A Etapa Contemporánea (S. XX)
Un momento crucial: Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro
Obra

Celso Emilio Ferreiro, autor dunha amplísima obra, é fundamentalmente coñecido e recoñecido pola súa faceta como poeta, feito que ensombreceu e provocou unha infravalorización do seu traballo como narrador. Se ben é certo que o seu labor de creación no campo da narrativa en relación co da poesía é bastante menor, a súa prosa confórmase como enormemente interesante e orixinal. Unha faceta importante da súa andaina como escritor é a que está constituída polas súas múltiples colaboracións en diferentes xornais e revistas, nas que publicará poesía e prosa, en castelán e en galego. Entre as revistas en que participou podemos citar Papeles de son Armadáns (publicación dirixida en Palma de Mallorca por Camilo José Cela), Finisterre (fundada en Pontevedra en 1943, ocupando Celso Emilio o posto de redactor-xefe ata o ano 1945; nesta revista inclúense por primeira vez en publicacións da posguerra poemas en galego, algúns do propio Celso Emilio asinados co pseudónimo de Celso de Cela), Sonata Gallega (aparecida en Pontevedra en 1944 e encargándose Celso Emilio durante o período que vai de 1944 a 1945 do apartado de crítica literaria) e Alba (fundada en 1948, dirixida por Ramón González Alegre e participando no consello de redacción o celanovés). En Alba publicáronse dous poemas, "O medo" e "Ollaime ben", que posteriormente se recollerían en O s oño sulagado. Non debemos esquecer que tamén colaborou na revista Vieiros ,editada e dirixida en México por Carlos Velo, Florencio Delgado Gurriarán e Luís Soto; nela presentaránsenos poemas que en anos posteriores e con algunhas modificacións pasarían a formar parte de Longa noite de pedra e Viaxe ao país dos ananos . Durante unha etapa que vai desde 1950 ata 1962 publicará numerosos artigos no Faro de Vigo ,sendo os máis coñecidos os que se incluían nunha sección denominada "La jaula de los pájaros raros". Anos despois, entre 1977 e 1979, será colaborador no "Mirador Literario" do xornal madrileño ABC ,onde se encargará dunha sección titulada "Escrito en gallego".

Celso Emilio no cemiterio de Cambados, nunha homenaxe póstuma a Ramón Cabanillas.

Os seus primeiros poemas en galego, de carácter convencional e intimista, verán a luz en Cartafol de poesía (1935-36), publicación elaborada polo propio Celso Emilio e o seu amigo Xosé Velo Mosquera.

Os seus primeiros libros de poemas publicados correspóndense coa etapa da máis inmediata posguerra e estarán escritos en español: Al aire de tu vuelo (1941) e Bailadas, cantigas y donaires (1946). O primeiro é un poemario de temática amorosa que está dedicado á súa muller, e o segundo, prologado por Fermín Bouza Brey, presenta un contido diverso e variado achegándose, por veces, ao neotrobadorismo e ao imaxinismo.

Dous novos poemarios sairán á luz no ano 1955, un en español (Voz y voto) e outro en galego ( O soño sulagado ). Voz y voto era un libro clandestino que aparecía como se fose editado en Montevideo pola editorial Rex, cando en realidade fora imprimido no Porriño. Está conformado por doce poemas que foron redactados orixinariamente en galego e dos que, posteriormente, algúns serían incluídos no volume Longa noite de pedra . Nestas composicións xa se aprecia o cultivo dunha poesía que toma a dirección da belixerancia e da reivindicación da xustiza. O soño sulagado constitúe o seu primeiro libro publicado en galego; sen embargo a data de composición destes 31 poemas, segundo o propio poeta, é bastante anterior ao ano da súa publicación e podería estabelecerse nun período que comprendería desde o ano 1940 ata o ano en que se deu á luz. Neste poemario xa nos atopamos cun poeta en plena madureza que se desenvolve en varias direccións, nas que prevalece a confesión íntima e persoal sobre a crítica. Así, abundarán os poemas de corte intimista nos que podemos apreciar unha temática de tipo existencial a través das reflexións sobre a infancia perdida, a soidade, a paisaxe, a morte, etc. Canto ás composicións que se relacionan coa temática social observamos que xa aparecen claramente definidos moitos dos temas que van ser motivo de preocupación do poeta durante toda a súa vida, como a opresión fascista e o antibelicismo.

