, con ilustracións de Xohán Ledo, que recollía diversas pezas escritas en Buenos Aires durante os anos sesenta. Comprende sete obras breves: "O cantar dos cantares", "Fas e Nefas ou O Castelo enmeigado número 5.000 e pico", " A carauta", "Os baralláns" e "Tres contos escénicos": "A medosa Blandina", "A lebre das ánimas" —da que se fixo unha versión en forma de monólogo— e "A tía Lambida". Son pezas sinxelas e populares que non ocultan unha intencionalidade didáctica. O propio Blanco Amor así o expresa na "Xustificación" que precede á obra referíndose aos "traballiños" —tal e como el denomina estas pezas—:

"Están escritos pra a xente do noso pobo, pra a xente que nos arrodeia, que agarda de nós non sabe ben qué, e á que temos a obriga de considerar tal cal é, pra axudala, dende o ponto de vista galego, a ser como tería que ser".

Das sete pezas, a máis ampla e interesante é a primeira. Foi escrita expresamente para a inauguración do Teatro Popular Galego que tivo lugar en Buenos Aires en 1962. O mundo rural galego é visto a través dunha familia de labregos, e na que as relacións amorosas entre as parellas se ven turbadas pola lectura casual dos eróticos versos de O cantar dos cantares. A crítica á igrexa faise a través do personaxe de don Marcial, o crego. É unha peza costumista, chea dun humor fino e non exento de ironía.

IMAXES