A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: o teatro
O teatro de Rafael Dieste

Aínda que Rafael Dieste non pertence ao Grupo Nós, as circunstancias políticas que afectaron a nosa historiografía dramática tiveron como consecuencia que a súa obra teatral ( A fiestra valdeira e O drama do cabalo de xadrez )fose anterior no tempo á de Castelao e Otero, e ficase limitada ao papel, como a de Risco, ata 1935, ano en que foi estreada en Rianxo baixo a dirección do autor.

O 22 de decembro de 1925, co artigo "Encol do noso teatro I", publicado no xornal vigués El Pueblo Gallego , Dieste iniciaba unha das polémicas máis virulentas sobre o noso teatro, en que se jan enfrontar o propio Dieste e Evaristo Correa Calderón con Leandro Carré e Víctor Casas, e na que puxeron a nota conciliadora Vicente Risco e Antón Vilar Ponte. A preocupación que nesta época sentía o noso autor polo teatro, daría como froito a comedia A fiestra valdeira.

Escena da primeira representación por mariñeiros de Rianxo de  A Fiestra Valdeira , de Rafael Dieste

A obra, estructurada en tres lances co clásico desenvolvemento en exposición, nó e desenlace, ten como tema o problema da identidade social do individuo, dramatizado a través dun argumento en aparencia intranscendente. D. Miguel, emigrante retornado, encarga un retrato que ten como fondo unha fiestra desde a que se ve o porto da súa vila natal, Rianxo. A filla do retratado quere que esa paisaxe sexa substituida por un xardín fidalgo que agache a humilde orixe da familia e a vincule a unha clase social allea. D. Miguel accede á petición provocando a indignación dos seus amigos, os marieiros de Rianxo, que rachan o cadro e deixan a fiestra baleira. A loita interna do protagonista resólvese coa renuncia por parte deste e da súa familia ao xardín fidalgo, e a restitución da paisaxe mariñeira.

Dieste conxuga na obra o elemento popular galego coas técnicas de vangarda porque entende que o dramaturgo debe ser —en palabras de Francisco Pillado— "un artista plástico capaz de harmonizar a cor, o ritmo, a luz, o son, o espacio, a palabra, os silencios, a música, os movementos e as pausas". Esta comuñón de elementos populares galegos e arte de vangarda vencella a obra dramática de Dieste coa de Otero e Castelao.

O tema da identidade individual, dramatizado a través da reflexión sobre o papel que interpreta cada individuo na sociedade e os conflictos internos que isto xera, centrará a outra obra dramática de Rafael Dieste, O drama do cabalo de xadrez. Esta brevísima peza foi publicada en El Pueblo Gallego ,en Abril de 1927, e incorporada máis tarde ao volume Dos arquivos do trasno .

IMAXES