A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: o teatro
O teatro de Castelao

A única obra dramática de Castelao é Os vellos non deben de namorarse ,"farsa en tres actos con un prólogo e un epílogo", que foi estreada en Bos Aires en 1941 e publicada en Vigo en 1953.

No Prólogo o autor insiste en que a súa non é unha obra de tese. Esta afirmación pode resultar sorprendente se temos en conta o título (unha prohibición), mais alcanza todo o seu sentido aplicada á técnica dramática. O habitual nas obras de carácter social era a utilización da estética realista ou naturalista; neste sentido usa Castelao o termo "tese", xa que a súa é unha técnica expresionista, a técnica da farsa, e deste modo o texto literario será unicamente unha parte dun conxunto en que se integran tamén música, canto, danza, luminotecnia e escenografía. Estamos perante a materialización plástica do Teatro de Arte de que falara en 1921 e que planificaba en 1934 con Otero Pedrayo; de feito, un dos lances foi escrito ese mesmo ano.

Luís Lugo, Fernando Iglesias ( Tacholas ) e Enrique A. González, intérpretes de  Os vellos non deben de namorarse  (obra dramática de Castelao)

Estructuralmente a peza está dividida en tres lances ou farsas autónomas, coordenadas e relacionadas polo Prólogo, pola temática, pola técnica e por un Epílogo que reúne os tres protagonistas. O discurso dramático resólvese segundo dúas técnicas diferentes: realista e expresionista. Nas escenas realistas o autor conta, segundo as súas palabras, "á maneira galega", con movementos, palabras, sentimentos e conductas acaídas ao seu entorno e condición; Castelao parte da observación directa dos costumes de Galiza. As escenas expresionistas, que as máis das veces conteñen un grande carga simbólica, arrastran o espectador pola forza da súa estilización; aquí o autor arranca do teatro experimental de vangarda, é dicir, do Teatro de Arte.

Tanto os personaxes como as situacións están deseñados segundo a técnica da caricatura, estilizando os seus riscos de tal forma que rozan o esperpéntico. O distanciamento que entre autor e materia dramática xera a técnica da farsa, permite a interpretación da obra desde perspectivas radicalmente opostas: poderá entenderse como un simple divertimento ou como unha peza moralizante.

O tema tratado son os amores serodios; o vello que pretende unha moza e intenta obter os seus favores, recibindo como castigo a morte. Os tres lances son realizacións diferentes do mesmo drama: D. Saturio, D. Ramón e o Señor Fuco aspiran a obter os favores de Lela, Micaela e Pimpinela, que manteñen relacións con mozos da súa idade. Sobre este argumento as variacións radican na clase social dos personaxes e na maior ou menor honestidade das súas intencións que, loxicamente, será paralela á súa cualidade moral.

Segundo a interpretación crítica máis estendida, que segue basicamente a Ricardo Carvalho Calero, a maior degradación moral dos protagonistas corresponde ao grao máis alto nas clases sociais: D. Ramón, fidalgo mullereiro e borrachón, é o máis deshonesto dos tres; D. Saturio, boticario representante da burguesía, fica nun fachendoso vello verde que acaba burlado; e o señor Fuco, labrego rico, resulta o máis honesto, xa que é simplemente un "carcamán namorado". As tres mozas presentan tamén caracteres diferenciadores: Lela, "moza requentada na súa propia malicia", e Micaela, "rapaza parafuseira", aparecen con atributos case idénticos, ambas as dúas negativas; mais Pimpinela é unha rapaza sen malicia que, presionada polos pais, accede ao casamento co vello por necesidade, para solucionar o problema económico familiar.

Para outro sector da crítica a lectura dos personaxes é radicalmente oposta. D. Saturio simboliza o concepto de amor romántico-idealista non só porque nas súas palabras non existe ningunha alusión ao amor carnal, senón tamén porque opta polo suicidio. D. Fuco pasa a ocupar o chanzo máis baixo na valoración ética pola súa falsidade e dobrez moral, xa que convence á inxenua Lela ofrecendo un amor paternal e protector que non se corresponde co seu comportamento posterior. En canto ás figuras femininas, este sector da crítica establece, acertadamente, unha diferencia máis fonda entre Lela, que vende os seus favores a D. Ramón, e Micaela que se limita a coquetear con D. Saturio, de tal forma que resultan as antagonistas acaídas ao tipo de amor que ofrecen os dous vellos que as pretenden.

A pesar de que todos os personaxes "levan careta", os que forman o triángulo amoroso (vello, moza, mozo) están individualizados seguindo a estética realista; mais ao seu carón aparecen unha serie de figuras secundarias que son abstraccións: a Morte, que toma unha figura diferente en cada lance (esmolante, sapo, Morte); e o pobo que, representado por un grupo de mulleres ("dez bocas con alferrón", "dez abrollos de picardía", "dez almas chuchadas pola marmuración"), vai expresar, á maneira do coro grego, a opinión pública sobre os amores do vello e a conducta das mozas.

Máscaras para a obra dramática de Castelao,  Os vellos non deben de namorarse.

Tampouco existe unanimidade na interpretación do Epílogo con que se cerra a obra, escena en que Castelao reúne os tres vellos a comentaren o acontecido coas tres mozas despois do seu pasamento. Para Carvalho Calero é un engadido posterior que serve para dar á peza un valor exemplarizante, transformando o que sería unha obra existencialista en didáctica. O vello que pretende unha moza move ao riso; mais tamén resulta natural esa pretensión que non deixa de ser unha maneira de se aferrar á vida, e, neste sentido, o asunto é tráxico. Riso e pranto; farsa cómica e farsa tráxica. Para Carvalho, e a crítica afín, Os vellos... é unha traxicomedia.

Para o outro sector da crítica, sen embargo, o Epílogo ten unha función primordial na obra, e considera que de ningunha maneira pode ser cualificado de "engadido". Millan Otero especifica as tres funcións que cumpre o Epílogo no conxunto da peza: a) redondear a unidade da obra remitindo a un mesmo espacio e a un mesmo tempo, xa que desta maneira os tres lances transcorren nunha mesma vila e nun tempo común; b) informar sobre a sorte das mozas, e moi especialmente da de Pimpinela que, unha vez "castigada", refai a súa vida; c) furgar na ferida dos vellos que, transformados en grotescos esqueletos, poñen en evidencia a falsidade das aparencias mundanas e das diferencias sociais, vertendo unha mirada irónica sobre as obsesións humanas e enlazando directamente con Un ollo de vidro. Nesta segunda interpretación Castelao non se identifica coas súas criaturas, manténdose na liña crítica do resto da súa obra.

Igual que na narrativa, en Os vellos non deben de namorarse Castelao conseguiu equilibrar o puramente popular e galego coas técnicas da vangarda artística para crear unha obra de valor universal.

IMAXES