A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: o teatro
O teatro de Ramón Otero Pedrayo

Dentro da enorme producción literaria do señor de Trasalba, o teatro foi considerado tradicionalmente como un xénero "menor", a pesar de que o cultivou ao longo de toda a súa vida. Os estudiosos que cualifican así a obra dramática de Otero adoitan citar unha carta do propio autor a Manuel Lourenzo en que D. Ramón afirma, coa súa natural modestia: "Eu de teatro sei pouco". Tamén contribuíu a isto o feito de que a maior parte da súa obra dramática non fose publicada cando o autor a escribiu, senón que chegou ao público dunha forma caótica.

Ramón Otero Pedrayo.

Despois de A lagarada ,que como xa vimos fora publicada en 1929, a súa seguinte contribución á dramática galega foron as dezaseis peciñas que compoñen o Teatro de máscaras ,escritas en 1934, mais que non foron publicadas ata 1975. En 1952 sae do prelo O desengano do prioiro ;en 1959 está datada a escrita de Rosalía , que se publica postumamente en 1985; Traxicomedia da Noite dos Santos viu a luz en Braga en 1960, de forma que o público galego non a coñeceu ata 1988, ano en que foi publicada nos Cadernos da Escola Dramática Galega da Coruña ; O fidalgo e a noite , foi escrita en 1970, mais non se publicou ata 1979; e, por último Noite Compostelá , viu a luz en 1973. A esta relación habería que engadir as peciñas recuperadas por Aurora Marco no volume denominado Teatro Ignorado , que saíu do prelo en 1991, mais que recolle textos publicados entre os anos 1929 e 1949 na prensa galega.

As dezaseis peciñas que compoñen o Teatro de Máscaras foron recuperadas entre o legado de Castelao. Eran a contribución de Otero a aquela petición do rianxeiro. A novidade que supuñan dentro do panorama estético do teatro, tanto galego como español, levou a Carvalho Calero a cualificalos de simples bocexos; sen embargo desde a perspectiva do teatro contemporáneo resultan dunha actualidade incuestionábel. Non é doado encaixar estas pezas de Otero Pedrayo nun movemento ou nunha estética determinada, posto que combina elementos expresionistas, simbolistas e surrealistas, con notas folclóricas e culturalistas, e a música, a danza e a cor chegan a alcanzar un papel protagonista.

Unicamente poderían ser cualificados de bocexos no sentido de que precisan dun director e uns actores que os representen para que acaden a plenitude como espectáculo, xa que a música, a danza, a luminotecnia e a escenografía xogan un papel primordial en moitos deles; para iso foron concibidos, mais lamentabelmente non chegaron a ser representados nos anos 30, e ficaron esquecidos durante case cincuenta anos, xa que a primeira representación realizada sobre eles foi a preparada pola “Escola Dramática Galega» da Coruña, en 1978, baixo a dirección de Manuel Lourenzo.

En moitos destes textos o propio autor especifica a partitura e a letra que deben interpretarse. Para dar unha idea aproximada da extraordinaria plasticidade e harmonía destas obras, reproducimos unha das didascalias:

"Un movemento nos traxes pendurados. No recanto máis escuro a figura de un velliño, de patas esteradas, casaca brilante e gran peluca branca, xurde e recada un violoncello. Bruído da cadeira que arrastra o vello pra se sentare. O viloncello deita a primeira medida longa, baixa e salaiante dun menueto de Mozart. Acéndense os candieiros de prata postos nos catro recantos da sala, con lus fumosa e funeral, e os traxes de duquesas, cabaleiros e petimetres, con caretas ineispresivas, póñense a danzar con pasos, e reverencias de Corte, sen se decatar da presenza de Rosalinda. Hai o cabaleiro da casaca cereixa, o da casaca gris perla, o da casaca roxa. As donas de miriñaque e outos peiteados. Rosalinda, xa sen medo, sorrí como en soños. Un cabaleiro mociño póndose no medio do salón fai cun xesto deter o baile, e a cadeira de mans portada por dous homes, adianta. O cabaleiro diríxese a Rosalinda e faguéndolle unha reverenza dí:"

Son pezas de Teatro de Arte tal como o concibía Castelao e, de feito, nelas acharemos elementos que estaban anotados nos seus Diarios e que despois aparecerán en Os vellos non deben de namorarse :o sapo que fala (O borracho ) , o espantallo ( Os espantallos do vento ), o vello que paga con leiras os bicos de moza ( Vento nouturno ),as máscaras ( A subrevazón dos traxes, O borracho... ).

Tematicamente, o Teatro de Máscaras é unha prolongación da obra narrativa, con Galiza como núcleo integrador do seu desenvolvemento: fidalgos, cregos, criados, pobres de pedir, labregos, ilustrados, poetas e bandoleiros; salóns, cafés, pazos e aldeas; mitoloxía, superstición, maxia e relixión; a carlistada e o liberalismo; o realismo máis cru e o lirismo máis sentido; todo isto combinado co humor para crear as farsas máis orixinais do teatro galego.