Despois desta pequena incursión na poesía de crítica e denuncia social, Celso Emilio mergullarase plenamente nesta tendencia no seu seguinte poemario: Longa noite de pedra (1962). A maioría dos textos deste libro e do anterior f oran elaborados bastantes anos atrás, pero tiveron que esperar un momento máis apropiado para a súa publicación. Será o propio Celso Emilio o que nos achegue esta información:

No ano 1937, sendo soldado, fun de permiso a Celanova (esto nunca o contéi en público). Unha muller, unha arpía con alma de Némesis lardeira, denuncióume atribuíndome unhas verbas que eu non tiña pronunciado. Detivéronme e encarceráronme no convento da vila, que daquela estaba convertido en prisión. O lugar onde me tiveron metido varios días, ca morte oubeando arredor, era unha antiga mazmorra do mosteiro, toda ela de pedra, incluido o teito, e con tan pouca luz que o día semellaba noite. Alí nacéu "in pecto" o poema que lle daría máis tarde tíduo ao libro. Tanto O Soño sulagado como Longa noite de pedra escribinos na súa meirande parte ao rematar a guerra civil. Algúns dos seus poemas foron feitos cando aínda era soldado. Como aqueles textos, e por razóns doadas de entender, eran impublicables naquel tempo, mantívenos encarpetados varios anos —sin deixar por elo de pulilos e amplialos— até que poideron saír en sendos libros: o primeiro O soño... e logo, algúns anos despóis, coincidindo coa "apertura" de Fraga, Longa noite de pedra (Fernández Freixanes, Víctor, 1976: 158)

Estando xa na emigración en Caracas dirixirá o traballo cultural desenvolvido pola Hermandad Gallega de Venezuela; baixo o seu cargo estaban a dirección do periódico quincenal desta sociedade (Irmandade), a "Escola Castelao" de ensino primario, a emisión radiofónica "Sempre en Galicia" e o cine-clube. Ao pouco tempo xurdirán numerosas dificultades ao ser substituída a dirección deste organismo por persoas favorábeis ao franquismo despois dunhas eleccións fraudulentas. Celso Emilio é expulsado do seu posto e comezará para el unha etapa caracterizada polo padecemento de graves problemas económicos e dunha campaña de desprestixio contra a súa obra e a súa persoa. Como resultado destes acontecementos publicará uns poemarios altamente polémicos e controvertidos que reflectirán a ira do poeta a través dunha sátira incisiva. Aparece, así, nunha edición bilingüe Viaxe ao país dos ananos (1968), que foi tomado como un durísimo e descarnado ataque contra os emigrantes, xa que logo sería recibido con bastante desagrado en Galicia e, especialmente, nas comunidades galegas do exterior. Mesmo chegou a provocar unha agria polémica que tivo como consecuencia a publicación por parte de Luís Seoane, en 1972, dun poemario no que sairá en defensa dos emigrantes: A maior abundamento . Evidentemente, só poderemos entender e analizar este libro dentro do seu contexto e dos acontecementos vividos por Celso Emilio na emigración; el mesmo, anos máis tarde, recordaba os feitos ocorridos deste xeito:

Mira, Víctor: a miña actitude literaria e personal é filla dunha realidade tanxíble vivida por min. Nin rebaixo nada, nin estóu arrepentido de nada, nin moito menos teño por qué cambiar os meus puntos de vista encol dos caciques feixistas, logreiros e explotadores dos emigrantes galegos en Caracas na época na que eu estiven alí, xente á que está adicado o meu libro (...)