A Galiza do século XIX protagoniza varias destas peciñas. En A Estadea recréase dun xeito case esperpéntico a brutalidade da carlistada que, despois dun gorentoso xantar, profana o sepulcro dunha fidalga para roubarlle as alfaias, mais o espolio é impedido pola Estadea que arrastra con era os sacrílegos cregos. Os fidalgos como símbolo dunha caste que esmorece protagonizan Vento Nouturno, O Pazoe O Gafo; a clase media, A mesa redonda.

Tamén hai cabida nelas para a sociedade urbana do século XX, que tenta de todos os xeitos posíbeis ao pobre eremita de As tentacións do San Wintila ,e fai acto de presencia nas dúas pezas de inspiración molierana Os espeitros das doenzas e mais A derrota do protomedicato ou A danza do doente libertado.

Non podía faltar tampouco o mundo labrego. As forzas misteriosas do viño protagonizan O borracho; mentres a cobiza leva o protagonista de Os espantallos do vento a caer enmeigado por unha orixinal Santa Compaña. En As bodas do portugués as ansias de amar da Xenerosa, "peito de táboa, vedraia, fea, escanabouzada", lévana a estragar vida e facenda. E onde a vida da aldea, a plasticidade de determinados traballos da terra, fican plasmadas como verdadeiro mosaico escénico é en A farra do viño e do pan.

Dado que no Teatro de máscaras Otero recolle practicamente todos os temas que toca no resto da súa obra, non podían faltar tampouco nin o mundo da bohemia nin os intelectuais. En O poeta asesinado, de claras reminiscencias pirandelianas, as criaturas matan o seu creador. En O café dos espellos esváense os límites entre realidade e fantasía, entre as dúas caras do espello. Nesta dimensión en que vida e soño se confunden, desenvólvese tamén A subrevazón dos traxes.

Escena de representación en 1988, da obra,  Espectros,  de Otero Pedrayo, baixo a dirección de Manuel Lourenzo.

Das dezanove peciñas recollidas no volume titulado Teatro Ignorado , unhas contan con didascalias e diálogos, e outras unicamente presentan o diálogo —unhas veces indicando os personaxes que falan e outras non—, de tal maneira que, nestas últimas, a disposición tipográfica é idéntica á de calquera texto en prosa. De todos os xeitos non é a presencia/ausencia de didascalias o elemento caracterizador das obras dramáticas, así que ese criterio non sería válido para determinar se son ou non teatro. De acordo co seu contido, poderiamos clasificalas en dous grupos: a) aquelas que teñen unha funcionalidade escénica que as aproxima ao Teatro de máscaras ( Tren mixto, Novelo, O teatro da noite noitiña ...), e aqueloutras en que Otero bota man do diálogo como medio para expor unha teoría ou reflexionar sobre un asunto determinado ( Tamén Mailoc chegou polo mar, Parolar por parolar conforme imos camiñando ...). Nesta segunda opción o autor de Trasalba está recuperando a vella tradición xornalística dos primeiros escritos galegos de comezos do século XIX.

En 1952 sae do prelo O desengano do prioiro ou O pasamento da alegría, co grande auto epilogal e xusticieiro dos féretros de Floravia. A peza aparece definida como "farsada dramática pra lér ou representar en calquer tempo que non sexa o dos Difuntiños". Segundo Carvalho Calero a obra é froito da indignación do autor perante a implantación en Floravia, capital do Ribeiro, da industria dos féretros.

O "prioiro" dos Sanxuanistas e o Escasulante, o seu mordomo, deixan a cova para volver a Floravia a gozar, máis unha vez, do viño. No percorrido que fan polas rúas da vila van comprobando os cambios que a nova industria provocou na vida e nos costumes da xente: a ledicia da vendima e o viño foron substituídos pola tristura da morte; a viaxe, en clave satírica e de humor negro, remata coa destrucción da nova industria a mans de Pedro Madruga.

O vertixinoso cambio de escenarios que orixina a peregrinación das dúas pantasmas, unido ao carácter lírico e narrativo de moitas didascalias, levou a Carvalho Calero a afirmar que "non reune condicións escénicas". Evidentemente, desde os parámetros da escena tradicional sería irrepresentábel, mais bastou un traballo dramatúrxico como o levado a cabo por Roberto Vidal Bolaño para converter a obra nun espectáculo rigoroso, que foi estreado polo grupo Teatro do Aquí en 1995.

Tematicamente, O desengano... representa o contrapunto, o envés, da visión dionisíaca de A lagarada. Nesta o viño é unha forza fatal que conduce á morte, naquela Baco simboliza a vida fronte á Morte da nova industria. Fernández Roca propón unha acaída interpretación político-social para esta parodia depsenfreada en que o fúnebre e tétrico presente é redimido polo acto xusticeiro da tradición histórica representada por Pedro Madruga.

En 1959 está datado o texto titulado Rosalía. A inclusión desta obra dentro da producción dramática de Otero débese, en realidade, a que resulta imposíbel catalogala dentro de ningún xénero. Polas súas dimensións sería unha novela, mais nela non se conta ningunha "historia". Tampouco é teatro, a pesar da súa disposición tipográfica como tal, senón unha suma de diálogos con dilatadas didascalias de intenso lirismo, e quizais o máis adecuado sería catalogala como un inmenso poema en prosa.

A actriz Maruxa Villanueva.

A obra está estructurada en seis partes que á súa vez se dividen en escenas ou secuencias que teñen como fío conductor a vida da xenial poeta, mais tampouco é unha biografía, senón que selecciona determinados momentos desa biografía para realizar unha pintura dos estados de ánimo da escritora. De feito, en moitas ocasións asistimos a verdadeiras paráfrases de poemas da propia Rosalía . Este retrato psicolóxico queda deseñado nos diálogos da poeta cos máis de cen personaxes da obra. Este número tan enorme de personaxes compón un coro inmenso que representa a Galiza: figuras históricas como Murguía ou Aguirre, personaxes tipo como o mociño aldeán ou o fidalgo, vexetais como o millo ou as rosas, obxectos como as gárgolas e mesmo lugares concretos. Todos xuntos, co propio autor, corean o lamento de Rosalía. En Rosalía ,como en tantas outras obras, Otero Pedrayo ultrapasa os límites dos xéneros literarios nun exercicio poético en que o máis importante, segundo Fernández Roca, é "a calidade da prosa".

Na Traxicomedia da Noite dos Santos ,o fidalgo-poeta Amado Silva volveu ao pazo natal para liquidar os bens e instalarse nalgunha cidade de Europa. Na noite de Santos, primeiro os antergos ("O abó maorazgo do dazaceis", "Curmán cadeirático de Concilios"...) e despois "moitos entes e espritos da casa e da terra", dóense do abandono en que van ser deixados. No "Actus Secundus" serán os seres e entes da vida e da cultura cosmopolita de Amaro quen o reclamen ("A fiestra da cambra bohemia", "A herdeira de Heidenelken", " O home lorenés"...); a luz da mañá remata coa viaxe interna e os vapores alcohólicos poñendo orde nas ideas e sentimentos de Amaro, que opta pola permanencia na terra. C. Paulo Martínez Pereiro estableceu xa o paralelo entre esta peciña e Arredor de s i:ambas as dúas reelaboracións literarias do periplo persoal do autor.

No caso de O fidalgo e a noite, o protagonista está máis próximo a O señorito da Reboirana que a Adrián Solovio. Nesta ocasión o fidalgo abandona o pazo e as súas voces ("O Leibnitz da biblioteca", "As fustallas bocas abertas da adega"...) para viaxar co vento en procura da liberdade, unha liberdade que non é máis que a morte.

Tamén o fidalgo protagonista de Noite compostelá vai facer un percorrido nocturno en dúas fases; na primeira, guiado polo "Doutor Enciclopedista", vaga polas rúas de Compostela; na segunda, ás costas do Liberto, voa no tempo ata encontrar a Rosalía. De novo unha viaxe ao máis profundo e auténtico de Galiza. Con esta, a súa derradeira obra dramática, Otero enlaza de novo co texto Rosalía.

A traxicomedia da Noite dos Santos (1960), O fidalgo e a noite (1970) e Noite compostelá (1973) teñen en común que son pezas breves ao xeito das de Teatro de máscaras , as tres teñen como protagonista a un fidalgo, e ese fidalgo realiza unha viaxe interior: cara a si mesmo no caso da Traxicomedia ..., simbólica (á liberdade e á morte) en O fidalgo ..., e temporal en Noite compostelá . E tamén coinciden as tres en que serían dificilmente representábeis, non só polo lirismo das didascalias, senón tamén pola carga cultural, a imposibilidade de materialización dos espacios escénicos e mais o subxectivismo do diálogos. Reproducimos unha das didascalias de O fidalgo e a noite para ilustrar esta afirmación:

"Vai levado nun Vento de mil milleiros de áas de pombas, decátese lixeiro, goza deixando atrais como plumas vellas e esclerosadas pelicas, as epidermis e as sensibilidás, os saberes, as etiquetas de Moral, as pedanterías. Xa vai ficando lonxe o mesmo corpo, dentro de pouco aduviña novas estrelas, albisca, baixo o seu voar, arquipiélagos como paraísos na noite mol. ¿Será un sopro de alma? ¡Il a súa ialma! dentro da estoupante e lixeira capa)"

IMAXES