É que Curros coñecéu perfectamente a outra cara da emigración e sofríu como eu as dentadas suxas da mezquindade e outras lacras que azoutan aos nosos paisáns de alén mar. Os que se rachan os vestidos aínda diante do meu Viaxe ao país dos ananos deberan ler con vagar o poema: A espiña ,por exemplo, de Curros, que tampouco comulgaba ca hipocresía. Foi o primeiro tento antre nós de desmitificar a emigración retratándoa na súa realidade máis xorda (Fernández Freixanes, Víctor, 1976: 151)

Celso Emilio con Ernesto Cardenal.

Tamén en 1968 publica Cantigas de escarnio e maldecir ,asinado co heterónimo Arístides Silveira, nas que dá renda solta á súa faceta máis satírica e corrosiva ao apareceren, por primeira vez, destinatarios concretos dos seus ataques. Ataques que, sen dúbida, ían dirixidos contra as persoas que mandaban na Hermandad Gallega e tomaban claramente como modelo as composicións satíricas medievais. Neste sentido é salientábel a volta ao uso dunha tradición que se perdera na literatura galega e que tomaba como base fundamental a máis fera e dura mordacidade. Os autentes (1973) é unha nova sátira que está vinculada tematicamente co libro anterior; de feito pretende ser unha continuación del e leva como subtítulo "Novas cantigas de escarño, cun introito, sete gómitos e unha náusea final". Este libro está asinado co pseudónimo de Alexis Vainacova.

 

Terra de ningures sae á luz en 1969 e foi publicado na colección poética Val de Lemos, dirixida en Monforte por Manuel María. Trátase dun breve conxunto de poemas de tendencia neopopularista que retoman o tema da emigración pero desde unha perspectiva distinta, a través da evocación nostálxica da paisaxe, da infancia, etc.

A continuación publica, outra vez baixo o nome de Arístides Silveira, Paco Pixiñas. Historia dun desleigado contada por il mesmo . Romance de Arístides Silveira cun limiar tirado dos proverbios do Conde de Viomoso (o vello) e un epílogo de Celso Emilio Ferreiro (1970).Nesta ocasión estamos perante un romance de cego con ilustracións de Isaac Díaz Pardo e música de Isidro B. Maiztegui; nel satirízase o comportamento dun labrego galego emigrado e está inspirado na composición "Monólogo do desertor" de Cantigas de escarnio e maldecir.

Debido á imposibilidade de publicación, por mor da censura, duns poemas seus en galego na colección Val de Lemos, decide traducilos ao castelán e presentalos ao IV Premio de Poesía Internacional Álamo; Celso Emilio gariará o premio e sairán publicados en Salamanca os seus Antipoemas (1972).A vertente satírica desenvolvida nestes textos provoca que a censura prohíba a inclusión no volume de dez poemas que o propio autor editará nunha separata independente en Caracas co título de Poemas prohibidos. Neste mesmo ano sae á luz o seu primeiro libro de relatos en galego titulado A fronteira infinda ,conformado por un conxunto de relatos breves centrados na experiencia americana do seu autor.

Retrato de Moraima, a dona de Celso Emilio.

Cimenterio privado (1973) foi editado por un grupo de emigrantes galegos en Xenebra e confórmase como un libro enormemente orixinal con poemas de clara intención satírica e ridiculizadora en forma de epitafio.

En 1975 aparecerá nunha edición bilingüe O nde o mundo se chama Celanova ,último dos libros de poesía publicados por Celso Emilio. Este poemario presenta dúas partes claramente diferenciadas, a primeira responde ao título do libro e a segunda denomínase "Moraima: diario de a bordo", onde o poeta se centra no amor conxugal.

Con A taberna do galo (1978) volverá ao mundo da narración, no que tiña proxectado a elaboración dunha especie de memorias, non totalmente autobiográficas, que se titularían Memorias de nunca. A taberna do galo sería a primeira parte dese proxecto inacabado. Poucas semanas despois da súa morte editarase, tamén en edición bilingüe, un libro que se viña preparando desde había tempo pero que a penas contén poemas inéditos: Libro das homenaxes (1979).

IMAXES